Guía de procedementos e servizos

PE616D

Inscrición das escolas de navegación de lecer nos exames teóricos extraordinarios para obter os títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 28/10/2019 00:00 - 11/11/2019 23:59

Consellería do Mar

O obxecto desta resolución é establecer as condicións que teñen que cumprir as escolas de navegación de lecer da Comunidade Autónoma de Galicia para acceder ás probas extraordinarias teóricas, así como fixar as datas e os lugares de realización das citadas probas para obter os títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Datas e lugares de exame.

As datas dos exames teóricos, así como os lugares onde se realizarán aparecen indicados no anexo III.

As persoas que non se presenten aos exames non terán dereito a cambios de matrícula nin á devolución das taxas.

Escolas de navegación de lecer da Comunidade Autónoma de Galicia

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Centros Públicos de Ensinanzas Náuticas e Marítimo-pesqueiro

Rúa dos Irmandiños, s/n - Salgueiriños

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546140

Fax: 981546138

Email: cma.dxdesenvolvemento@xunta.gal

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Prazo de presentación: PECHADO

20/02/2019 00:00 - 06/03/2019 23:59

27/05/2019 00:00 - 10/06/2019 23:59

28/10/2019 00:00 - 11/11/2019 23:59

Convocatoria de abril de 2019: Matrícula: do 20 de febreiro ao 6 de marzo de 2019, ambos inclusive.
Convocatoria de xullo de 2019: Matrícula: do 27 de maio ao 10 de xuño de 2019, ambos inclusive.
Convocatoria de decembro de 2019: Matrícula: do 28 de outubro ao 11 de novembro de 2019, ambos inclusive.

Normas xerais.

a) Os exames teóricos realizaranos os tribunais que se constitúan de conformidade co establecido no artigo 3 da Orde do 28 de novembro de 2007 pola que se regula a composición dos tribunais para a obtención de titulacións marítimo-pesqueiras e náutico-deportivas (DOG núm. 243, do 18 de decembro).

b) Para que poida realizarse a convocatoria extraordinaria nun centro de ensino será necesario reunir un mínimo de 15 persoas inscritas para as titulacións de patrón/patroa de embarcacións de lecer e patrón/patroa para navegación básica e 10 para patrón/patroa de iate e capitán/capitá de iate. Se o centro de ensino non acada o número mínimo requirido non poderá realizar o exame. Neste caso, os alumnos/as deberán realizar o exame no lugar indicado pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

c) O alumnado das escolas de navegación de lecer, para poder presentarse ao exame teórico complementario de patrón/patroa de embarcacións de lecer, debe estar en posesión da tarxeta de patrón/patroa para navegación básica ou do certificado de exame expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia. Os/as alumnos/as que presenten o certificado de exame soamente terán dereito a examinarse nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias. Para estes efectos, no caso de presentarse ás convocatorias extraordinarias estas serán computadas como ordinarias. Estas persoas soamente terán que examinarse das unidades teóricas 7, 8, 9, 10 e 11 e disporán dun tempo máximo de 45 minutos para realizar o exame.

d) O alumnado das escolas de navegación de lecer que se presente ao exame para obter o título de patrón/patroa de embarcacións de lecer e non consiga superar a proba, pero si o faga de acordo coas exixencias de patrón/patroa para navegación básica, recoñeceráselle o dito aprobado, ben para as seguintes convocatorias nesta Administración ben para a expedición do título de patrón/patroa para navegación básica. Conservarán o aprobado durante un período máximo de dúas convocatorias consecutivas ordinarias en que esta Administración realice os exames de patrón/patroa de embarcacións de lecer. Para este efecto, no caso de presentarse ás convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias.

e) O alumnado das escolas de navegación de lecer que se presenten ao exame de capitán/capitá de iate ou patrón/patroa de iate e superen algún dos módulos que conforman o exame teórico de acordo co regulado no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, conservaráselle o aprobado destes nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias que convoque esta Administración. Para estes efectos, no caso de presentarse ás convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias.

Idade mínima.

O título de patrón/patroa para navegación básica poden obtelo os/as menores de idade que teñan feitos os 16 anos no momento de realización das probas, sempre que acrediten, mediante a presentación por escrito do consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais e superen os requisitos teóricos e prácticos exixidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

Para obter calquera das outras titulacións náuticas de lecer as persoas interesadas deberán ter feitos os 18 anos de idade no momento en que se realicen as probas para a obter estes títulos.

  • Por expedición de tarxetas acreditativas das titulacións ou dos certificados para o goberno de embarcacións de lecer ( 30.21.03)

Pode realizar o pago destas taxas na Oficina Virtual Tributaria.

Solicitude e documentación complementaria necesaria para presentarse aos exames teóricos.

  • As escolas de navegación de lecer homologadas para poder presentar o seu alumnado aos exames teóricos achegarán a seguinte documentación:

a) Solicitude dirixida ao centro oficial de ensino pesqueiro onde queira realizar o exame. O modelo de solicitude é o que figura no anexo I desta resolución (procedemento PE616D). As escolas de navegación de lecer deberán achegar tamén cuberto o anexo II desta resolución por cada alumno/a que se presente á referida convocatoria.

b) Acreditar o pagamento das taxas. No caso de que non se realice o pagamento da taxa antes da data do fin da matrícula, non poderán presentarse aos exames. O código da taxa é a seguinte: 30.21.01.

Segundo o establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (BOE núm. 12, do 14 de xaneiro de 2004) e na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm. 247, do 28 de decembro de 2018), as taxas polos dereitos de exame das distintas titulacións de lecer son as seguintes:

  • b.1. Exames teóricos:

    • Patrón/patroa para navegación básica: 30,53 €.

    • Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 39,30 €.

    • Patrón/patroa de iate: 55,06 €.

    • Capitán/capitá de iate: 66,81 €.

O pagamento pode facelo por vía telemática ou presencial e deberá realizalo dentro dos prazos establecidos para a matrícula. O enderezo web é o seguinte: https://ovt.atriga.gal/#!/detalle_servizo/Pago+de+taxas+e+prezos/11609730/4126995/11609860/l/item-dark-blue.

c) Consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais para os menores de idade que teñan feitos os 16 anos, no momento de realización das probas para obter o título de patrón/patroa para navegación básica.

d) Copia do título de patrón/patroa para navegación básica, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para poder presentarse ao exame teórico específico para a obtención do título de patrón/patroa de embarcacións de lecer e complementario do xa superado para obter o título de patrón/patroa para navegación básica.

e) Copia do título de patrón/patroa de embarcacións de lecer, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas que se presenten ao exame de patrón/patroa de iate.

f) Copia do título de patrón/patroa de iate, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas que se presenten ao exame de capitán/capitá de iate.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das escolas de navegación de lecer presentan as solicitudes do seu alumnado presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As escolas de navegación de lecer responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das escolas de navegación de lecer presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Todos os trámites administrativos que as escolas de navegación de lecer deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Unha vez finalizado o prazo de matrícula de cada convocatoria que aparece indicado no anexo III, farase pública a listaxe provisional das persoas admitidas e excluídas no portal web de formación da Consellería do Mar, http://mar.xunta.gal/gl/o-mar/investigacion-e-formacion/formacion/informacion-do-alumnado e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino pesqueiro, dando un prazo de 10 días hábiles para que as escolas de navegación de lecer poidan emendar as deficiencias dos alumnos/as excluídos, de acordo co disposto no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común e das administracións públicas.

  • Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • DNI ou NIE do alumnado ou do representante.

  • NIF da entidade solicitante ou representante.

  • Título de patrón/patroa para navegación básica cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Título de patrón/patroa de embarcacións de lecer cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Título de patrón/patroa de iate cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Certificado de exame de capitán/capitá de iate cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que as escolas de navegación de lecer ou o seu alumnado se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I ou II e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 8 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as condicións e se regulan os requisitos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 11 do 16 de xaneiro de 2009).

    • Resolución do 8 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames extraordinarios teóricos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 34 do 18 de febreiro de 2019).

  • Ámbito Estatal
    • Real Decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de recreo (BOE nº 247 do 11 de outubro de 2014).

Outros procedementos relacionados

IF501A

Autorización temporal de uso de posto de atracada, en portos dependentes da comunidade autónoma de Galicia, outorgada por Portos de Galicia, para barcos con base no porto.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF502A

Práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo dos portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE113E

Axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 30/01/2025 00:00 - 15/12/2025 23:59

PE401B

Permiso de explotación a pé.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano