Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN848E
Axudas á incorporación do deseño en pemes como ferramenta de innovación e sustentabilidade. Programa DeseñaPeme.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas, destinadas ao financiamento de proxectos de deseño, para a mellora das capacidades de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos e marcas e identidades corporativas, aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia (programa DeseñaPeme). Código de procedemento IN848E.
2. O seu obxectivo é incorporar o deseño estratéxico nas pemes beneficiarias, é dicir, os seus procesos e o pensamento creativo propio do deseño, na xestión do negocio. Esta convocatoria de axudas será unha ferramenta para facilitar o obxectivo de mellorar a posición das empresas, e fomentar entre elas a adopción do deseño no marco empresarial como un valor estratéxico, que proporciona innovación aos produtos e aos servizos, aos soportes en que estes se presentan ao mercado, e que contribúe a fixar unha imaxe das empresas diferenciada e moderna, nun contorno cada vez máis competitivo e globalizado.
Nestas axudas diferéncianse tres ámbitos do deseño segundo o tipo de proxecto que se vaia poñer en marcha nas empresas beneficiarias:
1.1. Deseño de produto.
1.2. Deseño de servizos/experiencias.
1.3. Deseño de marca e identidade corporativa.
As axudas relativas aos puntos 1.1 e 1.2 teñen como obxectivo que as pemes implanten un método para a xestión do deseño de novos produtos, servizos e experiencias como unha parte máis da xestión empresarial, co fin de garantir un maior grao de eficacia para as empresas na súa relación co mercado e dotar estas de maiores trazos de innovación, sustentabilidade, diferenciación e adaptación ao usuario.
A axuda relativa ao punto 1.3 ten como obxectivo que as pemes implanten o uso de metodoloxías que favorecen a xestión da identidade e as marcas das empresas, entre as cales o adecuado uso do deseño cobra importancia, debido a que contribúe a que o público obxectivo recoñeza adecuadamente as empresas, os seus valores e as súas estratexias de posicionamento e comunicación sobre as que a identidade corporativa e as marcas se constrúen.
No artigo 5 seguinte inclúese o detalle dos requisitos que deberán cumprir os proxectos en cada un dos ámbitos de deseño.
3. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2022 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN848E).
Actividades subvencionables.
1. Serán actividades subvencionables aquelas incluídas no Proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade, que deberá reunir, como mínimo, as seguintes características:
a) Introduciranse un conxunto de actividades que constitúan un conxunto completo e homoxéneo de fases que permita implementar ou incrementar as capacidades de deseño da empresa solicitante.
b) As fases, coas súas actividades correspondentes, incluídas no Proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade relativas a cada un dos ámbitos de deseño obxecto desta convocatoria, deben implicar o desenvolvemento das opcións desagregadas, tal e como se describe a continuación:
b.1) Deseño de produto.
Concepción e desenvolvemento de produtos, que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial. Os proxectos que se presenten nesta liña deberán expoñer o deseño ou redeseño dun só produto ou dunha soa gama concreta de produto.
Para isto, as actividades subvencionables de cada unha das fases do proxecto de deseño deberán incluír:
Fase I: análise, estratexia e conceptualización.
Esta fase ten como obxectivo a análise do contexto do proxecto, a definición de claves para o deseño e a materialización de solucións en forma de conceptos visuais. Esta fase deberá comprender, como mínimo, as seguintes actividades:
1.1. Análise da organización interna da empresa e do deseño das súas estratexias, posicionamentos e carteira de produtos, nos seguintes ámbitos:
Produto: produtos de referencia, produtos substitutivos, competencia, análise de valor.
Tecnolóxico: definición de condicionantes técnicos, funcionais e dimensionais.
Económico-produtivo: canal comercial, punto de venda, materiais e procesos. Custo obxectivo e investimentos.
Usuario-cliente: definición e priorización de targets, factores de valor, ergonomía aplicable e contorno de uso.
1.2. Briefing: resumo do posicionamento, insights e keys de deseño. Obxectivos e especificacións de deseño.
1.3. Conceptualización-brainstorming: conceptos e estilo do produto consonte solucións asociadas a obxectivos; presentación de conceptos de produto-estilo asociado a unha aproximación a custos e investimentos; selección final.
Fase II: deseño de detalle e desenvolvemento.
Esta fase ten como obxectivo definir integramente o deseño a partir do concepto seleccionado na fase I, así como da súa arquitectura xeral e despezamento, tanto desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo como económico. Esta fase deberá comprender como mínimo as seguintes actividades:
2.1. Deseño de detalle:
2.1.1. Deseño funcional e dimensional do produto: análise de todos os usos para garantir o correcto funcionamento e a interacción co usuario. Definición da arquitectura de produto e despezamento.
2.1.2. Selección de materiais, procesos e compoñentes.
2.1.3. Refinamento estético (axuste de proporcións e encontros entre os diferentes compoñentes).
2.1.4. Deseño de gráfica aplicada. Selección de acabados. Integración da marca.
2.2. Desenvolvemento:
2.2.1. Definición técnica dos diferentes compoñentes (adecuación a cada proceso produtivo e optimización da montaxe e transporte).
2.2.2. Desenvolvemento dos diferentes sistemas e mecanismos; modelado 3D das pezas e xeración de planos para produción.
Fase III: preindustrialización.
Esta fase ten como obxectivo integrar todas as melloras necesarias nas diferentes pezas e compoñentes do produto. Elaborarase o material necesario para a contratación de útiles ou moldes de fabricación e a produción dos diferentes compoñentes para a súa produción seriada.
Esta fase deberá comprender como mínimo as seguintes actividades:
3.1. Análise de secuencia de ensamblaxe e puntos críticos de axuste.
3.2. Deseño e modelado 3D de pezas para produción.
3.3. Solucións para mantemento e reparación.
3.4. Especificacións de montaxe.
Nos proxectos de deseño de produto que se presenten a esta convocatoria tamén se poderán recoller outras disciplinas do deseño que se interrelacionan para a consecución do resultado final do dito proxecto, que son as seguintes:
• Deseño circular: mediante esta liña de subvención, preténdese impulsar o deseño circular de cara a conseguir novos produtos sustentables. Esta convocatoria pretende poñer en marcha novas solucións sustentables para contribuír á transición ecolóxica mediante o deseño de novos produtos.
• Deseño dixital: os casos en que o deseño do produto supoña o desenvolvemento de deseños dixitais poderán ser incluídos como actividade subvencionable sempre que estean asociados ao novo produto.
• Deseño de identidade de produto: os proxectos poderán incluír elementos de identidade gráfica, envase, embalaxe e comunicación sempre que estean asociados ao novo produto.
b.2) Deseño de servizos e experiencias.
Concepción e desenvolvemento de servizos e experiencias, que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial.
Para iso, as actividades subvencionables de cada unha das fases do proxecto de deseño deberán incluír:
Fase I: análise, estratexia e conceptualización.
Análise da organización interna da empresa e do deseño das súas estratexias, posicionamentos e carteira de servizos e a súa interrelacción. Nesta fase analizarase o contexto do proxecto de deseño, estableceranse as claves do deseño e as solucións materializaranse en forma de concepto.
Fase II: deseño de detalle e desenvolvemento.
Procedementos para a execución do deseño do servizo seleccionado e prototipos do novo deseño, para iso compre definir integramente o deseño partindo do concepto seleccionado na fase I, así como a súa arquitectura xeral, desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo e económico.
Nos proxectos de deseño de servizos e experiencias que se presenten a esta convocatoria, tamén se poderán recoller outras disciplinas do deseño que se interrelacionan para a consecución do resultado final do dito proxecto, que son as seguintes:
• Deseño dixital: casos en que o deseño do servizo supoña o desenvolvemento de deseños dixitais poderán ser incluídos como actividade subvencionable sempre que estean asociados ao novo servizo.
• Deseño de identidade de servizo: os proxectos poderán incluír elementos de identidade gráfica e comunicación sempre que estean asociados ao novo servizo.
b.3) Deseño de marca e identidade corporativa.
Este ámbito do deseño ten como obxectivo formular a identidade corporativa e marca das empresas e a súa interrelación cos seus produtos e servizos e do deseño como parte significativa delas.
Para iso, as actividades subvencionables de cada unha das fases do proxecto de deseño deberán incluír:
Fase I: análise, estratexia e conceptualización.
1.1. Análise interna e externa.
Esta análise ten como obxectivo a valoración xeral da situación en canto á identidade da empresa, da súa marca ou marcas, os seus produtos, servizos e dos seus soportes e métodos de comunicación e a súa relación, así como a valoración de como todo iso é percibido polo usuario/cliente. Para iso realizarase unha análise en profundidade da:
– Estratexia da empresa; sector; posicionamento; unidades de negocio, segmentos de mercado; carteira de produtos e servizos.
– Estrutura de marcas, a forza e a potencialidade destas e públicos clave.
– Plans e actuacións internas e externas de comunicación, os elementos utilizados ou a través dos cales se proxecta a dita comunicación (oficinas, fachadas, rótulos, vehículos, catálogos, folletos, manuais técnicos, envases e envoltorios dos produtos, etiquetas, papelaría, internet, etc.), os procedementos de relación externa (protocolos de atención ao cliente e/ou servizo posvenda, relacións públicas).
1.2. Proposta de deseño conceptual da identidade corporativa.
Proposta de deseño de identidade coherente e realista para a empresa nos seus diferentes niveis (empresa, marca e produto/servizo) e elementos de actuación, que persiga a eficacia ante os seus diferentes públicos clave.
Fase II: deseño de detalle e desenvolvemento.
O prego de especificacións deberá incluír a definición do proxecto, os obxectivos de deseño, xunto coa información relevante para cada proxecto: valores que se van transmitir, que esperan e valoran os distintos públicos clave, as marcas existentes, os produtos, os elementos de comunicación, soportes e packaging utilizados; así como información sobre o mercado e sobre as restricións técnicas e de custo que resulten significativas.
O deseño gráfico, a identidade visual, o packaging, os soportes dixitais, etc. son unha parte relevante do branding que fai tanxible a súa estratexia para as persoas e para o mercado.
Potenciarase que os deseños desta identidade representen valores sustentables e innovadores asociados á empresa-marca e produto-servizo.
c) Deberá estar aliñado con algunha das prioridades da RIS3 para Galicia.
d) O orzamento subvencionable será dun mínimo de 10.000 € e dun máximo de 200.000 €.
A presentación dun proxecto de deseño para a innovación e a sustentabilidade cun orzamento fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
e) A súa duración mínima será de seis meses para un proxecto de deseño de marca e identidade corporativa, e dun ano para os deseños de produto e deseño de servizos e experiencias.
A data máxima estenderase ata o 30 de setembro de 2023 e a presentación dun proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade cunha duración fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
2. Só se financiarán proxectos de deseño desenvolvidos na Comunidade Autónoma galega.
3. O comezo do proxecto de deseño terá como data mínima de inicio a data de solicitude, polo que calquera actividade ou investimento terá que ser executado con posterioridade á solicitude. De non cumprirse esta condición, non poderá financiarse ningún gasto derivado do devandito proxecto.
As microempresas, pequenas e medianas empresas.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Área de Talento e Transferencia
R/ Airas Nunes, s/n (Conxo)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881999120/ 981957000
Email: programadeseno.gain@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
22/04/2022 00:00 - 23/05/2022 23:59
1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
2. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao día seguinte ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda.
2. Os beneficiarios das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no Documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 21 da presente resolución.
3. Non poderán adquirir a condición de beneficiarias destas axudas:
a) As pemes que xa resultasen beneficiarias dunha axuda do programa DeseñaPeme.
b) As pemes incluídas nalgunha das seguintes rúbricas da Clasificación nacional de actividades económicas-CNAE-2009:
• Sección J: información e comunicacións. Quedan excluídas como beneficiarias as empresas das divisións 61: telecomunicacións; 62: programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática, e 63: servizos de información.
c) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.
d) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.
e) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se creasen especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen a máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
f) As pemes en crise conforme a definición contida no artigo 2 desta convocatoria. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, e que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar a unha empresa en crise.
g) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
h) As pemes vinculadas ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial.
• Non poderán coexistir na mesma convocatoria solicitudes de entidades vinculadas (segundo se explicita no artigo 2) ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial, e considerarase soamente a que primeiro presente a solicitude.
Non poderán ser beneficiarias as empresas vinculadas ou do mesmo grupo empresarial doutras que fosen beneficiarias doutras convocatorias desta axuda e transcorresen menos de 2 anos desde a súa concesión.
Solicitudes.
As solicitudes presentaranse, obrigatoriamente, por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Memoria técnica do Proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade proposto, que incluirá a desagregación do seu orzamento, segundo o guión-modelo que se inclúe como anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.
A non presentación da memoria técnica será causa de inadmisión da solicitude.
b) Copia da escritura de constitución da entidade e as súas modificacións posteriores.
c) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil, en que se especifique a data de constitución, o obxecto social, capital, sede social e clasificación CNAE.
d) De ser o caso, poder de representación verificado.
e) Declaración completa do imposto de sociedades do último exercicio pechado, modelo 200 da Axencia Tributaria Estatal.
f) Informe do cadro de persoal medio anual emitido pola Seguridade Social.
No caso de non ter traballadores dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social, achegarase documento acreditativo emitido pola Seguridade Social e declaración responsable do representante legal da entidade de non ter traballadores.
g) No caso de pemes vinculadas, asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, deberá achegarse para cada unha das empresas vinculadas a documentación das alíneas b), c), e), f).
h) Copia da resolución de concesión de axudas para a mesma finalidade.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude (anexo I) deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Ademais, deberase presentar a documentación acreditativa daqueles criterios de avaliación que se detallan no artigo 19 desta Resolución.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) NIF da persoa ou entidade representante.
c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.
d) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.
e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria AEAT.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.
h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
i) Concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións documentadas necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, e que non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no punto 3 do artigo 2 desta convocatoria, para considerar unha empresa en crise.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Iniciación
- Memoria técnica do Proxecto de Deseño para a Innovación e Sustentabilidade proposto (Anexo II)
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ao deseño para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (programa DeseñaPeme) (DOG nº 76 do 21 de abril de 2022).
-
Extracto da Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ao deseño para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (programa DeseñaPeme) (DOG nº 76 do 21 de abril de 2022).
-
Resolución do 27 de setembro de 2022 pola que se modifican os prazos para a anualidade de 2022 establecidos no artigo 26 da Resolución do 5 de abril de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ao deseño para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (programa DeseñaPeme) (DOG nº 187 do 30 de setembro de 2022).
-
Resolución do 10 de outubro de 2022 pola que se adxudican as axudas ao deseño, para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3 (programa DeseñaPeme), convocadas pola Resolución do 5 de abril de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 76, do 21 de abril) (DOG nº 198 do 18 de outubro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00
Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.
Aberto todo o ano
Axudas para a consolidación e a estruturación das unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia.
Prazo aberto: 22/05/2025 00:00 - 23/06/2025 23:59
Inscrición no rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación.
Aberto todo o ano