Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SI900A
Designación de asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e outras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Política Social e Igualdade
Este decreto ten por obxecto a creación do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, así como a regulación das súas funcións, a composición, o réxime de funcionamento e o procedemento de designación de asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e doutras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI con representación no dito Observatorio.
Fins.
Os fins do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero son a promoción da igualdade real e efectiva das persoas LGTBI e contribución ao coñecemento da realidade da diversidade de orientación sexual e de identidade de xénero co obxecto de identificar as necesidades e barreiras que impiden o pleno desenvolvemento dos seus dereitos e o seu cumprimento. Así mesmo, servirá de foro de diálogo permanente entre a Administración autonómica e o movemento asociativo que teña como obxecto a defensa dos dereitos das persoas LGTBI.
Funcións.
O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, para a consecución dos seus fins, exercerá as seguintes funcións:
a) Analizar os principais problemas para o recoñecemento, restablecemento e garantía dos dereitos das persoas LGBTI.
b) Realizar propostas e recomendacións en materia de normas e políticas públicas para a garantía dos dereitos das persoas LGBTI na Comunidade Autónoma de Galicia e coñecer, con carácter previo, os anteproxectos de lei ou os proxectos de normas regulamentarias de desenvolvemento de normas legais, así como recibir información sobre os plans, os programas e as actuacións, en relación coas materias da súa competencia.
c) Promover a realización de campañas de sensibilización e visibilización sobre a diversidade sexual e identidade de xénero.
d) Manter comunicación permanente coas instancias públicas e privadas pertinentes para a materialización dos dereitos das persoas LGBTI.
e) Propoñer a realización de investigacións e estudos específicos que resulten de interese para o coñecemento da situación das persoas LGTBI na Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Promover a produción de material documental de interese sobre as materias propias das súas funcións.
g) Identificar as iniciativas, experiencias, proxectos piloto, recursos e programas de referencia en materia de dereitos das persoas LGTBI, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma, como no do Estado, da Unión Europea e das distintas axencias das Nacións Unidas, facilitando a súa divulgación e promoción.
h) Realizar un seguimento da evolución dos dereitos e da inclusión social das persoas LGTBI.
i) Promover foros de discusión e debate que, nos seus diferentes formatos, permitan o encontro e a reflexión das diferentes entidades e axentes sociais e económicos involucrados na defensa dos dereitos das persoas LGTBI.
j) Emitir cantos informes lle sexan solicitados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou polas súas entidades instrumentais, sobre as materias da súa competencia.
k) Actuar como órgano de denuncia en materia de discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.
l) Aprobar, facultativamente, o seu regulamento de funcionamento interno.
m) Presentar propostas que promovan a transversalidade do enfoque dos dereitos das persoas LGTBI na formulación, posta en marcha, seguimento e avaliación das políticas públicas sectoriais.
n) Propoñer e participar na elaboración de criterios, directrices e liñas xerais de actuación, así como propoñer ao Consello da Xunta de Galicia, a través da consellaría competente por razón da materia, a adopción de iniciativas lexislativas ou de actuacións concretas que consideren convenientes nas materias da súa competencia.
ñ) Fomentar calquera outra actuación que se considere necesaria en relación coas anteriores funcións, así como realizar aquelas que lle sexan encomendadas para o mellor cumprimento dos seus fins.
Asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e doutras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI con representación no dito Observatorio.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero
Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero
Servizo de Apoio Técnico-Administrativo
Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545362/ 881995063
Fax: 981957486
Prazo de presentación: Aberto todo o ano
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 11 de novembro de 2018.
Poderán solicitar a designación como entidades con representación no Observatorio a través das vogalías previstas no artigo 9.1.o) deste Decreto:
a) Aquelas asociacións, fundacións, organizacións e colectivos LGTBI legalmente constituídos que teñan entre os seus fins estatutarios a defensa e promoción da igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e/ou identidade de xénero e que desenvolvan a súa actividade en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Aquelas asociacións, fundacións, organizacións e colectivos legalmente constituídos que, aínda non tendo entre os seus fins estatutarios a defensa e promoción da igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e/ou identidade de xénero, presenten unha memoria de actividades en que se reflicta de xeito inequívoco a realización de accións neste ámbito, co obxecto de garantir que entre os seus obxectivos está a defensa dos dereitos das persoas LGTBI, e que desenvolvan a súa actividade en todo ou en parte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
As entidades previstas no artigo 12 deste Decreto que desexen contar con representación no Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero presentarán as súas solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e recollido no anexo.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Co fin de acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 12, as entidades que desexen ser designadas como entidades con representación no Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, deberán presentar, xunto coa solicitude a que se refire o artigo 13, os estatutos da entidade.
As entidades que non teñan entre os seus fins estatutarios a defensa e promoción da igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e/ou identidade de xénero deberán presentar tamén a memoria de actividades a que se refire a letra b) do artigo 12.
A documentación complementaria tamén deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.
2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo)
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Positivo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Decreto 131/2018, do 10 de outubro, polo que se crea e se regula o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero (DOG nº 201 do 22 de outubro de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.
Aberto todo o ano
Inscrición no rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación.
Aberto todo o ano
Premio Manuel Colmeiro para traballos de investigación que teñan como obxecto a Administración pública de Galicia.
Prazo aberto: 10/04/2025 00:00 - 01/10/2025 23:59
Inscrición de laboratorios que realicen ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano.
Aberto todo o ano