Guía de procedementos e servizos

IG421A

Axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 18/03/2022 00:00 - 15/06/2022 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización conxunta da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas internacionalizadas para que non só non perdan a súa presenza nos mercados exteriores senón que a incrementen, poñendo ao seu alcance axudas financeiras que apoien a súa presenza exterior, ampliando o número de países e a diversificación dos sectores internacionalizados.

Estas axudas están dirixidas a apoiar o esforzo realizado polos organismos intermedios para promocionar empresas galegas (que compartan similares intereses en determinados mercados) de xeito agrupado, aproveitando sinerxías e cooperando entre si, polo que se apoian as accións de promoción propostas e organizadas por entidades empresariais sen ánimo de lucro.

Esta liña de axuda compleméntase co programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización financiado con fondos propios do Igape, dado que se lles ofrece aos organismos intermedios solicitantes destas axudas a posibilidade de solicitar un bolseiro de promoción exterior para que os apoie na realización das accións de internacionalización para as cales solicitan esta axuda.

Compleméntase, ademais, coas liñas de axuda Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Dixital, Foexga, Sinerxía e cos servizos do Igape á internacionalización.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Proxectos obxecto de apoio.

1. Estas axudas teñen como obxecto incentivar a posta en marcha de plans de internacionalización mediante a realización de accións de promoción no exterior de modo conxunto, favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas. O Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de accións que beneficien un sector empresarial galego ou máis dunha empresa galega dun mesmo sector ou sectores complementarios, promovidas e desenvolvidas por organismos intermedios para facilitar a internacionalización das empresas que representan:

a) Misións empresariais directas ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro, así como aqueloutros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias (exceptúanse as remuneradas), ou simposios que aínda que non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan a promoción do sector e das empresas a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro, co obxecto de dar a coñecer no exterior as posibilidades das empresas, dos produtos e servizos galegos e/ou identificar boas prácticas, benchmarking e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación. Inclúense neste tipo de actividades a organización e participación en misións empresariais con axendas virtuais e visitas a feiras virtuais e/ou outros eventos expositivos virtuais que se celebren no estranxeiro ou estean dirixidos ao público estranxeiro.

b) Participacións e/ou organización propia de feiras ou eventos expositivos no estranxeiro ou incluídos no calendario de feiras comerciais internacionais publicado pola Secretaría de Estado de Comercio para o ano 2022 ou 2023 no Boletín Oficial del Estado, así como as feiras virtuais que se celebren no estranxeiro ou estean dirixidas ao público estranxeiro.

c) Misións empresariais inversas de importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescritores, empresas, profesionais ou organismos estranxeiros, co obxecto de dar a coñecer ao exterior as posibilidades das empresas e dos produtos galegos e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación. Así como a participación e/ou organización propia de eventos virtuais dirixidos ao público internacional (catas ou seminarios virtuais, xornadas de formación a prescritores...).

d) Campañas conxuntas de publicidade na prensa, revistas, televisión, internet ou outros medios, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro e sempre que se trate de campañas de promoción dun sector empresarial galego ou de varias empresas galegas do mesmo sector ou sectores complementarios con similares intereses en determinados mercados.

e) Elaboración de material publicitario conxunto como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte, e que contribúan á divulgación e ao coñecemento no estranxeiro, sempre que se realice para un sector empresarial galego ou para varias empresas galegas do mesmo sector ou sectores complementarios con similares intereses en determinados mercados.

f) Contratación de bases de datos de intelixencia competitiva internacional.

g) Creación da plataforma aplicación de E-commerce para mercados internacionais (mercado en liña).

h) Xestión de tramitación de acordos de joint-ventures, contratos, certificacións, homologacións e rexistros de marca e patentes para o estranxeiro (inclúese o rexistro de códigos fonte).

i) Xestión de licitacións internacionais.

j) Accións cooperativas en destino para a implantación promocional ou a prospección de mercados.

k) Creación, adquisición ou contratación de plataformas que permitan o desenvolvemento e a organización de feiras, catas, seminarios, accións e xornadas de formación en modo virtual.

En cada acción deben participar un mínimo de dúas pemes galegas e/ou o organismo solicitante da axuda representando un mínimo de dúas pemes galegas.

2. Dadas as características das axudas, optouse por definir un método de custos simplificados baseado nas sumas a tanto global, acorde co establecido no artigo 67.1.c) do Regulamento (UE) nº 1303/2013, para os proxectos comprendidos nas letras a), b), c) (sempre que non sexan de carácter virtual); d) e e) do parágrafo anterior.

Os importes dos incentivos establecidos como sumas a tanto global calculáronse mediante un método xusto, equitativo e verificable, tomando como referencia os datos dos importes xustificados polos beneficiarios correspondentes aos proxectos obxecto de subvención nas convocatorias de axudas dos anos 2017, 2018 e 2019, conforme o disposto no artigo 67.5.a.ii) do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

3. So sé poderá presentar e aprobar unha solicitude por beneficiario, na cal se poderán incluír varias accións das mencionadas. No caso de presentar máis dunha solicitude, atenderase a primeira presentada, no caso de non mediar desistencia ou renuncia da anterior.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia. Por organismos intermedios empresariais enténdense: as asociacións empresariais, os consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústeres empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2016 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Enténdense por clúster empresarial, para os efectos destas bases, as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan plans de internacionalización en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Fax: 981558844

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

18/03/2022 00:00 - 15/06/2022 23:59

Segundo a Resolución do 23 de maio de 2022 (DOG nº 99 do 24 de maio de 2022), amplíase en 15 días hábiles, ata o 15 de xuño de 2022, o prazo de presentación de solicitudes previsto no punto segundo do resolvo da Resolución do 16 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

1. Consideraranse, así mesmo, beneficiarias ás empresas –que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, e que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia– que participen directamente nas accións subvencionadas e ás cales se imputará a axuda de minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Cada peme participante deberá declarar o cumprimento dos requisitos de peme e as axudas de minimis solicitadas e/ou concedidas nos últimos tres exercicios fiscais.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Forma e lugar de presentación das solicitudes.

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os organismos interesados definidos no artigo 4 deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e das accións para as que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No formulario electrónico o solicitante deberá cubrir unha memoria xustificativa das accións para as cales solicita subvención que incluirá os mercados obxecto das accións e, para cada acción, detalle de: tipo, título, descrición, datas estimadas de inicio e fin, orzamento e lugar de celebración (se procede).

No devandito formulario o organismo intermedio realizará as seguintes declaracións:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

d) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a esta declaración de peme, ou na documentación que fose requirida para acreditala, dará lugar á perda do dereito á cobranza e no seu caso, ao reintegro da subvención percibida, constituíndo unha infracción moi grave tal e como establece o artigo 56.a) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, podéndose impoñer as seguintes sancións:

1. Multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

2. Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción exceda de 30.000 euros, concorrendo algunha das circunstancias previstas nas letras b) e c) do punto 1 do artigo 58 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os infractores poderán ser sancionados, ademais:

i) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da administración ou outros entes públicos.

ii) Coa prohibición durante un prazo de ata cinco anos para celebrar contratos coa administración ou outros entes públicos.

iii) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora.

O Igape poderá realizar as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.

e) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

f) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013).

g) Se é o caso, declaración de que ten implantado un plan de igualdade.

h) Declaración sobre calquera outra axuda pública ou privada recibida e/ou solicitada para o mesmo proxecto e/ou para os mesmos conceptos para os que se solicita esta subvención.

i) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

j) Que os activos intanxibles subvencionados: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) Consideraranse activos amortizables; 3) Adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador; 4) Incluiranse nos activos da empresa beneficiaria e permanecerán asociados ao proxecto a que se destina a axuda durante polo menos tres anos.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14:00 horas da data de finalización, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, previa resolución de arquivo.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizou a emenda.

3. Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola

plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

Documentación complementaria.

1. Os organismos interesados deberán xuntar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) Certificado acreditativo da inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31.12.2016, no caso de centros de innovación e tecnoloxía.

c) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.5 das bases reguladoras.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, excepto que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa presentación.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición da documentación ou da información orixinal.

Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, excepto que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante. 

e) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día do pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

h) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 8.1 destas bases.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Consulta de concesións pola regra de minimis.

k) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 16 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2022), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 53 do 17 de marzo de 2022).

    • Extracto da Resolución do 16 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2022), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 53 do 17 de marzo de 2022).

    • Resolución do 23 de maio de 2022 pola que se modifica a Resolución do 16 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2022), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se amplía o prazo de presentación de solicitudes (DOG nº 99 do 24 de maio de 2022).

    • Extracto da Resolución do 23 de maio de 2022 pola que se modifica a Resolución do 16 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2022), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se amplía o prazo de presentación de solicitudes (DOG nº 99 do 24 de maio de 2022).

    • Resolución do 8 de marzo de 2023 pola que se amplía o prazo máximo de execución dos proxectos e de presentación da xustificación e solicitude de cobramento da Resolución do 16 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2022), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 49 do 10 de marzo de 2023).

    • Resolución do 30 de marzo de 2023 pola que se dá publicidade á resolución de concesión das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG nº 64 do 31 de marzo de 2023).

    • Resolución do 28 de agosto de 2024 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas por este instituto durante o primeiro e o segundo trimestres de 2023 (DOG nº 173 do 9 de setembro de 2024).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano