Guía de procedementos e servizos

IG421A

Axudas do Igape para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 08/01/2019 00:00 - 07/03/2019 23:59

Consellería de Economía e Industria

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización conxunta da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas internacionalizadas para que non só non perdan a súa presenza nos mercados exteriores senón que a incrementen, poñendo ao seu alcance axudas financeiras que apoien a súa presenza exterior, ampliando o número de países e a diversificación dos sectores internacionalizados.

Estas axudas están dirixidas a apoiar o esforzo realizado polos organismos intermedios para promocionar empresas galegas (que compartan similares intereses en determinados mercados) de modo agrupado aproveitando sinerxías e cooperando entre si, polo que se apoian as accións de promoción propostas e organizadas por entidades empresariais sen ánimo de lucro.

Esta liña de axuda compleméntase co programa de aquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización financiado con fondos propios do Igape, dado que se lles ofrecese aos organismos intermedios solicitantes destas axudas a posibilidade de solicitar un bolseiro de promoción exterior para que os apoie na realización das accións de internacionalización para as que solicita esta axuda.

Compleméntase, ademais, coas liñas de axuda Galicia Exporta Empresas e Foexga cofinanciadas con Feder, e cos servizos do Igape á internacionalización.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Accións obxecto de apoio e exclusións.

1. Co obxectivo de incentivar a posta en marcha de plans de internacionalización mediante realización de accións de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de accións que beneficien un sector empresarial galego ou máis dunha empresa galega dun mesmo sector ou sectores complementarios, promovidas e desenvolvidas por organismos intermedios para facilitar a internacionalización das empresas ás cales representan:

a) Misións empresariais directas ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro, así como aqueloutros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias ou simposios que aínda que non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan a promoción do sector e as empresas a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro.

b) Participación en feiras ou eventos expositivos que se celebren no estranxeiro.

c) Misións empresariais inversas de importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescritores, empresas, profesionais ou organismos estranxeiros, co obxecto de dar a coñecer ao exterior as posibilidades das empresas e produtos galegos e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación.

d) Campañas conxuntas de publicidade en prensa, revistas, televisión, internet ou outros medios, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro e sempre que se trate de campañas de promoción dun sector empresarial galego ou de varias empresas galegas do mesmo sector ou sectores complementarios con similares intereses en determinados mercados.

e) Elaboración de material promocional conxunto como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte, e que contribúan á divulgación e coñecemento no estranxeiro, sempre que se realice para un sector empresarial galego ou para varias empresas galegas do mesmo sector ou sectores complementarios con similares intereses en determinados mercados.

f) Contratación de bases de datos de intelixencia competitiva internacional.

g) Creación de plataforma aplicación de e-commerce para mercados internacionais (mercado en liña).

h) Xestión de tramitación de acordos de joint-ventures, contratos, certificacións, homologacións e rexistros de marca e patentes para o estranxeiro.

i) Xestión de licitacións internacionais.

j) Accións cooperativas en destino para implantación promocional ou prospección de mercados.

En cada acción deben participar un mínimo de dúas pemes galegas e/ou o organismo solicitante da axuda representando a un mínimo de dúas pemes galegas.

2. Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por beneficiario, na cal se poderán incluír varias accións das mencionadas. No caso de presentar máis dunha solicitude atenderase á primeira presentada, no caso de non mediar desistencia ou renuncia da anterior.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia. Por organismos intermedios empresariais enténdese: as asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2016 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Enténdese por clúster empresarial para os efectos destas bases as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan plans de internacionalización en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación clúster.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Fax: 981558844

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Prazo de presentación: PECHADO

08/01/2019 00:00 - 07/03/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

- Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos terase en conta a definición establecida no artigo 2.18 do Regulamento (UE nº 651/2014 da Comisión, de 17 de xuño de 2014). Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

- Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

- Consideraranse, así mesmo, beneficiarias as empresas -que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión e que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia- que participen directamente nas accións subvencionadas e ás cales se lles imputará a axuda en minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Cada peme participante deberá declarar o cumprimento dos requisitos de peme e as axudas en minimis solicitadas e/ou concedidas nos últimos tres exercicios fiscais.

O organismo interesado deberá achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación con que se actúa.

b) Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.

c) Certificado acreditativo da inscrición no Rexistro de centros de innovación e tecnoloxía con anterioridade ao 31 de decembro de 2016, no caso de centros de innovación e tecnoloxía.

d) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.5 das bases reguladoras.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

De conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 7.2. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automáticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante. 

e) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Presentación das solicitudes.

Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os organismos interesados definidos no artigo 4 deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e das accións para as que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

No formulario o solicitante deberá cubrir unha memoria xustificativa das accións para as cales solicita subvención que incluirá os mercados obxecto das accións e, para cada acción, detalle de: tipo, título, descrición, datas estimadas de inicio e fin, orzamento e lugar de celebración (se procede).

No devandito formulario realizaranse as seguintes declaracións:

a) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

e) Que a entidade solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

f) Que a entidade solicitante non iniciou os gastos subvencionables e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

g) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

h) Conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.

A solicitude presentarase mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se considerarán desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 10 de decembro de 2018 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 4 do 7 de xaneiro de 2019).

    • Extracto da Resolución do 10 de decembro de 2018 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 4 do 7 de xaneiro de 2019).

    • Resolución do 8 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade da resolución de concesión das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG nº 136 do 18 de xullo de 2019).

    • Resolución do 21 de outubro de 2019 pola que se dá publicidade aos beneficiarios das axudas concedidas durante o primeiro e segundo trimestre de 2019 (DOG nº 212 do 7 de novembro de 2019).

    • Resolución do 5 de agosto de 2020 pola que se modifica a Resolución do 10 de decembro de 2018 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva. (DOG núm. 163, do 14 de agosto de 2020)

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG420A

Cualificación de axentes comerciais mediadores no exterior para o apoio á internacionalización da empresa galega.

IG422B

Axudas FOEXGA, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027.

Prazo aberto: 22/04/2025 09:00 - 31/10/2025 14:00