Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN421P
Axudas para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Economía e Industria
O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible, e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a xeotermia, aerotermia ou a solar térmica.
En concreto os proxectos de biomasa que se subvencionaran son os do grupo: A1 estufas de aire, cociñas calefactoras, A2 cambio de queimadores existentes que non sexa de biomasa e B1 equipamentos térmicos sen sistema de alimentación automática ou volume de acumulación de combustible V<250 litros e tamén os proxectos de biomasa dos grupos B2 e B3 (grupo B2 caldeiras con sistemas de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V≥ 250 litros e V<1.000 litros e B3 caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V≥1.000 litros) que se desenvolvan en zonas densamente poboadas.
Actuacións que se subvencionan.
Poderán ter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 1 e 4 destas bases reguladoras, que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2019.
Conceptos subvencionables.
1. Serán subvencionables:
a) O equipo principal de xeración enerxética (paneis solares térmicos, bomba de calor, caldeira, …).
No caso da biomasa o custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción cinzas).
b) Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.
c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.
d) O custe do sistema de alimentación do combustible.
e) O custe de montaxe e conexionado.
f) No caso da enerxía xeotérmica o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondaxes, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, etc.
2. Non son subvencionables:
a) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.
b) Os gastos anteriores á presentación da solicitude.
c) Equipamento e materiais de segunda man.
d) As obras de mantemento e os gastos de aluguer.
e) As taxas e licenzas administrativas.
f) As conducións de distribución interior do calor e os equipos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.
Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitos na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, as cales non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da lei9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Obrigas dos beneficiarios.
1. Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:
a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.
b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.
c) Facilitarlle á entidade colaboradora seleccionada as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que acompañar a solicitude de axuda cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.
As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.
d) Acreditar ante a entidade colaboradora, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
e) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 24 destas bases.
f) Cando non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A entidade colaboradora tramitará a renuncia, mediante a presentación do anexo V que se xunta a título informativo. Este anexo estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).
g) O beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os tres (3) anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.
h) Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de tres (3) anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.
i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
j) Comunicarlle ao Inega, a través da entidade colaboradora, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.
k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
l) En cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Rúa Avelino Pousa Antelo, 5, San Lázaro
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541500
Email: inega.info@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
15/04/2019 00:00 - 01/07/2019 23:59
Segundo a Resolución de modificación do 2 de abril de 2019 o prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 15 de abril ás 9.00 horas e rematará o 1 de xullo de 2019, excepto que se produza o suposto de esgotamento de crédito.
Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As entidades colaboradoras presentarán as solicitudes de axudas segundo o modelo do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.
As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Se a entidade colaboradora presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Documentación necesaria para a tramitación do procedemento.
Co envío da solicitude (anexo II) deberase incluír dixitalmente e en formato PDF, con tamaño máximo por arquivo individual de 5 MB, a seguinte documentación complementaria:
a) Autorización para a representación segundo o anexo III.
b) Acreditar a titularidade dos terreos ou inmobles sobre os que se vai executar o proxecto, ou da súa dispoñibilidade durante un período mínimo de tres anos (que permitan concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo).
Os documento admitidos para acreditar a titularidade son: Certificado do Rexistro da Propiedade, escritura pública de obra nova, escritura pública de compravenda, escritura pública de aceptación da herdanza, escritura pública de doazón e aceptación ou sentenza xudicial, segundo corresponda. Contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredita a titularidade do arrendador ou cedente.
Non se admitirán como acreditación da titularidade recibos de impostos de bens inmobles ou certificacións do Catastro inmobiliario.
c) No suposto de que o solicitante sexa unha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, o representante deberá asinar a solicitude achegándose pola entidade colaboradora a seguinte documentación:
1º. Documentación que acredite a súa constitución.
2º. Documentación que acredite a representación con que se actúa.
3º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios mediante a presentación do anexo IV, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).
d) No caso de que unha comunidade de veciños sexa a solicitante, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o presidente desempeñará a representación da comunidade neste procedemento e será a persoa asinante da documentación, e deberá presentarse:
1º. Acta de constitución da comunidade de propietarios coa relación dos propietarios e a determinación da cota de participación respectiva.
2º. Certificación do acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios aceptando as bases da convocatoria, comprometéndose á execución das respectivas obras e facultando ao presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.
3º. Acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este punto, ou certificación do administrador de predios que xestione a comunidade.
4º. Documento no que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios mediante a presentación do anexo IV, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).
e) Presentación da oferta da instalación que se pretende levar a cabo. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €, a entidade adherida, á que corresponde a oferta seleccionada, presentará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo.
A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.
Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.
As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.
f) Memoria técnica da actuación. Composta polos seguintes documentos:
1º. Planos de situación no que se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea na que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc). Bosquexos ou planos no que se localicen os equipamentos na edificación.
2º. Folla de características do equipo xerador utilizado.
3º. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo específico dispoñible na web do Inega (www.inega.gal): unha memoria técnica na que se describirán, de forma detallada, os sistemas xeradores e os compoñentes principais da instalación.
4º. No caso da xeotermia, aerotermia e solar térmica os certificados de rendemento dos sistemas xeradores coas seguintes especificacións:
Xeotérmica e aerotermia.
Certificado do coeficiente de rendemento en modo calefacción (COP) e da potencia emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma que lles afecte (UNE- EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc). Para acreditar este coeficiente, deberá xuntarse a certificación emitida por Eurovent, a EPHA (Asociación Europea da Bomba de Calor) ou por un laboratorio de ensaio acreditado para este tipo de ensaios, segundo a normativa vixente. No caso de Eurovent e da EPHA admitirase a impresión da páxina web na que se poden consultar os datos de potencia e COP do propio equipo ou do ensaiado na serie técnica sempre que se acompañe dunha captura do link no que se pode contrastar a información. Tomarase como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.
Solar térmica.
Resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente. Se na resolución de certificación non se recolle de xeito íntegro a seguinte información do panel: marca, modelo, superficie de apertura e coeficientes de rendemento, entregarase a maiores copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se for o caso, a norma que a substitúa) que serviu de base para a emisión da resolución de certificación. No caso dos equipamentos que deban dispoñer dunha cualificación enerxética deberán achegar a documentación xustificativa correspondente.
h) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.
Forma de presentación da documentación complementaria.
A documentación complementaria deberá presentarse electrónicamente. As entidades colaboradoras responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superen os tamaños máximos establecidos, 5 MB por arquivo individual permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.
Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir a persoa interesada, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automáticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas
a) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, Seguridade Social e Facenda Autonómica
b) DNI ou NIE, cando a persoa solicitante sexa unha persoa física.
c) Concesión de subvencións de axuda.
d) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esa consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución: Catro meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 21 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, dirixidas a particulares, para o ano 2019 (DOG nº 45 do 5 de marzo de 2019).
-
Extracto da Resolución do 21 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, dirixidas a particulares, para o ano 2019 (DOG nº 45 do 5 de marzo de 2019).
-
Corrección de erros. Resolución do 21 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, dirixidas a particulares, para o ano 2019 (DOG nº 50 do 12 de marzo de 2019).
-
Resolución do 2 de abril de 2019 pola que se modifica a Resolución do 21 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables de uso térmico, dirixidas a particulares, para o ano 2019 (DOG nº 67 do 5 de abril de 2019).
-
Resolución do 23 de xullo de 2019 pola que se redistribúen os créditos orzamentarios por epígrafes recollidas na Resolución do 21 de febreiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, dirixidas a particulares, para o ano 2019 (DOG nº 144 do 31 de xullo de 2019).
-
Resolución do 19 de setembro de 2019 pola que se modifica a Resolución do 21 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, dirixidas a particulares, para o ano 2019 (DOG nº 184 do 27 de setembro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica dos modelos de declaración 008 e de autoliquidación 013 do Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM).
Aberto todo o ano
Novacións de débedas
Prazo aberto: 07/02/2025 09:00 - 30/12/2025 14:00
Revisión actividades artesás do Rexistro xeral de artesanía de Galicia.
Aberto todo o ano
Autorización do uso da marca Artesanía de Galicia.
Aberto todo o ano