Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PE209D
Axudas autonómicas para proxectos colectivos de modernización de infraestruturas dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque para mellorar a calidade, incrementar o control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados, eficiencia enerxética e mellorar a seguridade e as condicións de traballo.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería do Mar
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2019 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos que modernicen as infraestruturas nos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque, mediante a mellora da calidade dos produtos, o incremento do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados, a eficiencia enerxética e a mellora da seguridade e das condicións de traballo.
Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores de Galicia que realicen os investimentos e gastos que se consideren subvencionables.
Obrigas dos beneficiarios.
1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.
2. Os beneficiarios deberán:
a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención, dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria e demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e material deste.
b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as cales se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.
e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.
f) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 135 do Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012, poderase proceder á recuperación da axuda aboada indebidamente.
g) Manter os investimentos obxecto de subvención durante 5 anos, polo menos, ou 3 anos no caso de pemes, posteriores á súa realización, de acordo co previsto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.
h) Informar o público sobre a axuda obtida, dando adecuada publicidade con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a súa porcentaxe de financiamento, nos seguintes termos:
O beneficiario debe recoñecer que a operación recibiu o apoio dos fondos e en todas as medidas de información e comunicación adoptará:
1º. O emblema da Unión, de conformidade coas características técnicas establecidas no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 e no Regulamento de execución (UE) nº 763/2014.
2º. Unha referencia ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que apoia a operación.
3º. O logotipo da Xunta de Galicia.
Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público do apoio obtido dos fondos:
1º. Facendo unha breve descrición da operación no sitio da internet, no caso que dispoña dun, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, incluíndo os obxectivos e destacando o apoio financeiro da Unión. A descrición deberá permanecer durante a execución do proxecto e, cando menos, ata a data do pagamento final da axuda.
2º. Colocando un cartel con información sobre o proxecto (tamaño mínimo A3), en que se mencionará o apoio financeiro da UE, nun lugar facilmente visible para o público, como a entrada dun edificio.
3º. O beneficiario colocará unha placa permanente ou cartel de tamaño significativo, en lugar ben visible para o público, no prazo de 3 meses despois da finalización dun proxecto, que reúna as seguintes características:
i. Que o financiamento público total para o proxecto sexa superior a 500.000 €.
ii. Que o proxecto consista na compra dun obxecto físico ou no financiamento dunha infraestrutura.
iii. A placa ou cartel permanente deberá indicar o nome do proxecto, o seu obxectivo principal, o emblema e unha referencia á UE e a referencia ao FEMP, que ocuparán alomenos o 25 % do cartel. Tamén se incluirá unha referencia ao logotipo da Xunta de Galicia.
Se o investimento consiste na adquisición de maquinaria ou elementos móbiles, a publicidade levarase a cabo mediante a colocación dun adhesivo perdurable.
i) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable axeitado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.
j) Proporcionar toda a información e os datos necesarios para poder proceder ao seguimento e á avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP.
k) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse á disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, para o cal se informará o beneficiario da data de inicio do período mencionado.
Os documentos conservaranse ou ben en forma de orixinais ou de copias compulsadas de orixinais, ou ben en soporte de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica.
l) Non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
m) Manter, dentro do territorio da UE, os investimentos en infraestruturas ou produtivos polo menos dez (10) anos contados desde a data do último pagamento realizado á persoa beneficiaria. Esta obriga non será de aplicación ás pemes.
Xunta de Galicia
Consellería do Mar
Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro
R/ dos Irmandiños, s/n- Salgueiriños
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546142
Fax: 981546138
Email: cma.dxdesenvolvemento@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
31/01/2019 00:00 - 28/02/2019 23:59
Para a convocatoria de 2019 o prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio.
b) As persoas sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
d) Ter incumpridas as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.
e) Non se concederán axudas ás empresas en crise de acordo coa definición establecida nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O formulario normalizado correspóndese co anexo I desta orde.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén e na cal se fan constar os seguintes aspectos:
a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiara, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Que non se atopan en ningún dos supostos establecidos no número 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:
1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.
2º. Non ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.
3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).
4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
c) Non ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
d) Ter cumprido as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.
e) Non ser unha empresa en crise segundo a definición e as condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).
f) O conxunto de todas as solicitudes solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
g) Que os investimentos non foron iniciados.
As solicitudes estarán asinadas polo representante legal da entidade solicitante.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.
a) Documentación acreditativa da personalidade: certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo cal se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.
b) Proxecto para un tipo de investimentos que permita determinar a súa viabilidade e realizar a valoración, conforme os criterios establecidos nos artigos 18 e 19 desta orde de bases reguladoras.
O modelo de memoria do proxecto correspondese co establecido no anexo A, que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).
A memoria do proxecto deberá conter, polo menos:
b.1) Explicación das necesidades que se pretenden cubrir e obxectivos perseguidos (xeral e específicos). Descrición dos resultados que se pretende obter coa implementación do proxecto. Xustificación do tipo de frota pesqueira ou colectivo de marisqueo a pé a que vai dirixido o proxecto e idoneidade dos investimentos propostos. En función da tipoloxía de proxecto que se presente deberanse indicar os equipamentos de que xa dispón a entidade. Identificar como o proxecto contribuirá de xeito tanxible a mellorar os servizos diarios aos pescadores/as que empregan o porto.
b.2) Descrición da entidade: experiencia da entidade na xestión de proxectos financiados pola Unión Europea. Elementos que aseguran a capacidade técnica da entidade para a realización do proxecto. Equipo que a entidade vai destinar para a xestión do proxecto. Número de persoas pescadoras asociadas á entidade. Historial produtivo e económico de produtos da pesca nos últimos 5 anos.
b.3) Descrición das accións que se pretenden acometer e descrición das características técnicas das inversións. Localización das accións previstas. Planos dos investimentos no caso de casetas, carros varadoiros e guindastres.
b.4) Explicar quen se beneficiará do proxecto, é dicir, o/os grupo/s obxectivo/s dos membros da entidade que se verán beneficiados dos resultados dos investimentos. Indicar o número de pescadores/as e de embarcacións de pesca que se beneficiarán do proxecto. Explicar por que o solicitante sería un beneficiario colectivo e o interese colectivo das accións do proxecto.
b.5) Calendario de realización das accións previstas.
b.6) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado. De ser o caso, incluirase a relación de ofertas solicitadas e elixidas.
b.7) Información relativa aos indicadores conforme o previsto no Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.
No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado.
c) Estudo económico-financiero externo acreditativo da viabilidade económica do proxecto ou resultado da ferramenta de autoavaliación da viabilidade, que pode consultarse na páxina web da consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).
d) Documentación xustificativa de todos os custos incluídos (orzamentos, facturas pro forma, etc.) cunha información detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, equipamentos ou sistemas que os integran. De ser o caso, informe dun taxador ou perito independente.
As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para ser comparables.
Se é o caso, tamén se deberá acreditar a petición de 3 ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.7 desta orde.
e) Copia de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, de ser o caso, ou da xustificación de telos solicitado aos organismos correspondentes, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos.
f) Plan de negocio, no caso de proxectos de importe superior a 250.000 euros.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE do representante da entidade solicitante.
c) Certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2019 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos, financiados polo FEMP, de modernización dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque, para a mellora da calidade, o incremento do control e a rastrexabilidade dos produtos desembarcados, a eficiencia enerxética e a mellora da seguridade e das condicións de traballo, tramitada como expediente anticipado de gasto (DOG nº 21 do 30 de xaneiro de 2019).
-
Extracto da Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2019 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos, financiados polo FEMP, de modernización dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque, para a mellora da calidade, o incremento do control e a rastrexabilidade dos produtos desembarcados, a eficiencia enerxética e a mellora da seguridade e das condicións de traballo, tramitada como expediente anticipado de gasto (DOG nº 21 do 30 de xaneiro de 2019).
-
Resolución do 26 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2019 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos, financiados polo FEMP, de modernización dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque, para a mellora da calidade, o incremento do control e a rastrexabilidade dos produtos desembarcados, a eficiencia enerxética e a mellora da seguridade e das condicións de traballo, tramitada como expediente anticipado de gasto (Diario Oficial de Galicia número 21, do 30 de xaneiro de 2019) (DOG nº 127 do 5 de xullo de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Aprobación de centros e institutos de investigación do sistema universitario de Galicia
Aberto todo o ano
Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do SUG-redes.
Prazo pechado: 20/06/2017 00:00 - 19/07/2017 23:59
Axudas para a atracción de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do SUG.
Prazo pechado: 20/05/2020 00:00 - 01/06/2020 23:59
Axudas para a retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do SUG.
Prazo pechado: 20/05/2020 00:00 - 01/06/2020 23:59