Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR935A
Axudas de emerxencia social
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Convocar axudas de emerxencia social para o ano 2023, de acordo coas bases previstas na Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social, publicada no DOG núm. 58, do 26 de marzo
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as, que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras desta convocatoria.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais
Servizo de Programas Sociais
Praza de Mazarelos, nº 15
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545882
Fax: 981547295
Email: accion.social.emigracion@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
18/04/2023 00:00 - 15/11/2023 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de novembro de 2023.
Os requisitos que deberán cumprir as persoas solicitante son os establecidos no artigo 4 das bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social:
a) Ter rendas ou ingresos insuficientes, considerando como tales os que se especifican no parágrafo segundo da alínea a) do dito artigo.
b) Ter patrimonio insuficiente, de acordo cos criterios mencionados no parágrafo segundo do artigo 4.b) da resolución que establece as bases.
c) Acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da solicitude, como máximo nos últimos doce meses, que pola súa gravidade requiran unha actuación urxente, de conformidade co disposto nesa disposición e no artigo 8 desta resolución de convocatoria.
Forma e lugar de presentación das solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderanse dirixir ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto para a presentación electrónica das súas solicitudes:
* No Brasil:
– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.
– Sociedade Española de Río de Janeiro.
– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.
– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.
* En Cuba:
– Federación de Sociedades Galegas na Habana.
* En Venezuela:
– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.
A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.
2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal, que deberá acreditar a representación por calquera medio válido en dereito.
5. No suposto de que a circunstancia que xustifique a solicitude de axuda sexa o motivo de que a persoa solicitante non poida asinar da súa man, poderao facer mediante pegada dactilar ou dixital. De resultar imposible, admitirase tamén que a asine, no seu nome, a persoa da súa unidade familiar responsable do seu coidado que o acredite suficientemente.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación:
1.1. Documentación acreditativa da identidade, nacionalidade española e residencia no exterior:
a) Documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.
b) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, no cal conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular. Esta inscrición deberá ser anterior á presentación da solicitude, agás en casos de imposibilidade de obtención debidamente acreditada.
1.2. Documentación acreditativa da orixe galega.
A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:
a) Nacer en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia de forma continuada durante dez anos.
b) Ser descendente ata o primeiro grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no parágrafo anterior.
As persoas descendentes ata o primeiro grao de consanguinidade dunha das persoas descritas na alínea a) deberán ter vinculación con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).
A vinculación cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) non se exixirá no caso de que a persoa solicitante estea incapacitada legalmente, sempre que esta incapacidade lle impida a inscrición neste censo.
1.3. Documentación acreditativa da situación económica da persoa solicitante da axuda, así como da súa unidade económica familiar.
a) Unha certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que se perciban.
b) Documentación xustificativa oficial en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan estas persoas ou, de non ser posible obtela, unha declaración responsable asinada por todos na cal conste o valor patrimonial dos bens de que dispoñan.
No caso de solicitar axuda de viaxe, orzamento do importe ou copia da reserva do billete de avión e, de ser o caso, documentación acreditativa da situación económica da persoa acompañante e a da súa unidade económica familiar, así como a da familia de acollemento en Galicia, se a houber.
1.4. Documento acreditativo do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda.
O estado de emerxencia ou necesidade que pola súa gravidade precise dunha actuación urxente acreditarase mediante certificados oficiais e/ou un informe dun profesional acreditado no cal conste o seguinte contido:
a) Para os supostos de marxinación social e situacións que lle impidan á persoa solicitante valerse por si mesma: a descrición da situación actual, a identificación das circunstancias recentes (acaecidas nos últimos 12 meses) que a motive e os medios de que dispón para a súa cobertura, indicando, de ser o caso, cales son.
b) Para os supostos de perda, inadecuación ou deterioración da dotación básica da vivenda habitual ou familiar: descrición do seu estado actual, das causas que motivaron tal situación –catástrofes naturais e/ou outras acontecidas no último ano– e un orzamento detallado dos gastos necesarios para paliar a situación, emitidos por un organismo competente.
c) No caso de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga: descrición da situación actual e das circunstancias de que deriva, indicando se ten cobertura por algún sistema de protección.
d) No caso de problemas sanitarios graves: certificados médicos onde se precise a situación do paciente e o seu tratamento, declaración do seguro para a súa cobertura, de ser o caso, documentación xustificativa da necesidade de viaxar a España para a súa atención, se for o caso, e un orzamento detallado dos gastos necesarios para paliar a situación grave derivada dos problemas de saúde (tratamento, prestación asistencial, custos da viaxe, de ser o caso), emitidos por organismos oficiais ou de ampla traxectoria no eido sanitario e/ou asistencial ou os profesionais adecuados.
1.5. Para realizar as prestacións sanitarias no territorio do Estado español deberá presentar, ademais do anterior:
a) Documento acreditativo da súa cobertura pola Seguridade Social ou polo centro sanitario onde se vaia realizar tal prestación.
b) Para o caso de acollemento familiar ou asistencial en Galicia, a acreditación por parte da familia de acollida de facerse cargo da persoa beneficiaria da axuda. Neste caso, o/a representante que actúa no nome da familia de acollida tamén deberá cubrir o modelo do anexo II e presentar a documentación que se especifica nos puntos 1.1.a), e 1.3.a) e b).
1.6. Para o caso de necesitar da asistencia dunha persoa acompañante, deberá presentar:
a) Certificados expedidos por organismos oficiais que acrediten a necesidade de asistencia dunha terceira persoa durante a viaxe.
b) Neste caso, a persoa acompañante tamén deberá cubrir o modelo do anexo II e presentar a documentación acreditativa da súa identidade e nacionalidade, así como da súa situación económica e da súa unidade económica familiar.
1.7. Documento acreditativo da representación legal, actualizado para o ano da convocatoria, de ser o caso.
1.8. Outra documentación xustificativa ou informes do estado de necesidade que fundamenten a solicitude de axuda, que completen e faciliten a gradación do estado de necesidade.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) No caso da persoa solicitante:
– DNI da persoa solicitante.
– DNI/NIE da persoa representante.
– Documentación oficial acreditativa de encontrarse vinculado/a a un concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).
b) No caso da persoa acompañante ou representante da familia de acollemento:
– DNI da persoa acompañante.
– DNI/NIE da persoa representante da familia de acollemento.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén se poderán tramitar de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social (DOG nº 58 do 26 de marzo de 2021).
-
Resolución do 6 de maio de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan axudas de emerxencia social para o ano 2021 (DOG nº 92 do 19 de maio de 2021).
-
Extracto da Resolución do 6 de maio de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan axudas de emerxencia social para o ano 2021 (DOG nº 92 do 19 de maio de 2021).
-
Resolución do 23 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan axudas de emerxencia social para o ano 2023 (DOG nº 73 do 17 de abril de 2023).
-
Extracto da Resolución do 23 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan axudas de emerxencia social para o ano 2023 (DOG nº 73 do 17 de abril de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas.
Prazo aberto: 20/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Conecta co Voluntariado en Galicia
Prazo aberto: 25/04/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59
Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega
Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Recoñecemento/adaptación á Lei 7/2013 da galeguidade.
Aberto todo o ano