Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
MR340A - Axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios.
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas da Consellería do Medio Rural para os investimentos en transformación, comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario de 2022. O código do procedemento é o MR340A.
As axudas consistirán en subvencións cuxa concesión se efectuará mediante concorrencia competitiva, así como en garantías para préstamos destinados a financiar os investimentos. As solicitudes de axuda poderán incluír soamente unha destas dúas modalidades de axuda, ou ben conxuntamente as dúas, xa que son combinables entre si nas condicións indicadas nesta orde.
Investimentos incentivables .
1. Considéranse incentivables, con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, excepto os produtos da pesca. Así mesmo, poderán subvencionarse investimentos relativos a procesos de transformación en que interveñan produtos non incluídos no anexo I do Tratado, se estes son un compoñente menor do produto final. Considerarase que son un compoñente menor cando a cantidade ou valor económico total deles non supere o 25 % do peso ou valor económico total do produto final.
2. Os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización poderán ser produtos agrarios (incluídos no anexo I do Tratado) ou non agrarios (non incluídos no anexo I do Tratado). Para estes efectos considerarase que os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización son produtos agrarios cando a totalidade deles estean incluídos no anexo I do Tratado.
3. Non obstante, non serán apoiables:
a) Os proxectos en que o importe total dos investimentos subvencionables sexa inferior a 60.000 €.
b) No sector vitivinícola os investimentos relativos aos produtos descritos na parte II do anexo VII do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007, referente aos produtos amparados polos programas de apoio no sector vitivinícola, xa que poden ser subvencionados a través deses programas específicos.
4. Os tipos de gasto incentivables son os seguintes:
a) Construción, adquisición e mellora de bens inmobles. A compra de terreos ata un valor inferior ao 10 % do total dos gastos subvencionables.
b) Compra de maquinaria e equipamentos novos, ata o seu valor de mercado.
c) Os seguintes investimentos intanxibles: adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, así como adquisicións de patentes, licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas relacionadas cos procesos produtivos.
d) Os custos xerais vinculados ás alíneas a) e b) anteriores consistentes en honorarios de proxecto e dirección de obra, así como en estudos de viabilidade. En todo caso, o importe admisible nestes custos non poderá superar o 12 % do importe total dos investimentos subvencionables das alíneas a), b) e c) anteriores.
5. Non serán, no entanto, obxecto de axuda os investimentos relativos aos conceptos e actividades sinalados no anexo I desta orde.
A quen vai dirixido?
Poderán acollerse a estas axudas os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren incentivables.
Requisitos
Requisitos adicionais do solicitante .
Para a concesión e/ou pagamento das axudas, o solicitante deberá cumprir os seguintes requisitos adicionais:
1. Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Conforme estas considerarase que unha empresa está en crise se concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando teña desaparecido máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade en que polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando teña desaparecido polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa se atope inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia a petición dos seus acredores.
d) Tratándose dunha empresa que non sexa unha peme, cando durante os dous anos anteriores:
1º. A ratio débeda/capital da empresa for superior a 7,5, e
2º. A ratio de cobertura de intereses da empresa, calculado sobre a base do EBITDA, for inferior a 1,0.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na alínea c) do parágrafo anterior.
En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos dous últimos anos.
Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.
2. Non se concederán axudas a solicitantes en que concorra algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición para obter a condición de beneficiario sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e, en particular, aos solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.
3. No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, deberán acreditar que dispoñen dos contratos escritos establecidos no capítulo II do Real decreto 95/2019, do 1 de marzo, polo que se establecen as condicións de contratación no sector lácteo e se regula o recoñecemento das organizacións de produtores e das organizacións interprofesionais no sector, e polo que se modifican varios reais decretos de aplicación ao sector lácteo. Esta acreditación deberá facerse cando se solicite a axuda.
Así mesmo, as empresas lácteas que adquiran leite a terceiros deberán cumprir o prazo de pagamento establecido na disposición adicional primeira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais. Conforme iso, non se concederán nin se pagarán axudas a empresas lácteas que teñan pendentes de pagamento compras de leite nas cales xa se superase o prazo máximo establecido indicado.
Requisitos adicionais dos investimentos .
Para a concesión e/ou pagamento das axudas, os investimentos e instalacións deberán cumprir os seguintes requisitos adicionais:
1. Os investimentos e instalacións deben cumprir os seguintes requisitos en materia de ambiente:
a) No caso de proxectos de investimento relativos a instalacións xa existentes, o solicitante deberá acreditar que realizou a comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, presentando toda a documentación requirida, ou ben, no caso de instalacións anteriores á entrada en vigor da devandita lei, que dispón de licenza de actividade.
b) No caso de proxectos de investimento que requiran unha avaliación do impacto ambiental conforme o establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, o solicitante deberá acreditar a súa dispoñibilidade e sentido favorable cando solicite a axuda.
Para eses efectos, todas as solicitudes referentes a proxectos incluídos nalgún dos seguintes casos citados a seguir deberán incluír coa documentación da solicitude o informe favorable de avaliación ambiental ou ben un informe da autoridade competente que indique que non é necesario:
1º. Proxectos incluídos no anexo I ou anexo II da Lei 21/2013, ou que supoñan a modificación das características dun proxecto incluído nos referidos anexos.
2º. Proxectos que poidan afectar, directa ou indirectamente, espazos protexidos da Rede Natura 2000.
c) No caso de novas industrias, así como en investimentos que precisen polas súas características dispoñer ou actualizar a autorización ambiental integrada regulada polo Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, ou a declaración de incidencia ambiental regulada pola Lei 9/2013, deberán acreditar a súa dispoñibilidade e, de ser o caso, o cumprimento das condicións que esta estableza relativas aos investimentos afectados. O prazo máximo para a presentación desta acreditación será o establecido nesta orde para tramitación do pagamento.
2. Os investimentos e instalacións deben cumprir os seguintes requisitos, de ser o caso, en materia de sanidade e benestar animal:
a) No caso de investimentos relativos a instalacións xa existentes, deberá acreditarse coa solicitude de axuda que as referidas instalacións dispoñen de rexistro sanitario e que cumpren, de ser de aplicación, a normativa de benestar animal, e a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.
b) Para o pagamento das axudas o beneficiario deberá acreditar, tras a execución dos investimentos, que dispón de rexistro sanitario actualizado ou vixente, así como, de ser de aplicación, que cumpre a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal. Esta acreditación non será exixida no caso de que os investimentos previstos, dadas as súas características, non supoñan unha alteración das actividades da empresa que afecten o rexistro sanitario vixente, ou alteren as condicións relativas ao benestar animal ou á elaboración de produtos para alimentación animal.
A resolución de concesión indicará, se for o caso e expresamente, as acreditacións referidas que será necesario presentar para o pagamento da axuda.
3. Non se concederán axudas a investimentos iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento a data en que se produza, en primeiro lugar, ben o inicio das obras de construción relativas aos investimentos ben o primeiro compromiso xuridicamente vinculante para realizar un pedido de equipamentos ou servizos ou calquera outro compromiso que faga irreversible o proxecto. A compra de terreos, así como os gastos sinalados no número 4.d) do artigo 3 desta orde non será considerado como inicio do investimento sempre que se iniciasen con posterioridade á aprobación do PDR de Galicia 2014-2020 pola Unión Europea Europea (Decisión de execución da Comisión C (2015 ) 8144 do 18 de novembro de 2015).
4. Para as axudas en forma de subvencións, os investimentos subvencionables deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade correspondente á convocatoria a que concorre a solicitude e será establecida en cada convocatoria anual.
No caso de proxectos que reciban apoio conxuntamente a través de garantías para préstamos e de subvención, os investimentos financiados co préstamo garantido deben finalizar no prazo establecido para a execución dos investimentos obxecto da subvención.
No caso de proxectos que reciban apoio exclusivamente a través de garantías para préstamos, os investimentos financiados co préstamo garantido poderán finalizar no prazo máximo de tres anos desde a data da resolución de recoñecemento de dereito ao préstamo.
5. En aplicación do artigo 48.2.e) do Regulamento de excución (UE) n° 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no referente ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, para as axudas en forma de subvención débese acreditar a moderación dos custos propostos.
Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentalas coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social ou epígrafe do imposto de actividades económicas no momento de emisión da oferta a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións. Tamén serán admisibles as ofertas de empresas con páxinas web en que figuren referencias ao material ou servizo ofertado.
b) Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.
c) Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos a súa marca, modelo así como características técnicas e, no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.
Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar a exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.
A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.
Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no cal se determine xustificadamente o seu valor de mercado.
Non se considerarán subvencionables os gastos para os cales non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados neste número.
Outros requisitos e condicións .
1. Para as axudas en forma de subvencións, se o solicitante esta sometido á normativa de contratación pública conforme o disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, deberá acreditar o seu cumprimento na execución dos investimentos subvencionados con anterioridade ao pagamento da axuda.
2. Para a concesión das axudas teranse en conta as restricións de produción e as limitacións de apoio comunitario que existan de acordo coas organizacións comúns de mercado da Unión Europea. Non se concederán axudas que contraveñan prohibicións ou restricións establecidas nelas.
3. A actividade ou actividades obxecto de axuda, así como os conceptos subvencionados, deberanse manter durante un período non inferior a cinco anos contados desde o momento do pagamento final da axuda ao beneficiario, conforme os criterios establecidos no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.
Así mesmo, no caso de empresas non pemes, o beneficiario deberá devolver a axuda se nos dez anos seguintes ao pagamento final da axuda a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión Europea.
4. Non se concederán axudas a investimentos en construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, nin aos seus investimentos relacionados, se non se acredita coa solicitude e nos prazos establecidos a dispoñibilidade da licenza de obras correspondente que lle permita iniciar as obras. Así mesmo, no caso de novas instalacións, deberase acreditar coa solicitude a dispoñibilidade do terreo ou recinto en que se van realizar os investimentos.
5. Non se concederá axuda a investimentos relativos a instalacións xa existentes que non estean inscritas no Rexistro de Industrias Agrarias.
6. Non se concederán nin pagarán axudas a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Facenda e Función Pública) e fronte á Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Facenda e Administración Pública).
7. No caso de solicitantes non pemes nos cales os produtos finais dos proxectos presentados non estean incluídos no anexo I do Tratado, deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos adicionais:
a) A axuda só se concederá para un investimento inicial en favor dunha nova actividade económica na zona de que se trate. Para estes efectos, considerarase como investimento inicial dunha nova actividade económica o investimento en activos relacionado coa creación dun novo establecemento, ou a diversificación da actividade dun establecemento, sempre que a nova actividade non sexa unha actividade idéntica ou similar á realizada anteriormente no establecemento. Tamén terá esa consideración a adquisición de activos (terreo e/ou edificacións) pertencentes a un establecemento que pechou ou que tería pechado se non tivese sido adquirido e que é comprado por un investidor non vinculado ao vendedor, sempre que a nova actividade que vaia realizarse utilizando os activos adquiridos non sexa a mesma actividade ou unha actividade similar á realizada no establecemento con anterioridade á adquisición.
Considerase a mesma actividade ou actividade similar unha actividade que entra na mesma categoría (código numérico de catro díxitos) da nomenclatura estatística de actividades económicas NACE Rev. 2, establecida no Regulamento (CE) 1893/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de decembro de 2006, polo que se establece a nomenclatura estatística de actividades económicas NACE Revisión 2 e polo que se modifica o Regulamento (CEE) nº 3037/90 do Consello e determinados regulamentos da CE sobre aspectos estatísticos específicos.
b) O beneficiario das axudas deberá achegar unha contribución financeira mínima do 25 % dos custos subvencionables ben a través dos seus propios recursos ben mediante financiamento externo exento de calquera tipo de axuda pública.
A onde acudir
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias
Servizo de Industrialización e Comercialización
Avenida do Camiño Francés, 10
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981540025
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña
Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Coruña
Vicente Ferrer, nº 2
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 981184530
Fax: 981184651
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo
Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria de Lugo
Ronda da Muralla, 70
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294517
Fax: 982294452
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Ourense
Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria de Ourense
R/ Florentino López Cuevillas, 4 - 6
32003 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386547
Fax: 988386566
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra
Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria de Pontevedra
Avenida Fernández Ladreda, nº 43 - 2º
36003 Pontevedra (Pontevedra)
Teléfono: 986805460
Fax: 986805485
Órgano responsable
Servizo de Industrialización e Comercialización
Normativa
Ámbito Autonómico
Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2022 (DOG nº 25 do 7 de febreiro de 2022).
Extracto da Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2022 (DOG nº 25 do 7 de febreiro de 2022).
Corrección de erros. Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2022 (DOG nº 37 do 23 de febreiro de 2022).
Orde do 27 de setembro de 2022 pola que se amplían o prazo de xustificación dos investimentos e a dotación orzamentaria establecidos na Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2022 (DOG nº 187 do 30 de setembro de 2022).
Extracto da Orde do 27 de setembro de 2022 pola que se amplían o prazo de xustificación dos investimentos e a dotación orzamentaria establecidos na Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2022 (DOG nº 187 do 30 de setembro de 2022).
Resolución do 11 de outubro de 2022 pola que se resolven as solicitudes de subvención convocadas pola Orde do 30 de decembro de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2022 (DOG nº 199 do 19 de outubro de 2022).
Prazo
Prazo de presentación: PECHADO
08/02/2022 00:00 - 30/03/2022 23:59
Prazos de presentacion de solicitudes:
08/02/2022 - 07/03/2022 (para subvencións)
08/02/2022 - 30/03/2022 (para garantias de préstamos)
O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes de préstamos garantidos desta convocatoria finalizará o día 30 de marzo de 2022.
Non obstante, no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional de tres meses para presentar a preceptiva licenza de obras. Así mesmo, no caso de proxectos de investimento incluídos nos supostos do número 1.b) do artigo 7 desta orde, relativos á declaración de impacto ambiental, o solicitante terá un prazo adicional de tres meses para presentar o informe favorable de avaliación ambiental ou ben o informe da autoridade competente que o exima da súa obtención.
Documentación para a presentación
Presentación de solicitudes e documentación necesaria para a tramitación do procedemento .
1. Nos termos previstos no artigo 14.2 da Lei 39/2015, as persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas.
No caso de persoas físicas incluídas no réxime especial de traballadores autónomos, a obriga de relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración fundaméntase no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
Tendo en conta o anterior, tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo, incluídos os requirimentos de emenda e as notificacións, faranse exclusivamente a través de medios electrónicos. Para eses efectos utilizarase o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo A1) a seguinte documentación:
a) Anexo A2: memoria, debidamente cuberto.
b) Estudio técnico co contido mínimo indicado no anexo A3.
c) Estudio económico co contido mínimo indicado no anexo A4.
d) Documentos acreditativos da personalidade do solicitante. Para iso, no caso de persoas xurídicas deberanse presentar as escrituras ou documento de constitución onde se recollan os estatutos ou regras fundacionais e debidamente inscritos no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados.
e) No caso de empresas xa existentes, balance e contas de resultados dos dous últimos anos se son sociedades. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.
f) No caso de investimentos que inclúan a construción de novas superficies cubertas: xustificación documental da dispoñibilidade da licenza de obras. Así mesmo, no caso de novas instalacións, deberase acreditar a dispoñibilidade do terreo ou recinto en que se van a realizar os investimentos identificable mediante a súa referencia catastral.
g) No caso de industrias xa existentes, rexistro sanitario e licenza de actividade do concello ou acreditación da presentación da comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia con toda a documentación requirida. No caso de matadoiros, mercados, e outras actividades relacionadas co manexo de gando vivo, deberase acreditar que se cumpren as normas mínimas relativas ao benestar animal mediante informe ou certificado actualizado expedido por autoridade competente. No caso de industrias de alimentación animal, deberase acreditar que se cumpre a normativa específica sobre elaboración dese tipo de produtos, mediante informe ou certificado actualizado expedido por autoridade competente.
h) No caso de proxectos incluídos no anexo I ou anexo II da Lei 21/2013, de avaliación ambiental, ou que supoñan a modificación das características dun proxecto incluído nos referidos anexos, así como cando se trate de proxectos que poidan afectar, directa ou indirectamente, espazos protexidos da Rede Natura 2000, o solicitante deberá presentar o informe favorable de avaliación do impacto ambiental ou un informe da autoridade competente en que se indique que o referido proxecto non a precisa.
i) No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, acreditación de que dispoñen dos contratos escritos establecidos no capítulo II do Real decreto 95/2019, do 1 de marzo, polo que se establecen as condicións de contratación no sector lácteo e se regula o recoñecemento das organizacións de produtores e das organizacións interprofesionais no sector, e polo que se modifican varios reais decretos de aplicación ao sector lácteo.
j) Documentación adicional específica para solicitudes de subvención:
1ª. Anexo A5: relación de ofertas solicitadas e elixidas.
2ª. Todas as ofertas solicitadas relativas aos investimentos que se vaian realizar e incluídas no anexo A5 desta orde.
3ª. No caso de facturar produtos amparados pola marca de garantía de leite «Galega 100 %» debe presentarse o contrato de licenza de uso, así como acreditación do importe facturado no último ano en produtos amparados nesa marca.
4ª. No caso de producir produtos amparados por unha denominación de calidade recoñecida, debe achegarse certificado do consello regulador correspondente sobre a produción amparada no último ano.
5ª. No caso de proxectos innovadores recoñecidos no marco da Asociación Europea para a Innovación, debe achegarse certificado acreditativo da unidade responsable correspondente.
6ª. No caso de proxectos procedentes de iniciativas de cooperación e desenvolvemento local apoiadas a través do artigo 35 do Regulamento (UE) nº 1305/2013, debe achegarse certificado acreditativo da unidade xestora correspondente.
7ª. No caso de solicitantes que sexan sociedades participadas maioritariamente (máis do 50 %) por produtores agrarios galegos, certificación do representante da empresa relativa ás materias primas que esta utiliza, que sexan producidos polas explotacións dos seus socios. Así mesmo, os socios deben acreditar a condición de produtor agrario galego mediante a declaración do IRPF do último ano, para o cal o se deberá dar o consentimento expreso para a consulta presentando o anexo A7 cuberto. No caso de non dar autorización, deberá achegarse o documento correspondente.
8ª. No caso de proxectos de reacondicionamento e modernización de instalacións deterioradas por desastres naturais, incendios e outras causas de forza maior, documentación acreditativa.
k) Documentación adicional específica para solicitudes de garantías para préstamos:
1ª. Ofertas ou facturas pro forma para cada un dos gastos incluídos nos investimentos.
2ª. Informe dunha entidade financeira adherida ao instrumento financeiro de xestión centralizada sobre a viablidade de tramitación bancaria da solcitude do préstamo previsto.
3ª. Autorización á SAECA para obter directamente por medios telemáticos a información que considere precisa para elaborar o informe de viabilidade crediticia, seguindo o modelo que figura como anexo A6 desta orde.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia
6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar despois da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
7. O prazo de presentación de solicitudes será o indicado en cada convocatoria.
8. As solicitudes de axuda presentadas deberán indicar a modalidade de axuda solicitada, que poderá ser unha subvención e/ou unha garantia para préstamo.
A solicitude dunha garantía para préstamos é compatible coa solicitude dunha subvención, nas condicións indicadas no artigo 24 e demais normativa de aplicación.
9. Os solicitantes de axuda soamente poderán presentar en cada convocatoria unha solicitude de axuda para todos os investimentos que vaian desenvolver nun mesmo centro de produción, considerando como tal o conxunto de instalacións localizadas nun mesmo recinto físico. Porén, no caso de investimentos nun mesmo centro de produción que afecten procesos produtivos en que existan liñas de produción diferenciadas para produtos finais do anexo I do Tratado e para fóra do anexo I, poderanse presentar dúas solicitudes diferenciadas polo tipo de produto final obtido, sempre que se cumpran todos os requisitos establecidos.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documentos acreditativos da personalidade da entidade ou da persoa solicitante, consistentes no NIF cando a solicitante sexa unha persoa xurídica e no DNI ou NIE no caso de persoa física.
b) Declaracións do IRPF (no caso de persoas físicas) dos 2 últimos anos.
c) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
d) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.
e) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública).
f) Comprobación de que o solicitante non ten concedidas outras axudas incompatibles.
g) Comprobación de que o solicitante non está inhabilitado para obter axudas públicas.
h) Declaracións do IRPF do último ano dos socios de sociedades solicitantes de axuda que declaren estar participadas maioritariamente (máis do 50 %) por produtores agrarios galegos.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Anexos asociados
Como podo?
+Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .hexhash, .inp, .jpg, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .tgd, .kmz, .kml e .gpx
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Resolución
Prazo de resolución:
Seis meses
Sentido do silencio:
Negativo
Anexos asociados
- Fase de xustificación
- Declaración sobre financiamento dos gastos efectuados (Anexo B2)
Como podo?
+Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"