Guía de procedementos e servizos

IG300D

Declaración de iniciativa empresarial prioritaria.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 16/12/2021 00:00 - 21/02/2023 23:59

Consellería de Economía e Industria

Esta resolución ten por obxecto dar publicidade ao modelo normalizado (código de procedemento IG300D) para a tramitación por medios electrónicos, tanto para a declaración dun proxecto como iniciativa empresarial prioritaria das previstas no artigo 42.1 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, como para as previstas no artigo 42.2 da citada norma, e que recollen os proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, que non estean asociados ao autoconsumo industrial.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Prazo de presentación: PECHADO

16/12/2021 00:00 - 21/02/2023 23:59

Péchase o prazo en virtud da Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa da RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se establece o modelo normalizado de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria, ao abeiro dos artigos 42 e 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (código de procedemento IN230B), que establece:

 “Queda expresamente derrogada a Resolución do 2 de decembro de 2021 pola que se aproba e se dá publicidade ao modelo de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria das previstas no artigo 42 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, modificada pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e pola que se derroga a Resolución do 9 de xuño de 2020 (código de procedemento IG300D).”

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230208/AnuncioV0653-300123-0004_gl.html

Poderán presentar a solicitude as persoas interesadas que cumpran co establecido no artigo 42 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia:

1. Poderán ser declaradas polo Consello da Xunta de Galicia como iniciativas empresariais prioritarias aquelas que cumpran, cando menos, dous dos seguintes requisitos:

a) Que supoñan un volume de investimento mínimo en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, dun millón de euros, incluídos aqueles proxectos de xeración eléctrica a partir de fontes renovables en que o destino final da enerxía eléctrica producida sexa o abastecemento da industria galega.

b) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, non sendo de aplicación para os proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro.

c) Instrumentos de mobilización, recuperación, posta en produción e aproveitamento sustentable de terras agrarias e forestais, así como plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural.

d) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos ou que se integren no financiamento do instrumento temporal de recuperación europea Next Generation EU.

2. Para o caso dos proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, que non estean asociados ao autoconsumo industrial, poderán ser consideradas iniciativas empresariais prioritarias aqueles proxectos que xustifiquen un compromiso industrial asociado á implantación do proxecto eólico que supoña a creación ou consolidación dun volume mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos en Galicia, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, así como aqueles proxectos que xustificasen a totalidade dos compromisos industriais derivados da Orde do 29 de marzo de 2010 ou aqueles proxectos que supoñan un volume de investimento, tendo en conta o valor medio anual en función da tecnoloxía de mercado, superior a vinte millóns de euros, sempre que conten cun permiso de acceso e conexión firme e vixente e que conten con infraestruturas de evacuación autorizadas ou executadas e en funcionamento que permitan a vertedura á rede de transporte ou distribución da enerxía eléctrica xerada.

1. Para presentar a solicitude, a persoa interesada deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de declaración de iniciativa empresarial prioritaria.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá na aplicación informática: http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda; transcorrido este, considerarase que desisten da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Proxectos encadrados no artigo 42.1:

1º. Exposición detallada do proxecto que acredite o cumprimento de, polo menos, dous dos seguintes requisitos:

i) Que supoñan un volume de investimento mínimo en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, dun millón de euros, incluídos aqueles proxectos de xeración eléctrica a partir de fontes renovables en que o destino final da enerxía eléctrica producida sexa o abastecemento da industria galega.

ii) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, non sendo de aplicación para os proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro.

iii) Instrumentos de mobilización, recuperación, posta en produción e aproveitamento sustentable de terras agrarias e forestais, así como plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural.

iv) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos ou que se integren no financiamento do instrumento temporal de recuperación europea Next Generation EU.

2º. Documentación complementaria:

i) Temporalización do proxecto con cronograma de implantación.

ii) Declaración responsable do cumprimento dos requisitos indicados, conforme o artigo 42.1 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude.

iii) Declaración responsable do mantemento do investimento e/ou dos vinte e cinco postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, durante un período mínimo de cinco anos desde o inicio da actividade económica ou da ampliación da existente, de ser o caso, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude.

3º. Deberán indicar cal das modalidades corresponde e achegar a seguinte documentación en función da modalidade indicada, para o caso de proxectos que acrediten o cumprimento do requisito do punto 1º iii):

i) Proxectos de polígonos agroforestais ou actuacións de xestión conxunta que teñan declaración de utilidade pública.

Declaración responsable de utilidade pública do polígono agroforestal ou actuación de xestión conxunta, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude.

ii) Proxectos empresariais vinculados a polígonos agroforestais ou actuacións de xestión conxunta por estaren localizados no seu perímetro ou utilizar a produción agraria das terras incluídas nestes polígonos ou actuacións que deben ter a declaración de utilidade pública.

Proxecto de polígono agroforestal ou actuación de xestión conxunta, ou proxecto empresarial vinculado a polígono agroforestal, actuación de xestión conxunta ou aldea modelo.

iii) Proxectos empresariais localizados en aldeas modelo declaradas.

Declaración de aldea modelo, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude.

iv) Proxectos empresariais incluídos no programa de actuacións dun plan de desenvolvemento rural aprobado pola Xunta de Galicia.

Documento do Plan de desenvolvemento rural.

4º. A documentación referida nos puntos 1º e 2º deberá estar asinada polo promotor do proxecto ou, se é o caso, polo representante legal.

b) Proxectos encadrados no artigo 42.2:

1º. Exposición detallada da iniciativa proxectada, que deberá conter unha descrición do proxecto e determinar en que modalidade se encadra das indicadas no artigo 42.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e que a seguir se relacionan:

i) Proxectos que xustifiquen un compromiso industrial asociado á implantación do proxecto eólico que supoña a creación ou consolidación dun volume mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos en Galicia, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa.

ii) Proxectos que xustificasen a totalidade dos compromisos industriais derivados da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia.

iii) Proxectos que supoñan un volume de investimento, tendo en conta o valor medio anual en función da tecnoloxía de mercado, superior a vinte millóns de euros, sempre que conten cun permiso de acceso e conexión firme e vixente e que conten con infraestruturas de evacuación autorizadas ou executadas e en funcionamento que permitan a vertedura á rede de transporte ou distribución da enerxía eléctrica xerada.

2º. Documentación complementaria.

A documentación que acredite o cumprimento das condicións relativas á modalidade de proxecto en que se encadre en función do determinado no artigo 42.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

3º. A documentación referida nos puntos 1º e 2º deberá estar asinada polo promotor do proxecto ou, se é o caso, polo representante legal.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado na solicitude (anexo I) e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos que fosen necesarios.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://tramita.igape.es

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 2 de decembro de 2021 pola que se aproba e se dá publicidade ao modelo de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria das previstas no artigo 42 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, modificada pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e pola que se derroga a Resolución do 9 de xuño de 2020 (DOG nº 239 do 15 de decembro de 2021).

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG302A

Avais do Igape.

Aberto todo o ano