Guía de procedementos e servizos

IN228A

Subvencións para proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización no sector comercial e artesanal.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 02/02/2018 00:00 - 02/04/2018 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización no sector comercial e artesanal.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia consideraranse subvencionables os seguintes gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada, sempre que as actuacións subvencionables sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2018 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18:

3.1. Considerarase actuación subvencionable a posta en marcha de proxectos de expansión comercial.

Para os efectos desta orde, considérase proxecto de expansión comercial a apertura dun novo establecemento comercial por comerciantes retallistas titulares de establecementos comerciais situados na Comunidade Autónoma de Galicia que conten cun mínimo de dous anos de actividade comercial ininterrompida.

Os proxectos de expansión comercial poderanse basear no desenvolvemento do mesmo proxecto comercial, na especialización ou diversificación de produtos, na especialización de servizos ao cliente ou na especialización de novas tendencias emerxentes de consumo.

En todo caso, os proxectos deberán responder a unha idea comercial innovadora, na cal se reflicta a creación dun espazo comercial que ofreza ao consumidor unha experiencia única de compra, a través dunha coidada selección, presentación e exhibición do produto, dos servizos diferenciados que se ofrezan e da imaxe e deseño do local comercial, de tal forma que todos eles en conxunto transmitan a diferenciación do establecemento comercial como o principal elemento de valor.

O proxecto de expansión comercial deberá incluír un compromiso de contratación de persoal de, polo menos, un/ha traballador/a por un período mínimo dun ano, no prazo de seis meses contados a partir da data límite de xustificación da subvención prevista no artigo 18.

En concreto, considéranse gastos subvencionables nos proxectos de expansión comercial mediante a apertura dun novo establecemento comercial as seguintes actuacións:

a) As obras de acondicionamento integral da superficie de exposición e venda do local comercial.

b) Adquisición de moblaxe destinada á mellora da imaxe comercial e adquisición de equipamento especializado para o desenvolvemento da actividade comercial e para a exposición do produto de uso exclusivo na superficie de exposición e venda.

c) Actuacións de mellora da fachada exterior do local comercial e instalación de toldos, carteis, letreiros ou similares.

d) Os custos polos servizos profesionais de elaboración e redacción do proxecto.

Para o conxunto destas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 60.000 € (IVE excluído) e o investimento mínimo, de 10.000 € (IVE excluído). No caso das actuación previstas na letra d), o investimento máximo subvencionable será de 3.000 €.

A porcentaxe de subvención será o 50 % do investimento máximo subvencionable.

3.2. Considerarase actuación subvencionable a posta en marcha de proxectos piloto pop up para a expansión comercial.

Para os efectos desta orde, considérase proxecto piloto pop up de expansión comercial a apertura, por un prazo máximo de 2 meses, dun novo establecemento comercial que deberá estar situado nun concello distinto a aquel en que o comerciante veña desenvolvendo a súa actividade comercial e terá por obxecto analizar o novo mercado, sen que en ningún caso supoña a apertura dun outlet ou teña por obxecto o desenvolvemento de actividades de liquidación ou venda de saldos.

En todo caso, os proxectos deberán responder a unha idea comercial innovadora, na cal se reflicta a creación dun espazo comercial que ofreza ao consumidor unha experiencia única de compra, a través dunha coidada selección, presentación e exhibición do produto, dos servizos diferenciados que se ofrezan e da imaxe e deseño do local comercial, de tal forma que todos eles en conxunto transmitan a diferenciación do establecemento comercial como o principal elemento de valor.

En concreto, considéranse gastos subvencionables nos proxectos pilotos pop up para a expansión comercial as seguintes actuacións:

a) O alugueiro do local comercial (máximo dúas mensualidades).

b) O acondicionamento da superficie de exposición e venda do local comercial e mellora da imaxe da fachada do local comercial.

c) A adquisición ou alugamento de moblaxe ou equipamento especializado para a exposición do produto que sexa necesario para o desenvolvemento da actividade comercial e de uso exclusivo na superficie de exposición e venda.

d) O transporte de mercadoría.

e) Publicidade e promoción da pop up.

Para o conxunto destas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 8.000 € (IVE excluído).

A porcentaxe de subvención será o 50 % do investimento máximo subvencionable. A subvención máxima polo alugueiro do local será de 1.500 euros, polo transporte de mercadoría de 500 euros e pola publicidade e promoción de 1.000 euros.

4. Non se consideran gastos subvencionables:

- As obras ou actuacións en cuartos de baño, oficinas, almacéns e outras dependencias non afectas ao uso da actividade de exposición e venda.

- Os custos asociados á compra ou alugamento do inmoble comercial, agás no previsto no número 3.2.

- Os permisos, licenzas ou cotas de colexios oficiais ou calquera outro tributo ou imposto.

- A instalación de sistemas de alarma, seguridade ou similares.

- Equipamentos informáticos.

- Os custos de persoal e de subministracións de auga, enerxía, telefonía e internet.

Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Subdirección Xeral de Innovación e Ordenación Comercial

Servizo de Normativa, Innovación e Ordenación Comercial

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545915/ 981545594

Fax: 981545541

Email: cei.dxc.axudas@xunta.gal

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Prazo de presentación: PECHADO

02/02/2018 00:00 - 02/04/2018 23:59

O prazo para presentar solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o derradeiro do mes.

1. Para actuacións de posta en marcha de proxectos de expansión comercial.

- Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

- Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de cincuenta (50) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

- Que estea dado de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e que este constitúa a actividade principal do solicitante, de forma ininterrompida nos últimos dous anos, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

- Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

2. Para actuacións de posta en marcha de proxectos piloto pop up para a expansión comercial:

- Os comerciantes que reúnan os requisitos previstos no punto 1.1.

- Os comerciantes que realicen a actividade comercial en liña con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia que conten cun mínimo de dous anos de actividade comercial ininterrompida e que estea dado de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II.

- Que estea dado de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo III e que este constitúa a actividade principal do solicitante, de forma ininterrompida nos últimos dous anos, contados a partir da data de fin do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (CE) 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26.6.2014, L 187/1).

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

    • a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

    • b) Documento acreditativo de poder suficiente para actuar ante a Administración do representante legal da entidade solicitante.

    • c) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

Deberán constar expresamente (anexo VI) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberase nomear un representante único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

  • d) Se a entidade solicitante está dada de alta no IAE en máis dunha actividade económica e algunha delas non é subvencionable, segundo o anexo II das bases reguladoras, deberá xustificar cal delas é a principal.

No caso de sociedades, presentará a declaración anual do IVE (modelo 390) do ano anterior e, no caso de comunidades de bens ou sociedades civís, documento acreditativo oficial da actividade principal.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas, en canto dispoñan deles. De non cumprir co asinado na declaración responsable, iniciarase o expediente de reintegro da subvención concedida de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

  • e) Informe emitido pola Seguridade Social de vida laboral actualizado, con todos os códigos de conta de cotización do solicitante ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores.

  • f) Memoria descritiva do proxecto de expansión, con detalle de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención, que incluirá unha descrición pormenorizada, obxectivos e valoración económica das actuacións que se pretenden executar, así como unha xustificación da idoneidade, de ser o caso, da localización do establecemento comercial, do produto e do mercado a que se dirixe.

A memoria deberá conter unha referencia ao primeiro establecemento sobre o cal se basea o proxecto de expansión, con desenvolvemento detallado de todos os aspectos en que se basea, de acordo coas consideracións contidas no número 3 do artigo 1 desta orde.

  • g) Proxecto de decoración e interiorismo asinado por un profesional da decoración, interiorismo ou arquitectura, no cal se deberán incluír as distintas actuacións para as cales se solicita a subvención, que deberán coincidir coa memoria presentada, e o deseño gráfico do resultado final que se pretende obter, no caso de comerciantes retallistas que soliciten as actuacións definidas no artigo 1, punto 3.1 a), das bases reguladoras.

  • h) Fotografías ou documentos gráficos do local antes de iniciar as actuacións, agás no caso de que realizasen as actuacións con anterioridade á data da publicación desta orde, así como do primeiro establecemento comercial.

  • i) Facturas ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberase achegar a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

  • i.1. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados polo solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

  • i.2. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados polo solicitante para a realización do proxecto.

  • i.3. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

    • i.3.1. Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a persoa solicitante.

    • i.3.2. Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a persoa solicitante.

  • As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

  • A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores.

  • Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súasolicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

  • Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización no sector comercial e artesanal, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 23 do 1 de febreiro de 2018).

    • Corrección de erros. Orde do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización no sector comercial e artesanal, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 25 do 5 de febreiro de 2018)

    • Resolución do 19 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización no sector comercial e artesanal, e se convocan para o ano 2018 (Diario Oficial de Galicia número 23, do 1 de febreiro) (DOG nº 124 do 29 de xuño de 2018).

Outros procedementos relacionados

FA009A

Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica dos modelos de declaración 008 e de autoliquidación 013 do Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM).

Aberto todo o ano

IG534D

Novacións de débedas

Prazo aberto: 07/02/2025 09:00 - 30/12/2025 14:00

IN201D

Revisión actividades artesás do Rexistro xeral de artesanía de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN201E

Autorización do uso da marca Artesanía de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano