Guía de procedementos e servizos

MR701E

Plan marco: Mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 11/02/2020 00:00 - 10/03/2020 23:59

Consellería do Medio Rural

Sobre o procedemento

Este plan marco ten por obxecto regular a xestión do procedemento para a concesión das axudas que se concedan para mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.

Para os efectos deste plan, terán a consideración de parcelas agrícolas:

– Todas aquelas parcelas en que máis do 50 % da súa superficie estea clasificada como de uso agrícola, entendendo como tales: terras de cultivo (terras arables, horta e invernadoiros), cultivos permanentes (viñedos, froiteiras, oliveiras…) e pasteiros (excluídos pastos arbustivos e arboredos).

– Parcelas en que se localice unha instalación agrogandeira.

– Parcelas incluídas na solicitude de axuda para os pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (SIXC) do ano 2019.

As axudas consistirán en subvencións directas de capital. O procedemento tramitarase en réxime de concesión directa, ao abeiro do artigo 19.4.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 36.1.c) e 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR701E.

Actuacións subvencionables

1. Son subvencionables as actuacións de ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais nos seguintes termos:

a) Ampliación: as que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruzamento de vehículos ou alargamentos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Tamén poderán incluír obras de incremento de lonxitude sempre e cando esta ampliación supoña rematar nunha estrada ou noutro camiño.

b) Mellora: as que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan. Terán tamén esta consideración as obras de mellora da drenaxe, da seguranza viaria, reforzo de noiros (con muros ou outras estruturas de contención), adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de cunetas, así como a integración ambiental ou a mellora da sinalización.

c) Mantemento: tanto do firme existente como das súas marxes (limpeza e perfilado de noiros e cunetas), reforzo dos terrapléns.

2. Para os efectos deste plan marco, enténdese por camiño municipal de acceso a parcelas agrícolas aquel camiño que cumpra as seguintes condicións:

– Que sexa de titularidade municipal.

– Que facilite o acceso, en calquera punto do seu trazado, cando menos a dúas parcelas agrícolas.

3. Todos os proxectos que se presenten deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non estar iniciados na data de presentación da solicitude de axuda. A comprobación de que os investimentos para os que se solicita a axuda non están iniciados na data de presentación da solicitude de axuda fundamentarase na declaración que, para estes efectos, presenta a persoa representante da entidade solicitante, e verificarase coa documentación que integre o correspondente expediente de contratación das obras subvencionadas.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia, exceptuando as parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á Clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). Na páxina web da Agader pode consultarse a relación de parroquias clasificadas como ZDP.

c) Que as actuacións propostas incidan sobre camiños de titularidade municipal.

d) Que se axusten á normativa sectorial (estatal, autonómica e local) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

e) Que sexan viables tecnicamente.

f) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se concedeu a axuda.

4. As actuacións deberán axustarse ás seguintes regras e requisitos:

a) Deberán integrarse nun único proxecto de obra, en que se recolla:

1º. Identificación do seu obxecto e xustificación da necesidade das actuacións propostas. Non se admitirán actuacións que propoñan o cambio a unha capa de rodaxe distinta da existente no camiño, agás nos casos en que estea debidamente xustificada a súa necesidade por ser unha vía de acceso a edificacións e instalacións agrícolas.

2º. Informe fotográfico descritivo da situación actual dos camiños onde se pretende actuar.

3º. No caso de actuacións que rematen no límite do territorio municipal, deberá acreditarse a continuidade en termos de material e estado da capa de rodaxe no tramo do camiño que discorre polo concello limítrofe.

4º. Arquivo electrónico (.kml) cos trazados dos camiños, conforme as instrucións que estarán dispoñibles na páxina web de Agader (agader.xunta.gal).

5º. Planos de localización e de detalle necesarios, con indicación do trazado exacto das actuacións, da súa lonxitude e largura e dos puntos de inicio e final debidamente xeorreferenciados, así como da localización das parcelas agrícolas a que dan acceso.

6º. Xustificación dos prezos das unidades de obra.

7º. Medicións e orzamento desagregado por actuacións (excluído IVE).

Os custos do control de calidade non se deberán integrar no orzamento do proxecto. En caso contrario, non se considerará un gasto subvencionable, nos termos previstos no artigo 5.1.b) destas normas.

b) O número máximo de actuacións será de catro por proxecto. Para estes efectos, enténdese por actuación a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física.

c) As unidades de obra utilizadas nos proxectos terán que axustarse na súa totalidade á estrutura e descomposición das tarifas Seaga vixentes, que estarán publicadas na ligazón http://www.epseaga.com/?q=gl/node/8 e na páxina web da Agader agader.xunta.gal en formato .bc3.

As unidades de obra manterán todos os elementos unitarios que a conforman nas tarifas Seaga (man de obra, materiais, maquinaria, medios auxiliares), tendo en conta que:

– Non se poden modificar as cantidades necesarias nin os rendementos dos elementos que compoñen a unidade de obra.

– Soamente se poderán modificar os prezos dos elementos unitarios referidos anteriormente, sempre e cando o prezo da unidade de obra non supere o das citadas tarifas.

Todas as unidades de obra que non respecten o establecido nos parágrafos anteriores serán consideradas como non subvencionables.

d) Non se admitirán actuacións consistentes unicamente no arranxo de fochancas.

As actuacións que consistan en arranxo de fochancas deberán incluír necesariamente tratamentos superficiais cunha lonxitude mínima de 100 metros e abranguer a totalidade da plataforma do camiño.

e) Quedan excluídas as actuacións en rúas e vías interiores dentro dos núcleos de poboación.

f) Unha vez presentada a solicitude de axuda, non se admitirá a inclusión de novas actuacións distintas das previstas inicialmente no proxecto de obra.

g) Non se subvencionará ningún investimento que incida sobre as actuacións subvencionadas nos plans de mellora de camiños de titularidade municipal xestionados pola Agader ou en procesos de reestruturación parcelaria nos últimos 5 anos. Neste caso, excluirase da actuación proposta a parte proporcional do orzamento que incumpra este requisito.

Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, son subvencionables os investimentos necesarios para as obras de mellora, mantemento e ampliación da rede viaria existente. En particular:

a) Obra civil vinculada á execución do proxecto.

b) Servizo de control da calidade da obra.

2. Non serán subvencionables en ningún caso:

a) As partidas a tanto global.

b) O imposto do valor engadido (IVE).

c) Os gastos correspondentes a actuacións que inclúan obras de iluminación, abastecemento e saneamento de augas fecais.

d) Os gastos de redacción de proxecto nin os de estudos necesarios para a súa redacción.

e) Os gastos de dirección de obra, de coordinación de seguridade e saúde, seguimento arqueolóxico ou outros servizos complementarios.

f) Gastos por taxas ou licenzas necesarias.

g) O panel de obra.

Todos os concellos de Galicia.

Obrigas dos concellos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigacións establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, os beneficiarios das axudas concedidas ao amparo desta orde quedan obrigados a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto e manter a obriga de destino das actuacións subvencionadas durante un período mínimo de cinco anos a partir da resolución de pagamento final.

As obras deberán ter unha garantía de mantemento de cinco anos, contados desde a data de pagamento final da axuda. E serán por conta do Concello os custos necesarios para a súa xustificación. O Concello debe asumir todas e cantas responsabilidades dimanen das posibles irregularidades ou ilegalidades causadas por mor das obras, nos termos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do proxecto completo que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade do proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme as prescricións contidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e demais normativa de contratación aplicable ás entidades locais.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.

8. Cumprir coas obrigas de publicidade que se especifican a seguir:

Deberase publicitar a concesión da axuda nos termos previstos no anexo III do Regulamento 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013, e co disposto na Estratexia de información e publicidade do PDR 2014-2020 de Galicia; en particular, do seguinte xeito:

– Publicitar a concesión da axuda mediante a colocación dun panel de obra nun lugar visible ao público con información sobre o proxecto, en que se destacará a axuda financeira da Unión, coa inclusión do seguintes elementos: a bandeira europea, a referencia ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a inclusión do lema: «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste no rural». Ao mesmo tempo, incluirán unha referencia á participación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no cofinanciamento das actuacións subvencionadas, mediante a inclusión do logotipo deste organismo. O panel será de material resistente e ríxido, e deberá estar colocado ata o momento da realización da visita in situ.

A Agader facilitará a través da súa páxina web o modelo, o formato e as dimensións do panel informativo.

– No caso de que o Concello teña páxina web, incluirá unha breve descrición da operación con referencia ao financiamento da Unión Europea.

9. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, así como ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Os concellos beneficiarios suxeitaranse ás verificacións previstas no Regulamento (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao Sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. De conformidade cos artigos 46 e seguintes do citado regulamento, entre estas actuacións de comprobación efectuaranse controis administrativos de todas as solicitudes de axuda e de pagamento, así como os controis sobre o terreo e controis a posteriori que se determinen. Ademais, e en aplicación do disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013, deberán proporcionarlle á autoridade de xestión do PDR de Galicia 2014-2020, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa.

10. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao amparo desta orde, segundo resulta do artigo 66 do Regulamento 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.

11. Cando o Concello beneficiario non poida executar o proxecto subvencionado, deberá presentar a súa renuncia a través do modelo normalizado que se incorpora á resolución como anexo V.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)

Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural

Lugar da Barcia, nº 56 Laraño

15897  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981547382 / 981542690

Email: agader.xunta.gal, infoagader@xunta.gal

https://agader.xunta.gal/

Presencial, cita previa no teléfono 981 54 73 82

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

11/02/2020 00:00 - 10/03/2020 23:59

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, dp procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

– Ter remitidas ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigados antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

– Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito comprobarase con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 17 deste plan marco.

Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes

1. A presentación da solicitude de axuda realizarase unicamente por medios electrónicos.

Dentro do prazo establecido os concellos interesados deberán cubrir previamente o formulario descritivo das circunstancias da entidade solicitante e do proxecto para o cal se solicita a subvención, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Agader agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda.

Para poder presentar a solicitude é imprescindible que a entidade solicitante ou o seu representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

2. Para poder presentar a solicitude, será necesario seguir os seguintes pasos:

a) Darse de alta na aplicación informática para a xestión das axudas. O nome de usuario será o NIF da entidade solicitante; o contrasinal será o determinado por esta.

b) Necesariamente deberán cubrirse todos os campos establecidos como obrigatorios; así mesmo, débese anexar a documentación referida no artigo 9 deste plan marco.

c) Unha vez cuberto o formulario, a entidade solicitante poderá presentar a súa solicitude de axuda.

No momento da presentación, a aplicación informática expedirá un recibo acreditativo do feito da presentación e xerará de forma automática o anexo IV (solicitude de axuda). A publicación no DOG deste anexo ten carácter puramente informativo.

3. Se algún Concello presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. A aplicación informática disporá de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. No caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Agader pon a disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 981 54 73 82/981 54 26 90, e o enderezo de correo electrónico infoagader@xunta.gal

Documentación que teñen que presentar as entidades solicitantes

1. Xunto co formulario normalizado de solicitude (anexo IV), os concellos interesados deberán achegar a seguinte documentación:

a) Proxecto de obra, nos termos previstos no artigo 4.4.a) destas normas.

b) Certificación expedida pola persoa titular da Secretaría da entidade local, acreditativa dos seguintes aspectos:

1º. Da designación legal do representante da entidade solicitante.

2º. Do acordo da entidade municipal relativo á participación neste plan de mellora de camiños.

3º. Da titularidade municipal dos camiños.

c) Certificación da persoa titular da Secretaría ou da Intervención municipal acreditativa de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

d) Informe do/da técnico/a municipal competente, en que se indique:

1º. Intervencións realizadas en cada unha das actuacións propostas no proxecto nos últimos 5 anos, sinalando, se é o caso, a natureza das obras, o ano e a orixe dos fondos financeiros das citadas intervencións.

2º. Se para a execución das obras resulta necesaria a dispoñibilidade de terreos privados lindeiros coas actuacións propostas. En caso afirmativo, xunto con este informe deberán remitirse os documentos acreditativos das cesións ou autorizacións das persoas propietarias dos terreos afectados.

e) No caso de acceso a instalacións agrogandeiras, informe do/da técnico/a municipal competente en que se identifiquen as persoas titulares das ditas instalacións.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 39/2015. As entidades solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Agader poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica.

No caso de que o proxecto de obra supere o tamaño límite establecido pola sede electrónica ou teña un formato non admitido, os promotores poderán dividir o arquivo electrónico correspondente, xerando varios arquivos de menor tamaño, ou ben optar pola súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos, en formato CD. Neste último caso, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. Non será necesario que as entidades solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, poderán acollerse ao establecido nos artigos 28.3 da Lei 39/2015 e 20.3 da LSG, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade a que se formule a proposta de resolución.

Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que os concellos interesados se opoñan a estas consultas, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado na solicitude de axuda e achegar os correspondentes documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar aos interesados que presenten os documentos correspondentes.

    Despois de presentar

    Prazo de resolución:

    Catro meses

    Sentido do silencio:

    Negativo

    Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

    Normativa
    • Ámbito Autonómico
      • Resolución do 29 de maio de 2020 pola que se modifica a Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se aproba o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (DOG nº 109 do 05 de xuño de 2020).

      • Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se aproba o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (DOG nº 27 do 10 de febreiro de 2020).

      • Extracto da Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se aproba o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (DOG nº 27 do 10 de febreiro de 2020).

      • Corrección de erros. Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se aproba o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (DOG nº 32 do 17 de febreiro de 2020).

      • Resolución do 16 de setembro de 2020 pola que se fai pública a relación das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se aproba o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Programa de desenvolemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (DOG nº 194 do 24 de setembro de 2020).

    Descargar o contido desta ficha en formato PDF

    Outros procedementos relacionados

    MR701D

    Axudas LEADER. PDR de Galicia 2014-2020.

    Aberto todo o ano

    MR701H

    Actuacións dos GDR Programa LEADER PEPAC 2023-2027.

    Tramitar en liña

    Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59

    MR701I

    Actuacións de animación, formación e cooperación (ICE).

    Tramitar en liña

    Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59

    MR713A

    Declaración de aldea modelo.

    Tramitar en liña

    Aberto todo o ano