Guía de procedementos e servizos

PR911A

Bolsas de excelencia para a mocidade do exterior co fin de cursar estudos de máster que se inicien nunha universidade galega.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 26/02/2019 00:00 - 30/04/2019 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cento cincuenta (150) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar determinados estudos de máster que se inicien no curso 2019/20 nunha universidade galega, condicionada aos límites de financiamento.

2. Os másteres universitarios ofertados para os que se concederán as bolsas son só os sinalados na lista do anexo I desta resolución, onde se recolle a universidade galega e o campus en que se imparten, así como o número de créditos ECTS de cada un deles.

3. Para a concesión destas bolsas é necesario que se acredite de xeito previo estar matriculado/a nun máster dos sinalados na dita lista do anexo I, nun mínimo de 60 créditos ECTS e modalidade presencial.

No caso de que algún dos másteres ofertados fora anulado pola universidade ou se retrasara o prazo de matrícula imposibilitando acreditar esta no prazo establecido nesta convocatoria, quedaría excluído da oferta desta convocatoria de bolsas.

Período de desfrute.

As bolsas terán a duración correspondente aos cursos académicos necesarios para a realización da totalidade dos créditos de que conste o máster:

– Os másteres de 60 ou 72 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico, o período de desfrute será o curso académico 2019/20.

– Os másteres de 90 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico e medio, o período de desfrute será, ademais do sinalado no parágrafo anterior, o curso académico 2020/21.

O desfrute da bolsa estará condicionado a que se imparta o título oficial de máster para o cal se realizou a matrícula.

1. Poderán solicitar estas axudas os/as cidadáns/ás galegos/as residentes no exterior cunha titulación universitaria de grao, licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a, diplomado/a, arquitecto/a técnico/a ou enxeñeiro/a técnico/a.

2. Quedan excluídas desta convocatoria, as persoas que xa fosen beneficiarias e desfrutasen desta bolsa en anteriores convocatorias, así como aquelas persoas beneficiaras que causasen baixa ou renunciasen a ela, sempre que o fixesen nun momento que imposibilitase cubrir a súa baixa cunha persoa da lista de suplentes.

As persoas beneficiarias das bolsas quedan obrigadas a:

a) Incorporarse ao máster na universidade correspondente e residir durante o curso académico completo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede, asistir as actividades lectivas en que se atope matriculada e non anular a matrícula.

c) Superar a totalidade dos créditos no curso ou cursos académicos para os que se concede a bolsa, excepto nos casos excepcionais en que á persoa beneficiaria se lle ampliase o período de desfrute, segundo o previsto no artigo 19.3 desta resolución.

d) Informar sobre as súas actividades académicas e achegar o expediente académico co resultado das cualificacións obtidas ao rematar cada cuadrimestre e un informe do coordinador/a ou titor/a do máster ao rematar o primeiro cuadrimestre do curso.

e) Comunicar o enderezo para efecto de notificacións, correo electrónico e teléfono de contacto en Galicia, así como os cambios que se poidan producir neles.

f) Comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración a renuncia á bolsa, así como calquera modificación substancial que afecte as condicións desta.

g) Abrir unha conta bancaria en España na cal figure como titular.

h) Responsabilizarse da busca de aloxamento en Galicia e da xestión da viaxe.

i) Aquelas persoas que non posúan algún tipo de cobertura sanitaria durante o tempo que dure a súa estancia en Galicia, deberán subscribir unha póliza de seguro de asistencia sanitaria privada.

j) Participar nas accións de fomento do emprego ou de inserción laboral que se desenvolvan nesta comunidade autónoma.

k) Asistir ás reunións ou actividades que organice a Secretaría Xeral da Emigración para o desenvolvemento do programa.

l) Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

m) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

n) Subministrar á Secretaría Xeral da Emigración, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte Secretaría Xeral da Emigración das obrigas previstas no título I da citada lei.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral do Retorno

Servizo de Planificación e Xestión de Programas do Retorno

Praza de Mazarelos, 15

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547271 / 981957162

Fax: 981547296

Email: retorno.emigracion@xunta.gal

http://www.emigracion.xunta.gal

Secretaría Xeral da Emigración

Prazo de presentación: PECHADO

26/02/2019 00:00 - 30/04/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 30 de abril de 2019 ás 23.59 horas (hora peninsular española).

1. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar no momento da presentación da solicitude:

a) Ser menor de 40 anos.

b) Estar en posesión da nacionalidade española.

c) Residir no estranxeiro.

d) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia no estranxeiro inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

e) Ser emigrante nacido/a en Galicia, ou ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar, ou ser descendente por consanguinidade dunha destas persoas e que nacese no estranxeiro.

f) Ter rematado e estar en posesión dalgunha titulación universitaria de grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, licenciado/a, arquitecto/a técnico/a, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico/a ou outra declarada equivalente de forma expresa.

g) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estar vinculadas a un concello galego. Este requisito poderase acreditar con posterioridade, pero sempre antes de que remate o prazo de emenda de documentación preceptiva.

2. Requisito que se deberá cumprir e acreditar con carácter previo á concesión da bolsa:

– Estar matriculado/a no curso 2019/20 nun máster universitario dos ofertados nesta convocatoria e sinalados no anexo I desta resolución, dun mínimo de 60 créditos ECTS na modalidade presencial. Para os másteres cunha duración total de 90 créditos ECTS, a matrícula dos 30 créditos ECTS restantes, correspondentes ao curso 2020/21, realizarase e acreditarase no mes de setembro do ano 2020.

Para poderen acreditar o requisito sinalado no parágrafo anterior, de estar matriculado/a no curso 2019/20 nun máster universitario, as persoas solicitantes deben realizar con anterioridade o proceso de solicitude de admisión nun ou en varios másteres dos ofertados nesta convocatoria, nas universidades galegas que prefiran, coa antelación necesaria para poderen presentar o xustificante de matrícula. Cada universidade establece diferentes prazos de admisión e deben estar en contacto directo con elas para informarse dos programas de máster da súa área de interese, así como dos requisitos e da documentación que deben presentar.

Para estes efectos, para ser admitido/a nunha universidade, no caso de títulos estranxeiros de estudos de países alleos ao Espacio Europeo de Educación Superior (EEES), deberase tramitar a solicitude de equivalencia na universidade galega onde se pretenda cursar o máster. Non será necesario no caso de que o título estea xa homologado a un título universitario oficial español ou a outro expedido por unha institución de educación superior pertencente a outro estado membro do EEES e que faculten para o acceso a estudos de máster.

Esta admisión por parte das universidades non implicará, en ningún caso, a homologación do título estranxeiro de que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento para outros efectos que non sexan os de cursar os estudos de máster.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado, que figura como anexo II desta resolución a título informativo, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Dada a súa condición de titulados/as universitarios/as e as especiais circunstancias que se poderían presentar nos países en que residen, establécese a obrigatoriedade de relacionarse exclusivamente por medios electrónicos para a tramitación deste procedemento de conformidade co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 31 da Lei 2/2007, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

As persoas solicitantes deberán cubrir os campos do formulario que figuren na aplicación informática e incorporar os documentos requiridos no artigo 9 desta resolución. Rematado este proceso deberán confirmar a solicitude, que comportará a súa presentación e procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Unha vez confirmada a solicitude, non poderán ser modificados ningún dos datos cubertos no formulario.

  • Dentro deste formulario, deberán cubrir:

    • a) A declaración do máster ou másteres e universidades correspondentes en que solicitou ou vai solicitar a súa admisión dos ofertados nesta convocatoria.

    • b) A memoria de motivación para realizar un máster en Galicia, importancia para á súa propia especialización académica e interese de desenvolver a súa carreira profesional nesta comunidade autónoma.

  • As persoas solicitantes residentes en Cuba e que así o desexen poderanse dirixir á Federación de Sociedades Galegas na Habana, na cal existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no formulario de solicitude (anexo II).

  • A presentación da solicitude da bolsa implicará a aceptación do disposto na presente resolución e responsabilizarase, de acordo co establecido no artigo 28.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, da veracidade dos documentos presentados; será unha infracción grave falsear calquera das condicións requiridas para a obtención da subvención solicitada, de acordo co artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

  • Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

  • As persoas interesadas deberán presentar vía electrónica xunto coa solicitude a seguinte documentación:

    • a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas solicitantes que non teñan DNI (documento nacional de identidade español).

    • b) Documentación acreditativa da residencia actual no estranxeiro.

    • c) Documentación xustificativa do tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de dous anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

    • d) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia: nacemento en Galicia, ou da residencia nesta comunidade autónoma de xeito continuado durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar ou, de ser o caso, ser descendentes dalgunha destas persoas e do seu nacemento no estranxeiro.

    • e) Para as persoas solicitantes nacidas no estranxeiro, documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), ou calquera outra documentación acreditativa deste aspecto.

    • f) Título universitario que dea acceso ao máster ou certificado que acredite que o título está en trámite.

    • g) Certificado do expediente académico de finalización de estudos universitarios:

      • 1) No caso de titulacións españolas, deben presentar o certificado do expediente académico do título universitario realizado no cal conste a nota media na escala numérica de 0-10.

      • 2) No caso de titulacións obtidas no estranxeiro:

        • 2.1) Certificado do expediente académico ou histórico escolar no cal conste a nota mínima aprobatoria nesa titulación, así como as materias cursadas na totalidade dos cursos coas cualificacións obtidas, especificando, de ser o caso, o número de créditos de cada asignatura.

        • 2.2) Documento de declaración de equivalencia das notas medias de estudos e títulos universitarios realizados no estranxeiro aos correspondentes españois, que se realizará en liña a través da sede electrónica do Ministerio de Educación e Formación Profesional de España.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberase presentar electrónicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

  • A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.

  • Todos os documentos que se acheguen deberán ser oficiais e estar expedidos polas autoridades competentes, de acordo co ordenamento xurídico do país de que se trate. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do español, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos no seguinte documento elaborado pola Administración pública:

  • DNI da persoa solicitante, de ser o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario de inicio e achegar o documento correspondente.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación do documento correspondente.

  • A realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio realizarase de xeito electrónico a través da aplicación accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Prazo de resolución: Seis meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 11 de febreiro de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de cento cincuenta (150) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2019/20 nunha universidade galega (DOG nº 39 do 25 de febreiro de 2019).

    • Extracto da Resolución do 11 de febreiro de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de cento cincuenta (150) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2019/20 nunha universidade galega (DOG nº 39 do 25 de febreiro de 2019).

    • Resolución do 30 de agosto de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se resolve a convocatoria de bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2019/20 nunha universidade galega (DOG nº 168 do 5 de setembro de 2019).

    • Resolución do 14 de outubro de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se resolve a concesión de once bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2019/20 nunha universidade galega da lista de persoas suplentes (DOG nº 201 do 22 de outubro de 2019).

Outros procedementos relacionados

PR930D

Conecta con Galicia no camiño.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 22/03/2025 00:00 - 25/04/2025 23:59

PR930B

Aventúrate con Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 05/04/2019 00:00 - 06/05/2019 23:59