Guía de procedementos e servizos

MT809D

Axudas económicas para a prevención dos danos que causan as especies silvestres.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 08/02/2020 00:00 - 09/03/2020 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (procedemento MT809D).

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo.

Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza Celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

2. Liña para prevención de danos ocasionados polo xabaril.

Poderanse acoller a estas axudas:

a) As persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), creado mediante o Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, e modificado pola disposición derradeira terceira do Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda directa de produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final.

b) As explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Dirección Xeral de Patrimonio Natural

San Lázaro,s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981543978

Fax: 981957106

Email: dxcn@xunta.es

http://www.cmati.xunta.es/

Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Prazo de presentación: PECHADO

08/02/2020 00:00 - 09/03/2020 23:59

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento MT809D).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as persoas físicas que estean dadas de alta no réxime de autónomos, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes destas.

Se algunha das persoas interesadas, que estea obrigada a presentar a súa solicitude a través de medios electrónicos, presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes en soporte papel nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. A solicitude de axuda segundo o anexo II desta orde (procedemento MT809D) inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración de conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) No caso de solicitude de axuda para a adquisición e instalación de valados fixos, declaración responsable de ter solicitado as licenzas e autorizacións preceptivas que resulten de aplicación ou ter efectuado as comunicacións previas preceptivas segundo ó réxime de autorización aplicable.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Xunto coa solicitude de axuda (anexo II desta orde) presentarase a seguinte documentación:

• Se a persoa titular é unha persoa xurídica, acordo do órgano competente desta co acordo dos/das partícipes para solicitar a subvención. Cando se trate dunha comunidade de bens, acreditarase que o acordo foi tomado pola maioría dos seus membros e o réxime de participación de cada un deles na dita comunidade. Cando se trate dunha comunidade de montes veciñais en man común o acordo deberá estar tomado en asemblea e acreditado mediante acta ou certificación da secretaría.

• Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, deberase acreditar a representación legal con que se actúa.

No caso do representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

a) Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna (poder notarial, representación legal, copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal...).

b) Mediante apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica, ou a través da acreditación da súa inscrición no rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.

1) No caso de explotacións agrarias de autoconsumo e explotacións gandeiras que soliciten a adquisición de pastores eléctricos deberá acreditarse a titularidade da explotación a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.

2) No caso de explotacións gandeiras que soliciten a adquisición e instalación de valados fixos, deberá acreditarse a dispoñibilidade sobre os terreos onde se pretendan realizar as actuacións a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.

3) Nas solicitudes para a adquisición e instalación de valados fixos deberá achegarse unha memoria explicativa do proxecto ou anteproxecto, que conteña a seguinte información mínima:

– Datos da persoa solicitante: nome e apelidos/razón social e DNI/NIE.

– Datos dos terreos en que se localizarán as actuacións: coordenadas xeográficas e código Sixpac da parcela ou referencia catastral.

– Descrición das actuacións que se executarán, con indicación dos diferentes conceptos, unidades e cantidades empregadas.

– Orzamento detallado e orzamento total das actuacións que se van realizar.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que foi realizada a emenda. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos en poder das administracións públicas:

a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Consulta do DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

c) Consulta do NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.

d) Consulta do NIF da entidade representante.

e) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

g) Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

h) Consulta da inscrición no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, no caso de explotacións gandeiras.

i) Consulta do censo gandeiro da explotación referido a unha data posterior á da entrada en vigor desta orde de axudas, obtido da base de datos da aplicación informática da Consellería do Medio Rural, no caso de explotacións gandeiras.

j) Consulta da inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, no caso de explotación agrarias.

k) Consulta das referencias Sixpac das parcelas en que se aplicarán as medidas de prevención subvencionadas, unicamente no caso de explotacións agrarias dedicadas ao autoconsumo.

l) Consulta da superficie admisible declarada na solicitude única da Política Agraria Comunitaria (PAC) do ano 2019, de ser o caso.

m) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

n) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

ñ) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado na solicitude e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 26 do 7 de febreiro de 2020).

    • Extracto da Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 26 do 7 de febreiro de 2020).

    • Resolución do 4 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se dispón a continuación de varios expedientes de subvencións ( DOG nº 87 do 7 de maio de 2020).

Outros procedementos relacionados

MR101B

Solicitude de certificados de propiedade ou de transmisión da propiedade en concentración parcelaria

Aberto todo o ano

MR203A

Autorización para impartir cursos de manipulador aplicador de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR203B

Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR237C

Inicio de actividade/baixa/modificación na sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano