Guía de procedementos e servizos

IN606A

Axudas de apoio á etapa predoutoral.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 07/02/2020 00:00 - 06/03/2020 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Esta orde establece as bases reguladoras e a convocatoria das axudas de apoio á etapa predoutoral da Consellería Educación, Universidade e Formación Profesional e a Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Gain, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. O obxecto do Programa de apoio á etapa predoutoral é outorgar axudas ás universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e o IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores nos seus centros (códigos de procedemento ED481A para as universidades do SUG e IN606A para as demais entidades), con dúas modalidades:

– Modalidade A: axudas cofinanciadas parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 destinadas ao apoio á etapa predoutoral para investigadoras e investigadores que desenvolvan un proxecto de investigación en liña cos retos definidos na Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3 e que teñan unha persoa designada para dirixir ou codirixir a tese que cumpra os seguintes requisitos segundo a entidade solicitante:

1. No caso de solicitudes presentadas por universidades do SUG, que cumpra algún dos seguintes requisitos:

1º. Que estea integrada nun grupo de investigación que contara con financiamento da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional nalgunha das convocatorias dos anos 2016 a 2019.

2º. Que estea integrada nun centro de investigación do SUG con acreditación vixente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, nunha Unidade de Excelencia María de Maeztu ou nun centro de excelencia Severo Ochoa, radicados en Galicia e con axuda vixente.

3º. Que estea integrada nunha agrupación estratéxica acreditada pola Xunta de Galicia no ano 2018.

4º. Que pertenza a un equipo de investigación dirixido por persoal investigador baixo a modalidade de investigador distinguido contratado pola Gain (programa Oportunius), ao abeiro do Decreto 64/2016 (DOG núm. 112, do 14 de xuño), polo que se regula o réxime de contratación pola Gain do persoal investigador baixo a modalidade de investigador distinguido; ou a un equipo de investigación do que forme parte un investigador beneficiario dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC).

2. No caso das demais entidades solicitantes indicadas no artigo 2.1, que cumpra algún dos seguintes requisitos:

1º. Ter participado no desenvolvemento de proxectos concedidos polo programa Feder-Innterconecta ou contrato programa da Gain entre os anos 2016 e 2019.

2º. Ter sido beneficiario ou ter participado no desenvolvemento de actividades financiadas pola Gain entre os anos 2016 e 2019.

3º. Pertenza a un equipo de investigación do que forme parte un investigador beneficiario dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC).

4º. Ter sido investigador ou investigadora principal de proxectos concedidos polo Plan nacional de I+D+i entre os anos 2016 e 2019. A entidade beneficiaria deste proxecto, ou proxectos, deberá ser a mesma que a entidade solicitante destas axudas.

5º. Ter participado no desenvolvemento de proxectos concedidos polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2016 e 2019, en proxectos nos cales a entidade solicitante participase en calidade de socio.

6º Ter participado no desenvolvemento de proxectos concedidos polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2016 e 2019, en proxectos nos cales a entidade solicitante participase en calidade de líder.

Se durante a vixencia da axuda se produce un cambio na dirección da tese, a nova persoa proposta deberá cumprir os mesmos requisitos polos que a axuda foi adxudicada.

– Modalidade B: axudas de carácter xeral de apoio a etapa predoutoral, mediante as cales se garantirá a representación de todas as ramas de coñecemento nesta convocatoria.

Para ambas as modalidades recóllese a posibilidade de realizar estadías de 3 meses de duración no estranxeiro, que favorezan unha mellora na formación das investigadoras e dos investigadores e que posibiliten que acaden a mención de doutora ou doutor internacional.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia, que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á institución onde desenvolva a súa actividade, asumindo ambas as partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.

A duración do contrato non poderá ser inferior a un ano nin exceder de tres. Se se concerta un contrato de duración inferior a 3 anos, poderá prorrogarse sucesivamente sen que, en ningún caso, as prórrogas poidan ter unha duración inferior a un ano. A actividade desenvolvida será avaliada anualmente pola comisión académica do programa de doutoramento, durante o tempo que dure a súa permanencia no programa, e o contrato poderá resolverse no caso de non superarse favorablemente esta avaliación.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Praza de Europa 10A-6º. Fontiñas

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881999213

Fax: 981541039

Email: axudas.gain@xunta.es

http://gain.xunta.es

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Secretaría Xeral de Universidades

Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria

Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995152 / 881995157

Fax: 881999135

Email: sxu@edu.xunta.es

http://www.edu.xunta.es

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Prazo de presentación: PECHADO

07/02/2020 00:00 - 06/03/2020 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

- Poderán acceder a estas axudas as entidades mencionadas no punto 1 deste artigo que presenten como candidatas a ser destinatarias delas persoas que cumpran na data de peche da convocatoria os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Non obstante, as persoas non comunitarias poderán ser candidatas á axuda aínda que para formalizar o contrato deberán contar cos permisos necesarios de permanencia no país. O número máximo de axudas que se concedan a cidadáns non comunitarios é o que se indica no artigo 4 desta orde para cada unha das diferentes modalidades.

b) Estar matriculadas nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do SUG para o curso 2019/20. Esta matrícula terá que estar formalizada necesariamente a tempo completo antes da sinatura do contrato.

c) Que a data de finalización dos estudos de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, diplomatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2016. Enténdese como data de finalización destes estudos a de superación da última materia para os completar. Esta data poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2013 nos seguintes casos:

1º. As persoas licenciadas ou graduadas en Medicina, Farmacia, Bioloxía, Química ou Psicoloxía que na data de peche do prazo de presentación de solicitudes estean en posesión do título oficial de especialidade médica (MIR) ou farmacéutica (FIR) ou conten co certificado oficial de especialidade en bioloxía (BIR), química (QUIR) ou psicoloxía (PIR).

2º. As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de 3 anos entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2015.

3º. As persoas candidatas que posúan unha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.

4º. As persoas que acrediten fidedignamente que interromperon os estudos por causa dunha enfermidade grave ou que se dedicaron á atención de persoas maiores da familia en primeira liña parental.

d) Contar no expediente académico cunha nota media igual ou superior a 7, ou a 6 para as titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, calculada segundo o indicado no artigo 6.1.c).

- Non se admitirán como candidatas a ser destinatarias destas axudas persoas que estean en posesión do título de doutor nin persoas que fosen seleccionadas ou contratadas noutras convocatorias predoutorais da Xunta de Galicia.

As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de xeito individualizado para cada unha das persoas candidatas propostas. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED481A para as universidades do SUG e IN606A para as demais entidades indicadas no artigo 2, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo III. Declaración asinada pola persoa candidata a ser destinataria da axuda na que conste:

– Que presenta a súa candidatura por unha única modalidade e a través dunha única entidade solicitante.

– Que non foi seleccionada ou contratada con cargo a outras convocatorias de recursos humanos da Xunta de Galicia.

– Que non ten o título de doutora ou doutor.

b) Declaración da persoa designada para dirixir ou codirixir a tese, segundo o anexo IV.

c) Certificación da universidade en que está matriculada a persoa candidata, asinada pola persoa titular da vicerreitoría competente en materia de investigación ou persoa na que delegue, conforme o modelo normalizado do anexo V, na cal se fagan constar os seguintes aspectos:

1º. Programa de doutoramento en que está matriculada a persoa candidata no curso 2019/20.

2º. Título de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, diplomatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao EEES empregado para formalizar a matrícula no programa de doutoramento, universidade e campus onde se cursou, data de finalización e número de créditos superados.

3º. Nota media coa que se concorre a esta convocatoria, calculada de acordo cos seguintes criterios:

– No caso de ensinanzas conducentes á obtención do título universitario oficial español de licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou graduado/a nun grao de polo menos 300 créditos, valoraranse a totalidade dos créditos ou materias superadas.

– No caso de ensinanzas conducentes á obtención do título de graduada ou graduado de menos de 300 créditos, diplomada ou diplomado, enxeñeira técnica ou enxeñeiro técnico, arquitecta técnica ou arquitecto técnico e mestra ou mestre, a nota media realizarase tendo en conta estes estudos máis a totalidade dos créditos superados no máster ou equivalente. Débese ter completado polo menos 300 créditos no conxunto dos estudos universitarios de grao ou primeiro ciclo e de máster ou equivalente. O cálculo realizarase de acordo coa seguinte fórmula:

(X*C1+M*C2) / (C1+C2)

Onde:

X: nota media obtida no grao ou no primeiro ciclo.

M: nota media obtida no máster ou equivalente.

C1: créditos superados no grao ou no primeiro ciclo.

C2: créditos superados no máster ou equivalente.

– A nota media do expediente académico para estudos cursados no estranxeiro debe calcularse de acordo co disposto nas resolucións do 21 de marzo e do 21 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Política Universitaria do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (http://www.ciencia.gob.es/portal/site/MICINN/menuitem.8ce192e94ba842bea3bc811001432ea0/?vgnextoid=1f09595773c76610VgnVCM1000001d04140aRCRD). A persoa candidata terá que tramitar a declaración de equivalencia da nota media de acordo con este procedemento e achegarlla á universidade en que está matriculada no programa de doutoramento para o cálculo da nota coa que se concorre á convocatoria. A verificación da declaración de equivalencia correspóndelle á universidade, que deberá revisar que os datos consignados nela coinciden cos do certificado presentado para darlle validez a esta, polo que só será válida se está acompañada do certificado académico oficial orixinal, ou fotocopia compulsada e, se é o caso, da tradución correspondente.

En todos os casos a nota coa que se concorre á convocatoria ten que estar adecuada ao Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, e tendo en conta os criterios sinalados no Protocolo de colaboración subscrito entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as tres universidades galegas para a valoración de expedientes académicos.

d) Certificación asinada pola persoa competente (a persoa titular da vicerreitoría competente en materia de investigación, ou persoa en que delegue, ou ben a persoa responsable do organismo/centro de investigación respectivo), referida á persoa designada para dirixir ou codirixir a tese, non obrigatoria para as solicitudes da modalidade B, en que se fagan constar os seguintes aspectos:

1º. No caso de solicitudes presentadas por unha universidade do SUG, indicación do grupo, agrupación estratéxica ou centro de investigación ao cal pertence a persoa designada para dirixir ou codirixir a tese e convocatoria da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a través da que obtivo financiamento; ou de que está integrado nunha Unidade de Excelencia María de Maeztu ou nun centro de excelencia Severo Ochoa radicados en Galicia e con axuda vixente; ou de que forma parte do equipo de investigación dunha persoa investigadora contratada pola Gain no marco do programa Oportunius, ao abeiro do Decreto 64/2016 (DOG número 112, do 14 de xuño), polo que se regula o réxime de contratación pola Gain de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido; ou a un equipo de investigación do que forme parte unha persoa investigadora beneficiaria dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC).

2º. No caso das demais entidades solicitantes indicadas no artigo 2.1, que a persoa designada para dirixir ou codirixir a tese cumpra algún dos seguintes requisitos, indicando a referencia (código de procedemento, número de expediente, título de proxecto e tipo de participación nel) que permita identificar a axuda específica:

– Ter participado no desenvolvemento de proxectos concedidos polo programa Feder-Innterconecta ou contrato programa da Gain entre os anos 2016 e 2019.

– Ter sido beneficiario ou ter participado no desenvolvemento de actividades financiadas pola Gain entre os anos 2016 e 2019.

– Pertenza a un equipo de investigación do cal forme parte un investigador beneficiario dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC).

– Ter sido investigador ou investigadora principal de proxectos concedidos polo Plan nacional de I+D+i entre os anos 2016 e 2019. A entidade beneficiaria deste proxecto, ou proxectos, deberá ser a mesma que a entidade solicitante destas axudas.

– Ter participado no desenvolvemento de proxectos concedidos polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2016 e 2019, en proxectos en que a entidade solicitante participase en calidade de socio.

– Ter participado no desenvolvemento de proxectos concedidos polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2016 e 2019, en proxectos en que a entidade solicitante participase en calidade de líder.

e) Proxecto de traballo de investigación que se vai realizar para a obtención do grao de doutor/a, cunha extensión máxima de 4.000 palabras, asinado pola persoa investigadora e pola persoa designada para dirixir a tese, en que consten especificamente, polo menos, os seguintes aspectos:

– Obxectivos e contidos básicos do traballo.

– Metodoloxía.

– Planificación temporal.

– Transferencia de resultados.

f) Memoria da adecuación do proxecto de investigación ás liñas estratéxicas definidas no anexo I desta orde, asinada pola persoa candidata e pola persoa designada para dirixir a tese (opcional para a modalidade B).

g) Aprobación do proxecto de tese pola comisión académica do programa de doutoramento correspondente.

h) Certificado do nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira en que figure expresamente o nivel alcanzado de acordo co Marco común europeo de referencia para as linguas, de ser o caso.

i) Acreditación de ter desfrutado unha bolsa de colaboración nun departamento universitario do Ministerio de Educación e Formación Profesional, de ser o caso.

j) Documentación que acredite os supostos de excepcionalidade previstos no artigo 2 sobre as datas de finalización dos estudos, se é o caso, incluído o certificado que acredite o grao de discapacidade da persoa candidata se non está expedido pola Xunta de Galicia.

Nos anexos II e II bis recóllese unha declaración responsable da entidade solicitante en que se indica que ten a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

Para os efectos de control, as entidades convocantes poderán requirir a documentación complementaria que consideren necesaria para o desenvolvemento das axudas.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. No caso de ter solicitado a axuda para estadía, antes do 15 de outubro de 2020 ou no prazo dun mes desde a data de comezo dos contratos no caso das persoas que acceden a través da lista de espera, a entidade beneficiaria deberá remitirlle á Secretaría Xeral de Universidades ou á Gain, segundo corresponda, a seguinte documentación:

a) Plan de traballo asinado pola persoa contratada e co visto e prace da persoa directora da tese.

b) Carta de aceptación do centro de destino asinada pola persoa directora do centro ou figura equivalente. O centro de destino deberá estar situado nun país incluído na zona que se indicou na solicitude e pola que se concedeu a axuda.

c) Autorización de ausencia da entidade beneficiaria.

Antes do inicio do período de estadía, a Secretaría Xeral de Universidades para as universidades do SUG e a Gain para as demais entidades indicadas no artigo 2.1, publicarán nas súas páxinas web a relación de persoas que desfrutarán de estadía, con indicación da entidade contratante, o país e a zona de destino.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) DNI ou NIE da persoa candidata á axuda.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

f) Informe de vida laboral da persoa candidata.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a. Certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa candidata expedido pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio, ou no recadro correspondente do anexo III, e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade solicitante dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 20 de decembro de 2019, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2020 (códigos de procedemento ED481A e IN606A) (DOG nº 25 do 6 de febreiro de 2020).

    • Extracto da Orde do 20 de decembro de 2019, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2020 (códigos de procedemento ED481A e IN606A) (DOG nº 25 do 6 de febreiro de 2020).

    • Orde do 13 de marzo de 2020 pola que se suspenden prazos das convocatorias abertas conxuntas da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG nº 55 do 20 de marzo de 2020)

    • Resolución do 12 de maio de 2020, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se acorda a continuación da tramitación dos procedementos das convocatorias abertas conxuntas (DOG nº 95 do 18 de maio de 2020).

    • Orde do 20 de xullo de 2020, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se modifica a Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia polo Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2020, como consecuencia da situación creada pola evolución da pandemia do COVID-19 (códigos de procedemento ED481A e IN606A) (DOG nº 151 do 29 de xullo de 2020)

    • Corrección de erros. Orde do 20 de xullo de 2020, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se modifica a Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2020, como consecuencia da situación creada pola evolución da pandemia do COVID-19 (códigos de procedemento ED481A e IN606A) (DOG nº 156, do 5 de agosto de 2020)

    • Resolución do 12 de agosto de 2020, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se adxudican as axudas da Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2020 (códigos de procedemento ED481A e IN606A) (DOG nº 170 do 24 de agosto de 2020).

    • Resolución do 13 de novembro de 2020 pola que se modifica parcialmente a Resolución do 12 de agosto de 2020, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se adxudican as axudas da Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2020 (DOG nº 234 do 19 de novembro de 2020).

    • Resolución do 18 de decembro de 2020 pola que se modifica parcialmente a Resolución do 12 de agosto de 2020, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se adxudican as axudas da Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2021 (códigos de procedemento ED481A e IN606A).(DOG núm. 260 de 29 de diciembre de 2020).(DOG núm. 1 de 4 de xaneiro de 2021).

    • Corrección de erros. Resolución do 18 de decembro de 2020 pola que se modifica parcialmente a Resolución do 12 de agosto de 2020, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se adxudican as axudas da Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2021 (códigos de procedemento ED481A e IN606A). (DOG núm. 5 do 11 de xaneiro de 2021). (DOG núm. 5 do 11 de xaneiro de 2021).

    • Orde do 3 de xuño de 2021, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se flexibiliza a realización das estadías concedidas ao abeiro das convocatorias para os anos 2019 e 2020 das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como consecuencia da situación creada pola evolución da pandemia da COVID-19 (códigos de procedemento ED481A e IN606A) (DOG nº 118 do 23 de xuño de 2021).

Outros procedementos relacionados

ED431J

Aprobación de centros e institutos de investigación do sistema universitario de Galicia

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN603A

Rexistro de instalacións con equipos de presión.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN605A

Inscrición/modificación no Rexistro de ascensores.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN605B

Excepcionalidade para refuxios ou espazos libres en ascensores.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano