Guía de procedementos e servizos

PR450A

Equipamento de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacions de concellos galegos, Fondos Feder 2014-2020.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 24/07/2021 00:00 - 23/08/2021 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con AVPC, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2021.

O procedemento regulado nesta orde habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código de procedemento PR450A.

O equipamento que se cederá distribúese nas seguintes liñas de axuda:

Liña 1. 19 vehículos todo terreo tipo pick-up.

Liña 2. 6 remolques para a atención ás emerxencias.

Liña 3. 26 tendas de campaña para emerxencias.

Liña 4. 8 coitelas para retirada de neve.

Liña 5. 8 esparexedores de sal.

Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil

Servizo de Protección Civil

R/ Roma, 25-27. Fontiñas

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546024/ 981546022

Fax: 981546002

Email: pedro.luis.sanchez.castro@xunta.es

Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

Prazo de presentación: PECHADO

24/07/2021 00:00 - 23/08/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

a) Que o solicitante teña unha AVPC con persoal voluntario operativo e asegurado, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo; ou que tivesen presentada oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC nel, neste caso queda condicionada a concesión da subvención á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como moi tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2019, no Consello de Contas de Galicia.

c) Que non teñan recibido o mesmo equipamento por parte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo ou de organismos e entidades adscritas a esta con posterioridade ao 1.1.2015, destinado á prestación dos servizos de protección civil e emerxencias.

Para estes efectos, nunha primeira repartición do equipamento non poderán ser beneficiarios da liña 1 (pick-up) aqueles concellos que recibisen algún tipo de vehículo con posterioridade á data indicada.

Se unha vez asignado o equipamento ás entidades locais, tendo en conta a condición anterior, quedase equipamento vacante, este será asignado a entidades locais que xa o teñan recibido despois do 1.1.2015, de acordo coa puntuación acadada na presente orde. Para estes efectos, no caso da liña 1 (pick-up), darase prioridade aos concellos que non conten con vehículo todocamiño desde a data indicada.

Iniciación de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Os concellos, individualmente, mancomunados ou agrupados, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán a solicitude dirixida á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior segundo o modelo que figura como anexo I desta orde. A solicitude deberá ir xunto coa documentación complementaria que se establece no artigo 6 desta norma, segundo proceda.

Cada solicitante en función das súas necesidades deberá pedir por orde de preferencia o equipamento das liñas, tendo en conta o dito no punto c) do artigo 3 desta orde, e no seu caso, concederáselle o solicitado ata o límite de existencia de acordo aos seguintes criterios:

a) Para a liña 4 (coitelas para retirada de neve) só poderán ser beneficiarias as entidades locais que figuren no Plan Nega (nevaradas en Galicia), situadas por riba dos 800 m de altitude (ver anexo III Concellos de cota superior a 800 m).

b) Para a liña 5 (esparexedores de sal) só poderán ser beneficiarias as entidades locais que figuren no Plan Nega (nevaradas en Galicia), situadas por riba dos 500 m de altitude (ver anexo IV Concellos de cota superior a 500 m).

c) Na primeira quenda de adxudicación, cada solicitante só poderá obter equipamento dunha liña; unha vez resolta e, de seguir quedando existencias, poderían acceder ao equipamento das outras liñas, seguindo os criterios xa establecidos.

d) Os beneficiarios de equipamento da liña 1 comprométense a aceptar a cesión de terminais TETRA da rede de comunicacións de emerxencias da Xunta de Galicia que, en función das existencias e nun número máximo de tres, poderá ceder esta administración co compromiso por parte das entidades beneficiadas de facerse cargo do seu mantemento.

Solicitudes.

As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR450A) a esta orde, onde se aceptan e declaran as seguintes epígrafes:

a) Que a entidade que solicita a subvención en especie acepta as condicións e demais requisitos exixidos nesta orde de convocatoria.

b) Que reflicte o conxunto de todas as axudas concedidas para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

c) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que o concello, agrupación de concellos ou mancomunidade de concellos non están incursos en ningunha das prohibicións establecidas nos artigos 10.2 e 10.3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

e) Que o concello, agrupación de concellos ou mancomunidade de concellos están ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedores por resolución de procedemento de reintegro.

f) Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello, mancomunidade ou agrupación de concellos están ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedores por resolución de procedemento de reintegro.

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado da compañía aseguradora das pólizas subscritas (accidentes e responsabilidade civil) no que conste o número de asegurados que é persoal voluntario de protección civil. No caso de estar incluídos dentro das pólizas de seguro do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos, remitirase unha certificación ou declaración do órgano competente do concello ou mancomunidade, na que se indique o número de persoal voluntario de protección civil incluídos dentro das pólizas.

b) Certificado ou declaración dos servizos de emerxencia provinciais ou das entidades locais ao que se refire o artigo 10.2 desta orde.

c) Certificado do/da secretario/a da entidade solicitante da presentación das contas da entidade no Consello de Contas de Galicia, á que fai referencia o artigo 3.b) desta orde. No caso de agrupación de concellos un certificado por cada concello.

d) Certificado do órgano competente da mancomunidade ou agrupación de concellos no que se indique a prestación mancomunada dos servizos de emerxencia e protección civil.

e) No caso de realizar a petición conxunta como agrupación de concellos, a certificación de cada Pleno ou Xunta de Goberno aprobatorio de tal acordo e condicións del.

f) No caso de realizar a petición como mancomunidade ou agrupación de concellos terán que presentar a memoria de aforros de custo e os últimos orzamentos publicados e aprobados, para os efectos da aplicación do artigo 10, punto 3.c).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais das persoas beneficiarias para esas finalidades, así como a especificada no artigo 11, por exixencia normativa, segundo se establece no artigo 16 desta orde.

6. O defecto na solicitude ou a falla de documentos complementarios e obrigatorios, seralles notificado por medios telemáticos aos interesados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior que é o órgano competente para a instrución do procedemento e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións.

Transcorrido este prazo e de non producirse a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Comprobación dos datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

c) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

d) NIF da entidade solicitante.

e) Consulta de estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia para percibir axudas ou subvencións das administracións públicas.

f) Consulta de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.

g) Consulta de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 14 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2021 para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (DOG nº 140 do 23 de xullo de 2021).

    • Extracto da Orde do 14 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2021 para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (DOG nº 140 do 23 de xullo de 2021).

    • Resolución do 4 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se resolve a adxudicación para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (DOG nº 219 do 15 de novembro de 2021).

    • Resolución do 24 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se modifica a Resolución do 4 de novembro de 2021 pola que se resolve a adxudicación para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (DOG nº 64 do 1 de abril de 2022).

Outros procedementos relacionados

IF206B

Informe de usos especiais da estrada

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF505A

Acceso, modificación e baixa, ás instalacións portuarias controladas por barreiras físicas e para uso de puntos de fornecemento de auga e electricidade.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR870A

Outorgamento de licenzas para a prestación do servizo público de comunicación audiovisual radiofónica por entidades locais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA500A

Subvencións para a prestación de servizos bancarios básicos.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 23/06/2021 00:00 - 22/07/2021 23:59