Guía de procedementos e servizos

IG300C

Axudas á dixitalización industria 4.0 susceptibles de ser cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021- 2027.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 06/06/2023 08:00 - 05/07/2023 14:00

Consellería de Economía e Industria

Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha empresa galega e outras empresas, ou entre dúas ou máis empresas galegas, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo os empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia en que se vaia realizar o proxecto.

Poderán ter a condición de persoas beneficiarias as pequenas e medianas empresas de calquera sector da actividade económica incluído no ámbito de aplicación do Regulamento (UE) 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), considerando o indicado no punto 4.a) deste artigo.

2. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 1.b).

3. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 1.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia. Deberanse facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en diante, o líder), único interlocutor coa Administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá recoller como mínimo, o seguinte:

a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF, e nome e DNI do representante legal.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do representante desta ante a Administración para os efectos de interlocutor con ela.

c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta descrito no formulario electrónico de solicitude da axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada peme participante.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.

f) Autorización ao Igape para obter os datos doutras administracións que sexan necesarios para tramitar a solicitude, que se cubrirá no anexo III das bases reguladoras.

g) Declaración de vinculación entre empresas integrantes da asociación, cando esta exista.

h) Sinatura de todos os integrantes.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

No caso de que exista vinculación entre algunhas empresas da agrupación, as empresas vinculadas contarán como unha única para os efectos da avaliación do proxecto. Se todas elas estivesen vinculadas, avaliara o proxecto como varias solicitudes individuais.

4. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) Segundo os artigos 1.3 e 13 do Regulamento (UE) 651/2014: empresas pertencentes ao sector da pesca e a acuicultura, ao sector da produción agrícola primaria, ao sector do aceiro, ao sector do carbón, ao sector da construción naval, ao sector das fibras sintéticas, ao sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

b) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipos para os que solicitan a axuda.

c) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos) que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

d) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

e) As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 651/2014).

f) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

g) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000,00 euros, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Esta circunstancia será acreditada polas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, de conformidade co previsto no artigo 26 do regulamento desta lei.

Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

5. As persoas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non encontrarse en ningunha situación que as exclúa de ser persoas beneficiarias conforme este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as persoas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do Regulamento 651/2014 para considerar unha empresa en crise.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Fax: 981558844

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Prazo de presentación: PECHADO

06/06/2023 08:00 - 05/07/2023 14:00

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será dun mes, contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes.

Solicitudes.

1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. Presentarase unha solicitude por cada tipo de proxecto dos definidos no artigo 1 nas letras a) ou b). No caso de que un proxecto conteña unha mestura de tipoloxías, as persoas solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha das tipoloxías definidas en función da que considere principal ou máis salientable. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. As pemes poderán presentar un único proxecto individual e participar nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.

3. Nas solicitudes de axuda a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións, que estarán incluídas no devandito formulario electrónico no caso dos proxectos individuais, ou no anexo III no caso dos colectivos:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión Europea.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

e) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a esta declaración de peme, ou na documentación que fose requirida para acreditala, dará lugar á perda do dereito á cobranza e, de ser o caso, ao reintegro da subvención percibida, constituíndo unha infracción moi grave, tal e como establece o artigo 56.a) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e poderanse impoñer as seguintes sancións:

1. Multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

2. Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción exceda de 30.000,00 euros, concorrendo algunha das circunstancias previstas nas letras b) e c) do número 1 do artigo 58 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os infractores poderán ser sancionados, ademais:

i) Coa perda durante o prazo de ata cinco anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da Administración ou outros entes públicos.

ii) Coa prohibición durante o prazo de ata cinco anos para subscribir contratos coa Administración ou outros entes públicos.

iii) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora.

O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as cales se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

f) Que non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

g) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

h) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria.

i) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 3 anos, segundo o establecido no artigo 5.8 destas bases reguladoras.

j) Que ten implantado un plan de igualdade, identificando o código do localizador no rexistro de convenios e acordos colectivos, de ser o caso.

k) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, cando sexa o caso.

l) Que o proxecto financiado non inclúe actividades que ocasionen un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles mediante a implantación dun sistema de clasificación (ou taxonomía) das actividades económicas ambientais sostibles.

m) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas e concederáselles ás persoas solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidas da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da persoa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todas as persoas asinantes autorizan unha delas para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital da persoa presentadora, e transferido este ao Igape, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter mención explícita aos criterios de avaliación e selección de proxectos aplicables (artigo 6).

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.7 destas bases reguladoras.

c) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de non estar inscritas no Rexistro Mercantil.

d) Poder da persoa representante que presenta a solicitude, no caso de non estar inscritas no Rexistro Mercantil.

e) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación segundo o establecido no artigo 4.3.

f) Para subvencións de importe superior a 30.000,00 €, segundo o establecido no artigo 4.4.g) das bases reguladoras, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará do seguinte xeito, de acordo co anexo V destas bases:

i. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración responsable.

ii. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente, con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

g) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio «do no significant harm»- DNSH), segundo o anexo VI destas bases.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos.

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou, se é o caso, da persoa partícipe da agrupación.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante ou, se é o caso, da entidade partícipe da agrupación.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

i) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

k) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo as letras c) e d) do artigo 8.1 das bases da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I da solicitude ou no anexo III de declaracións e comprobación de datos das pemes partícipes da agrupación, e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderaselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 18 de maio de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2023, susceptibles de ser cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 105 do 5 de xuño de 2023).

    • Extracto da Resolución do 18 de maio de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2023, susceptibles de ser cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 105 do 5 de xuño de 2023).

    • Resolución do 11 de xaneiro de 2024 pola que se dá publicidade da resolución de concesión das axudas á dixitalización Industria 4.0, susceptibles de ser cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027 (DOG nº 12 do 17 de xaneiro de 2024).

    • Resolución do 17 de febreiro de 2025 pola que se lle dá publicidade á relación de persoas beneficiarias das axudas concedidas durante o terceiro e cuarto trimestre de 2023 (DOG nº 40 do 27 de febreiro de 2025).

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano