Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR483B
Fondo de compensación ambiental. Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva a concellos asociados ou agrupados
Procedemento dirixido a: Entidades locais
1. O Fondo de Compensación Ambiental ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. Este fondo carece de personalidade xurídica e a súa xestión corresponde á dirección xeral competente en materia de réxime local, de conformidade coas directrices que se establezan nesta orde.
2. Por medio desta orde regúlanse os criterios de repartición e establécense as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021, en réxime de concorrencia non competitiva e concorrencia competitiva, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, afectadas á realización de gastos que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.
Gastos subvencionables
1. Considéranse gastos elixibles ou subvencionables:
a) Os investimentos en inmobilizado: custo de man de obra externa, execución material, equipamentos e instalacións. Cando no investimento participe directamente persoal da entidade local procederase á imputación dos gastos correspondentes ao persoal utilizado.
b) Custos de proxecto e dirección de obra, de tratarse de contratacións externas.
c) Custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural. No caso de utilizar persoal da entidade local, procederase á imputación dos gastos correspondentes ao persoal utilizado.
d) Contratación de persoal para os servizos municipais nos termos desta orde.
2. Considéranse tamén gastos subvencionables:
a) Os contratos de subministración para a adquisición de equipamentos, produtos, vehículos ou bens mobles.
b) Os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para realizar o proxecto subvencionado, se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.
c) Os tributos, sobre todo o imposto sobre o valor engadido (IVE), son subvencionables se o beneficiario os aboa efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
d) Os custos indirectos formarán parte da xustificación da subvención, sempre que os imputase o beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo con principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.
3. En todo caso, as subvencións están destinadas á realización de actuacións de investimento e a custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural, e deberán responder a algún dos seguintes criterios ou obxectivos:
a) Actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e mais á recuperación do medio natural degradado ou contaminado.
b) Actuacións de impulso da eficiencia e de utilización sustentable das enerxías renovables.
c) Outras actuacións de protección do ambiente e do espazo natural.
4. Para os efectos do previsto neste artigo, considerarase que atenden aos criterios determinados nas letras a), b) e c) do ordinal terceiro anterior, entre outros, os seguintes proxectos:
a) Campañas divulgativas, plans e proxectos ambientais:
1. Campañas de sensibilización sobre boas prácticas ambientais.
2. Campañas de divulgación de medidas de aforro e eficiencia enerxética no ámbito doméstico e comercial.
3. Guías de boas prácticas sobre a implantación de pautas e accións para o aforro e a eficiencia no uso de enerxía.
4. Edición de material divulgativo e recursos didácticos sobre valores ambientais ou espazos naturais.
5. Auditorías enerxéticas en edificios e dependencias das entidades locais.
6. Certificación enerxética de edificios municipais.
7. Plans para a implantación de estratexias enerxéticas municipais.
b) Proxectos de eficiencia enerxética na luz pública e de redución da contaminación lumínica e protección dos ceos nocturnos.
c) Mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais e utilización de enerxías renovables:
1. Mellora da eficiencia enerxética da envolvente do edificio: illamento en cubertas e fachadas, ventás e acristalamentos con boas características térmicas.
2. Mellora da iluminación interior: instalación de sistemas de regulación e control da iluminación; lámpadas, luminarias e equipamentos auxiliares de maior eficiencia enerxética.
3. Climatización interior: instalación de sistemas centralizados de calefacción, sistemas de regulación de temperatura interior, illamento dos circuítos de distribución.
4. Instalación de caldeiras de biomasa e paneis solares térmicos.
5. Sistemas de aforro de auga: mecanismos de dobre descarga en sanitarios, billas monomando con limitador de caudal, perlizadores e aireadores.
6. Instalación de ascensores eficientes.
d) Adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética: equipamentos de climatización, ofimáticos, iluminación interior.
e) Adquisición de vehículos:
1. Vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco: vehículos eléctricos, híbridos enchufables e non enchufables, gas natural ou GLP.
2. Vehículos destinados a actuacións de protección do ambiente e do espazo natural, incluídas aquelas actuacións que teñen por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco.
3. Vehículos para a recollida e traslado de residuos.
f) Edificios e infraestruturas destinados á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais:
1. Centros de interpretación do ambiente e aulas da natureza.
2. Paseos, áreas recreativas e rutas de sendeirismo que se localicen ou transcorran por zonas con valores ambientais.
g) Actuacións nos núcleos rurais para unha mellor integración paisaxística no contorno natural:
1. Soterramento dos tendidos aéreos de cables.
2. Construción de pavimentos exteriores a base de materiais ambientalmente sustentables: lousa, pedra ou madeira.
h) Proxectos e actuacións no ámbito municipal para evitar a degradación e a deterioración ambiental:
1. Puntos limpos e centros de reciclaxe de residuos.
2. Equipamento para a recollida de residuos.
3. Proxectos de saneamento, redes de sumidoiros e de abastecemento de augas.
4. Maquinaria e equipamento para a protección do ambiente e do espazo natural.
5. Recuperación de espazos ambientalmente degradados ou contaminados.
6. Obras en edificios municipais para fomentar a redución ou mitigar os riscos derivados da exposición ao gas radon.
i) Proxectos e actuacións para o control ambiental no ámbito municipal, tales como a adquisición de equipamento para efectuar as medicións relacionadas con actividades molestas e insalubres, incluídos sonómetros, e para a toma de mostras, tanto sólidas como líquidas, no caso de residuos e verteduras.
Aqueles concellos de Galicia cuxo territorio municipal estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e, igualmente, aos afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación, relacinados co anexo V desta orde, que formulen:
1. Petición de maneira individual.
2. Petición de maneira conxunta mediante agrupación ou asociación de concellos, nos termos do artigo 9 desta orde.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Administración Local
Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais
Servizo de Xestión e Cooperación Económica
Praza de Europa, 5A, 4º - Polígono de Fontiñas
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546211/ 881997171
Fax: 981546569
Email: administracionlocal@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
26/01/2021 00:00 - 25/02/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Para poderen ser beneficiarios destas subvencións, os concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia deben cumprir o requisito de ter remitido as contas do exercicio orzamentario 2019 ao Consello de Contas de Galicia. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
No caso de agrupamentos de concellos ou solicitude conxunta para a xestión compartida, deberán cumprir con este requisito todos os concellos agrupados ou asociados. A falta de acreditación deste requisito por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a inadmisión desta.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 30/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación xeral:
1. Os concellos que presenten solicitude conxunta segundo o establecido no artigo 9 desta orde deberán achegar a seguinte documentación xeral:
a) Solicitude segundo o Anexo II: subvencións en réxime de concorrencia non competitiva a concellos agrupados ou asociados (PR483B).
b) Declaración responsable asinada electronicamente polo/a alcalde/sa representante da asociación ou agrupación de concellos incluída no anexo II ou IV desta orde, segundo proceda, na cal se faga constar, con base nas declaracións responsables emitidas polos/as alcaldes/as de cada un dos concellos asociados ou agrupados participantes na solicitude:
1. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas soliciten e/ou obteñan doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións, con indicación do importe e da súa procedencia.
2. Que ningún dos concellos integrantes da asociación ou agrupación está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.
Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que os concellos están ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedores por resolución de procedemento de reintegro.
3. Os datos de estimación directa e indirecta do número de empregos creados ou mantidos coas actuacións solicitadas, con especificación do número de contratos e a duración de cada un.
4. Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.
As declaracións orixinais emitidas polos concellos integrantes da asociación ou agrupación deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.
c) Certificación emitida pola persoa secretaria do concello representante no modelo do anexo VII e asinada electronicamente, na cal se faga constar, segundo os acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados ou agrupados e/ou nas certificacións emitidas polas persoas secretarias dos concellos participantes na solicitude:
1. Que acordan solicitar subvención para os gastos de funcionamento, obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.
No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.
O acordo estará referido a todas as actuacións que integran o proxecto, polo que deberá consignarse a denominación e orzamento de cada unha, así como o orzamento total.
O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.
2. O nomeamento do/da alcalde/sa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación ou asociación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a, perceptor/a e xustificador/a da axuda.
3. O compromiso solidario de execución e de aplicación solidaria da subvención.
4. Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia correspondentes ao exercicio orzamentario 2019, segundo exixe o artigo 8.1. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.
Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números 1, 2, 3 e 4 anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas ou asociadas, determinará a inadmisión da solicitude conxunta.
Os acordos orixinais emitidos polos concellos integrantes da asociación ou agrupación, así como as certificacións emitidas polas persoas secretarias destes concellos, entre as cales estará, en todo caso, a certificación de plena dispoñibilidade dos terreos emitida pola persoa secretaria do concello en que se van executar as obras, deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.
d) Memoria xustificativa: a entidade solicitante deberá achegar unha memoria xustificativa das actuacións para as cales solicita subvención, asinada electronicamente polo alcalde ou alcaldesa representante, co seguinte contido:
1. Xustificación da adecuación das actuacións para as cales se solicita subvención aos criterios de subvencionabilidade establecidos no artigo 4 desta orde.
2. Memoria de aforro de custos, na cal se fará constar en cadro comparativo a diferenza dos custos da execución compartida respecto da execución individual por cada concello participante.
Neste cadro comparativo consignaranse o importe do orzamento da actuación conxunta e os importes en euros que representen o cálculo do custo que a execución individual da actuación produciría para cada un dos concellos.
Na liña en concorrencia competitiva, esta memoria deberá redactarse co grao de concreción adecuado para facilitar a súa valoración segundo os criterios establecidos no artigo 26.3, para o cal conterá as razóns que xustifican a necesidade das actuacións para as cales se solicita subvención.
Documentación específica
a) Solicitudes para gastos de funcionamento. Nas solicitudes para gastos de funcionamento, a entidade solicitante deberá xuntar:
1. Unha memoria dos servizos para os cales se solicita subvención, asinada electronicamente polo alcalde ou pola alcaldesa representante, que conterá a descrición e o orzamento detallado dos gastos de funcionamento para os cales se solicita subvención.
2. Certificación a que se refire o artigo 6, emitida e asinada electronicamente pola secretaría do concello representante da entidade solicitante no modelo do anexo VII, relativa á vinculación do gasto co servizo ou servizos municipais que teñan asignadas as funcións de protección do ambiente e do espazo natural.
b) Solicitudes para obras. Nas solicitudes para obras deberá presentarse a seguinte documentación:
1. Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello representante, no modelo do anexo VII, referida á plena dispoñibilidade da entidade solicitante sobre os terreos e predios onde a agrupación/asociación de concellos pretende realizar as actuacións. Deberá quedar acreditado que todos os concellos en que se vaian realizar as actuacións, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, teñen a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou predios. O incumprimento destes requisitos, aínda que afecte unha soa das entidades participantes, constituirá causa de inadmisión da solicitude da agrupación de concellos.
2. O proxecto ou anteproxecto da obra que se vaia realizar, co seguinte contido mínimo:
a. Memoria explicativa.
b. Orzamento detallado, desagregado a nivel de partida, con indicación das unidades e prezos de cada unha. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global.
c. Planos a escala e detalle suficientes para describir as actuacións.
c) Solicitudes para equipamento. Nas solicitudes para equipamento deberá presentarse unha memoria explicativa dos equipamentos para os cales se solicita subvención, asinada electronicamente polo alcalde ou pola alcaldesa representante da entidade solicitante, que conterá a descrición e o orzamento detallado do equipamento solicitado.
- Xunto coa solicitude de subvención poderá presentarse o convenio de colaboración subscrito entre as partes, cos requisitos e contido obrigatorio establecidos no artigo 12. De optar por presentalo xunto coa solicitude, xa non será preceptivo achegalo no prazo determinado no artigo 12.4.
- A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
- Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
- No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Certificación en fase de solicitude (Anexo VII)
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG nº 15 do 25 de xaneiro de 2021).
-
Extracto da Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG nº 15 do 25 de xaneiro de 2021).
-
Orde do 8 de xuño de 2021 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2020, pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG nº 109 do 10 de xuño de 2021).
-
Orde do 21 de outubro de 2021 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG nº 207 do 27 de outubro de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración de concello emprendedor.
Aberto todo o ano
Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.
Aberto todo o ano
Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.
Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59
Declaración urxente de ocupación de bens de expropiación.
Aberto todo o ano