Guía de procedementos e servizos

IN421U

Subvencións Plan Renova o Teu Vehículo.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 17/01/2024 09:00 - 30/09/2024 23:59

Consellería de Economía e Industria

A concesión de subvencións para a adquisición no ano 2024 vehículos do Plan Renova o Teu Vehículo por parte de persoas físicas,  empresas e autónomos que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os suxeitos que se enumeran a continuación:

a) As persoas físicas con residencia habitual no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Dirección Inega

Xerencia do Inega

Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5 - San Lázaro

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541500

Email: Inega.info@xunta.gal

www.inega.gal

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Prazo de presentación: PECHADO

17/01/2024 09:00 - 30/09/2024 23:59

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 17 de xaneiro de 2024 ás 9.00 horas (inicio do período subvencionable) e rematará o 30 de setembro de 2024 ou cando se esgoten os fondos. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).

A adquisición do vehículo obxecto da subvención poderase efectuar a partir do 1 de xaneiro de 2024.

Non poderán ter a condición de beneficiarias destas axudas:

a) Non poderán ser destinatarios últimos das axudas os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, sexa a 615.1 ou 654.1.

b) Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Non poderán ter a condición de persoa beneficiaria as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, e no artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Forma de presentación de solicitudes.

1. As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e a documentación complementaria). O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará na data e hora prevista no artigo 4.5 desta resolución pola que se aproban estas bases e finalizará o 30 de setembro de 2024.

Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas entidades colaboradoras.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude do beneficiario.

3. A entidade colaboradora presentará electrónicamente, desde a aplicación, a solicitude de axuda unha vez asinada polo representante, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo IV.

Previamente a presentar a solicitude, a aplicación permitirá imprimir o documento de representación conforme o anexo V, que deberá ser asinado polo solicitante e pola persoa autorizada para a representación, dixitalizado e xuntarse á solicitude de axuda.

A aplicación informática non permitirá a presentación de solicitudes se non se anexa a documentación complementaria indicada no artigo 11 das bases reguladoras.

4. Os fondos solicitados e os vixentes poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles. Polo tanto, a axuda máxima que e concederá ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que estean en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo IV) a seguinte documentación:

a) Autorización para a representación segundo o anexo V.

b) Oferta do vehículo que se pretende adquirir.

A oferta deberá conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE), a marca, modelo e versión do vehículo utilizando preferentemente a nomenclatura da base de datos de vehículos do IDAE.

c) Captura da base de datos de vehículos dispoñible da páxina web do IDAE en que se poidan verificar para vehículos N1 e M1 as emisións de CO2 por quilómetro do modelo seleccionado e adicionalmente, no caso de vehículos N1, a MTMA. No caso de información contraditoria ou no caso de non estar dispoñible na páxina web do IDAE, deberase achegar documentación acreditativa do fabricante.

d) As empresas cando non estean obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

Ademais, documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Copia do anverso e reverso da ficha técnica (tarxeta ITV) do vehículo que se vaia achatarrar.

f) Permiso de circulación do vehículo que se vaia achatarrar onde conste a data de primeira matriculación, data de matriculación en España e data de expedición. En ausencia de calquera destes documentos ou do indicado na letra e) anterior, achegarase o informe da Dirección Xeral de Tráfico co historial do vehículo.

g) Xustificante de estar ao día no pagamento do imposto sobre vehículos de tracción mecánica do vehículo que se vaia achatarrar.

h) No caso de que o solicitante non coincida co titular do vehículo que se vaia achatarrar deberá achegarse autorización da persoa titular do vehículo que se vaia achatarrar segundo o anexo VII. En concreto, deberá autorizar a consulta ou, no caso de que se opoña, presentar a documentación que acredite o seu DNI, os datos de titularidade do vehículo e o parentesco co solicitante.

O titular que non coincida co beneficiario da axuda ten que autorizar que se realice a solicitude da axuda e ser cónxuxe ou familiar en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade do solicitante.

i) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Comprobación de datos.

1º. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

b) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa AEAT, coa Seguridade Social e coa Facenda autonómica.

c) DNI ou NIE, da persoa solicitante, e da persoa titular do vehículo que se vaia achatarrar cando non coincida coa persoa solicitante da axuda.

d) NIF da entidade solicitante.

e) Consulta dos administradores da sociedade.

f) DNI/NIE da persoa representante.

g) NIF da entidade representante.

h) Certificado de nacemento do Ministerio de Xustiza da persoa titular do vehículo que se vaia achatarrar, coincida esta ou non coa persoa solicitante da axuda.

i) Certificado de matrimonio do Ministerio de Xustiza da persoa titular do vehículo que se vaia achatarrar, coincida esta ou non coa persoa solicitante da axuda.

j) Consulta de datos de vehículos coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT), da persoa solicitante e da persoa titular do vehículo que se vaia achatarrar cando non coincida coa persoa solicitante da axuda.

k) Consulta de datos de propietarios de vehículos coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e da persoa titular do vehículo que se vaia achatarrar, coincida esta ou non coa persoa solicitante da axuda.

l) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

m) Concesión de subvencións e axudas.

n) Concesións pola regra de minimis.

2º. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

– Título de familia numerosa.

3º. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4º. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 27 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan Renova o teu vehículo, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria, mediante tramitación anticipada, para a anualidade 2024 (DOG nº 236 do 14 de decembro de 2023).

    • Extracto da Resolución do 27 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan Renova o teu vehículo, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria, mediante tramitación anticipada, para a anualidade 2024 (DOG nº 236 do 14 de decembro de 2023).

    • Resolución do 12 de febreiro de 2024 pola que se amplía o crédito orzamentario establecido na Resolución do 27 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Renova o teu vehículo, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria, mediante tramitación anticipada, para a anualidade 2024 (DOG nº 34 do 16 de febreiro de 2024).

    • Resolución do 6 de marzo de 2024 pola que se redistribúen os créditos orzamentarios por epígrafes recollidos na Resolución do 27 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Renova o teu vehículo, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2024 (códigos de procedemento IN421T e IN421U) (DOG nº 51 do 12 de marzo de 2024).

    • Resolución do 28 de marzo de 2025 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 27 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan Renova o teu vehículo, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria, mediante tramitación anticipada, para a anualidade 2024 (DOG nº 69 do 9 de abril de 2025).

Outros procedementos relacionados

FA009A

Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica dos modelos de declaración 008 e de autoliquidación 013 do Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM).

Aberto todo o ano

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano