Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN848D
Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia (Plans de Innovación).
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas galegas (pemes), destinadas ao financiamento das actividades integradas en plans de innovación que lles permitan o fortalecemento naquelas áreas que sexan relevantes para a sistematización e internacionalización dos procesos de innovación da empresa e estean aliñados cos retos da RIS3 para Galicia.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2022 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. As axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE núm. 187, do 26.6.2014).
Actividades que se subvencionan.
1. As actividades incluídas no plan de innovación que se subvencionan serán as que reúnan, necesariamente, as seguintes características.
a) Constituirán un conxunto completo e coherente de actividades, incluídas na memoria descritiva da solicitude, e que permitan implementar e/ou incrementar as capacidades innovadoras da empresa solicitante.
b) O orzamento subvencionable será dun mínimo de 80.000 euros e dun máximo de 200.000 euros.
A presentación dun plan de innovación cun orzamento fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
c) A súa duración mínima será dun ano e a máxima estenderase ata o 30 de setembro de 2023; a presentación dun plan de innovación cunha duración fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
d) As actividades que se subvencionan serán (a modo indicativo, achégase un catálogo de actividades no anexo I):
I. Actividades de innovación, destinadas principalmente a corrixir deficiencias de mercado relacionadas con externalidades positivas (desbordamento do coñecemento), deficiencias de coordinación e, en menor medida, información asimétrica; estas actividades comprenderán a obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, e a adquisición de servizos de asesoramento e apoio á innovación.
II. Actividades de innovación, destinadas á mellora de:
– procesos, mediante aplicación de métodos de produción ou loxística, novos ou mellorados de xeito significativo (que inclúa cambios substanciais en canto ás condicións tecnolóxicas, equipamentos ou implementación de novas solucións informáticas).
– e xestión innovadora empresarial, mediante a posta en funcionamento de novos métodos organizativos para a comercialización, a organización do centro e actividades do traballo ou as relacións exteriores da empresa.
Non se inclúen os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos, e o comercio de produtos novos ou mellorados de xeito significativo.
2. Soamente se financiarán as actividades desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega.
3. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador. O comezo do plan de innovación terá como data mínima de inicio a data de solicitude, polo que calquera actividade ou investimento terá que ser executado con posterioridade á solicitude.
Conceptos de gasto que se subvencionan.
1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento dos obxectivos de innovación para os cales foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos que se subvencionan poderá ser superior ao valor de mercado.
2. Para a anualidade de 2022, só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e o 30 de setembro de 2022. Para a anualidade 2023, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023.
3. Os gastos que se subvencionan deberán respectar o disposto nesta convocatoria, na normativa aplicable e na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 (e modificacións posteriores) e serán exclusivamente custos directos, entendendo como tales aqueles que estean directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade se pode demostrar.
Consideraranse custos directos que se subvencionan os seguintes:
I. Custos de obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, así como a obtención de certificacións: aceptaranse os custos derivados da obtención de certificacións de normas oficiais vinculadas aos obxectivos innovadores presentados na memoria técnica da solicitude, como, a modo indicativo, a especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como pequena ou mediana empresa innovadora», EA0043 »Requisitos da xove empresa innovadora» e as incluídas na serie de Normas UNE 166000 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i» e outras certificacións específicas que se consideren adecuadas para o desenvolvemento da actividade empresarial innovadora dentro do plan.
II. Custos de servizos de asesoramento en materia de innovación: consultoría, asistencia e capacitación nos ámbitos da transferencia de coñecemento, a adquisición, protección e explotación de activos inmateriais, e o uso de normas e regulamentos que os incorporan.
III. Custos de servizos de apoio en materia de innovación: accesos a bancos de datos, bibliotecas, estudo de investigación de mercados, laboratorios, etiquetaxe de calidade, ensaio e certificación, co fin de desenvolver produtos, procesos ou servizos máis eficaces.
IV. Custos de persoal, baixo as especificacións do artigo 9 desta convocatoria.
V. Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición e non adquirido con fondos ou axudas públicas: na medida en que se utilicen para as actividades solicitadas que se subvencionan.
Se o equipamento e material non se utiliza exclusivamente para as actividades do plan, ou por exceder a súa vida útil a duración deste, só serán imputables os custos de amortización que correspondan ao período que se subvenciona, calculados sobre a base das boas prácticas contables e a táboa de coeficientes de amortización lineal da Axencia Tributaria. Para que este custo sexa considerado como gasto, deberase detallar na solicitude o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización tendo en conta o tempo concreto de imputación ás actividades da memoria presentada.
Cando, polas súas características específicas, o equipamento ou material instrumental se dedica exclusivamente ás actividades do plan de innovación e a súa vida útil se esgota ao termo do período que se subvenciona, considerarase como gasto o custo de adquisición. Neste caso, deberanse xustificar na solicitude esta condición e a vida útil deste equipamento.
A instalación do equipamento ou material instrumental, sempre e cando sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento, poderase incluír no custo amortizable.
Inclúense neste concepto de gasto as licenzas e renovacións de licenzas de software se son de uso específico para as actividades de I+D+i e non de uso xeral e coherentes cos obxectivos presentados na memoria técnica.
Nesta epígrafe están excluídos os seguintes gastos:
▪ Instalacións de edificios e obra civil (electricidade, climatización, redes de telecomunicacións...).
▪ Equipamento para espazos ou usos alleos ás actividades de I+D+i: zonas de administración ou xestión, salas de reunións, despachos, mobiliario de oficina...
▪ Melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación; os desenvolvementos ofimáticos (ERP, páxinas web, plataformas de comercio electrónico...), financeiros ou contables;
▪ Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información;
▪ Arrendamento de equipamentos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías da información ou das comunicacións.
VI. Custos de adquisición de licenzas de propiedade industrial: as licenzas deberán ser adquiridas ou obtidas de fontes externas, sempre e cando a operación se realice en condicións de plena competencia e sen elemento ningún de colusión.
VII. Custos de material, subministracións e produtos similares, que deriven directamente do desenvolvemento das actividades especificadas na memoria presentada na solicitude.
Os custos de material de oficina e consumibles informáticos no se financiarán neste concepto.
Este custo non poderá superar o límite do 20 % do custo total do investimento.
VIII. Subcontratacións: aquelas actuacións contratadas con terceiros que supoñan a execución dunha parte das actividades incluídas no plan de innovación que constitúe o obxecto da subvención.
En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades, ou prestación de servizos ou subministracións subvencionadas con:
a. Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b. Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.
c. Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.
d. Persoas ou entidades vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial que o beneficiario, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial participan como entidades subcontratadas, como provedores, prestadores de servizos ou dalgunha outra forma, a súa actividade non será subvencionable.
e. Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non acadaren a valoración suficiente.
4. No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso, deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE.
En ningún caso serán subvencionables as actuacións ou actividades habituais da empresa, nin a modificación ou adaptación de produtos ou servizos existentes, de procesos produtivos ou de procesos en materia de organización, que non supoñan unha innovación.
En concreto, exclúense os custos derivados:
• Do cumprimento da normativa obrigatoria.
• Da implantación de certificados de calidade, ambiente, boas prácticas e similares de tipo xeral e non relacionados coas accións de innovación presentadas na memoria técnica que se presentou na solicitude.
• Das análises, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes non vinculados ás accións de innovación que figuran na memoria técnica que se presentou na solicitude.
• Da formación de carácter xeral, técnica ou científica, aínda que sexa necesaria para a introdución dun novo produto, proceso ou servizo diferenciador.
As microempresas, pequenas e medianas empresas.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axencia Galega de Innovación (GAIN)
R/ Airas Nunes, s/n (Conxo)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957017/ 981541079/ 981957393
Fax: 981957007
Email: servizos.gain@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
19/04/2022 00:00 - 19/05/2022 23:59
1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
2. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderáse que o prazo expira o derradeiro día do mes.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda.
2. Os beneficiarios das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 23 desta resolución.
Solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo III) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. Para a tramitación do procedemento é necesario achegar, xunto co formulario de solicitude (anexo III), a seguinte documentación:
a) Memoria técnica do plan de innovación proposto, cuxo contido se indica no anexo IV, e que inclúe o seu orzamento e actividades que se van desenvolver xunto con outros datos detallados. Este anexo editable estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).
A non presentación da memoria técnica será causa de inadmisión da solicitude.
b) Copia do informe de benchmarking de innovación Innobench, que se poderá obter na ligazón http://www.zfv.es/innobench/ e que servirá de referencia para a avaliación da idoneidade do plan.
c) Copia da escritura de constitución da entidade e as súas modificacións posteriores.
d) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil, na cal se especifiquen a data de constitución, o obxecto social, capital, sede social e clasificación CNAE...
e) De ser o caso, poder de representación bastante.
f) Declaración completa do imposto de sociedades do último exercicio pechado, modelo 200 da Axencia Tributaria Estatal.
g) Informe do cadro de persoal medio anual, emitido pola Seguridade Social, do ano 2021.
No caso de non ter traballadores dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social, achegarase documento acreditativo emitido pola Seguridade Social e declaración responsable do representante legal da entidade de non ter traballadores.
h) Anexo V, declaración da condición de peme.
No caso de pemes vinculadas, asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, deberanse achegar os anexos V-A, V-B, V-A.1 ou V-B.1, segundo corresponda.
Tamén, como documentación complementaria, se deberá achegar para cada unha das empresas vinculadas ou asociadas a documentación das alíneas c), d), f), g) deste artigo.
i) Deberase presentar a documentación acreditativa daqueles criterios de avaliación que se detallan no artigo 21 desta convocatoria, de ser o caso.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderaselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.
e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
f) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento á Consellería de Facenda.
h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
i) Concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos que correspondan.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Iniciación
- DECLARACIÓN DA CONDICIÓN DE PEME – EMPRESA ASOCIADA (Anexo V-A)
- DECLARACIÓN DA CONDICIÓN DE PEME – EMPRESA VINCULADA (Anexo V-B)
- DECLARACIÓN DA CONDICIÓN DE PEME – FICHA DE ASOCIACIÓN (Anexo V-A.1)
- Declaración da condición de peme (Anexo V)
- DECLARACIÓN DA CONDICIÓN DE PEME – FICHA DE VINCULACIÓN (Anexo V-B.1)
- Solicitude (Anexo III)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 4 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación, cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 73 do 18 de abril de 2022).
-
Extracto da Resolución do 4 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación, cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 73 do 18 de abril de 2022).
-
Resolución do 8 de agosto de 2022 pola que se adxudican as axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia (programa Innova peme), a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación, cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, convocadas pola Resolución do 4 de abril de 2022 (DOG nº 171 do 8 de setembro de 2022).
-
Corrección de erros. Resolución do 8 de agosto de 2022 pola que se adxudican as axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia (programa Innova Peme), a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación, cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, convocadas pola Resolución do 4 de abril de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 73, do 18 de abril) (DOG nº 200 do 20 de outubro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00
Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.
Aberto todo o ano
Axudas para a consolidación e a estruturación das unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia.
Prazo aberto: 22/05/2025 00:00 - 23/06/2025 23:59
Inscrición no rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación.
Aberto todo o ano