Guía de procedementos e servizos

PR930B

Aventúrate con Galicia.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 05/04/2019 00:00 - 06/05/2019 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta resolución ten por obxecto regular as axudas correspondentes ao programa Aventúrate con Galicia para o ano 2019, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2019 (código de procedemento PR930B).

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e mesmo divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web:

http://emigracion.xunta.gal

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co tratamento previsto no artigo 14 desta orde.

Lugar de realización, número de prazas convocadas e características.

O programa Aventúrate con Galicia desenvolverase en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado nas seguintes modalidades de campamento:

1. Actividades no mar-Gandarío: convócanse 20 prazas, que se realizarán no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo), dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

2. Actividades de natureza, ambiente e mar: convócanse 20 prazas que se realizarán no Albergue Xuvenil de Area (Viveiro), dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

3. Actividades de aventura T: convócanse 10 prazas que se realizarán no Campamento Xuvenil dos Chacotes (Palas de Rei) dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

Estas actividades van dirixidas a mozos e mozas residentes fóra de Galicia con idades comprendidas entre os 15 e os 17 anos que serán realizadas xunto con mozos e mozas residentes en Galicia participantes da campaña de verán que convoca a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

As datas de realización destas actividades serán as comprendidas entre os días 19 e 28 de xullo de 2019.

4. A Consellería de Política Social colaborará na execución deste programa e porá á disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas.

5. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo do seguro de estadía en Galicia, así como do desprazamento das persoas beneficiarias das actividades desde os aeroportos, estacións de tren ou de autobuses de chegada a Galicia ata a instalación que lles sexa asignada. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres desde a instalación asignada ata os aeroportos, estacións de tren ou de autobuses de saída en Galicia de todas as persoas participantes que realicen o retorno ao seu lugar ou país de orixe o día que remate a actividade do campamento.

6. Cada unha das persoas beneficiarias farase cargo da organización e do pagamento dos custos da súa viaxe de ida e de volta aos seus lugares de residencia. Igualmente, realizará as xestións necesarias para a saída e a entrada ao país (visados, pagamento de taxas...). Estas viaxes serán, en todo caso, con destino e orixe en Galicia.

No caso de que a persoa participante non retorne ao seu lugar ou país de orixe ao rematar a actividade, será responsabilidade dos seus pais, titores legais ou familia en Galicia facerse cargo dela, e deben recollela o día do remate da actividade nas instalacións do campamento correspondente e facerse cargo do seu traslado ao aeroporto, estación de tren ou de autobuses o día de retorno ao seu lugar ou país de orixe.

Mocidade da Galicia exterior.

Obrigas das persoas beneficiarias.

1. Con carácter xeral, as persoas adxudicatarias das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto, as recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a respectar as normas de réxime interno das residencias e albergues, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar. Estas normas de obrigado cumprimento serán as detalladas e ditadas pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia a expulsión da actividade e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.

3. A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

4. No caso de baixa ou renuncia ao programa, as persoas beneficiarias deberán comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de 15 días antes da viaxe, a causa da renuncia.

5. A renuncia deberá comunicarse por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015. No caso de que se comunique a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015. Se as persoas adxudicatarias renuncian ou causan baixa por calquera outro motivo, poderán ser substituídas pola persoa que figure na lista de reserva segundo a orde resultante do sorteo.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais

Servizo de Programas Sociais

Praza de Mazarelos, núm. 15

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545882/ 981957353

Fax: 981547295

Email: accion.social.emigracion@xunta.gal

http://emigracion.xunta.gal

Secretaría Xeral da Emigración

Prazo de presentación: PECHADO

05/04/2019 00:00 - 06/05/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Poderán ser persoas beneficiarias deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a súa residencia habitual fóra de Galicia.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.

c) As persoas participantes deberán ter, o 30 de xullo de 2019, unha idade comprendida entre os 15 e os 17 anos.

  • As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e/ou carezan dos medios técnicos necesarios e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para facilitar o asesoramento e os medios técnicos para a presentación electrónica das súas solicitudes:

– En Brasil:

• Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

• Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

• Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– En Cuba:

• Federación de Sociedades Galegas na Habana.

– En Venezuela:

• Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

    • a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española. Se dispón de DNI só se achegará no caso de opoñerse expresamente á súa consulta no anexo I.

    • b) Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.

    • c) Unha fotografía recente tamaño carné.

    • d) Certificado do rexistro de matrícula consular en que conste a súa residencia fóra de Galicia, agás para os residentes no resto de España.

    • e) Para as persoas participantes procedentes do resto de España, un certificado de residencia.

    • f) Un certificado médico, conforme o modelo oficial que figura como anexo II, de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de ser apto para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.

    • g) Unha autorización expresa asinada polos pais ou titores legais para viaxaren sós e para a súa asistencia á actividade, conforme o modelo que figura como anexo III.

    • h) As persoas solicitantes que non retornen ao seu lugar ou país de orixe o día que remate a actividade de campamento deberán presentar unha autorización asinada polos seus pais ou titores legais, segundo o modelo que figura como anexo III, na cal se indique a persoa en Galicia que se encargará de recollela o día de remate da actividade na instalación de campamento correspondente e do seu desprazamento ao aeroporto, estación de tren ou de autobuses o día de retorno ao seu lugar ou país de orixe.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultarase automaticamente o DNI/NIE da persoa solicitante e/ou representante, de ser o caso. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia fixese imposible a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 27 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca para o ano 2019 o programa de axudas para a participación no programa Aventúrate con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior (DOG nº 66 do 4 de abril de 2019).

    • Extracto da Resolución do 27 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca para o ano 2019 o programa de axudas para a participación no programa Aventúrate con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior (DOG nº 66 do 4 de abril de 2019).

Outros procedementos relacionados

PR930C

Conecta co Voluntariado en Galicia

Tramitar en liña

Prazo aberto: 25/04/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59

PR935A

Axudas de emerxencia social.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 07/03/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59

PR937A

Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega

Tramitar en liña

Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59

PR911A

Bolsas de excelencia para a mocidade do exterior co fin de cursar estudos de máster que se inicien nunha universidade pública galega.

Prazo pechado: 23/01/2025 00:00 - 30/04/2025 23:59