Guía de procedementos e servizos

IN421P

Axudas para proxectos de enerxías renovables de uso térmico

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 01/03/2021 00:00 - 01/07/2021 23:59

Consellería de Economía e Industria

O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible, e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a xeotermia, aerotermia ou a solar térmica.

En concreto, os proxectos de biomasa que se subvencionarán son os do grupo: A1 estufas de aire, cociñas calefactoras, A2 cambio de queimadores existentes que non sexa de biomasa, B1 equipamentos térmicos que utilicen leña, hidroestufas ou Insert/cheminea de auga, B2 (caldeiras de pellets con volume de acumulación de combustible inferior a 1.000 l) e B3 (caldeiras de pellets con volume de acumulación de combustible maior o igual a 1.000 l).

Actuacións que se subvencionan

Poderán ter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas nos artigos 1 e 4 destas bases reguladoras, que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2021.

Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables:

a) O equipamento principal de xeración enerxética (paneis solares térmicos, bomba de calor, caldeira, ...).

No caso da biomasa o custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción cinzas).

b) Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento de sistema.

c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

d) O custo do sistema de alimentación do combustible.

e) O custo de montaxe e conexionado.

f) No caso da enerxía xeotérmica o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondeos, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, etc.

2. Non son subvencionables:

a) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

b) Os gastos anteriores á presentación da solicitude.

c) Equipamento e materiais de segunda man.

d) As obras de mantemento e os gastos de alugamento.

e) As taxas e licenzas administrativas.

f) As conducións de distribución interior da calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

g) En aerotermia os proxectos cuxas bombas de calor sexan do tipo aire/aire.

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realice en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade e non poderán estas disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Obrigas das beneficiarias

1. Son obrigas das beneficiarias as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Facilitarlle á entidade colaboradora seleccionada as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que acompañar a solicitude de axuda, cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para o beneficiario igual ou superior a 15.000 euros.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

d) Acreditar ante a entidade colaboradora, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.

e) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 24 destas bases.

f) Cando non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia será tramitada pola entidade colaboradora, mediante a presentación do anexo V que se xunta a título informativo. Este anexo estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

g) O beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os tres (3) anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

i) Comunicarlle ao Inega, a través da entidade colaboradora, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) En cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Rúa Avelino Pousa Antelo, 5, San Lázaro

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541500

Email: inega.info@xunta.gal

www.inega.gal

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Prazo de presentación: PECHADO

01/03/2021 00:00 - 01/07/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará segundo a tipoloxía do proxecto nas seguintes datas:

− Biomasa: o 1 de marzo de 2021 ás 9.00 horas.

− Aerotermia: o 2 de marzo de 2021 ás 9.00 horas.

− Xeotermia: o 5 de marzo de 2021 ás 9.00 horas.

− Solar térmica: o 5 de marzo de 2021 ás 9.00 horas.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda finalizara o 1 de xullo de 2021 para todas as tipoloxías de proxectos.

Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Inega e no Diario Oficial de Galicia (código de procedemento IN421P).

Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. As solicitudes de axudas presentaranse polas entidades colaboradoras segundo o modelo do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

2. As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e a documentación xustificativa da actuación).

3. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 euros o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, 3 ofertas de distintos provedores, tendo en conta que a oferta seleccionada corresponderá á da entidade colaboradora adherida encargada da tramitación da súa solicitude.

4. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas a convocatoria de axudas.

Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades colaboradoras deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Autorización para a representación segundo o anexo III.

b) Para acreditar a titularidade admitiranse os seguintes documentos: título de propiedade ou contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI acompañado de declaración responsable (asinada polo solicitante da axuda) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.

c) No suposto de que o solicitante sexa unha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, o representante deberá asinar a solicitude achegándose pola entidade colaboradora a seguinte documentación:

1º. Documentación que acredite a súa constitución.

2º. Documentación que acredite a representación con que se actúa.

3º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios mediante a presentación do anexo IV, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cumprimentarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

d) No caso de que unha comunidade de veciños sexa a solicitante, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o presidente ostentará a representación da comunidade neste procedemento e será a persoa asinante da documentación, e deberá presentarse:

1º. Acta de constitución da comunidade de propietarios coa relación dos propietarios e a determinación da cota de participación respectiva.

2º. Certificación do acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios aceptando as bases da convocatoria, comprometéndose a execución das respectivas obras e facultando ao presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.

3º. Acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este punto, ou certificación do administrador de predios que xestione a comunidade.

4º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios mediante a presentación do anexo IV, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cumprimentarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

e) Presentación da oferta da instalación que se pretende levar a cabo. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 euros a entidade adherida, á que corresponde a oferta seleccionada, presentará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas, se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

f) Memoria técnica da actuación. Composta polos seguintes documentos:

1º. Planos de situación en que se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea na que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc). Bosquexos ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación.

2º. Folla de características do equipo xerador utilizado.

3º. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo específico dispoñible na web do Inega (www.inega.gal): unha memoria técnica na que se describirán, de forma detallada, os sistemas xeradores e os compoñentes principais da instalación.

4º. No caso da xeotermia, aerotermia e solar térmica os certificados de rendemento dos sistemas xeradores coa seguintes especificacións:

– Xeotérmica e aerotermia.

Certificado do coeficiente de rendemento en modo calefacción (COP) e da potencia emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma que os afecte (UNE-EN 14511:2019 e UNE-EN 14825:2016). No caso de Eurovent e da EPHA admitirase a impresión da páxina web na que se poden consultar os datos de potencia e COP do propio equipo ou do ensaiado na serie técnica sempre que se acompañe dunha captura do link no cal se pode contrastar a información. Tomarase como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.

– Solar térmica.

Resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente. Se na resolución de certificación non se recolle de xeito íntegro a seguinte información do panel: marca, modelo, superficie de apertura e coeficientes de rendemento, entregarase a maiores copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se fose o caso, a norma que a substitúa) que serviu de base para a emisión da resolución de certificación. No caso dos equipamentos que deban dispoñer dunha cualificación enerxética deberán achegar a documentación xustificativa correspondente.

g) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

Forma de presentación da documentación complementaria

1. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente a persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades colaboradoras presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As entidades colaboradoras responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos (5 MB) ou tivese un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

4. Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Comprobación de datos

1. Para a tramitación de este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, Seguridade Social e Facenda Autonómica.

b) DNI ou NIE, cando a persoa solicitante sexa unha persoa física.

c) Concesión de subvencións e axuda.

d) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esa consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, dirixidas a particulares, para o ano 2021 (código de procedemento IN421P).(DOG núm. 10 do 18 de xaneiro de 2021).

    • Extracto da Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, dirixidas a particulares, para o ano 2021 (código de procedemento IN421P).(DOG núm. 10 do 18 de xaneiro de 2021).

    • Resolución do 22 de setembro de 2021 sobre ampliación do prazo establecido no artigo 22 da Resolución do 28 de decembro de 2020, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, dirixidas a particulares, para o ano 2021 (Diario Oficial de Galicia número 10, do 18 de xaneiro de 2021) (DOG nº 188 do 29 de setembro de 2021).

Outros procedementos relacionados

FA009A

Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica dos modelos de declaración 008 e de autoliquidación 013 do Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM).

Aberto todo o ano

IG534D

Novacións de débedas

Prazo aberto: 07/02/2025 09:00 - 30/12/2025 14:00

IN201D

Revisión actividades artesás do Rexistro xeral de artesanía de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN201E

Autorización do uso da marca Artesanía de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano