Guía de procedementos e servizos

PR809A

Bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 22/05/2018 00:00 - 21/06/2018 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Os destinos das bolsas serán en Santiago de Compostela, na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou no exterior, nas unidades de cooperación no exterior (UCE) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Persoas tituladas universitarias e con veciñanza administrativa en Galicia.

As persoas beneficiarias das bolsas terán as seguintes obrigas:

a) Achegar, xunto coa aceptación da bolsa no prazo sinalado na base décima punto 1, a seguinte documentación:

• Certificado médico oficial que acredite non padecer enfermidade nin estar afectada por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas obxecto da bolsa.

• Acreditación de dispoñer dun seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación en caso de accidente ou enfermidade, con cobertura internacional para as persoas bolseiras destinadas no exterior e vixencia polo período de duración da bolsa, ou ben acreditar por calquera medio admitido en dereito dispor da devandita cobertura.

• Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa, segundo o modelo do anexo III.

b) Presentar antes do primeiro pagamento e de cada un dos pagamentos mensuais:

• Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, segundo modelo anexo III.

• Unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade autónoma, segundo o modelo do anexo III.

c) Obter, pola súa conta, o visado necesario para o acceso e permanencia no país de destino durante o período de goce da bolsa, así como respectar a lexislación correspondente en materia de visados.

d) Presentarse persoalmente ante o responsable da súa formación no destino adxudicado, no prazo máximo de dez días naturais para as persoas destinadas no exterior e de tres días naturais para as destinadas na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, a partir do día sinalado para o comezo da bolsa. No caso de atraso na súa incorporación, a mensualidade da bolsa poderá ser reducida proporcionalmente.

e) Residir no lugar de destino durante o período de goce da bolsa e non ausentarse del sen previa comunicación e autorización da persoa responsable da formación da persoa bolseira.

f) Desempeñar as actividades de formación obxecto da bolsa, de luns a venres, en horario de mañá e/ou tarde, de acordo coa distribución que realice o responsable da formación.

g) Entregar mensualmente ao responsable da formación na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea un informe da actividade realizada.

h) Desprazarse, cando así se acorde polo responsable da formación na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou no organismo onde realiza as prácticas.

i) Utilizar os medios dispoñibles no lugar onde estea a desenvolver a bolsa para a realización das actividades formativas.

j) Non desempeñar ningún traballo remunerado durante o período de vixencia da bolsa.

k) Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e España.

l) Non estar vinculado, durante o período de goce da bolsa, a ningún axente de cooperación dos establecidos no artigo 23 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

m) Presentar á persoa titular do Servizo de Formación e Coordinación Institucional da Cooperación para o Desenvolvemento, no prazo máximo dun mes desde a finalización do período de formación, unha memoria detallada das actividades realizadas no seu destino.

n) Cumprir as demais obrigas que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea

Subdirección Xeral de Cooperación Exterior

Rúa do Horreo, 61, 2º andar

15701  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Email: cooperacion.exterior@xunta.gal

Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea

Prazo de presentación: PECHADO

22/05/2018 00:00 - 21/06/2018 23:59

O prazo para a presentación da solicitude e a documentación sinalada no punto 5 da base terceira será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter veciñanza administrativa en Galicia.

b) Estar en posesión dun título universitario de grao, licenciado/a, arquitecto/a, ou enxeñeiro/a. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes a el no ano 2008 ou posterior.

c) Non ter gozado anteriormente doutra bolsa de formación no eido da cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia, excepto que nalgunha convocatoria anterior fose chamado da lista de reserva e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

d) Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa, calquera que for esta ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, presentar un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade á aceptación da bolsa.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas para as que se convocan as bolsas.

f) Non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 xuño).

  • As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

    • a) No caso de presentar un título estranxeiro, validación pola Administración educativa española.

    • b) En defecto do título universitario, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente.

    • c) Certificación académica persoal de carácter oficial do título universitario establecido como requisito na base segunda. Deberase presentar certificación expedida pola universidade correspondente en que necesariamente se deberá incluír a nota media simple obtida.

    • d) Currículum vitae da persoa solicitante xunto coa documentación acreditativa dos méritos alegados. Os méritos alegados que non estean acreditados documentalmente de acordo co sinalado na base oitava non serán tidos en conta, sen que proceda facer o requirimento a que se refire o punto dous da base sexta.

    • e) Memoria sobre a materia de cooperación para o desenvolvemento, a acción humanitaria e/ou o sistema galego de cooperación, en que a persoa solicitante expoña os seus coñecementos e intereses neses ámbitos. A devandita memoria deberá estar redactada en galego ou castelán e ter unha extensión total mínima de 15 e máxima de 20 páxinas, excluída a portada. A non presentación desta memoria, cos requisitos mínimos exixidos, suporá a exclusión da persoa candidata, sen que proceda facer o requirimento a que se refire o punto dous da base sexta.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Debido á capacidade técnica das persoas físicas beneficiarias desta bolsa, que deben reunir a condición de tituladas universitarias, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

  • Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

  • Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos da persoa solicitante incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

    • DNI ou NIE da persoa solicitante.

    • Certificación de datos de residencia da persoa solicitante.

    • Titulación oficial universitaria.

    • Título de lingua galega se está homologado polos órganos competentes en materia de política lingüística.

    • Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Facenda pública da Comunidade Autónoma.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés, francés ou portugués deberán acompañarse dunha tradución xurada.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Prazo de resolución: Catro meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 24 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 95 do 21 de maio de 2018).

    • Extracto da Orde do 24 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 95 do 21 de maio de 2018).

    • Resolución do 3 de setembro de 2018 pola que se fan públicas as bolsas concedidas ao abeiro da Orde do 24 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 179 do 19 de setembro de 2018).

Outros procedementos relacionados

PR805A

Inscrición no rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR805B

Modificación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR805C

Cancelación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR803D

Axudas aos axentes de cooperación para execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 23/05/2024 00:00 - 24/06/2024 23:59