Guía de procedementos e servizos

IG300C

Obradoiros e axudas á dixitalización industria 4.0, cofinanciadas no marco do programa operativo feder galicia 2014-2020.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 30/07/2022 00:00 - 08/09/2022 23:59

Consellería de Economía e Industria

Obradoiros.

Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas (para definición de empresa atenderase ao establecido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014) para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais susceptibles de optar ás axudas establecidas nestas bases ou noutras convocatorias, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.

Estes espazos de encontro terán necesariamente carácter presencial, aínda que poderá continuarse o contacto entre os membros do grupo e poderán organizarse outros eventos en contornos virtuais.

Tendo en conta a actual situación, aclárase que se considerará que un espazo de encontro ten «carácter presencial» cando as persoas participantes estean simultaneamente no mesmo lugar, ou ben cando empreguen unha ferramenta de presenza virtual que asegure a súa interacción simultánea desde distintos lugares, como pode ser unha videoconferencia grupal.

Cada espazo de encontro poderá estar articulado a través dunha ou de varias reunións, ademais doutras actuacións de contacto entre os membros do grupo que poidan ser necesarias. Estas reunións terán que documentarse en vídeo ou por escrito acompañadas de fotografías.

En cada espazo de encontro deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas. Considerarase que cada reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de dous terzos das empresas participantes no correspondente espazo de encontro. A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.

Axudas ás Pemes

1. Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha empresa galega e outras empresas, ou entre dúas ou máis empresas galegas, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.

Para unha correcta interpretación desta convocatoria debe terse en conta que ao longo destas bases se fará referencia aos seguintes conceptos:

• Modalidade de proxecto: para distinguir entre proxectos individuais e colectivos.

• Tipo de proxecto: para clasificar os proxectos en función do importe total subvencionable.

• Tipoloxía: para clasificar o alcance e obxectivo do proxecto que se quere levar a cabo.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos, en que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.

2º. Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

b) Proxectos individuais en que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.

2º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares) e ciberseguridade.

3º. Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares).

Ademais, os proxectos encadraranse en tres tipos distintos en función do importe total subvencionable:

• Tipo 1: proxectos cun importe subvencionable de menos de 50.000 €.

• Tipo 2: proxectos cun importe subvencionable de entre 50.000 € e 120.000 €.

• Tipo 3: proxectos cun importe subvencionable de máis de 120.000 €.

Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b). O Igape poderá reclasificar os proxectos entre modalidades e tipos no caso de que a clasificación proposta pola empresa non sexa correcta.

2. Os proxectos deberán estar finalizados para poder optar ao cobramento da subvención. Enténdese que os proxectos están finalizados cando exista a capacidade de interconexión multiempresa de procesos no caso dos proxectos colectivos ou cando as interfaces poidan conectar a solicitante con outra ou outras empresas, ou ben os sistemas de dixitalización estean implantados e operativos, no caso de proxectos individuais, o que se acreditará na memoria de xustificación. Non se aprobarán proxectos que non propoñan chegar a resultados, como estudos de viabilidade ou deseño de solucións illadamente do seu desenvolvemento e implantación na empresa solicitante.

3. Os proxectos deberán ser técnica e economicamente viables para a empresa solicitante.

4. O importe subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €.

Obradoiros.

1. Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para os efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústeres empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros (BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As entidades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007 ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Axudas ás Pemes.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, e que teñan un centro de traballo en Galicia en que se vaia realizar o proxecto.

2. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 5.1.b).

3. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 5.1.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída, polo menos, por dúas pemes con centro de traballo en Galicia. Deberanse facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en diante, o líder), único interlocutor coa Administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá incluír, como mínimo, o seguinte:

a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF e nome e DNI do representante legal.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración para os efectos de interlocutor con ela.

c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta descrito no formulario electrónico de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada peme participante.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.

f) Autorización ao Igape para obter os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude, que se cubrirá no anexo IV das bases reguladoras.

g) Declaración de vinculación entre empresas integrantes da asociación, cando esta exista.

h) Sinatura de todos os integrantes.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

No caso de que exista vinculación entre algunhas empresas da agrupación, as empresas vinculadas contarán como unha única para efectos da avaliación do proxecto. Se todas elas estivesen vinculadas, avaliaríase o proxecto como varias solicitudes individuais.

4. Presentarase unha solicitude por cada tipoloxía de proxecto dos definidos no artigo 5. No caso de que un proxecto conteña unha mestura de tipoloxías, os solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha das tipoloxías definidas en función da que considere principal ou máis salientable. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. As pemes poderán presentar un ou máis proxectos individuais e participar nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) Segundo os artigos 1.3 e 13 do Regulamento (UE) 651/2014: empresas pertencentes ao sector da pesca e da acuicultura, ao sector da produción agrícola primaria, ao sector do aceiro, ao sector do carbón, ao sector da construción naval, ao sector das fibras sintéticas, ao sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

b) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipamentos para os cales solicitan a axuda.

c) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

d) As empresas en crise. Utilizarase para esta comprobación a definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 651/2014).

e) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Os/as solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarios/as conforme este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do Regulamento 651/2014 para considerar unha empresa en crise.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Prazo de presentación: PECHADO

30/07/2022 00:00 - 08/09/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 8 de setembro de 2022.

Solicitudes.

1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. No caso das axudas ás pemes, presentarase unha solicitude por cada tipoloxía de proxecto dos definidos no artigo 5. No caso de que un proxecto conteña unha mestura de tipoloxías, os solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha das tipoloxías definidas en función da que considere principal ou máis salientable. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. As pemes poderán presentar un único proxecto individual e participar nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.

3. Nas axudas a pemes realizaranse as seguintes declaracións, que estarán incluídas no devandito formulario no caso dos proxectos individuais, ou no anexo IV no caso dos colectivos:

a) Que a persoa solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que a persoa solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise, conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión Europea.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

e) Que a persoa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a esta declaración de peme, ou na documentación que fose requirida para acreditala, dará lugar á perda do dereito á cobranza e, de ser o caso, ao reintegro da subvención percibida, constituíndo unha infracción moi grave tal e como establece o artigo 56.a) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, poderanse impoñer as seguintes sancións:

1. Multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

2. Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción exceda os 30.000 euros, concorrendo algunha das circunstancias previstas nas letras b) e c) do número 1 do artigo 58 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os infractores poderán ser sancionados, ademais:

i) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da administración ou outros entes públicos.

ii) A prohibición durante un prazo de ata cinco anos para subscribir contratos coa Administración ou outros entes públicos.

iii) A perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora.

O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as cales se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

f) Que a persoa solicitante non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

g) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

h) Conservar os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, ou dous anos no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

i) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 3 anos, segundo o establecido no artigo 7.7 destas bases reguladoras.

j) Se é o caso, declaración responsable do representante legal de que a empresa ten implantado un plan de igualdade, identificando o código do localizador no rexistro de convenios e acordos colectivos.

k) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.

l) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

4. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

5. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou persoa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios de selección aplicables.

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido nos artigos 3.3 e 7.6 destas bases reguladoras.

c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

d) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación segundo o establecido no artigo 6.

e) No caso das solicitudes do título I, no suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario, deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE ou, de ser o caso, unha declaración responsable da entidade en que xustifique que o IVE supón un gasto real e os artigos da lexislación aplicable que dan soporte a esa xustificación. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, a declaración deberá indicar a pro rata definitiva do último exercicio pechado, e será responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos.

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou, se é o caso, da persoa partícipe da agrupación.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante ou, se é o caso, da entidade partícipe da agrupación.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

f) Consulta de información do imposto de actividades económicas ampliado da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación.

g) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación.

i) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación.

j) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 11.1 das bases da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

l) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

m) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I da solicitude ou no anexo IV de declaracións e comprobación de datos, e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 18 de xullo de 2022 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2022, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 144 do 29 de xullo de 2022).

    • Extracto da Resolución do 18 de xullo de 2022 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2022, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 144 do 29 de xullo de 2022).

    • Extracto da Resolución do 18 de xullo de 2022 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2022, cofinanciadas no marco do programa operatifo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 144 do 29 de xullo de 2022).

    • Resolución do 12 de xaneiro de 2023 pola que se dá publicidade á resolución de concesión das axudas á dixitalización Industria 4.0, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG nº 15 do 23 de xaneiro de 2023).

    • Resolución do 3 de febreiro de 2023 pola que se dá publicidade da resolución de concesión dos obradoiros de dixitalización Industria 4.0 (DOG nº 33 do 16 de febreiro de 2023).

    • Resolución do 27 de febreiro de 2024 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o cuarto trimestre de 2022 (DOG nº 47 do 6 de marzo de 2024).

    • Resolución do 28 de agosto de 2024 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas por este instituto durante o primeiro e o segundo trimestres de 2023 (DOG nº 173 do 9 de setembro de 2024).

    • Resolución do 17 de febreiro de 2025 pola que se lle dá publicidade á relación de persoas beneficiarias das axudas concedidas durante o terceiro e cuarto trimestre de 2023 (DOG nº 40 do 27 de febreiro de 2025).

Outros procedementos relacionados

BS104A

Acceso á información contida na Historia Social Única Electrónica.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA006A

Punto xeral de entrada de facturas electrónicas e o Rexistro Contable de Facturas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aberto todo o ano

IG302A

Avais do Igape.

Aberto todo o ano

PR001A

Alta/renovación de usuario en Chave365.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano