Guía de procedementos e servizos

SI451A

Subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e acccións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 31/01/2023 00:00 - 28/02/2023 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Sobre o procedemento

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar, para o ano 2023, subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral, dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia.

2. O procedemento para a concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

4. O código deste procedemento administrativo é o SI451A.

Gastos subvencionables.

Serán subvencionables os gastos derivados do desenvolvemento das actuacións que configuren o programa, segundo o disposto no artigo 7, e referidos a gastos directos de persoal e outros gastos directos e gastos indirectos, nos termos establecidos a seguir:

1. Gastos directos: terán esta consideración os que estean directamente relacionados coas actuacións subvencionadas e que se refiran de forma inequívoca e constatable a elas, en particular os seguintes:

a) Gastos de persoal:

1º. Persoal propio da entidade que preste servizos no desenvolvemento do programa obxecto desta subvención, e que realice atención directa ás mulleres participantes, segundo o previsto no artigo 7.2.1 desta resolución. Serán subvencionables as retribucións totais correspondentes á execución do programa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e a parte proporcional da paga extraordinaria que lle corresponda. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación coma no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental.

2º. Traballadoras/es por conta propia para a realización de actuacións ou a prestación de servizos ou funcións relacionados coa finalidade do programa, logo de asignación de funcións, segundo o previsto no artigo 7.2.1 desta resolución. Deberá quedar suficiente xustificación documental da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación á dita actuación.

3º. Traballadores/as por conta propia con contrato para a realización de actividades de formación previstas no artigo 7.2.2.

4º. Só serán imputables as horas efectivamente traballadas dedicadas ao desenvolvemento do programa e realizadas por profesionais técnicos/as, titulados/as, adscritos/as a el.

b) Outros gastos directos:

• Gastos de seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actuación subvencionada, segundo calquera das previstas no artigo 7, incluídos os gastos de seguros de accidentes do alumnado.

• Axudas de custo e gastos de locomoción do persoal que desenvolve as actuacións, necesarias para a súa realización.

• Bolsas ás mulleres beneficiarias do programa pola súa participación nas accións formativas desenvolvidas dentro do seu itinerario e/ou pola realización de prácticas non laborais.

• Alugueiro de maquinaria específica para o desenvolvemento de accións de formación.

2. Gastos indirectos: terán a dita consideración os gastos correntes que non se correspondan en exclusiva ás actuacións subvencionadas por teren carácter estrutural, pero que resulten necesarios para o seu desenvolvemento:

• Gastos indirectos de persoal.

• Gastos en bens consumibles e en material funxible.

• Gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, internet, electricidade, limpeza e seguridade).

3. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

4. Para os efectos desta resolución, non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal monitor, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.

De acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe de cada un dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos serán resoltas pola Secretaría Xeral da Igualdade por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

As entidades sen ánimo de lucro.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero

Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero

Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957784

Email: vx.igualdade@xunta.es

http://www.mulleresengalicia.es

Dirección Xeral de Promoción da Igualdade
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

31/01/2023 00:00 - 28/02/2023 23:59

 O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e os requisitos exixidos nesta resolución e, de xeito particular, os seguintes requisitos:

a) Carecer de ánimo de lucro.

b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

c) Non encontrarse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

d) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

2. Todos os requisitos exixidos se deberán cumprir na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e se deberán manter durante todo o período de execución dos programas subvencionados.

Solicitude.

A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, seralle requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade.

Quedarán exentas de presentar esta documentación as entidades inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, agás que a representación se atribúa a persoa distinta á designada no dito rexistro.

b) Memoria da entidade (anexo II) que conteña os datos básicos de identificación e, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

c) Memoria descritiva de actuacións (anexo III) que deberá conter, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

d) Certificación emitida polo órgano responsable da entidade, na cal figure o compromiso de asignar os medios materiais e humanos necesarios para garantir o adecuado desenvolvemento das actuacións previstas no artigo 7 desta resolución e de acordo co indicado no anexo III (memoria descritiva de actuacións que se van desenvolver), segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

e) Acreditación documental suficiente e detallada da experiencia da entidade na realización e desenvolvemento de programas de inserción laboral con mulleres vítimas da violencia de xénero e/ou con persoas pertencentes a outros colectivos, segundo o disposto no artigo 17.1.1 desta resolución, de ser o caso.

f) Documentación acreditativa do compromiso de contratación a que se refire o artigo 17.1.2 desta resolución, asinada pola empresa ou empresas correspondentes, de ser o caso, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

g) De ser o caso, acreditación documental suficiente de que a entidade solicitante é promotora ou traballa en coordinación cunha empresa de inserción debidamente inscrita no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia, de acordo co previsto no Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación de empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Concesións de subvencións e axudas.

h) Vida laboral dos últimos doce (12) meses das persoas participantes inseridas.

i) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, no caso de participantes en programas que se dirixan na súa totalidade a mulleres que, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de discapacidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 30 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (DOG nº 20 do 30 de xaneiro de 2023).

    • Extracto da Resolución do 30 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (DOG nº 20 do 30 de xaneiro de 2023).

    • Resolución do 31 de xullo de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 30 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 152 do 10 de agosto de 2023).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano