Guía de procedementos e servizos

PE113E

Axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 16/12/2020 00:00 - 15/12/2021 23:59

Consellería do Mar

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas destinadas a familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade para o ano 2021.

2. O procedemento regulado nesta orde ten o código de procedemento PE113E.

3. Para os efectos desta orde, consideraranse profesionais do mar as seguintes persoas:

a) As persoas tripulantes galegas de calquera tipo de embarcación pesqueira debidamente enrolados nela e calquera que sexa o seu pavillón.

b) As persoas tripulantes non galegas que coticen no réxime especial do mar da Seguridade Social nun buque pesqueiro con porto base en Galicia.

c) As persoas mariscadoras, con autorización expedida pola Consellería do Mar, no desenvolvemento lícito da súa actividade e de acordo coas disposicións establecidas na materia pola citada consellería.

d) As persoas traballadoras de viveiros flotantes radicados en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Teñen a condición de galegos, de acordo co artigo 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, os cidadáns españois que, de acordo coas leis xerais do Estado, teñan veciñanza administrativa en calquera dos municipios de Galicia.

4. Tamén terán a consideración de persoas falecidas para os efectos desta orde aquelas persoas que a consecuencia dun accidente no mar, estivesen desaparecidas unha vez transcorridos 10 días desde a data en que tivo lugar o sinistro.

5. Darán lugar á concesión da axuda os falecementos producidos desde o día 1 de decembro de 2020 ata o 30 de novembro de 2021.

Procedemento de concesión.

O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4.

Cada falecemento dará lugar á concesión dunha axuda a favor dalgunha das seguintes categorías de beneficiarios:

a) Cónxuxe ou parella de feito no momento do falecemento.

b) Filla/o ou fillas/os da persoa falecida menores de 21 anos.

Obrigas das persoas beneficiarias.

1. De acordo co establecido no artigo 28.9 da Lei 9/2007, dado que as presentes axudas se conceden en atención á concorrencia dunha determinada situación no perceptor, non requirirán outra xustificación que a acreditación da indicada situación previamente á concesión de acordo co establecido nesta orde. Así mesmo, as persoas beneficiarias destas axudas obríganse a someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin, achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar

Vicesecretaría Xeral

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997670

Email: vicesecretariaxeral.cmrm@xunta.gal

Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar

Prazo de presentación: PECHADO

16/12/2020 00:00 - 15/12/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 15 de decembro de 2021. Se o último día de prazo é inhábil, entenderíase prorrogado ao seguinte día hábil.

As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e de seguridade social.

Forma y lugar de presentación de solicitudes y documentación.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado do anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación recollida no artigo 6, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia completa do libro ou libros de familia da unidade familiar.

b) Certificación da inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, de ser o caso.

c) Contrato de traballo, rol, lista de tripulantes debidamente dilixenciada, certificado de alta no Réxime Especial do Mar da Seguridade Social, ou calquera outro documento acreditativo da actividade profesional desenvolvida no momento do accidente pola persoa falecida.

d) Atestado da autoridade competente, protesta de mar dilixenciada pola autoridade, copia do diario de navegación, parte de accidente de traballo ou calquera outro documento acreditativo da existencia do accidente.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foren presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. No suposto das solicitudes presentadas por vía electrónica, deberá presentarse unha copia dixitalizada dos documentos indicados nos puntos anteriores.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma prevista no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. As persoas interesadas poderán actuar por medio de representante para os efectos de presentación da solicitude, a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo I da presente orde.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa física solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado literal de defunción librado polo Rexistro Civil, se procede.

d) Permiso de explotación para marisqueo a pé (Permex).

e) Certificado de empadroamento da persoa falecida.

f) No caso de tripulantes non galegos xustificación, de que o buque ten porto base en Galicia.

g) Certificado de matrimonio.

h) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

i) Certificación de estar ao dia nas obrigas coa Tesouraría da Seguridade Social.

j) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar eses documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Un mes

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 2 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade para o ano 2021, tramitado como expediente anticipado de gasto (DOG nº 251 do 15 de decembro de 2020).

Outros procedementos relacionados

PE113G

Selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos peixe en peixerías.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 17/05/2025 00:00 - 21/05/2025 23:59

PE209P

Axudas para proxectos colectivos que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 30/04/2025 00:00 - 29/05/2025 23:59

PE301A

Recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE301B

Retirada do recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano