Guía de procedementos e servizos

IN848F

Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia (Bonos de Innovación).

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 10/02/2023 00:00 - 10/04/2023 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas galegas (pemes), destinadas ao financiamento de bonos de innovación, código de procedemento IN848F. Nesas axudas diferéncianse tres tipos de bonos que se agrupan nas seguintes liñas:

Liña 1. Bonos para servizos de apoio á innovación, para o financiamento das actividades destinadas á protección da innovación, xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, así como accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos.

Liña 2. Bonos para xestión do financiamento da innovación, para a subvención dos custos de actividades de xestión contratadas cos axentes da innovación, encamiñadas a:

Tipo A.Tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións na Seguridade Social de persoal investigador.

Tipo B. Tramitación de novas solicitudes de financiamento a propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas ou internacionais.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2023, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. As axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE núm. 187, do 26.6.2014).

Actividades que se subvencionan.

1. Serán subvencionables os custos de contratación de servizos externos efectuados desde a data de presentación da solicitude e ata o 6 de outubro de 2023.

2. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador. O comezo do plan de innovación terá como data mínima de inicio a data de solicitude, polo que calquera actividade ou investimento terá que ser executado con posterioridade á solicitude.

3. As actuacións deberán enmarcarse nalgún dos ámbitos de prioridade da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027 recollidos no anexo VII desta convocatoria.

4. Para a liña 1, bonos para servizos de apoio á innovación, as actividades que se subvencionan serán as que reúnan, necesariamente, as seguintes características.

a) Constituirán unha ou máis actividades que estarán incluídas nunha memoria descritiva (anexo III) que se presentará xunto coa solicitude, que respondan a necesidades xustificadas e cun impacto contrastable na empresa, que permitan consolidar e/ou incrementar as capacidades tecnolóxicas e de impulso da I+D+i da empresa.

b) O orzamento subvencionable será dun mínimo de 15.000,00 € e dun máximo de 50.000,00 €.

A presentación dunha proposta cun orzamento fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.

c) As actividades realizaranse mediante a contratación de servizos de apoio á innovación de entre as seguintes tipoloxías:

I. Custos da protección do coñecemento da innovación industrial nas empresas, referidos aos activos intanxibles da empresa, incluíndo a xestión da tramitación de novas patentes, modelos de utilidade e os dereitos de propiedade intelectual tanto en España coma internacionalmente, excluíndo o mantemento ou ampliación das existentes.

II. Custos de mellora na xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, incluíndo entre estes:

1. Implantación de sistemas de xestión e organización da innovación, nos cales se inclúen: certificacións da especificación EA0047, Requisitos para a consideración como pequena ou mediana empresa innovadora; EA0043, Requisitos da xove empresa innovadora, e as incluídas na serie de normas UNE 166.002, dedicadas a apoiar a optimización da Xestión da I+D+i, e outras certificacións específicas para o desenvolvemento da investigación e innovación industrial, baixo a consideración discrecional da Axencia Galega de Innovación.

2. Estudos de vixilancia tecnolóxica e estado da arte, para dotarse de información da ciencia e tecnoloxía que permitan identificar oportunidades e tomar decisións para actuacións de I+D+i.

III. Custos das accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos, incluíndo:

1. Estudos de viabilidade tecnolóxica e industrial encamiñados ao desenvolvemento de novos produtos ou servizos, ou análise da mellora ou creación de novos procesos produtivos. Inclúe, entre outros, bancos de datos e bibliotecas, verificacións de parámetros, estudos de escalabilidade industrial, durabilidade, fiabilidade, etc.

2. Deseño de produtos e servizos, incluíndo a concepción e desenvolvemento de novos produtos ou servizos, incluídas experiencias, que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial. No caso de desenvolvemento de produtos, abranguerá desde a análise e conceptualización ata a definición técnica dos diferentes compoñentes, sistemas e mecanismos, modelaxe 3D e xeración de planos para produción, pero non se inclúe a fabricación de prototipos. Poderá incluír aspectos de ámbito estético e técnico, así como aspectos relacionados coa sustentabilidade para contribuír á transición ecolóxica. As entidades prestadoras destes servizos poderán pertencer ao mapa de provedores de deseño: https://mapadesenogalego.gal/gl

3. Accións para levar ao mercado ou implantar os resultados da actividade de I+D+ tales como: estudos de mercado, ensaios, validacións e testaxes de produtos ou servizos.

d) No relativo a novos procesos ou servizos baseados en tecnoloxías dixitais, unicamente se admitirán aquelas solucións innovadoras baseadas en (i) interconexión do mundo físico e virtual a través de realidade aumentada, a impresión 3D, a automatización avanzada e robótica, así como a internet das cousas ou sistemas intelixentes embebidos; (ii) sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas a través do tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares), e (iii) ciberseguridade. En calquera caso, a empresa deberá expoñer na memoria os elementos innovadores dos ditos procesos e servizos que porá en marcha baseados nestas tecnoloxías facilitadoras, e non son subvencionables actuacións de mera implantación.

e) Non serán subvencionables os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, que non supoñan unha actividade de innovación.

Exclúense as actividades destinadas a:

I. Desenvolver accións que se financien pola liña 2 desta convocatoria.

II. Fabricación ou produción de prototipos.

IV. Implantación de certificados de calidade, ambiente, boas prácticas ou similares.

V. Análise, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes.

VI. Calquera tipo de acción formativa.

VII. Asesoramento e asistencia técnica en materia xurídica, servizos de publicidade, comunicación e comercialización, salvo os asesoramentos xurídicos e estudos de mercado relativos ás actividades do punto 1, letra c).

VIII. Accións de implantación de solucións dixitais na empresa que non supoñan innovacións en servizos, procesos e organización, como melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación, os desenvolvementos ofimáticos (ERP, CRM, páxinas web, plataformas de comercio electrónico, xestións de redes, clientes, intelixencia e análise de negocios), e ferramentas de oficina virtual, financeiras ou contables e calquera outra aplicación asimilable ás anteditas.

IX. Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.

X. Arrendamento de equipamentos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías da información ou das comunicacións.

5. Liña 2, bonos para a xestión do financiamento da innovación. Establécense dúas tipoloxías diferentes:

a) Tipo A. Contratación dos servizos de apoio para a tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións da Seguridade Social de persoal investigador, que conduzan á obtención da cualificación fiscal vía informe motivado vinculante correspondente ao exercicio fiscal 2022. Cun límite da axuda de ata 5.000,00 €.

No caso de deducións fiscais por I+D+i, unicamente serán subvencionable as actuacións relativas a proxectos que se tramiten a través da obtención do certificado (informe técnico e económico) emitido por unha entidade de certificación acreditada pola ENAC requirido para a solicitude do informe motivado tipo a (en diante, informe motivado expost), de conformidade co artigo 2 do Real decreto 1432/2003, do 21 de novembro, polo que se regula a emisión polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía de informes motivados.

No caso de bonificacións de persoal investigador, soamente serán subvencionables as actuacións das empresas que apliquen bonificación nas cotas de dez ou máis investigadores de conformidade co artigo 8.1 do Real decreto 475/2014, do 13 de xuño, sobre bonificacións na cotización á Seguridade Social do persoal investigador. Conforme este, a empresa deberá obter un certificado (informe de cualificación de persoal investigador) a través dunha entidade de certificación acreditada pola ENAC para a solicitude do informe motivado tipo d), de conformidade co artigo 2 do Real decreto 1432/2003, do 21 de novembro, polo que se regula a emisión polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía de informes motivados.

Será preciso acreditar a obtención dos informes de cualificación da entidade acreditada pola ENAC no momento de xustificación do bono.

b) Tipo B. Contratación de servizos para a tramitación de novas solicitudes de financiamento a propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas ou internacionais. Cun límite da axuda de ata 5.000,00 €.

A tramitación da solicitude de axuda a calquera convocatoria deberá estar presentada no período elixible de gastos e a súa acreditación farase a través do rexistro de entrada do organismo que proceda no momento de xustificación do bono.

Cando a axuda solicitada sexa para convocatorias de subvencións a proxectos de colaboración, non poderá haber máis de dous beneficiarios deste bono para un mesmo proxecto.

As propostas presentadas deberán ter previsto a realización de actividades de I+D+i exclusivamente en Galicia por parte da entidade solicitante.

Conceptos de gasto que se subvencionan.

1. Os gastos que se subvencionan deberán respectar o establecido nesta convocatoria e serán exclusivamente custos directos. Estarán directa e inequivocamente relacionados coas accións que se subvencionan e cuxo nexo poida demostrarse.

2. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados nos períodos temporais establecidos para cada unha das liñas de axuda. A contratación e prestación do servizo subvencionado terá que facerse no antedito período temporal segundo o artigo 25.1.

3. Os conceptos de gasto agruparanse por liña do seguinte modo:

a) Liña 1:

i. Custos da protección do coñecemento da innovación industrial nas empresas.

ii. Custos de xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica.

iii. Custos das accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos.

b) Liña 2:

i. Tipo A, custos da tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións de persoal investigador. Serán custos subvencionables tanto os relativos á entidade certificadora acreditada pola ENAC, como os relativos a servizos de consultoría ou profesionais, de ser o caso, necesarios para a tramitación do informe certificado coma a solicitude do informe motivado relativo a estes.

ii. Tipo B, custos da tramitación de novas solicitudes de propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas e internacionais. Serán subvencionables os custos por parte de profesionais dos ámbitos de consultoría e estratexia de innovación que elaboren a documentación e tramitación destas actuacións unicamente no referente á solicitude das ditas axudas, e non inclúen a xestión posterior en caso de aprobación ou negociación co organismo ao cal se presentou a solicitude.

4. De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto que se subvenciona iguale ou supere a contía de 15.000 euros, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

Estas excepcións deberán xustificarse expresamente. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE.

6. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades, ou a prestación de servizos que se subvencionan con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial co beneficiario, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial participan como entidades contratadas, como provedores, provedores de servizos ou dalgunha outra forma, a súa actividade non será subvencionable.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non alcanzaren a valoración suficiente.

Poderán ser beneficiarias desta axuda as microempresas, pequenas e medianas empresas, así como as entidades do terceiro sector de acción social, conforme as definicións contidas no artigo 2, validamente constituídas no momento da presentación da solicitude, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales solicitan a axuda. 

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Área de Servizos

Rúa Airas Nunes, s/n

15702  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957008/ 981957017/ 981541079

Fax: 981957007

Email: servizos.gain@xunta.gal

http://gain.xunta.gal

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Prazo de presentación: PECHADO

10/02/2023 00:00 - 10/04/2023 23:59

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Os beneficiarios das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme ao disposto no artigo 20 desta convocatoria.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación destas bases reguladoras.

Documentación complementaria.

1. As entidades solicitantes deberán achegar, xunto co formulario de solicitude, a seguinte documentación:

a) Nota simple ou certificación do Rexistro Mercantil actualizadas, en que se especifique a data de constitución, o obxecto social, capital, sede social e clasificación CNAE.

b) No caso de que o asinante da solicitude non actúe como administrador único para a representación da entidade, deberá achegar documento acreditativo do poder de representación con validez xurídica (escrituras, poder verificado na súa suficiencia, entre outros).

c) Declaración completa do imposto de sociedades do último exercicio pechado, modelo 200 da Axencia Tributaria Estatal. No caso de non ter antigüidade suficiente para ter obriga de presentar o modelo 200, achegarase declaración responsable conforme non se pechou o exercicio fiscal e obriga de presentar o imposto de sociedades.

d) No caso de non ter traballadores dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social, achegarase documento acreditativo emitido pola Seguridade Social e declaración responsable do representante legal da entidade de non ter traballadores.

e) Anexo V, declaración da condición de peme.

No caso de pemes vinculadas, asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, de 2014, deberanse achegar os anexos V-A, V-B, V-A.1 ou V-B.1, segundo corresponda.

Tamén, como documentación complementaria, se deberá achegar, para cada unha das empresas vinculadas ou asociadas, a documentación das letras a), b), d) e f) deste artigo.

f) Deberase presentar a documentación acreditativa de aqueles criterios de avaliación que se detallan no artigo 18 desta convocatoria que sexan de aplicación. Estes documentos acreditativos non serán emendables, polo tanto, a non presentación dos ditos documentos na presentación da solicitude implicará a non puntuación nos ditos criterios. Os criterios e documentos son os seguintes:

i. Plan de igualdade: será preciso presentar o rexistro do plan de igualdade ou certificado da oficina de rexistro conforme se cumpre a súa inscrición.

ii. Compromiso coa sustentabilidade ambiental: será preciso a presentación de certificación en vigor de xestión ambiental (ISO 14001, Emas ...), de xestión enerxética (ISO 50001, outras), certificacións MSC, FSC, SAN, Fairtrade ... ou documento acreditativo de entidade recoñecida nestes ámbitos. Non serán válidos rexistros electrónicos nin correos electrónicos, ou outro documento non verificable.

iii. Responsabilidade social empresarial: será preciso a presentación de certificación en vigor da norma OSHAS 18001 ou ISO45001, SA8000, ISO26000, ...

g) Para as empresas que soliciten axudas por importe superior a 30.000 €, declaración responsable do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

2. Ademais, deberase achegar, segundo o tipo de bonos:

a) Liña 1:

i. Memoria descritiva da empresa, segundo as especificacións do anexo II.

ii. Memoria descritiva das actuacións que se van levar a cabo, segundo o anexo III.

b) Liña 2:

i. Memoria descritiva da empresa, segundo as especificacións do anexo II.

ii. Cadro resumo das actuacións que se van levar a cabo na liña 2A, segundo o anexo IV.

iii. Cadro resumo das accións que se van levar a cabo na liña 2B, segundo o anexo IV.

3. A falla de presentación da memoria dentro do período de admisión de solicitudes non se considera emendable e acordarase de oficio a inadmisión da solicitude. Do mesmo xeito, non se admitirán melloras, adicións ou substitucións das memorias con posterioridade ao vencemento do prazo máximo para a presentación de solicitude, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Concesións de subvencións e axudas.

j) Imposto de actividades económicas (IAE).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos que correspondan.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trar a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 18 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e seprocede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 28 do 9 de febreiro de 2023).

    • Extracto da Resolución do 18 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e seprocede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 28 do 9 de febreiro de 2023).

    • Resolución do 2 de agosto de 2023 de incremento do crédito previsto na Resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 152 do 10 de agosto de 2023).

    • Resolución do 7 de agosto de 2023 pola que se adxudican as axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas de Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, convocadas pola Resolución do 18 de xaneiro de 2023 (DOG nº 156 do 18 de agosto de 2023).

    • Resolución do 21 de agosto de 2023 pola que se adxudican as axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas de Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, convocadas pola Resolución desta axencia do 18 de xaneiro do ano 2023 (DOG nº 163 do 29 de agosto de 2023).

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN608B

Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR560B

Inscrición no rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR485A

Inscrición no rexistro de plans de autoprotección da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aberto todo o ano