Guía de procedementos e servizos

IN223A

Subvencións para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Entidades locais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 28/04/2023 00:00 - 29/05/2023 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Actuacións en mercados e prazas de abastos de Galicia que teñan concedido o selo de Mercado Excelente ou estean no proceso previo a súa obtención, así como a dinamización e revitalización das prazas de abastos e mercados de Galicia.

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras:

a) Os concellos galegos que conten cun mercado co selo de Mercado Excelente outorgado de conformidade coa Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro), ou aqueles que estean no proceso para a súa obtención.

Os concellos deberán cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) As federacións e asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de asociacións de vendedores de prazas de abastos, o número de membros asociados deberá supoñer, como mínimo, o 50 % dos postos existentes na praza de abastos.

As federacións e asociacións deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e atoparse ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña

Rúa Vicente Ferrer, 2

15008  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981184902/80

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo

Ronda da Muralla, nº 70

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294938/ 982294670

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense

Rúa Curros Enríquez, nº 1-4º

32003  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988 386 719

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra

Rúa Fernández Ladreda, 43-5º - Praza da Estrela, s/n

36201  Vigo  (Pontevedra)

Teléfono: 986817557

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Prazo de presentación: PECHADO

28/04/2023 00:00 - 29/05/2023 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Non poderán acadar a condición de entidades beneficiarias aquelas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme á definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26 de xuño de 2014, L 187/1).

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación:

1.1. Concellos:

a) Xustificante de atoparse ao día na rendición de contas xerais ante o Consello de Contas de Galicia, de acordo co previsto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) Memoria asinada explicativa dos aspectos de interese, oportunidade e necesidade do investimento e o programa de execución con especificación das datas de inicio e remate previstas, se é o caso, xunto co orzamento desagregado de gastos para cada un deles.

c) No caso de realización de obras, o proxecto ou memoria valorada, asinada pola persoa técnica competente, con detalle no nivel de capítulo das actuacións que se pretenden executar, que incluirá unha reportaxe fotográfica.

Orzamento desagregado, que indique unidades de obra, medición, prezos unitarios e descompostos.

d) No caso de ter realizada a diagnose de situación e usos do mercado, a documentación xustificativa da súa realización.

e) Anexo IV co orzamento detallado dos gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita a subvención, e facturas ou, na súa falta, facturas pro forma das actividades ou adquisicións para as cales se solicita a subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

e.1) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

e.2) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

e.3) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

e.3.1) Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a entidade solicitante.

e.3.2) Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

1.2. Asociacións e federacións de prazas de abastos e mercados:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

b) Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante.

c) Composición actualizada da xunta directiva da entidade solicitante.

d) Contas anuais aprobadas pola xunta directiva da entidade solicitante nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

e) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade solicitante en que acredite o número dos postos existentes na praza de abastos, o número total de membros asociados e o número de praceiros/as asociados/as.

f) Copia da acta da sesión en que se informen os/as praceiros/as asociados/as do proxecto para o cal se solicita a subvención.

g) Memoria asinada do proxecto presentado que deberá incluír, polo menos, respecto de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención:

– A denominación da actividade.

– A descrición individualizada, pormenorizada e detallada da actividade con indicación dos seus obxectivos xerais e específicos.

– A localización e as datas previstas para a súa realización.

– O número e características dos/das participantes e beneficiarios/as.

– O orzamento total do investimento con indicación das fontes de financiamento e, de ser o caso, a porcentaxe e as contías achegadas por cada unha das partes.

– O orzamento desagregado e detallado do investimento solicitado coa relación das facturas ou, na súa falta, facturas pro forma dos gastos que se imputan a cada unha das actividades (con identificación do número de orde e o concepto segundo o anexo IV).

h) Anexo IV co orzamento detallado dos gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita a subvención e facturas ou, na súa falta, facturas pro forma das actividades ou adquisicións para as cales se solicita a subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

h.1) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

h.2) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

h.3) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

h.3.1) Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a entidade solicitante.

h.3.2) Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Atriga.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario que corresponda e achegar os documentos pertinentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 13 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 81 do 27 de abril de 2023).

    • Extracto da Orde do 13 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 81 do 27 de abril de 2023).

    • Corrección de erros. Orde do 13 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 87 do 8 de maio de 2023).

    • Resolución do 26 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito da Orde do 13 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 146 do 2 de agosto de 2023).

    • Resolución do 10 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 13 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha Rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 160 do 24 de agosto de 2023).

Outros procedementos relacionados

IN223B

Obtención/renovación do selo de mercado excelente.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN225A

Bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 26/04/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59

IN229A

Declaración de concello emprendedor.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR360B

Autorización para o visado dos documentos de acompañamento R(CE) 436/2009.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano