Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN606D
Axudas doutoramento industrial
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
A convocatoria das axudas para o desenvolvemento de proxectos de doutoramento industrial, Programa Doutoramento Industrial, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.
Poderán ser beneficiarias de estas axudas:
a) As empresas e os centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade Autónoma que estean validamente constituídos, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia e conten cun ano de antigüidade mínima no momento da presentación da solicitude de axuda que desexen contratar investigadores ou investigadoras predoutorais para realizar un proxecto de doutoramento industrial en colaboración cunha universidade do SUG que lles sirva como traballo de tese de doutoramento e sexa do seu interese.
b) As universidades públicas do SUG que desexen participar na execución dun proxecto de doutoramento industrial que se desenvolva en colaboración cunha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía con domicilio social ou centro de traballo en Galicia e asumir a dirección dunha tese de doutoramento asociada.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Rúa Airas Nunes, s/n
15706 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957000
Email: centros.gain@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
19/07/2025 00:00 - 18/08/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
1. As empresas e centros de innovación e tecnoloxía beneficiarios deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Propoñer un proxecto de doutoramento industrial para desenvolver.
b) Propoñer unha persoa candidata para desenvolver a tese asociada ao proxecto de doutoramento industrial.
c) Designar un responsable da supervisión da tese no marco da empresa e da realización do proxecto de doutoramento industrial correspondente. Por acordo entre as partes, este responsable poderá actuar como persoa directora adicional da tese no caso de cumprir os requirimentos establecidos pola normativa de doutoramento correspondente da universidade colaboradora e acordo expreso entre as partes.
d) Proporcionar á persoa doutoranda contratada o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipos que resulten necesarios para o normal desenvolvemento da súa actividade.
e) Apoiar e facilitar a formación da persoa doutoranda contratada, garantindo o cumprimento de todas as actividades formativas exixidas polo programa Doutoramentos industriais.
f) Facilitar a información e a formación necesarias en materia de prevención de riscos laborais para garantir a seguridade no traballo desenvolvido dentro das instalacións da empresa.
g) Facilitar as accións de mobilidade (asistencia a congresos, seminarios, estadía nunha sede internacional da empresa ou grupo de investigación internacional) que a persoa doutoranda realice ao longo do seu proxecto e que sexan preceptivos segundo a convocatoria do programa Doutoramentos industriais en vigor.
h) Visar e validar a memoria xustificativa do proxecto que realice a persoa doutoranda.
i) Ter solvencia económica e financeira. A ratio de solvencia definida no artigo 2.12 deberá ser igual ou maior que 1. As entidades de recente creación deberán achegar a documentación que permita calcular a ratio de solvencia ao peche do prazo de presentación de solicitudes.
2. As universidades do SUG beneficiarias deberán asumir os seguintes requisitos e obrigas:
a) Designar a persoa directora académica da tese no marco do programa Doutoramentos industriais correspondente, que deberá ser asignado pola Comisión Académica do programa Doutoramentos industriais cando o alumno ou a alumna se matricule, no caso de non estar matriculado.
b) Validar a proposta de proxecto de doutoramento industrial.
c) Proporcionar á persoa doutoranda o apoio necesario e facilitarlle os medios ou equipos que sexan necesarios para o desempeño normal da súa actividade.
d) Supervisar con regularidade o desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial, velando polo cumprimento das obrigas recollidas no compromiso documental de supervisión, e pola calidade da tese de doutoramento.
e) Facilitar á persoa doutoranda a realización da formación adicional e a participación na formación que organice a propia entidade.
3. A persoa directora e o responsable empresarial propostos para a dirección da tese e do proxecto deberán ter vinculación laboral coa súa institución durante todo o tempo que dure o doutoramento industrial.
4. As persoas candidatas aos contratos de doutoramento industrial deben reunir os seguintes requisitos:
a) Ter nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Non obstante, as persoas non comunitarias poderán ser candidatas á axuda, aínda que para formalizar o contrato deberán contar cos permisos necesarios de permanencia no país. O número máximo de axudas que se poden conceder a cidadáns non comunitarios é de unha (1).
b) Estar matriculadas, admitidas ou en disposición de cumprir os requisitos para matricularse a tempo completo nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do SUG, de acordo coa ordenación académica aplicable no curso 2024/25 ou 2025/26. As persoas non matriculadas no momento da resolución da convocatoria deberán inscribirse nun programa oficial de doutoramento no curso académico 2025/26 no primeiro prazo de matrícula dispoñible.
c) Que a data de finalización dos estudos de grao ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2021. Enténdese como data de finalización destes estudos a de superación da última materia para completalos. A data de finalización dos estudos poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2018 nos seguintes casos:
1º. As persoas que na data de peche do prazo de presentación de solicitudes estean en posesión do título oficial dalgunha das especialidades recollidas no Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde e se desenvolven determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada.
2º. As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de 6 anos entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2020.
3º. As persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %.
4º. As persoas que acrediten fidedignamente que interromperon os estudos por causa dunha enfermidade grave ou que se dedicaron á atención de persoas maiores da familia en primeira liña parental.
d) Contar no expediente académico cunha nota media igual ou superior a 7, ou a 6 para as titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, calculada segundo o indicado no artigo 10.5.c).
No caso de persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, a nota media mínima do expediente académico será de 6.
5. Non se admitirán como candidatas a ser destinatarias destes contratos persoas que estean en posesión do título de doutor.
6. A persoa candidata seleccionada non pode ter unha participación no capital da entidade que solicita a axuda ou doutra entidade relacionada accionarial ou socialmente con aquela, que represente unha capacidade de control efectivo, directo ou indirecto, da entidade. Tampouco pode estar incluída como candidato en máis dunha solicitude.
Solicitudes
1. A empresa ou o centro de innovación e tecnoloxía presentará a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a enmende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A axuda deberá ser solicitada por unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía de acordo cunha universidade e ambas deberán presentar o convenio de colaboración para desenvolver o proxecto de doutoramento industrial que contratará á persoa doutoranda ou unha declaración de compromiso asinada de achegar o devandito convenio segundo o modelo que se achega como anexo IV.
3. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, a condición de que cumpra os requisitos exixidos. De presentarse máis dunha solicitude da mesma entidade coa mesma persoa candidata, terase en conta a última solicitude presentada e considerase as outras solicitudes como desistidas.
4. Se opta á axuda para estadías, deberá indicar este aspecto e a zona a que pertence o país de destino da estadía no punto sinalado no formulario de solicitude (anexo II). Se non se indica a zona, considerarase que a persoa candidata non solicita a axuda para estadías.
5. Só poderá presentarse unha solicitude para cada proxecto dentro da convocatoria do programa Doutoramentos industriais.
Documentación complementaria
Para ser admitidas na convocatoria as entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
1. Memoria relativa ao proxecto de doutoramento industrial, á experiencia da entidade solicitante e á adecuación do proxecto de investigación ás liñas estratéxicas da RIS3 Galicia 2021-2027 no modelo que se adxunta como anexo III. A falla de presentación do anexo III dentro do período de admisión de solicitudes non se considera emendable e acordarase de oficio a inadmisión da solicitude. Do mesmo xeito, non se admitirán melloras, adicións ou substitución da memoria con posterioridade ao vencemento do prazo máximo para a presentación de solicitude, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva.
2. Convenio de colaboración coas especificacións mínimas que se establecen no artigo 20 ou declaración de compromiso asinado entre a entidade solicitante e a universidade de achegar o devandito convenio de colaboración segundo o modelo que se adxunta como anexo IV.
3. No caso de que o asinante da solicitude non actúe como administrador único para a representación da entidade, deberá achegar documento acreditativo do poder de representación con validez xurídica (escrituras, poder verificado na súa suficiencia, entre outros).
4. Acreditación sobre o cumprimento dos prazos de pagamento a provedores no momento da solicitude, de conformidade co previsto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións:
a) Para sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
b) Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, certificación emitida por auditor/a rexistrado/a no Rexistro Oficial de Auditores de Contas do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
5. Documentación relativa á persoa candidata doutoranda:
a) Anexo V. Declaración asinada pola persoa candidata doutoranda industrial a ser destinataria da axuda.
b) Declaración da persoa designada para dirixir ou codirixir a tese, segundo o anexo VI.
c) Certificación da universidade asinada pola persoa titular do vicerreitorado competente en materia de investigación ou persoa en quen delegue, conforme o modelo normalizado do anexo VII, en que se fagan constar os seguintes aspectos:
1º. Programa de doutoramento en que está matriculada ou admitida a persoa candidata no curso 2024/25, ou que a persoa candidata cumpre cos requisitos de titulación e nota media necesarios para poder acceder a un programa de doutoramento no curso 2025/26.
2º. Título de grao ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao EEES empregado ou que se vai a empregar para formalizar a matrícula no programa de doutoramento, universidade e campus onde se cursou, data de finalización e número de créditos superados.
3º. Nota media coa que se concorre a esta convocatoria, calculada de acordo cos seguintes criterios:
– No caso de ensinanzas dirixidas á obtención do título universitario oficial español de licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou graduado/a nun grao de polo menos 300 créditos, valoraranse a totalidade dos créditos ou materias superadas.
– En caso de ensinanzas dirixidas á obtención do título de graduado/a de menos de 300 créditos, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico/a, arquitecto/a técnico/a e mestre/a, a nota media realizarase tendo en conta estes estudos máis a totalidade dos créditos superados no mestrado ou equivalente. Débense completar polo menos 300 créditos no conxunto dos estudos universitarios de grao ou primeiro ciclo e de mestrado ou equivalente. O cálculo realizarase de acordo coa seguinte fórmula:
(X*C1+M*C2) / (C1+C2)
Onde:
X: nota media obtida no grao ou no primeiro ciclo.
M: nota media obtida no mestrado ou equivalente.
C1: créditos superados no grao ou no primeiro ciclo.
C2: créditos superados no mestrado ou equivalente.
– A nota media do expediente académico para títulos obtidos en sistemas universitarios estranxeiros debe calcularse de acordo co disposto na Resolución do 18 de setembro de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades do Ministerio de Universidades, pola que se actualiza a relación de escalas de cualificación dos estudos ou títulos universitarios estranxeiros e as equivalencias ao sistema de cualificación das universidades españolas, publicadas polas resolucións do 21 de marzo de 2016 e do 20 de xuño de 2016. A información pode consultarse na seguinte ligazón:
A persoa candidata terá que tramitar a declaración de equivalencia da nota media de acordo con este procedemento e achegarlla á universidade en que está matriculada no programa de doutoramento para o cálculo da nota coa que se concorre á convocatoria. A verificación da declaración de equivalencia corresponde á universidade, que deberá revisar que os datos consignados nela coinciden cos do certificado presentado para darlle validez a esta, polo que soamente será válida se está acompañada do certificado académico oficial orixinal, ou fotocopia compulsada e, se é o caso, da tradución correspondente.
En todos os casos, a nota con que se concorre á convocatoria ten que estar adecuada ao Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional e tendo en conta os criterios sinalados no Protocolo de colaboración subscrito entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e as tres universidades galegas para a valoración de expedientes académicos.
Se a nota media certificada non ten os catro decimais, consideraranse que os díxitos que faltan son ceros ata completar os catro díxitos decimais.
4º. A pertenza da persoa directora ou codirectora da tese a:
– Un grupo dirixido por persoal investigador con traxectoria excelente que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2021 a 2024.
– Un grupo con potencial de crecemento que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2021 a 2024.
– Un centro co recoñecemento de centro colaborativo pola Xunta de Galicia.
– Un grupo de referencia competitiva que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2021 a 2024.
– Un campus de especialización acreditado pola Xunta de Galicia.
– Un centro acreditado de excelencia (CIGUS) pola Xunta de Galicia.
– O departamento a que pertence indicando o nome deste.
d) Acreditación da aprobación do plan de investigación pola Comisión Académica do programa Doutoramentos industriais correspondente ou declaración responsable da persoa candidata de que a documentación presentada correspóndese co plan de investigación que se vai someter á aprobación da Comisión Académica no caso de ser seleccionada como destinataria desta axuda.
e) Documentación que acredite os supostos de excepcionalidade previstos no artigo 5 sobre as datas de finalización dos estudos, de ser o caso.
f) Certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa candidata no caso de que non fose expedido pola Administración autonómica.
6. Ademais, poderanse acreditar os méritos que se aleguen dos recollidos no artigo 14.1.f) e g) relativos á persoa candidata valorables e non excluíntes polo que se regulan os criterios de valoración das solicitudes, e haberá que achegar a seguinte documentación, segundo o caso:
a) Certificado do nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira, en que figure expresamente o nivel alcanzado de acordo co Marco común europeo de referencia para as linguas. Só serán aceptados os títulos ou diplomas recoñecidos segundo a Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 polo que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería (DOG núm. 128, do 7 de xullo de 2016) ou normativa modificativa.
b) Certificado da persoa candidata de gozar dunha bolsa ou prácticas en empresas ou centros de innovación e tecnoloxía. Non se avaliarán as prácticas curriculares de titulacións académicas.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
7. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
9. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) DNI/NIE da persoa candidata á axuda.
d) NIF da entidade solicitante.
e) NIF da entidade representante.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
i) Vida laboral da persoa candidata dos últimos 5 anos.
j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
k) Concesións pola regra de minimis.
l) Concesións de subvencións e axudas.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
Certificado de discapacidade da persoa candidata expedido pola Administración autonómica.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Certificación da persoa titular da vicerreitoría competente en materia de investigación (Anexo VII)
- Declaración da persoa candidata a ser destinataria da axuda (Anexo V)
- Declaración da persoa designada para dirixir ou codirixir a tese (Anexo VI)
- Declaración de compromiso de achegar o convenio de colaboración (Anexo IV)
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 7 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a formación de doutores e doutoras das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) en empresas e centros de innovación e tecnoloxía, programa Doutoramentos industriais, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025 (DOG nº 137 do 18 de xullo de 2025).
-
Extracto da Orde do 7 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a formación de doutores e doutoras das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) en empresas e centros de innovación e tecnoloxía, programa Doutoramentos industriais, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025 (DOG nº 137 do 18 de xullo de 2025).
-
Resolución do 3 de decembro de 2025 pola que se adxudican as axudas da Orde do 7 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a formación de doutores e doutoras das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) en empresas e centros de innovación e tecnoloxía, programa Doutoramentos industriais, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025 (DOG nº 240 do 12 de decembro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Rexistro de instalacións con equipos de presión.
Aberto todo o ano
Inscrición/modificación no Rexistro de ascensores.
Aberto todo o ano
Excepcionalidade para refuxios ou espazos libres en ascensores.
Aberto todo o ano
Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.
Aberto todo o ano