Guía de procedementos e servizos

PE209I

Axudas ás entidades xestoras de lonxa pola caída de ingresos como consecuencia da pandemia covid-19 e a declaración do estado de alarma efectuada polo real decreto 463/2020, do 14 de marzo

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 10/07/2020 00:00 - 10/08/2020 23:59

Consellería do Mar

1. Esta orde, con código de procedemento PE209I, ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar a concesión das axudas para este exercicio 2020, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades xestoras de lonxa que sufriron diminución nos ingresos obtidos pola venda de produtos da pesca e do marisqueo e a acuicultura durante o estado de alarma decretado polo Goberno de España mediante o Real decreto 463/2020, e as súas sucesivas prórrogas.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda a empresas e autónomos consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos e bonificacións de tipos de xuro en préstamos destinados a respaldar a economía no contexto do actual brote de COVID-19 (Marco nacional temporal I), notificado o 27 de marzo de 2020 á Comisión Europea que, mediante Decisión da Comisión con data do 2 de abril de 2020 (C (2020) 2154 final, sobre axuda estatal SA.56851 (2020/N), declarou as axudas amparadas no dito marco compatibles co mercado interior.

3. Estas axudas ampáranse no punto 3 do Marco nacional temporal I relativo á concesión de axudas en forma de subvencións directas.

4. Estas axudas non afectan ningunha das categorías de axuda ás que fai referencia o artigo 1.1, letras a) a k), do Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión (Axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura).

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as entidades xestoras de lonxas ou establecementos autorizados pola Consellería do Mar para a primeira venda dos produtos da pesca, marisqueo e acuicultura situados nas zonas de servizo de portos de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén poderán ser beneficiarias as asociacións sectoriais ou confrarías de pescadores autorizadas pola Consellería do Mar para a primeira venda de produtos frescos procedentes da pesca e o marisqueo.

Para ter a condición de persoa beneficiaria as entidades anteriormente mencionadas deben sufrir perdas nos ingresos derivados da actividade de primeira venda de produtos da pesca, marisqueo e acuicultura no período comprendido entre o 14 de marzo ao 15 de maio, ambos os dous incluídos.

Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

c) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado. En especial, deberá declarar por escrito calquera outra axuda temporal relativa aos mesmos costos subvencionables que en aplicación dos marcos nacionais temporais I e II ou en aplicación do Marco temporal comunitario teña recibido durante o exercicio fiscal en curso.

d) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Praza de Europa 5A – 4º (Fontiñas)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981540016

Fax: 981546288

Email: sxmar.cmrm@xunta.es

Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Prazo de presentación: PECHADO

10/07/2020 00:00 - 10/08/2020 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde estarán suxeitas aos seguintes requisitos:

a) Non ter pendente de pagamento ningún deber por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

b) Non concorrer nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Non ser unha empresa que estaba en crise con data do 31.12.2019 de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crises (2014/C249/01).

d) Estar en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo a actividade.

e) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

- As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado anexo I e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presentase a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar a solicitude (anexo I) debidamente cuberta onde se fagan constar os datos solicitados, tendo especial relevancia a declaración responsable das tarifas que se aplican á venda dos produtos pesqueiros na lonxa, tanto no exercicio 2019 como no 2020. En caso de aplicar tarifas diferenciadas en función da natureza do produto, terase que especificar o detalle da tarifa aplicada a cada un deles.

Xunto á solicitude (anexo I) deberá presentar a seguinte documentación:

a) Anexo II. Nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, cando proceda.

b) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais da entidade e da escritura de constitución.

c) Copia do poder de representación do representante legal da persoa solicitante, no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.

d) Declaración responsable do solicitante da axuda (anexo III) respecto ao cumprimento dos requisitos exixidos na presente orde, en especial no relativo ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 5, respecto á veracidade de todos os documentos presentados e que dispón de documentación que así o acredita e que a poñerá ao dispor da Administración cando lle sexa requirida.

Así mesmo, a través desta declaración responsable incluída no modelo de solicitude, realizarase as comunicacións nas letras c) e d) do artigo 6.

e) Resolución de aprobación do correspondente ERTE, se é o caso, así como a relación de persoal incluído neste e as nóminas e documentos contables da Seguridade Social dos referidos dos seis meses anteriores á solicitude.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Para efectos de presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes; a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo II desta orde.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE/NIF da persoa ou entidade representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de cada persoa solicitante.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social de cada persoa solicitante.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia de cada persoa solicitante.

f) Informe acreditativo de esta ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda (Atriga) de cada persoa solicitante.

g) Informe do Servizo de Análise e Rexistros da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, sobre as notas de primeira venda comunicadas polos solicitantes para os períodos de referencia, incluíndo a súa desagregación por especies, de ser necesario, para o cálculo da contía da axuda.

h) Informe acreditativo do Servizo de Mercados sobre a autorización de primeira venda da persoa solicitante.

i) Resolución de concesión doutra axuda para a mesma finalidade concedida pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

j) Concesións de subvencións e axudas.

k) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e no anexo II e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 1 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ás entidades xestoras de lonxa pola caída de ingresos como consecuencia da pandemia COVID-19 e a declaración do estado de alarma efectuada polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 136 do 09 de xullo de 2020).

    • Extracto da Orde do 1 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ás entidades xestoras de lonxa pola caída de ingresos como consecuencia da pandemia COVID-19 e a declaración do estado de alarma efectuada polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 136 do 09 de xullo de 2020).

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG534D

Novacións de débedas

Prazo aberto: 07/02/2025 09:00 - 30/12/2025 14:00