Guía de procedementos e servizos

IG534D

Novacións para o refinanciamento de débedas.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 25/01/2022 00:00 - 30/12/2022 23:59

Consellería de Economía e Industria

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Publicar as bases reguladoras das novacións para refinanciamento de débedas co Igape, e convocar para o ano 2022 as devanditas operacións de refinanciamento, que non terán a consideración de axuda de estado, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG534D).

Modalidades de operacións.

En función da situación da débeda a novar, as operacións revestirán as seguintes modalidades:

1. Novación modificativa e, se é o caso, extintiva, de préstamos en vigor, para axustar o calendario de reintegro á capacidade de reembolso do titular. En todo o non modificado na novación, mantense vixente o establecido no contrato inicial de préstamo.

2. Novación extintiva de préstamos vencidos. Poderán formalizarse tanto cos titulares iniciais como cos garantes ou fiadores, ou cos titulares de bens que garantan a débeda. En todos os casos, suporá a formalización dun nova operación.

Poderán ser titulares das operacións de novación reguladas nestas bases as persoas físicas e/ou xurídicas.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Prazo de presentación: PECHADO

25/01/2022 00:00 - 30/12/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

b) O 30.12.2022.

Poderán ser titulares das operacións de novación reguladas nestas bases as persoas físicas e/ou xurídicas que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Sexan titulares de débedas vivas co Igape por préstamos en vigor, que presenten dificultades de liquidez que non lles permiten afrontar as obrigas de pagamento co calendario actual do préstamo.

b) Sexan titulares de débedas co Igape derivadas da falta de pagamento de préstamos xa vencidos.

c) Sexan fiadores de préstamos do Igape con débedas vencidas.

d) Sexan titulares de bens que garantan débedas vencidas co Igape, derivadas da falta de pagamento de préstamos, e pretendan facer fronte ao reembolso das débedas para evitar a perda do ben.

Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas nas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. Para os titulares sinalados nos apartados a) e b) anteriores excepciónanse as circunstancias previstas nas letras b), e) e g) do citado artigo 10.2, en atención á natureza das novacións reguladas nestas Bases cuxa finalidade é o reintegro de débedas preexistentes.

Forma e lugar de presentación das solicitudes.

1. Para presentar a solicitude, o interesado deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto de financiamento, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, dentro do prazo establecido na convocatoria.

Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador do documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (Anexo I.1) que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque teña un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolle ao solicitante un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se lle terá por desistido da súa petición, previa resolución de arquivo.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a)    Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa firma baste para acreditar a vontade do solicitante.

b)   A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c)    A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberán anexar necesariamente un documento no que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con firmas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante de recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar na dirección de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e a dirección de correo electrónico na que desexan recibir o xustificante.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a documentación específica sinalada no Anexo IV. Complementariamente o Igape poderá solicitar a achega con carácter facultativo daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que ór­gano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos.

1.   Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a)    DNI/NIE da persoa solicitante.

b)   NIF da entidade solicitante.

c)    DNI/NIE da persoa representante.

d)   NIF da entidade representante.

e)    Certificado da AEAT de alta no Imposto de Actividades Económicas (IAE). 

f)     Certificado da renda do último exercicio no caso de persoas físicas ou comunidades de bens.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (Anexo I.1) e presentar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 12 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das novacións para o refinanciamento de débedas con este instituto, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 15 do 24 de xaneiro de 2022).

Outros procedementos relacionados

FA009A

Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica dos modelos de declaración 008 e de autoliquidación 013 do Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM).

Aberto todo o ano

IG535A

Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas (financiamento Igape-pemes)

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 30/09/2025 14:00

IN201D

Revisión actividades artesás do Rexistro xeral de artesanía de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN201E

Autorización do uso da marca Artesanía de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano