Guía de procedementos e servizos

MR419A

Axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 07/08/2018 00:00 - 06/09/2018 23:59

Consellería do Medio Rural

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal, no marco do PDR de Galicia 2014-2020, dentro da medida 4, Investimentos en activos físicos, submedida 4.1, Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, contribuíndo directamente ás areas focais 2A (mellorar os resultados económicos de todas as explotacións e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular con obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola) e 5D (reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura).

Estas axudas teñen como finalidade:

Incrementar a competitividade e o rendemento global das explotacións mediante a súa modernización.

Asegurar a competitividade e a continuidade do tecido agrario. Procedemento de concesión.

Poderán acollerse a estas axudas os titulares de explotacións agrícolas, entendendo como tales aqueles que exercen a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación, inscritos no Reaga con orientación técnico-económica principal en:

1. Horticultura ao aire libre:

a) Hortalizas ao aire libre.

b) Flores e plantas ornamentais ao aire libre.

c) Cultivos mixtos ao aire libre.

2. Horticultura en invernadoiro:

a) Hortalizas en invernadoiro.

b) Flores e plantas ornamentais en invernadoiro.

c) Cultivos mixtos en invernadoiro.

3. Horticultura e cultivos diversos:

a) Cogomelos, champiñóns e outros fungos cultivados.

b) Viveiros vitícolas.

c) Viveiros de árbores e arbustos froiteiros (agás castiñeiros e nogueiras).

d) Viveiros de planta ornamental.

4. Cultivos leñosos:

a) Froiteiras (agás castiñeiros e nogueiras).

b) Oliveiral.

5. Sementes e plántula de hortalizas.

6. Pataca.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña

Servizo de Explotacións Agrarias da Coruña

R/ Vicente Ferrer, 2

15071  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981182579

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo

Servizo de Explotacións Agrarias de Lugo

Ronda da Muralla, 70

27071  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 982294459

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Ourense

Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense

R/ Florentino L. Cuevillas, 4-6 baixo

32071  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386687

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra

Servizo de Explotacións Agrarias de Pontevedra

Avda. Mª Victoria Moreno, 43-2º

36071  Pontevedra  (Pontevedra)

Teléfono: 986805446

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Prazo de presentación: PECHADO

07/08/2018 00:00 - 06/09/2018 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Ser titular, na data da solicitude da axuda, dunha explotación agraria inscrita no Reaga, de acordo co Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, con algunha das orientacións técnico-económicas principales indicadas no artigo 3.

2. Ter declarados ingresos agrarios, agás aquelas explotacións que aínda non entraron en fase de produción.

3. Comprometerse a exercer a actividade agraria na explotación obxecto da axuda durante, polo menos, cinco anos contados desde a data de pagamento da axuda.

4. Os solicitantes persoas físicas deberán ter dezaoito anos feitos e non ter alcanzado a idade xubilación.

5. Posuír a capacitación profesional suficiente no momento da solicitude, o cal se acreditará segundo se establece no Decreto 200/2012, agás no caso de primeira instalación. As persoas xurídicas deberán acreditar que, polo menos, o 50 % das persoas socias posúen a capacitación suficiente.

6. Cumprir a condición de agricultor activo no momento da solicitude.

7. Dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben estar incluídos os gastos declarados para esta axuda.

8. A renda unitaria de traballo, no momento de realizar a solicitude, debe ser igual ou superior ao 35 % da renda de referencia.

9. O volume de traballo necesario para o mantemento da explotación debe ser, como mínimo, dunha UTA.

10. Cumprir cos requisitos establecidos nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante (se for o caso).

b) Anexo II (no caso de que a persoa solicitante sexa unha persoa xurídica).

c) Informe de vida laboral de todas as UTA e persoas socias da explotación. No caso de persoal asalariado, a maiores, copia do contrato e informe de vida laboral da empresa.

d) Xustificante da capacitación profesional.

e) Certificado do número de persoas socias e dos que cumpran os requisitos de agricultor profesional (se for o caso).

f) Memoria onde se xustifiquen os investimentos a realizar.

g) Tres orzamentos ou ofertas de diferentes provedores por cada un dos investimentos. As ofertas presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo a compra de terreos e edificacións.

2º. Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

3º. Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, o modelo, así como características técnicas e, no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

h) No caso de novas construcións, acreditación da dispoñibilidade do terreo ou recinto onde se van realizar os investimentos.

i) No caso de adquisición de terreos ou bens inmobles, certificado de taxación.

j) Para ter os puntos por explotación ecolóxica establecidos nos criterios de prioridade, presentarase certificación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

k) Para ter os puntos por proxecto innovador establecidos nos criterios de prioridade, presentarase certificación dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación, atendendo ao exposto no artigo 2.

l) Para ter os puntos por explotación asociada a unha cooperativa agraria ou organización de produtores, presentarase certificación da cooperativa agraria ou organización de produtores correspondente.

m) Para ter os puntos por produción de produtos agrícolas con denominación de orixe protexida ou indicación xeográfica protexida, presentarase certificación do consello regulador correspondente.

n) Para ter os puntos por socio dunha cooperativa agroalimentaria prioritaria ou entidade asociativa prioritaria, presentarase certificación da cooperativa agroalimentaria prioritaria ou entidade asociativa prioritaria correspondente.

o) Para ter os puntos por proxecto de cooperación con unha operación financiada a través da medida 16 do PDR establecidos nos criterios de prioridade, presentarase resolución de aprobación.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria, nin aquelas que se presenten sen a seguinte documentación mínima e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada á persoa solicitante nos termos previstos no artigo 41 da Lei 39/2015:

a) Anexo I de solicitude da axuda debidamente cuberto e asinado.

b) Memoria.

c) Tres orzamentos por cada investimento solicitado.

Comprobación de datos:

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) DNI/NIE das persoas socias.

d) NIF da entidade solicitante.

e) Títulos oficiais non universitarios da persoa solicitante e/ou persoas socias.

f) Títulos oficiais universitarios da persoa solicitante e/ou persoas socias.

g) Certificado da renda (IRPF) da persoa solicitante e/ou das persoas socias.

h) Certificado de residencia da persoa solicitante e/ou persoas socias.

i) Informe de vida laboral de empresas.

j) Acreditación da actividade agraria por conta propia da persoa solicitante e/ou persoas socias.

k) Informe de vida laboral dos últimos 12 meses da persoa solicitante e/ou persoas socias.

l) Estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT (da persoa solicitante).

m) Estar ao día do pagamento coa Seguridade Social (da persoa solicitante).

n) Estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Atriga (da persoa solicitante).

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Forma e lugar de presentación das solicitudes.

As persoas xurídicas presentarán as súas solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Así mesmo, e en aplicación do previsto no segundo parágrafo do número 5 do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, como as persoas físicas beneficiarias teñen que ser profesionais, segundo o establecido no artigo 3, presentarán as súas solicitudes da mesma forma prevista no parágrafo anterior.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 22 de xuño de 2020 relativa ao réxime de anticipos, modificacións e renuncia en relación coas axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (DOG nº 125 do 26 de xuño de 2020).

    • Orde do 13 de maio de 2020 relativa ás excepcións para o ano 2020 na execución dos controis administrativos e sobre o terreo establecidos nas convocatorias de subvencións desta consellería cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, de conformidade co Regulamento de execución (UE) 2020/532 da Comisión, do 16 de abril de 2020, que establece excepcións, para o ano 2020, aos regulamentos de execución (UE) 809/2014, (UE) 80/2014, (UE) 181/2014, (UE) 2017/892, (UE) 2016/1150, (UE) 2018/274, (UE) 2017/39, (UE) 2015/1368 e (UE) 2016/1240, no que se refire a determinados controis administrativos e sobre o terreo aplicables no marco da política agrícola común (DOG nº 98 do 22 de maio de 2020).

    • Orde do 23 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 149 do 6 de agosto de 2018).

    • Extracto da Orde do 23 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 149 do 6 de agosto de 2018).

    • Resolución do 31 de decembro de 2018 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas e denegadas ao abeiro da Orde do 23 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (DOg nº 54 do 18 de marzo de 2019),

Outros procedementos relacionados

MR101B

Solicitude de certificados de propiedade ou de transmisión da propiedade en concentración parcelaria

Aberto todo o ano

MR203A

Autorización para impartir cursos de manipulador aplicador de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR203B

Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR237C

Inicio de actividade/baixa/modificación na sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano