Guía de procedementos e servizos

IN421W

Proxectos de autoconsumo e almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 21/10/2021 00:00 - 31/12/2023 23:59

Consellería de Economía e Industria

1. A presente resolución ten por obxecto a aprobación da convocatoria de axudas correspondente as anualidades 2021-2023, para os programas 1, 2 e 3 de incentivos de autoconsumo e almacenamento de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 477/2021 publicado no BOE núm. 155, do 30 de xuño de 2021 (código de procedemento IN421W).

2. Pola presente convócanse axudas para as seguintes actuacións:

Programa de incentivos 1: realización de instalacións de autoconsumo, con fontes de enerxía renovable, no sector servizos, con ou sen almacenamento.

Programa de incentivos 2: realización de instalacións de autoconsumo, con fontes de enerxía renovable, noutros sectores produtivos da economía, con ou sen almacenamento.

Programa de incentivos 3: incorporación de almacenamento en instalacións de autoconsumo, con fontes de enerxía renovable, xa existentes no sector servizos e noutros sectores produtivos.

Tamén se consideran actuacións subvencionables, dentro dos anteriores programas de incentivos, as instalacións illadas da rede non reguladas no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica, realizadas nos sectores de aplicación de cada un deles.

3. Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

4. As actuacións subvencionadas atenderán ao principio de «non causar dano significativo» a ningún dos obxectivos medioambientais establecidos no Regulamento (UE) núm. 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles, e polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 2019/2088.

5. Os requisitos das actuacións subvencionadas serán os establecidos no artigo 13 e no anexo I.1 das bases reguladoras, no relativo aos programas 1, 2 e 3.

De conformidade co disposto nas bases reguladoras, os destinatarios últimos das axudas, que terán a cualificación de beneficiarios para os efectos desta convocatoria, son os seguintes:

a) Persoas xurídicas e agrupacións de empresas ou de persoas físicas, con ou sen personalidade xurídica, que realicen unha actividade económica pola que ofrezan bens ou servizos no mercado, incluíndo, entre outros:

1º. Os xestores de polígonos industriais, de natureza pública ou privada.

2º. As empresas explotadoras, arrendatarias ou concesionarias de actuacións no ámbito da enerxía.

3º. As empresas de servizos enerxéticos (ESE), ou provedores de servizos enerxéticos definidas no Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, polo que se traspón a Directiva 2012/27/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2012, relativa á eficiencia enerxética, pola que se modifican as directivas 2009/125/CE e 2010/30/UE, e pola que se derrogan as directivas 2004/8/CE e 2006/32/CE, no referente a auditorías enerxéticas, acreditación de provedores de servizos e auditores enerxéticos e promoción da eficiencia da subministración de enerxía.

b) As comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadás de enerxía, segundo definición da Directiva 2018/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, e da Directiva 2019/944 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xuño de 2019, sobre normas comúns para o mercado interior da electricidade e pola que se modifica a Directiva 2012/27/UE, respectivamente, así como do artigo 4 do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Dirección Inega

Xerencia do Inega

Rúa Avelino Pousa Antelo, San Lazaro

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541579

Email: info.inega@xunta.gal

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Prazo de presentación: PECHADO

21/10/2021 00:00 - 31/12/2023 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 21 de outubro de 2021 e rematará o 31 de decembro de 2023.

1. Os destinatarios últimos do programa de incentivos 1 deberán desempeñar a súa actividade dentro dunha Clasificación nacional de actividades económicas (en diante, CNAE) incluído nun dos seguintes grupos: G, H, I, J, K, L, M, N, O, P, Q, R ou S, sempre que non sexan administracións públicas.

2. Os destinatarios últimos do programa de incentivos 2 deberán desempeñar a súa actividade dentro dunha CNAE correspondente ao grupo A01, excepto o 017, ou dentro dunha CNAE correspondente aos grupos B, C, D, E ou F. Tamén poderán ser destinatarios últimos deste programa o sector público institucional de calquera administración pública a que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como as entidades ou organizacións privadas sen ánimo de lucro, sempre que, en ambos os casos, realicen algunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado.

3. Os destinatarios últimos do programa de incentivos 3 deberán desempeñar a súa actividade dentro dunha CNAE correspondente a un dos grupos establecidos nos parágrafos anteriores 2 e 3.

4. Nos programas de incentivos 1, 2 e 3, consideraranse como destinatarios últimos das axudas as empresas de servizos enerxéticos ou outras empresas que realicen as actuacións en establecementos dos sectores incluídos en cada programa, a condición de que o servizo enerxético xerado pola actuación sexa realizado para unha empresa cuxa CNAE estea incluída nos reflectidos nos parágrafos anteriores.

5. Poderán acceder á condición de destinatarias últimas das axudas, sempre que cumpran co establecido no artigo 11.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, actividades ou comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

6. Non serán beneficiarios destas axudas:

a) Aqueles en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As empresas que se atopen en situación de crise, conforme a definición que, para estes efectos, se realiza no Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014).

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles tivese sido outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

Solicitudes.

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Unha vez presentada unha solicitude, non se poderá modificar o proxecto ata que recaia resolución de concesión.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude do beneficiario por duplicado.

3. A solicitude (anexo I) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

O solicitante presentará telematicamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo I.

4. Para poder presentar unha solicitude debe ter o seguinte contido mínimo:

a) Solicitude de axuda-anexo I.

b) Autorización para a representación-anexo II, salvo persoas físicas ou xurídicas que presenten directamente co seu certificado dixital.

c) Presentación da oferta do proxecto que se pretende levar a cabo. Achegaranse tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000,00 €.

No caso de destinatarios últimos suxeitos a normativa de contratación pública, esta documentación poderá substituírse polo borrador dos pregos de licitación correspondentes.

5. Os fondos solicitados e os validados poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles, polo tanto, a axuda máxima a conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Autorización para a representación-anexo II, en caso de ser necesario.

b) Oferta do provedor da actuación que se pretende levar a cabo.

Unha oferta dun provedor cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona sexa inferior ou igual a 15.000,00 € e, tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación supoña un gasto para o beneficiario superior a 15.000,00 € (salvo no caso de entidades xurídicas públicas).

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario, neste suposto, prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

No caso de destinatarios últimos suxeitos a normativa de contratación pública, esta documentación poderá substituírse polo borrador dos pregos de licitación correspondentes.

c) As entidades xurídicas públicas, ademais da documentación sinalada no punto anterior, deberán achegar:

1º. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2º. Declaración responsable onde se acredite a súa adscrición, especificando se se refire á Administración xeral do Estado, á Comunidade Autónoma de Galicia ou a unha entidade local e onde declare se desenvolve ou non actividade comercial ou mercantil.

3º. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

4º. No caso da Administración local, certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

d) As empresas, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista na letra a) deste artigo, e cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

e) As empresas deben achegar documento oficial en que conste o código CNAE correspondente a actividade da empresa, tal como declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos nos que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009. No caso de que o solicitante non sexa unha empresa, xustificación do cumprimento da condición de beneficiario.

f) Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

g) Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:

1º. Contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda.

2º. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

h) As comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadáns de enerxía, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista na letra a) deste artigo e, ademais, deberán achegar:

1º. Documento que acredite a representación con que se actúa.

2º. Documento que acredite a súa constitución.

i) Cando se trate dunha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista na letra a) deste artigo e, ademais, deberán achegar:

1º. Documento que acredite a representación con que se actúa.

2º. Documento que acredite a súa constitución.

j) Achegarase unha memoria técnica descritiva da actuación que se vaia acometer segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal) para cada tipoloxía de proxecto. Esta memoria técnica incluirá a información relacionada no anexo AII.A2. das bases reguladoras, incluíndo para instalacións de máis de 100 kW a información requirida no anexo AII.A1.e):

– Opcionalmente, un Plan estratéxico no que indique a orixe e lugar de fabricación (nacional, europeo ou internacional) dos compoñentes da instalación e o seu impacto ambiental, incluíndo o almacenamento, os criterios de calidade ou durabilidade utilizados para seleccionar os distintos compoñentes, a interoperabilidade da instalación ou o seu potencial para ofrecer servizos ao sistema, así como o efecto tractor sobre pemes e autónomos que se espera que teña o proxecto. Poderá incluír, ademais, estimacións do seu impacto sobre o emprego local e sobre a cadea de valor industrial local, rexional e nacional.

– A xustificación do cumprimento polo proxecto do principio de non causar dano significativo (principio Do no significant harm-DNSH) a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

O solicitante poderá presentar unha declaración responsable deste cumprimento.

– A acreditación do cumprimento de valorización do 70 % dos residuos de construción e demolición xerados pola obra civil, se procede.

Para a comprobación dos datos da instalación renovable existente das actuacións do programa de incentivos 3, presentarase nesta memoria o xustificante de solicitude de rexistro da instalación no Rexistro de instalacións eléctricas de baixa tensión (código de procedemento IN614C) ou no Rexistro de instalacións eléctricas de alta tensión, dependendo do regulamento que lle sexa de aplicación.

k) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10 MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación de este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e Facenda da Xunta de Galicia.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Consulta dos administradores da sociedade.

e) NIF da entidade representante.

f) DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Prazo de resolución:

Seis meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (DOG nº 193 do 6 de outubro de 2021).

    • Extracto da Resolución do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (DOG nº 193 do 6 de outubro de 2021).

    • Resolución do 9 de febreiro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas de incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo (DOG nº 33 do 17 de febreiro de 2022).

    • Resolución do 21 de xullo de 2022 pola que se amplía e se redistribúe o crédito orzamentario establecido na Resolución do 29 de setembro de 2021, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas de incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN421W), modificada previamente pola Resolución do 9 de febreiro de 2022 (DOG nº 145 do 1 de agosto de 2022).

    • Resolución do 12 de xuño de 2023 pola que se redistribúe o crédito orzamentario establecido na Resolución do 29 de setembro de 2021, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas de incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (DOG nº 117 do 21 de xuño de 2023).

    • Resolución do 9 de febreiro de 2024 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo (DOG nº 35 do 19 de febreiro de 2024).

    • Resolución do 27 de febreiro de 2024 pola que se modifica a Resolución do 29 de setembro de 2021, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo (DOG nº 48 do 7 de marzo de 2024).

    • Resolución do 4 de outubro de 2024 pola que se amplía e se redistribúe o crédito orzamentario establecido na Resolución do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas de incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (DOG nº 196 do 10 de outubro de 2024).

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00