Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PE113E
Axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería do Mar
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas destinadas a familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade no ano 2019.
2. O procedemento regulado nesta orde ten o código de procedemento administrativo PE113E.
3. Para os efectos desta orde consideraranse profesionais do mar as seguintes persoas:
a) Os tripulantes galegos de calquera tipo de embarcación pesqueira debidamente enrolados nela e calquera que sexa o seu pavillón.
b) Os tripulantes non galegos que coticen no réxime especial do mar da Seguridade Social nun buque pesqueiro con porto base en Galicia.
c) Os mariscadores, con autorización expedida pola Consellería do Mar, no desenvolvemento lícito da súa actividade e de acordo coas disposicións establecidas na materia pola citada consellería.
d) Os traballadores de viveiros flotantes radicados en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Teñen a condición de galegos, de acordo co artigo 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, os cidadáns españois que, de acordo coas leis xerais do Estado, teñan veciñanza administrativa en calquera dos municipios de Galicia.
4. Tamén terán a consideración de falecidos para os efectos desta orde aquelas persoas que, como consecuencia dun accidente no mar, estivesen desaparecidas unha vez transcorridos 10 días desde a data en que tivo lugar o sinistro.
5. Darán lugar á concesión da axuda os falecementos producidos desde o día 1 de xaneiro de 2019 ata o 30 de novembro de 2019.
Procedemento de concesión.
O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4.
Cada falecemento dará lugar á concesión dunha axuda a favor dalgunha das seguintes categorías de beneficiarios:
a) Cónxuxe ou parella de feito no momento do falecemento.
b) Fillo ou fillos do falecido menores de 21 anos.
Obrigas das persoas beneficiarias.
1. De acordo co establecido no artigo 28.9 da Lei 9/2007, dado que as presentes axudas se conceden en atención á concorrencia dunha determinada situación no perceptor, non requirirán outra xustificación que a acreditación da indicada situación previamente á concesión de acordo co establecido nesta orde. Así mesmo, as persoas beneficiarias destas axudas obríganse a someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
2. Así mesmo, de acordo co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. No suposto de que o requirimento de información non sexa atendido en prazo impoñeranse multas coercitivas cuxo importe será establecido de xeito proporcional á contía da subvención en función da gravidade do incumprimento.
Xunta de Galicia
Consellería do Mar
Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar
Vicesecretaría Xeral
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881997670
Email: vicesecretariaxeral.cmrm@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
25/09/2019 00:00 - 16/12/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 15 de decembro de 2019. Se o último día de prazo é inhábil, entenderíase prorrogado ao seguinte día hábil.
As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial, estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e de seguridade social.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Copia completa do libro ou libros de familia da unidade familiar.
b) Certificación da inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, de ser o caso.
c) Contrato de traballo, rol, lista de tripulantes debidamente dilixenciada, certificado de alta no réxime especial do mar da Seguridade Social, ou calquera outro documento acreditativo da actividade profesional desenvolvida no momento do accidente pola persoa falecida.
d) Atestado da autoridade competente, protesta de mar dilixenciada pola autoridade, copia do diario de navegación parte de accidente de traballo ou calquera outro documento acreditativo da existencia do accidente.
No suposto das solicitudes presentadas por vía electrónica, deberá presentarse unha copia dixitalizada dos documentos indicados nos puntos anteriores.
Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma prevista no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas poderán actuar por medio de representante para efectos de presentación da solicitude, a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo I da presente orde.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas.
a) DNI/NIE da persoa física solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Certificado literal de defunción librado polo Rexistro Civil, se procede.
d) Permiso de explotación para marisqueo a pé.
e) Certificado de empadroamento da persoa falecida.
f) No caso de tripulantes non galegos, xustificación de que o buque ten porto base en Galicia.
g) Certificado de matrimonio.
h) Certificados de estar ao día nas súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar eses documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución: Un mes
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 23 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade durante o ano 2019 (DOG nº 181 do 24 de setembro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas para proxectos colectivos que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable.
Prazo aberto: 30/04/2025 00:00 - 29/05/2025 23:59
Recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).
Aberto todo o ano
Retirada do recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).
Aberto todo o ano
Permiso de explotación a pé.
Aberto todo o ano