Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR970A
Bolsas de estadía do consello da cultura galega na Casa de Velázquez en Madrid.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Esta resolución ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións que rexerán a convocatoria de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid (unha de investigación e outra de creación) e que se inclúen como anexos a esta resolución (código de procedemento PR970A).
Nos anexos II e III a esta resolución detállanse os requisitos específicos que deben reunir as persoas solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional e investigadora.
As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
Para poder ser beneficiaria/o das bolsas, deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican na base 6 da convocatoria.
As persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Comunidade Autónoma de Galicia
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar-Praza do Obradoiro
15705 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957202
Email: rexistro@consellodacultura.gal
Prazo de presentación: PECHADO
24/06/2022 00:00 - 26/07/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Poderán solicitar estas bolsas ou ser persoas beneficiarias delas as persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada bolsa se sinalen nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.
b) Estar en posesión da titulación requirida para a bolsa para a cal presente solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a el no curso académico 2011/12 ou posterior.
c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.
d) Non resultar persoa beneficiaria dunha bolsa de colaboración convocada polo Consello da Cultura Galega en convocatorias anteriores durante un prazo superior a 12 meses.
e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).
As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xurada. A certificación do expediente académico indicará: a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas. Deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET); e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.
Solicitudes.
A capacidade técnica e formación das persoas ás cales van dirixidas estas bolsas permítenlle o acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para se relacionaren por este medio co sector público autonómico. Polo tanto, ao abeiro do artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 10.2 e 3 da Lei 4/2019, do 14 de xullo, de administración dixital de Galicia, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
No anexo IV (solicitude) inclúense as seguintes declaracións responsables:
a) Declaración de non atoparse incursa/o en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Declaración responsable das axudas ou de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.
e) Declaración conforme non resultou persoa beneficiaria dunha bolsa de colaboración convocada polo Consello da Cultura Galega en convocatorias anteriores durante un prazo superior a 12 meses.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Certificación académica oficial completa (non extracto de expediente virtual), en que se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co establecido na base cuarta e) desta resolución. Os titulados que accederon a estudos de 2º ciclo, desde unha titulación de 1º ciclo, deberán enviar, ademais, a certificación dese 1º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico.
b) Documentación acreditativa dos requisitos específicos.
c) Certificación do Celga 4 ou perfeccionamento da lingua galega (orixinal ou copia debidamente cotexada), agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.
d) Relación de méritos puntuables da persoa solicitante da bolsa, cubrindo o anexo V das bases reguladoras, xunto coa documentación acreditativa dos requisitos específicos e méritos alegados.
e) Memoria explicativa do proxecto de investigación que resuma as características xerais de investigación, elaborada según se especifica no anexo II.
f) Memoria explicativa do proxecto de creación artística, que resuma as características xerais, do proxecto elaborada segundo se especifica no anexo III.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada de solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobacións de datos.
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Títulos oficiais universitarios.
– Títulos oficiais non universitarios.
– Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
– Certificación de non ter débedas contraídas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
– Certificación de non ter débedas contraídas coa Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Modelo de aceptación ou renuncia (Anexo VI)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 10 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases que rexerán a convocatoria pública de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid e se procede á súa convocatoria (DOG nº 120 do 23 de xuño de 2022).
-
Extracto da Resolución do 10 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases que rexerán a convocatoria pública de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid e se procede á súa convocatoria (DOG nº 120 do 23 de xuño de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de actuación arqueolóxica.
Aberto todo o ano
Proposta de avaliación de documentos
Aberto todo o ano
Proposta de eliminación de documentos
Aberto todo o ano
Depósito en réxime de comodato de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
Aberto todo o ano