Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MT809D
Axudas económicas para a prevención dos danos que causan as especies silvestres.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o cal se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017.
1. Para a prevención de danos ocasionados polo lobo, poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, das especies de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza celta, equino, asnal e mular.
2. Para a prevención de danos ocasionados sobre producións agrícolas polo xabaril, poderanse acoller a estas axudas:
a) As persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), creado mediante o Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia e modificado pola disposición derradeira terceira do Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda directa de produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final.
b) As explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo.
Xunta de Galicia
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Dirección Xeral de Patrimonio Natural
San Lázaro,s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981543978
Fax: 981957106
Email: dxcn@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
18/08/2017 00:00 - 18/09/2017 23:59
O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes, contado a partir da data de entrada en vigor desta orde.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.
1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal).
A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as persoas representantes delas.
Se algunha das persoas interesadas que estea obrigada a presentar a súa solicitude a través de medios electrónicos presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica opcionalmente poderán presentar as solicitudes en soporte en papel nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
2. A solicitude de axuda segundo o anexo II desta orde inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:
a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.
b) Declaración de conta para a transferencia bancaria.
c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Declaración do título xurídico que posúe para a utilización do terreo en que se aplicarán as medidas de prevención dos danos, no caso de explotacións agrarias de autoconsumo.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
1. Xunto coa solicitude de axuda (anexo II desta orde) presentarase a seguinte documentación:
• No caso de explotacións agrarias de autoconsumo deberá acreditarse a titularidade da explotación a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.
• Se a persoa titular é unha persoa xurídica, acordo do órgano competente desta polo que se aprobou a solicitude desta axuda.
• Cando se actúe en nome doutra persoa física ou xurídica, deberase acreditar a representación con que se actúa e, ademais, o acordo dos/das partícipes para solicitar a subvención. Cando se trate dunha comunidade de bens, ademais acreditarase que o acordo foi tomado pola maioría dos seus membros e o réxime de participación de cada un deles na dita comunidade.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica opcionalmente poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos en poder das administracións públicas:
a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.
b) Consulta do DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).
c) Consulta do NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.
d) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).
f) Estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia.
g) Consulta da inscrición no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, no caso de explotacións gandeiras.
h) Consulta do censo gandeiro da explotación referido a unha data posterior á da entrada en vigor desta orde de axudas, obtido da base de datos da aplicación informática da Consellería do Medio Rural, no caso de explotacións gandeiras.
i) Consulta da inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, no caso de explotación agrarias.
j) Consulta das referencias Sixpac das parcelas en que se aplicarán as medidas de prevención subvencionadas, unicamente no caso de explotacións agrarias dedicadas ao autoconsumo.
k) Consulta da superficie agrícola que foi subvencionada polas axudas da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2016, de ser o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado na solicitude e achegar os documentos.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 4 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2017 (DOG. nº 155 do 17 de agosto de 2017).
-
Resolución do 28 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se dá publicidade aos beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 4 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 52 do 14 de marzo de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Solicitude de certificados de propiedade ou de transmisión da propiedade en concentración parcelaria
Aberto todo o ano
Autorización para impartir cursos de manipulador aplicador de produtos fitosanitarios.
Aberto todo o ano
Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.
Aberto todo o ano
Inicio de actividade/baixa/modificación na sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa.
Aberto todo o ano