Guía de procedementos e servizos

PR750A

Inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns, Empresas e profesionais

Aberto todo o ano

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Pode consultar aquí a Guía práctica de fundacións.

Inscrición de fundacións de interese galego: constitución e modificacións sucesivas.

Unha fundación de interese galego é unha organización constituída sen fin de lucro que, por vontade dos seus creadores, ten afectado de modo duradeiro o seu patrimonio á realización de fins de interese xeral para Galicia. Desenvolve principalmente as súas actividades e ten o seu domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na actualidade, as entidades sen ánimo de lucro en xeral, e as fundacións en particular, son o mellor exemplo do claro dinamismo da nosa sociedade e un instrumento de máxima utilidade para que particulares e entidades públicas afronten o compromiso de colaborar na realización do interese común de todos os cidadáns.

O desenvolvemento económico ten impulsado a expansión e diversificación dos fins fundacionais, sendo cada vez máis representativos e acordes coa evolución social. Este factor, unido á imaxe positiva e boa acollida que teñen as fundacións, favoreceu e favorecerá o seu constante auxe. Neste sentido, o seu número e importancia crecen paralelamente ao desenvolvemento do seu prestixio e grao de influencia no noso contorno.

A realidade fundacional, consciente da súa responsabilidade social, achegará recursos humanos e económicos ao fin de contribuír á consecución dunha sociedade máis xusta, cohesionada e solidaria.

A solicitude de clasificación da fundación presentarase ante o protectorado de fundacións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. As restantes solicitudes de inscrición presentaranse no rexistro que corresponda en atención aos fins da fundación, de conformidade coa súa clasificación.

A orde de clasificación deberá ditarse no prazo dun mes, a partir da solicitude, e implicará a adscrición da tutela da fundación á consellería correspondente por razón de materia que constitúa o fin principal de tal fundación, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

A inscrición da fundación comportará a declaración de interese galego e publicarase mediante resolución da secretaría xeral do departamento correspondente no Diario Oficial de Galicia. A inscrición efectuarase no prazo máximo de dous meses a partir da clasificación da correspondente fundación.

As inscricións e os demais asentos derivados da presentación de documentos que poidan xerar unha operación rexistral haberán de ser obxecto de resolución e notificación a quen presentase o título, dentro do prazo de seis meses, cando se trate da primeira inscrición, modificación ou nova redacción dos estatutos, fusión, escisión e extinción da fundación, e tres meses para os restantes casos.

Fundacións de interese galego.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Subdirección Xeral de Réxime Xurídico

Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas

Edificio Administrativo San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981 545 244

Email: fundacions@xunta.gal

Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Pode consultar aquí a Guía práctica de fundacións.

Prazo de presentación: ABERTO

Neste Rexistro inclúense todas as fundacións de interese galego, que son aquelas organizacións constituídas sen fin de lucro que, por vontade dos seus creadores, teñan afectado de modo duradeiro o seu patrimonio á realización de fins de interese xeral para Galicia e desenvolvan principalmente as súas actividades e teñan o seu domicilio no territorio da comunidade autónoma.

O Rexistro de Fundacións de Interese Galego está integrado por un rexistro único adscrito á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e as distintas seccións adscritas a cada un dos departamentos con funcións de protectorado, en cada unha das cales levará un rexistro auxiliar, no que se inscribirán os actos e documentos correspondentes ás fundacións sobre as que exerzan as funcións de protectorado.

O Rexistro ten como finalidade ofrecer un sistema de garantía de publicidade material e formal das fundacións, mediante a inscrición do acto de constitución e de toda a secuencia de actos a través dos que se desenvolve a actividade fundacional, sendo un instrumento de seguridade xurídica e canle de información da realidade fundacional galega.

  • Inscrición inicial no rexistro ( 30.46.01)
  • Inscrición de modificación de estatutos ( 30.46.02)
  • Inscrición de modificación do órgano de goberno ( 30.46.03)
  • Inscrición de delegacións de facultades, revogacións e apoderamentos ( 30.46.04)
  • Inscrición de fusión, escisión e extinción ( 30.46.05)
  • Inscrición de alleamento, gravame e arrendamento de bens ( 30.46.06)
  • Modificación/desembolso da dotación ( 30.46.07)
  • Constitución/modificación/supresión de comisións ( 30.46.08)
  • Nomeamento/cesamento da Xerencia ou membros de comisións ( 30.46.09)
  • Outros actos sometidos a inscrición ( 30.46.10)
  • Copia doutros documentos depositados no Rexistro e obtención de información, certificacións ou listaxes ( 30.46.11)
  • Certificado de denominación ( 30.46.12)
  • Anotacións de calquera clase nos expedientes ou subministración de datos non incluídos nos apartados anteriores ( 30.46.13)
  • Expedición de copia de estatutos ( 30.46.14)
  • Dilixenciado de libros ( 30.46.15)

Pode realizar o pago destas taxas na Oficina Virtual Tributaria.

En todas as solicitudes:

  • Solicitude a través do modelo normalizado PR750A dispoñible na Sede electrónica.

  • Documento acreditativo da representación, no seu caso.

  • Xustificante de pago da taxa correspondente.

E segundo o tipo de solicitude:

CLASIFICACIÓN, DECLARACIÓN DE INTERESE GALEGO E INSCRICIÓN INICIAL

  • Escritura pública de constitución da fundación (debe incluír o certificado de denominación negativo emitido polo Rexistro).

  • Documento acreditativo da aceptación dos patróns.

  • Número de Identificación Fiscal (provisional) expedido pola AEAT.

MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS

  • Escritura pública na que conste o texto consolidado dos estatutos e o acordo do padroado expresivo da vontade de modificalos.

MODIFICACIÓN DO PADROADO

- Nomeamentos e substitucións: documento acreditativo (certificado da reunión do padroado) e, en caso de nomeamentos, a aceptación expresa do cargo por calquera dos medios previstos na Lei de Fundacións de Interese Galego. No caso de persoas xurídicas, a aceptación deberá efectuarse polo seu representante legal, con designación da persoa física que o representará no padroado, que deberá, tamén, aceptar o seu nomeamento.

- Por morte, declaración xudicial de falecemento ou extinción da personalidade xurídica: certificación emitida polo Rexistro Civil ou, de ser o caso, polo Rexistro Mercantil (pode solicitarse a instancia do padroado ou de calquera interesado).

- Por incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade: resolución xudicial ou administrativa que declare tal circunstancia.

- Por renuncia: mediante escritura pública; por documento privado con firma lexitimada por un fedatario público; ou ante o padroado, acreditándose mediante certificado expedido pola persoa titular da secretaría co visto e prace da persoa titular da presidencia.

- Por cesamento de membros que o fosen por razón de cargo público: certificado ou documento equivalente emitido polo órgano administrativo competente.

- Por cesamento cuxa facultade corresponde a outra persoa xurídica: certificado ou documento equivalente coas firmas lexitimadas notarialmente.

- Outras causas de cesamentos: certificado da acta da reunión do padroado na que se adoptou o acordo, expedido pola persoa titular da secretaría co visto e prace da persoa titular da presidencia.

DELEGACIÓNS E APODERAMENTOS

- Delegación de facultades do padroado nalgún dos seus membros: escritura pública na que se detallen as facultades, funcións e competencias delegadas.

- Apoderamentos: escritura pública na que conste as facultades outorgadas polo padroado, de conformidade co certificado do acordo que conste na acta da correspondente reunión.

- Revogación da delegación e dos apoderamentos: escritura pública na que conste tal circunstancia.

FUSIÓN, ESCISIÓN OU EXTINCIÓN

- Fusión:

·         Con carácter previo: solicitude de cualificación ao protectorado, achegando o informe xustificativo da fusión e os estatutos da nova fundación (non suxeito a pago de taxa).

·         Escritura pública que inclúa a cualificación indicada no parágrafo anterior, os certificados dos acordos adoptados polos padroados, a estrutura xurídica da operación de fusión, o balance no momento de acordarse, unha memoria explicativa da súa incidencia no cumprimento dos fins fundacionais, os estatutos da fundación resultante e a identificación dos membros do primeiro padroado.

- Escisión:

·         Con creación dunha nova fundación

§  Con carácter previo: comunicación ao protectorado, achegando o acordo motivado do padroado, o informe xustificativo da escisión e o cumprimento do previsto na Lei de Fundacións de Interese Galego (non suxeito a pago de taxa).

§  Escritura pública que inclúa o acordo do padroado e os requisitos indicados na Lei de Fundacións de Interese Galego.

·         Con transmisión do escindido a outra/s fundación/s xa existente/s

§  Con carácter previo: solicitude de autorización ao protectorado, achegando o certificado do acordo aprobatorio do padroado, o informe xustificativo e o patrimonio incluído (non suxeito a pago de taxa).

§  Escritura pública outorgada por todas fundacións participantes na escisión que inclúa a autorización do protectorado e o sinalado no parágrafo anterior.

- Extinción:

·         Por expiración do prazo polo que foi constituída: comunicación ao protectorado do acordo do padroado sobre o inicio do procedemento de liquidación.

·         Por realizarse integramente o fin fundacional ou por imposibilidade material ou xurídica para a súa realización

§  Con carácter previo: solicitude de ratificación ao protectorado, achegando o certificado do acordo do padroado, a memoria xustificativa da concorrencia dunha das causas de extinción (se fora por causa de imposibilidade material haberá que xustificar, ademais, a improcedencia ou imposibilidade de modificar os estatutos ou de levar a práctica un proceso de fusión sempre que o fundador non o prohibise), as contas na data en que se adoptou o acordo de extinción e o proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación (non suxeito a pago de taxa).

§  Escritura pública no que conste, ademais da ratificación do protectorado, o indicado no parágrafo anterior.

ALLEAMENTO E GRAVAME

Certificación do acordo do padroado especificando a identidade e descrición do obxecto do acordo, así como a súa valoración económica, se é o caso; e unha memoria explicativa das razóns que o xustifican, ademais dun pronunciamento expreso sobre a viabilidade económico-financeira da fundación.

OUTROS ACTOS SUXEITOS A INSCRICIÓN

- Modificación da dotación: 

·         Escritura pública na que conste a realidade da achega, así como a manifestación da vontade do aportante de integración na dotación ou, na súa falta, o acordo do padroado sobre o réxime aplicable á achega efectuada.

·         Certificado de depósito da cantidade correspondente a nome da fundación nunha entidade de crédito, no caso de que a achega fose en cartos; ou descrición de bens e dereitos xuntamente coa taxación realizada por un experto independente, no caso das achegas non pecuniarias.

- Constitución, modificación supresión de comisións e outros órganos polo padroado, así como o nomeamento e cesamento dos seus membros: escritura pública que indique o acordo do padroado e as súas competencias, facultades e funcións (constitución ou modificación) e o nomeamento e aceptación expresa dos seus membros, a través de calquera das formas establecidas na Lei de Fundacións de Interese Galego.

- Nomeamento e cesamento da xerencia da fundación: escritura pública que indique o acordo do padroado e as súas competencias, facultades e funcións.

- Liquidación e baixa rexistral: escritura pública na que conste o contido da acta da sesión do padroado na que se acorde (incluíndo o balance e inventario na data do inicio do procedemento de liquidación); a documentación referida á adxudicación do haber resultante; e os documentos contables referidos ao peche da contabilidade.

ANOTACIÓNS DE CALQUERA CLASE NOS EXPEDIENTES

- Autocontratación de patróns: certificado do acordo do padroado polo que se decide a realización do negocio xurídico, incluíndo o custo máximo anual que supoñerá para a fundación, así como que non existe disposición en contra da persoa fundadora.

- Outras anotacións e subministración de datos: mediante o procedemento indicado para todas as inscricións/anotacións.

CERTIFICACIÓNS OU INFORMACIÓN DO REXISTRO

Mediante solicitude a través do modelo normalizado PR750A dispoñible na Sede electrónica.

EXPEDICIÓN DE LISTAXES INSCRITAS

Mediante solicitude a través do modelo normalizado PR750A dispoñible na Sede electrónica.

EXPEDICIÓN DE COPIAS DE ESTATUTOS

Mediante solicitude a través do modelo normalizado PR750A dispoñible na Sede electrónica.

DILIXENCIADO DE LIBROS

En formato dixital (pdf). Non é admisible a presentación de libros físicos.

PRESENTACIÓN DE DOCUMENTACIÓN (non suxeita ao pago de taxas)

- Contas anuais: certificado do acordo do padroado de aprobación das contas; e o balance, a memoria e a conta de resultados redactados, conforme aos modelos aprobados no Real decreto 1491/2011, do 24 de outubro, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan Xeral de Contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e o modelo de plan de actuación das entidades sen fins lucrativos, de conformidade co establecido na Resolución do 26 de marzo  de 2013, do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, pola que se aproba o Plan de Contabilidade das entidades sen fins lucrativos.

Pode consultar toda a información e os modelos de contas na seguinte ligazón https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/es/fundacions/contas-plan-libros

- Plan de actuación: certificado do acordo do padroado de aprobación do plan e o plan redactado conforme aos modelos aprobados no Real decreto 1491/2011, do 24 de outubro, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan Xeral de Contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e o modelo de plan de actuación das entidades sen fins lucrativos.

Pode consultar toda a información e os modelos do plan na seguinte ligazón https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/es/fundacions/contas-plan-libros

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

•      As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado PR750A dispoñible na Sede electrónica da Xunta de Galicia.

•      Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola Sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 ( https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365 ).

•      Non será admitida a presentación presencial da documentación. Neste caso requiriráselle para que, no prazo de 10 días, a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en a que fose realizada a emenda, conforme ao artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

•      Os documentos orixinais para que teñan dita condición deben ser copias electrónicas auténticas ou estar asinados dixitalmente. Non son válidas as copias nin os documentos escaneados.

Copias electrónicas auténticas 

o    De non dispoñer de documentos asinados dixitalmente, con carácter previo á presentación electrónica da súa solicitude, pode dixitalizar os documentos asinados manualmente e obter unha copia auténtica.

o    Nas oficinas de atención á cidadanía e do rexistro xeral da Xunta de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela) poderá obter unha copia electrónica auténtica da documentación orixinal en papel, previo pago da correspondente taxa.

Firma dixital do documento

o    Para a firma dixital de documentos poderase utilizar, entre outros, o seguinte sistema:

- Autofirma: permite a execución de operacións de firma de ficheiros locais en contornas de escritorio. Poderá descargar o cliente de autorfirma desde a ligazón: https://sede.xunta.gal/axuda/necesita-axuda/axuda-tecnica/autofirma

REPRESENTACIÓN:

·         A representación pode acreditarse mediante calquera medio válido en Dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia, entre outros, poderá utilizar o modelo dispoñible na Sede https://sede.xunta.gal/ficheiros/modelos-normalizados/Representacion-C.pdf e anexalo á solicitude.

COMPROBACIÓN DE DATOS

Os documentos relacionados serán obxecto de consulta ás Administracións públicas. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente e achegar unha copia dos documentos.

  • DNI o NIE da persoa solicitante

CONSENTIMENTO PARA A COMPROBACIÓN DE DATOS

A persoa interesada autoriza a consulta a outras administracións públicas dos seguintes datos. De non autorizar a consulta, deberá achegar o documento correspondente.

  • NIF da entidade solicitante

Prazo de resolución:

Seis meses, cando se trate da primeira inscrición, modificación ou nova redacción dos estatutos, fusión, escisión e extinción da fundación, e tres meses para os restantes casos.

Sentido do silencio:

Positivo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (DOG nº 242 do 19 de decembro de 2006).

    • Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego (DOG nº 22 do 2 de febreiro de 2009).

    • Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego (DOG nº 22 do 2 de febreiro de 2009)

    • Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (DOG nº 251 do 31 de decembro de 2010).

    • Orde do 2 de xullo de 2014 pola que se adaptan e incorporan á sede electrónica da Xunta de Galicia os procedementos administrativos de prazo aberto da Presidencia da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG nº 132 do 14 de xullo de 2014).

  • Ámbito Estatal
    • Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins de lucro e dos incentivos fiscais ao mecenazgo (BOE nº 307 do 24 de decembro de 2002).

    • Real Decreto 1491/2011, do 24 de outubro, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan Xeral de Contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e o modelo de plan de actuación das entidades sen fins lucrativos (BOE nº 283 do 24 de novembro de 2011).

    • Corrección de erros do Real Decreto 1491/2011, do 24 de outubro, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan Xeral de Contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e o modelo de plan de actuación das entidades sen fins lucrativos (BOE nº 88, do 12 de abril de 2012).

Outros procedementos relacionados

PR308A

Inscricións no Rexistro de Asociacións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR310A

Declaración de utilidade pública de asociacións e presentación de contas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR701B

Convocatoria pública en réxime de concorrencia para a ocupación temporal, para usos sociais e sanitarios, dos locais destinados a tal fin no Edificio administrativo da Xunta de Galicia na rúa Gregorio Hernández esquina Avenida Peruleiro, denominado Espazo Amizar, da Coruña.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 13/05/2025 00:00 - 12/06/2025 23:59

PR804B

Axudas ás ONGD para execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 08/05/2025 00:00 - 09/06/2025 23:59