Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR815A
Axudas ás universidades galegas para proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións para realizar proxectos de investigación e para crear grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das universidades galegas.
2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2019 e 2020 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.444.0 pola contía total de 150.000 euros (75.000 euros no ano 2019 e 75.000 euros no ano 2020).
3. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpor os seguintes recursos:
a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Gastos subvencionables:
1. Serán gastos subvencionables, con independencia de por quen sexan financiados, os custos directos e os indirectos do proxecto.
2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto ou do grupo de investigación.
a) Material funxible necesario para realizar a investigación e para a posta en marcha do grupo de investigación. O material funxible de oficina ou informático non poderá exceder o 5 % da subvención solicitada.
b) Persoal contratado especificamente para colaborar, con dedicación total ou parcial, nas actividades de investigación do proxecto ou na posta en marcha do grupo de investigación.
O persoal que se contrate non poderá ter outro contrato vixente coa universidade que exixa dedicación a tempo completo.
A universidade poderá presentar como achega financeira propia os contratos vixentes do persoal vinculado a ela estatutaria ou contractualmente, sexan a tempo parcial ou completo.
c) Viaxes e axudas de custo para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.
d) Outros gastos necesarios para realizar a investigación e para a posta en marcha do grupo de investigación, como por exemplo gastos vinculados á obtención e xestión de información (enquisas, tratamento de datos…), gastos de publicidade e/ou difusión...
3. Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante asociados á administración, xestión e/ou supervisión, sen que estes poidan exceder o 10 % da subvención solicitada.
En ningún caso serán gastos subvencionables:
• Os gastos de capital e material inventariable (incluídos tabletas, ipads, teléfonos móbiles, cámaras fotográficas…).
• Os xuros debedores das contas bancarias.
• Os xuros, recargas e sancións administrativas e penais.
• Os gastos de procedementos xudiciais.
• As amortizacións de bens inventariables.
• Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, regalos, flores, entradas a espectáculos, etc.).
• Os billetes de avión en primeira ou en clase preferente.
Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 15.000 € no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións as universidades do Sistema universitario de Galicia e serán destinatarios/as os/as investigadores/as individuais ou equipos e grupos de investigación do Sistema universitario de Galicia (SUG).
2. As persoas investigadoras ou grupos de investigación destinatarios destas axudas deberán realizar as actuacións planificadas para acadar os resultados esperados coa maior dilixencia, facer un seguimento adecuado delas e elaborar os informes xustificativos intermedios e finais, así como permitir e favorecer a obtención de información necesaria por parte da Administración concendente.
3. As persoas investigadoras ou grupos de investigación destinatarios destas axudas disporán de liberdade de pensamento e expresión dentro das prácticas e principios éticos recoñecidos e poderán exercer os dereitos de propiedade intelectual e dereitos de autor derivados dos resultados das actividades de investigación desenvolvidas, tendo en conta que os citados resultados están ao servizo dos obxectivos da cooperación para o desenvolvemento. As publicacións científicas resultantes da subvención outorgada deberán ser enviadas á Administración concedente cando sexan obxecto de difusión, respectando en todo caso os dereitos de propiedade intelectual mencionados.
4. Para os efectos destas axudas, enténdese por equipo ou grupo de investigación o conxunto do persoal investigador que baixo a dirección dun deles desenvolve un proxecto de investigación concreto. Os seus membros deben pertencer ao SUG, coa excepción dos considerados nas letras d) e e) do punto seguinte.
5. O equipo e grupo de investigación poderase constituír co seguinte tipo de membros:
Persoal investigador doutor con vinculación estatutaria ou contractual estable no SUG. Considéranse dentro desta categoría catedráticos e profesores titulares de universidades ou escolas universitarias, profesores contratados doutores ou axudantes doutores, contratados dos programas Ramón y Cajal, Parga Pondal, Juan de la Cierva ou Marie Curie (neste último caso sempre que teña adscrición a unha universidade do SUG durante toda a vixencia da axuda).
Persoal investigador non doutor con vinculación estatutaria ou contractual no SUG ou mantida polo menos durante a vixencia do proxecto.
Persoal investigador en formación: persoal con vinculación ao SUG en figuras específicas de formación investigadora, especialmente axudantes, persoal contratado en formación, contratados predoutorais ou con cargo a proxecto e bolseiros predoutorais de convocatorias públicas.
Investigadores asociados: persoal investigador doutor vinculado a outro organismo de investigación que se considera relevante para o correcto desenvolvemento do proxecto. Inclúese nesta categoría o persoal docente doutor dos centros de ensino non universitario.
Persoal de apoio: persoal técnico ou calquera outro persoal contratado para realizar tarefas de apoio á investigación no desenvolvemento de proxectos concretos de investigación e persoal sen vinculación a un organismo de investigación.
6. O/a investigador/a principal que exerce a dirección dun proxecto e/ou grupo de investigación deberá ser doutor/a e pertencer a algunha das categorías incluídas na letra a) do punto 3 deste artigo.
7. Ningún/ha investigador/a individual e/ou membro dos equipos e grupos de investigación poderá presentar máis dun proxecto ou estar incorporado/a en máis dun equipo ou grupo de investigación no ámbito desta convocatoria.
8. Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados en agrupación con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o artigo 23.1, letras b), c), d) e g) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
Subdirección Xeral de Cooperación Exterior
Servizo de Fomento da Cooperación ao Desenvolvemento
Rúa do Horreo, 61
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541015
Fax: 881999029
Email: cooperacion.exterior@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
29/05/2019 00:00 - 28/06/2019 23:59
As solicitudes poderanse presentar no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran algún dos requisitos seguintes:
1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes:
a) Ser unha universidade do SUG.
b) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Requisitos que deben reunir as entidades agrupadas:
a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria.
b) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Ter asinado un contrato ou acordo de colaboración coa entidade líder da agrupación polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención.
3. Requisitos dos proxectos:
a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2019, polo que será necesario que o seu inicio sexa no propio ano 2019. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, deberase executar antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.
b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo fóra de Galicia (resto de España, Europa e países prioritarios da Cooperación Galega, consonte o establecido no IV Plan director 2018-2021), sempre que os gastos destas actividades sexan realizados para proporcionar ás intervencións información e perspectiva dos países do sur.
c) Ser relevantes para a cooperación para o desenvolvemento (non serán financiables nesta convocatoria as colaboracións científicas sen esta dimensión) e atoparse aliñados coa Axenda 2030.
d) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 8 «gastos do proxecto» desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.
e) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia é necesario; non pode ser o 100 % valorizado, ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.
f) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados á presente convocatoria.
As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
A solicitude de subvención cubrirase electronicamente consonte o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras e conforme o que establece o artigo anterior. A solicitude irá asinada pola autoridade que representa legalmente a universidade correspondente.
Coa citada solicitude xuntarase a documentación que se recolle a continuación (carpeta 1) e do proxecto (carpeta 2), que se presentará no modelo oficial de formulación deste. A documentación das carpetas 1 e 2 presentarase obrigatoriamente en soporte electrónico e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante.
a) Anexo II: declaración responsable da persoa que posúa a representación legal de cada unha das entidades solicitantes na cal se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.
b) Certificados emitidos pola universidade a que pertence a persoa destinataria ou equipo de destinatarios que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2 destas bases e autoricen a participación no proxecto e o compromiso de gasto correspondente.
c) Curriculum vitae normalizado acreditativo dos méritos alegados pola persoa investigadora, equipo ou grupo de investigación.
d) Estratexia ou traxectoria de investigación do persoal investigador e/ou equipo de investigación de cara aos vindeiros catro anos en que se inclúa a proposta presentada.
Carpeta 1: información relativa á/s entidade/s agrupada/s.
a) Anexo II: declaración responsable da persoa que posúa a representación legal de cada unha das entidades agrupadas na cal se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.
b) Memoria da organización en Galicia onde se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos e onde consten, de ser o caso, as investigacións en que teñen colaborado.
c) Plan/estratexia de cooperación para o desenvolvemento ou educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos (dous como mínimo) en que se enmarca o proxecto presentado.
d) No caso de agrupación, o contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que posúan a representación legal das entidades polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade, ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención.
No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas, deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e das achegas propias que deberá executar cada unha delas en cada anualidade. A agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto.
e) Os axentes de cooperación que, pola súa natureza xurídica, posúan ánimo de lucro achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o artigo 23.2, letra b), da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. O dito documento estará asinado pola persoa que posúa a representación legal da entidade.
Carpeta 2: información sobre o proxecto.
A información sobre o proxecto presentarase nos documentos normalizados para o efecto (os de formulación técnica e o do orzamento do proxecto), que se poderán descargar da páxina web da Cooperación Galega www.cooperaciongalega.org.
Calquera problema, dúbida ou aclaración poderase formular directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal
A falta de documentación relativa ás carpetas 1 e 2 e de información nalgunha delas impedirá a avaliación do proxecto, se non se realiza a súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 10 da presente orde. Quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos previstos nas letras d) da carpeta 1 da entidade solicitante; b) e c) da carpeta 1 das entidades agrupadas e dos documentos de formulación técnica e orzamento do proxecto (carpeta 2).
Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada e o número de expediente, se se dispón del.
Comprobación de datos.
Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
NIF da entidade solicitante.
DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante
Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións
Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos
Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas.
• Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
• Concesión de subvencións e axudas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberanse realizar electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
- Declaración doutras axudas (Anexo II )
Prazo de resolución: Catro meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 6 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar proxectos de investigación e para crear grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das universidades galegas, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 100 do 28 de maio de 2019).
-
Extracto da Orde do 6 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar proxectos de investigación e para crear grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das universidades galegas, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 100 do 28 de maio de 2019).
-
Resolución do 20 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, pola que se fan públicas as axudas concedidas ao abeiro da Orde do 6 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das universidades galegas e se procede a súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 191 do 8 de outubro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Alta no sistema de inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia a través da internet utilizando certificados dixitais.
Aberto todo o ano
Axudas ás ONGD para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.
Prazo pechado: 16/01/2025 00:00 - 17/02/2025 23:59
Prazas para o desenvolvemento dunha actividade formativa de especialización en financiamento comunitario do Programa TecEuropa.
Prazo pechado: 20/03/2025 00:00 - 21/04/2025 23:59
Programa de escolas abertas para persoas físicas que non exerzan docencia nunha entidade galega do exterior.
Prazo pechado: 19/03/2019 00:00 - 22/04/2019 23:59