Guía de procedementos e servizos

PE210B

Selección de estratexias de desenvolvemento local participativo e grupos de acción local do sector pesqueiro.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 26/05/2022 00:00 - 26/09/2022 23:59

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria do ano 2022 para a selección de estratexias de desenvolvemento local participativo (en diante, EDLP) e grupos de acción local do sector pesqueiro (en diante, GALP), que levará asociada a concesión da axuda preparatoria, no marco do período de programación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, en Galicia.

2. O procedemento regulado nesta orde ten o código PE210B.

1. O grupo estará constituído por entidades representativas dos seguintes sectores:

a) Sector pesqueiro: integrado polas asociacións e entidades de interese colectivo pesqueiro e acuícola con personalidade xurídica propia.

b) Sector social: integrado polas asociacións socioculturais, deportivas, ecoloxistas, recreativas e educativas, as asociacións de mulleres, as asociacións de mozos/as, as relacionadas co apoio ás persoas discapacitadas, coa inclusión social e outras similares.

c) Sector económico: integrado polas asociacións de empresarios/as, de axentes económicos e organizacións sindicais.

d) Sector público: integrado polas administracións públicas de ámbito local e entidades do sector público vinculadas ou dependentes destas.

2. As asociacións deberán permitir a integración nela de todas as entidades asociativas e de representación de intereses colectivos, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, así como administracións locais e entidades públicas dependentes destas, dentro do ámbito territorial correspondente. Non se permitirá en ningún caso a participación de persoas físicas ou xurídicas con ánimo de lucro.

Poderán participar entidades de ámbito suprazonal sempre que non existan entidades da mesma natureza a nivel zonal.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Subdirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca

Rúa dos Irmandiños, s/n, Salgueiriños

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546147

Fax: 981546138

Email: galp.cm@xunta.gal

http://mar.xunta.gal/gl/o-mar/o-sector/grupos-de-accion-local-do-sector-pesqueiro

Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca

Prazo de presentación: PECHADO

26/05/2022 00:00 - 26/09/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de catro (4) meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. As organizacións candidatas a grupos de acción local para preparar unha estratexia de desenvolvemento local participativo 2021-2027 deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Teren personalidade xurídica e estaren constituídas e en funcionamento antes de finalizar o prazo de presentación da solicitude. As persoas xurídico-privadas deben estar constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación e normativa de aplicación do Estado e Comunidade Autónoma, e carecer estatutariamente de ánimo de lucro.

b) Estaren compostas por entidades que representen os intereses socioeconómicos locais públicos e privados dentro da zona, e sen que ningún grupo de interese único controle a toma de decisións, ou compromiso de adaptación dos seus estatutos á dita composición. Unha entidade só poderá ser socia dunha organización candidata.

Na composición do GALP rexerá o principio de portas abertas. Para estes efectos, os respectivos estatutos deberán garantir a incorporación, tanto na constitución como ao longo de todo o período de execución da estratexia, de todas aquelas entidades con implantación local que, reunindo os requisitos exixidos para adquirir a condición de asociados, soliciten a súa incorporación.

c) Delimitaren o territorio ou zona de actuación por termos municipais, sempre que se xustifique a homoxeneidade, a continuidade e a cohesión territorial costeira.

d) Seren un GALP existente no período de programación FEMP 2014-2020 ou unha asociación de nova creación que se comprometa a crear un GALP e desenvolver unha EDLP. No caso de novos grupos, teranse en conta as expresións de apoio (cartas de compromiso) de representantes da comunidade local, e deberase incluír o apoio da maioría das entidades asociativas do sector pesqueiro do territorio afectado. As entidades só poderán ser socias ou apoiar externamente unha organización candidata (sen entrar a formar parte dela).

e) Elaboraren unha EDLP baseada nos recursos do territorio e cuantificada con obxectivos, contando coa participación de todas as organizacións públicas e privadas interesadas implantadas no territorio. A estratexia comprenderá as actuacións previstas no período de programación 2021-2027, e poderase prorrogarse ata o 31 de decembro de 2029.

f) Teren capacidade para definir e executar a estratexia e dotarse, ou ben comprometerse a dotarse, dun equipo técnico contratado directamente polo GALP con formación e capacidade para xestionar a estratexia de desenvolvemento proposta. O xerente ou o máximo responsable técnico terá dedicación exclusiva ao GALP e non ocupará cargos electos nos órganos do goberno.

g) Os estatutos deberán incorporar as regras necesarias relativas ao cumprimento dos requisitos xerais previstos na alínea b) e, necesariamente, deberán prever ou comprometerse a prever as seguintes regras referidas ao sistema de toma de decisións e elección de cargos:

1º Na toma de decisións, os representantes das entidades directamente interesadas no asunto non poderán estar presentes nas votacións. Por outra parte, deberá garantirse que se evite calquera conflito de intereses, de xeito que se arbitrará un mecanismo para que, nas tomas de decisións dos órganos do GALP, as declaracións de intereses queden perfectamente documentadas e formen parte do expediente.

2º. A presidencia do GALP recaerá nalgún membro da xunta directiva que represente o sector produtor pesqueiro.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O formulario normalizado correspóndese co anexo II desta orde.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que esta contén e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se atopan en ningún dos supostos establecidos no artigo 11.1.a) e b) e 3 do Regulamento (UE) 2021/1139, do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) 1005/2008 ou o artigo 90 do Regulamento (CE) 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello, no marco da política pesqueira común (PPC).

2º. Non ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión, recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a axuda preparatoria das distintas administracións públicas competentes.

d) Que os traballos da axuda preparatoria non estean rematados.

e) Que teñan capacidade operativa e financeira para cumprir co obxecto para o cal se solicita a axuda preparatoria.

f) Que se comprometan a adaptar os estatutos ao cumprimento dos requisitos do candidato con anterioridade á selección da EDLP, de ser un grupo existente.

g) Ter a condición de poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible.

2. As solicitudes estarán asinadas polo representante legal da entidade solicitante.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

1º. Certificación do órgano competente, na cal se especifique o acordo polo cal se lle concede autorización para formular a solicitude ao asinante dela. De actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude e citarase a disposición que recolle a competencia.

2º. Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo.

3º. Acta de constitución da entidade.

4º. Copia dos estatutos da entidade debidamente inscritos no rexistro correspondente e, de ser o caso, regulamentos de réxime interno.

Non será necesario achegar os estatutos cando xa consten nos arquivos da Consellería do Mar, por presentalos nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

b) Para os grupos existentes, certificado de inscrición da asociación no rexistro administrativo correspondente; e para o resto dos candidatos, compromiso de achegalos unha vez emitidos polo rexistro.

c) Certificación da composición actual da xunta directiva ou órgano decisorio similar e asemblea. Cargos, nomes, entidade a que representan e sector a que pertence.

d) Certificado de relación de socios públicos e privados en activo, con indicación da denominación, sector de actividade, NIF, domicilio social e ámbito territorial, número de asociados, tipo de entidade, data de adhesión de cada socio, nome do representante e data de constitución.

e) Certificado de adopción do acordo de aprobación da EDLP polo órgano competente.

f) No caso de novos grupos, cartas de apoio asinadas polos representantes da comunidade local nos diferentes sectores ou actores locais.

g) Proposta de EDLP conforme os criterios establecidos nos artigos 5 e 6 desta orde, que axustará o seu contido e estrutura ao previsto no anexo IV.

A proposta de EDLP realizarse obrigatoriamente conforme o modelo que figura na páxina web http://mar.xunta.gal. A presentación nun modelo distinto será causa de inadmisión.

h) Descrición pormenorizada do proceso de participación da comunidade local no deseño da estratexia, xunto coa constancia documental que acredite a realización dun proceso participativo real da comunidade. A memoria incluirá, como mínimo: a relación de persoas e entidades que participaron en cada actividade, o cronograma e descrición das actuacións e actividades desenvolvidas e das ferramentas de participación pública empregadas, a metodoloxía para o tratamento e análise da información obtida, e os resultados e conclusións do proceso de participación pública.

Tamén se describirá o procedemento empregado para garantir que os axentes identificados ou contactados aseguren a representatividade de todos os grupos sociais e sectores económicos do ámbito da zona pesqueira.

i) Acreditación do IVE soportado non recuperable. Naqueles casos en que exista un recoñecemento administrativo previo do dereito ás exencións previstas no artigo 20.Un, 6º e 12º da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido, remitirase esa resolución administrativa ou calquera outra certificación ou documento da AEAT en que figure esa exención.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación dos documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE do representante da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

f) Concesións doutras subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 10 de maio de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria do ano 2022 para a selección de estratexias de desenvolvemento local participativo e grupos de acción local do sector pesqueiro, así como para a concesión da axuda preparatoria, no período de programación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 en Galicia (DOG nº 100 do 25 de maio de 2022).

    • Extracto da Orde do 10 de maio de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria do ano 2022 para a selección de estratexias de desenvolvemento local participativo e grupos de acción local do sector pesqueiro, así como para a concesión da axuda preparatoria, no período de programación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 en Galicia (DOG nº 100 do 25 de maio de 2022).

Outros procedementos relacionados

PE209P

Axudas para proxectos colectivos que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 30/04/2025 00:00 - 29/05/2025 23:59

PE211A

Presentación de plans de produción e comercialización e informes anuais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE403A

Plan de xestión marisqueira.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 29/12/2023 00:00 - 02/11/2026 23:59

PE403C

Plans zonais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano