Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG535A
Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas (financiamento Igape-Pemes).
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Estas bases regulan as condicións e o procedemento de tramitación do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), que se desagrega nas liñas de financiamento específicas detalladas no anexo I.
1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.
b) Cumpran os requisitos e as condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento que se detallan no anexo I.
2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.
Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto no artigo 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Neste caso, a operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade e deberá ser asinada por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.
3. Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan, se é o caso, para cada liña de financiamento conforme o recollido no anexo I. En todo caso, exclúense as que a seguir se relacionan:
a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).
b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.
c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.
d) As actividades que implican a utilización de animais vivos con fins experimentais ou científicos.
e) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.
f) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.
g) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.
As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro); no Regulamento (CE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316, da Comisión, do 21 de febreiro (DOUE L 51, do 22 de febreiro).
4. Non poderán ter a condición de beneficiarias:
a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas en crise. Para estes efectos terase en conta a definición de empresa en crise establecida nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación Comisión 2014/C 249/01) ou normativa que a substitúa.
c) As entidades en que concorrese algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Complexo Administrativo San Lázaro s/n
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151
Prazo de presentación: PECHADO
05/06/2019 00:00 - 30/09/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:
a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote a dispoñibilidade para a concesión de axudas, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes para a respectiva liña de financiamento, de conformidade co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) O 30 de setembro de 2019.
Unha vez finalizado o prazo, non se admitirán máis solicitudes.
Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar unha solicitude de axuda, o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo II a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se darán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.
Unha vez xerada a solicitude, deberase presentar por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Considérase que todos os solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.
No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Respecto da tramitación electrónica, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a Norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento no cal se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado en formato PDF para ser anexado.
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.
Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, con indicación dos 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.
Xunto co formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:
a) En caso de persoas xurídicas:
1º. Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
2º. No caso de entidades obrigadas a formular, aprobar e depositar contas anuais, contas anuais depositadas no Rexistro Mercantil –ou noutro rexistro, segundo proceda– correspondentes ao último exercicio pechado, xunto co informe de auditoría, de ser o caso.
b) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente. Así mesmo, as comunidades de bens deberán presentar o anexo III de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.
c) A documentación específica, se é o caso, sinalada no anexo I para cada liña de financiamento.
d) Complementariamente poderá solicitarse a achega daqueloutra documentación xustificativa necesaria para avaliar o risco da operación e o seu axuste ás finalidades da axuda.
De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.
En aplicación do artigo 50.b) da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, os solicitantes poderán acreditar o cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración autonómica ou de non ser debedor por resolución de procedencia de reintegro mediante unha declaración responsable que se cubrirá no formulario electrónico da solicitude.
De conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, non se lles exixirá aos interesados a presentación de documentos orixinais. Deberán achegar as copias dixitalizadas dos documentos relacionados neste artigo. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, poderase requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal para o cotexo das copias por el achegadas. Tal solicitude deberá ser debidamente motivada.
Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente.
A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no formulario e na documentación achegada, coa colaboración das SGR adheridas, que revisarán a documentación achegada polas solicitantes e comprobarán que cumpran as condicións e os requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda, así como a execución e o cumprimento da finalidade da axuda.
Unha vez rexistrada a solicitude, o Igape remitiralla á entidade de crédito e á SGR, a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).
No caso de que a SGR designada solicite o coaval da operación, deberá comunicalo a través da mesma extranet, indicando o importe da operación que se vai coavalar e a SGR a que solicita o coaval.
As SGR revisarán as solicitudes e a documentación achegada e comunicarán ao Igape, no prazo máximo de 15 días hábiles desde a presentación da solicitude, a través da extranet de entidades colaboradoras, se reúnen a documentación e os requisitos exixidos nas bases, detallando se é o caso a documentación que falta.
De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne a documentación ou os datos exixidos nestas bases, o Igape requirirá o solicitante para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento se emende a falta, con indicación de que en caso contrario se dará por desistido da súa petición e se arquivará o expediente logo da correspondente resolución.
Logo da comunicación á SGR da documentación complementaria se é o caso achegada, a SGR remitirá ao Igape a validación do cumprimento dos requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda e a súa decisión sobre a concesión da operación financeira no prazo dos 25 días hábiles seguintes á recepción da solicitude, ou se é o caso no prazo dos 10 días hábiles seguintes á comunicación da documentación complementaria, a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).
A entidade de crédito deberá comunicar a súa decisión sobre a concesión da operación financeira no prazo dos 35 días hábiles seguintes á recepción da solicitude, a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).
Posteriormente, o Igape remitirá á entidade de crédito, con copia á SGR, a través desta mesma canle, a validación dos requisitos da solicitude da axuda financeira. A dita comunicación autoriza a formalización da operación financeira, sen que esa remisión supoña un recoñecemento do dereito do solicitante a percibir finalmente a axuda.
No caso de non recibir resposta da entidade de crédito ou da SGR respecto da autorización da operación nos prazos establecidos, ou se a resposta dalgunha ou de ambas as entidades é denegatoria, ordenarase o arquivamento do expediente.
A verificación por parte das SGR da documentación achegada coas solicitudes e do cumprimento dos requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda, así como as comunicacións sobre a concesión da operación polas SGR e as entidades de crédito ao Igape e as verificacións sobre o cumprimento das finalidades da axuda, presentaranse a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). Esta vía electrónica será obrigatoria. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio asinado para o efecto.
A autorización de acceso á extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as SGR e as entidades de crédito teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a notificación do anexo VI, que se deberá presentar a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, xunto coa copia do poder da persoa representante da entidade.
Para estes efectos, as entidades colaboradoras terán que acreditar a súa solvencia técnica para acceder e xestionar a extranet de entidades colaboradoras, de acordo co establecido no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG núm. 241, do 17 de decembro).
Comprobación de datos.
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.
f) Certificado da renda da persoa solicitante do último exercicio.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 21 de maio de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 104 do 4 de xuño de 2019).
-
Extracto da Resolución do 21 de maio de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 104 do 4 de xuño de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano