Guía de procedementos e servizos

MR321A

Subvencións para as organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 21/11/2019 00:00 - 20/12/2019 23:59

Consellería do Medio Rural

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, para a realización de actividades de interese agrario (código de procedemento administrativo MR321A), e convocalas para o exercicio orzamentario 2019.

A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é a realización de actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias legalmente constituídas e con implantación en Galicia, e dos agricultores galegos en xeral.

Actividades subvencionables.

1. Serán obxecto de subvención os custos derivados das seguintes actividades realizadas ao longo do ano 2019:

a) Funcións e actuacións que lles son propias conforme a normativa legal.

b) Funcións ordinarias de xestión interna das organizacións profesionais agrarias e das asociacións de interese agrario.

c) Representación perante as institucións.

d) Participación nos órganos colexiados, comisións, mesas sectoriais que, para a defensa dos intereses dos seus representantes, foron constituídos pola Administración galega.

e) Formación dos asociados e dos seus familiares en actividades agrarias ou no sector agroalimentario.

f) Impulso do asociacionismo agrario.

2. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O IVE será subvencionable se concorren as circunstancias previstas no artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderán ser beneficiarias das axudas que se regulan nesta orde as seguintes entidades:

1. As organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas en Galicia que concorreron ás eleccións ás cámaras agrarias que tiveron lugar o 26 de maio de 2002, segundo o recollido na disposición transitoria única da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

2. Asociacións agrarias, con ámbito de actuación provincial ou autonómico, legalmente constituídas de acordo coa Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, con código de actividade 811, Agricultura, gandaría, silvicultura, caza, pesca, de acordo co Real decreto 949/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias

Rúa dos Irmandiños, s/n - Salgueiriños

15701  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981540053

Fax: 981546842

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Prazo de presentación: PECHADO

21/11/2019 00:00 - 20/12/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Cumprir os requisitos establecidos nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As asociacións agrarias non poderán ter ningunha relación de dependencia ou vínculo empresarial entre elas ou con algunha das organizacións profesionais agrarias solicitantes.

3. As asociacións agrarias deberán cumprir, polo menos, dúas das seguintes condicións:

a) Ter representación da parte produtora e non asociada a cooperativas nas eleccións para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario, convocadas pola Orde do 3 de abril de 2017 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario.

b) Estar inscrita no Rexistro de Entidades con Servizos de Aconsellamento ou Xestión de Galicia.

c) Ser unha entidade colaboradora da política agrícola común (PAC) e ter tramitado polo menos o 1 % das solicitudes únicas da PAC 2019.

d) Ser unha entidade colaboradora da Consellería do Medio Rural para prestar servizos de formación agroforestal durante o ano 2019.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento:

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se for o caso).

b) Copia dos estatutos da entidade.

c) Memoria de actuacións indicando as actividades realizadas e os resultados obtidos.

d) Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

i. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, se é o caso, data de pagamento.

ii. As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento. Considéranse documentos xustificativos do pago das facturas os seguintes:

• Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

• Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

• No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto deste.

• No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e xuntarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

• No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

• No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

• Non se admitirán en ningún caso como xustificantes os documentos acreditativos obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

iii. Certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, no caso de adquisición de bens inmobles.

iv. Os documentos acreditativos dos gastos de persoal realizados con medios ou recursos propios (nóminas e xustificante bancario do pagamento desas nóminas).

v. Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Estar ao día no pagamento coa Atriga.

g) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Concesión doutras subvencións.

i) Informe de vida laboral da empresa.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución: Antes do 31 de decembro de 2019

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 8 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a realización de actividades de interese agrario e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 221 do 20 de novembro de 2019).

    • Extracto da Orde do 8 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a realización de actividades de interese agrario e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 221 do 20 de novembro de 2019)

Outros procedementos relacionados

MR324A

Rexistro de sociedades agrarias de transformación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR347A

Incrición no rexistro de entidades con servizos de aconsellamento ou xestión de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR348A

Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR505A

Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano