Guía de procedementos e servizos

ED516A

Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros publicos non universitarios.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 04/06/2020 00:00 - 03/07/2020 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

1. A través do procedemento desta orde (ED516A) preténdese seleccionar novos centros públicos para a súa incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, así como apoiar a continuidade deste programa mediante a concesión de novas contías aos centros educativos incluídos en anteriores convocatorias (sempre que a través do seguimento que se realiza desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares, e moi especialmente, a través da memoria correspondente ao actual curso 2019/20, acaden unha valoración positiva).

2. O plan de mellora procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que recollan:

a) A organización, actualización e dinamización da biblioteca de centro, entendida como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, en evolución cara a un «centro creativo das aprendizaxes».

b) O deseño da biblioteca cun enfoque inclusivo, con atención aos espazos, os recursos, as oportunidades e a actitude para unha correcta atención da diversidade.

c) A incorporación de novas tendencias en materia bibliotecaria: espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido.

d) A súa contribución á mellora dos procesos de ensino e de aprendizaxe e á adquisición das competencias clave do alumnado.

e) O concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

f) O deseño e o desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, é dicir, as competencias de uso, tratamento e produción de información nos diferentes soportes e formatos, así como o tratamento das linguaxes dos diferentes medios de comunicación.

g) A imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital.

h) A realización de actividades de formación de usuarios das bibliotecas e os seus recursos.

i) O papel da biblioteca escolar no desenvolvemento do proxecto lector de centro.

j) O fomento da lectura e da escritura.

k) A contribución da biblioteca á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro.

l) As posibilidades que ofrece para a incorporación de metodoloxías innovadoras e consecuentes coas necesidades educativas actuais.

m) A implicación da biblioteca en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.

n) A contribución da biblioteca á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable da ONU (ODS 2030).

3. Poden participar nesta convocatoria os centros non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional incluídos nas seguintes alíneas:

a) Os centros integrados no programa en convocatorias anteriores:

1º. Centros incorporados nas convocatorias de 2005 a 2013 (Plambe 1-9), que recibirán asignacións para fondos.

2º. Centros incorporados nas convocatorias de 2014 a 2016 (Plambe 10-12), que poderán recibir asignacións para fondos así como para mobiliario e outros equipamentos.

3º. Centros incorporados nas convocatorias de 2017 e 2018 (Plambe 13-14), que recibirán asignacións para fondos.

b) Os centros integrados na convocatoria de 2019 (Plambe 15), que poderán recibir contías para fondos, mobiliario ou outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.

c) Seleccionaranse un mínimo de 25 novos centros, para a súa integración no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2020/21 (número que poderá incrementarse no caso de producírense baixas ou renuncias de centros xa integrados anteriormente no Plambe). En igualdade de puntuación terán preferencia os centros situados en concellos rurais.

4. Os centros incluídos neste programa poderán recibir formación específica, no contexto do Plan anual de formación do profesorado e do propio programa, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, dependente da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (Subdirección Xeral de Centros), desde onde se coordinará o plan de mellora e se levará a cabo o seguimento e supervisión oportunos.

5. As asignacións ou axudas, se for o caso, para os centros de nova incorporación estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento, e fixaranse logo da análise das necesidades descritas na solicitude presentada, en función da maior adaptación aos criterios recollidos nesta orde (que se materializará na puntuación acadada pola memoria e programas presentados), e das características de cada centro (número de unidades e de alumnos e alumnas matriculados).

Poden participar nesta convocatoria os centros non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional incluídos nas seguintes alíneas:

a) Os centros integrados no programa en convocatorias anteriores:

1º. Centros incorporados nas convocatorias de 2005 a 2013 (Plambe 1-9), que recibirán asignacións para fondos.

2º. Centros incorporados nas convocatorias de 2014 a 2016 (Plambe 10-12), que poderán recibir asignacións para fondos así como para mobiliario e outros equipamentos.

3º. Centros incorporados nas convocatorias de 2017 e 2018 (Plambe 13-14), que recibirán asignacións para fondos.

b) Os centros integrados na convocatoria de 2019 (Plambe 15), que poderán recibir contías para fondos, mobiliario ou outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.

c) Seleccionaranse un mínimo de 25 novos centros, para a súa integración no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2020/21 (número que poderá incrementarse no caso de producírense baixas ou renuncias de centros xa integrados anteriormente no Plambe). En igualdade de puntuación terán preferencia os centros situados en concellos rurais.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Subdirección Xeral de Centros

Servizo de Apoio Económico e Axudas ao Estudo

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546547 / 881997330

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Prazo de presentación: PECHADO

04/06/2020 00:00 - 03/07/2020 23:59

O prazo límite de presentación de instancias será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Enténdese por último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Os centros solicitantes deberán reunir os requisitos seguintes:

1. Contar cun espazo destinado exclusivamente á biblioteca escolar de centro.

2. Presentar un programa para o funcionamento e utilización da biblioteca escolar, acorde coas pautas recollidas nesta convocatoria, cunha xestión centralizada dos fondos documentais e unha organización que permita o seu aproveitamento por toda a comunidade escolar, con prioridade do alumnado e o profesorado.

3. Designar un profesor ou profesora responsable da biblioteca escolar, entre o profesorado definitivo no centro, por un período mínimo de dous anos e asignación de horas, dentro do seu horario lectivo e/ou complementario, en número suficiente para as funcións que lle son propias, aproveitando as marxes que ofrece a actual configuración do réxime horario do profesorado. Este responsable integrarase na comisión de coordinación pedagóxica do centro.

4. Crear un equipo de biblioteca ou grupo de apoio, de carácter interdisciplinario, formado por profesorado dos diferentes ciclos ou departamentos presentes no centro, con dispoñibilidade e dedicación específica para a realización das distintas tarefas derivadas do programa, que se terá en conta na elaboración dos horarios do profesorado ao comezo do curso escolar. Preferentemente, será este profesorado o que realice as «gardas de biblioteca», co fin de garantir a unificación de criterios na xestión e organización dos fondos, e un maior aproveitamento dese tempo lectivo para formación, orientación, asesoramento do alumnado como usuarios de fontes informativas, como lectores críticos e como produtores de información en diversos soportes e formatos; tamén para a propia organización de todas as actuacións en que intervén a biblioteca.

5. Integrar a biblioteca no desenvolvemento do proxecto lector de centro. Incluír o programa da biblioteca na programación xeral anual de centro.

6. Detallar unha serie de compromisos para o vindeiro curso:

a) Asignar un orzamento anual específico (entre un 5 % e un 10 % do orzamento do centro), para o funcionamento e actualización da biblioteca escolar, independente das asignacións a que puider dar lugar a participación na presente convocatoria.

b) Destinar a totalidade do financiamento conseguido ao abeiro desta convocatoria para a actualización e funcionamento da biblioteca escolar do centro.

c) Crear unha Comisión de Biblioteca no seo do consello escolar (agás naqueles centros que non conten con este órgano).

d) Participar nas actividades de formación sobre biblioteca escolar que se oferten de forma específica desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para os centros integrantes do programa. Ademais, todos os centros que se incorporan a este programa deberán solicitar un PFPP ao centro de formación e recursos de referencia, nos prazos establecidos, para realizar ao longo do período 2020/2022, relacionado co funcionamento da biblioteca escolar e os seus principais aspectos, ou incluír unha liña específica de biblioteca escolar nos PFPP xa en marcha, se for o caso.

7. Presentar as actividades da biblioteca escolar nas actividades de formación organizadas pola consellería, de ser requiridos pola unidade de seguimento do Plan de mellora de bibliotecas escolares.

8. Contar coa aprobación do claustro e presentar o proxecto ao consello escolar, se for o caso, para a súa valoración, así como o compromiso de ambos os órganos para facilitar a posta en práctica do proxecto.

Criterios de selección

Para a selección dos centros participantes teranse en conta os seguintes aspectos:

1. Calidade global do programa presentado, considerando o punto de partida, as propostas e previsións de mellora así como a dinámica de atención á biblioteca escolar xa creada, como espazo para a lectura, información e aprendizaxe (ata 6 puntos).

2. Coherencia interna do programa, entre propostas presentadas, situación real da biblioteca, e modelo proposto pola consellería (ata 9 puntos).

3. Viabilidade do programa presentado cunha axeitada correspondencia entra as intervencións programadas e os obxectivos previstos (ata 9 puntos).

4. Grao de adecuación do programa ás orientacións contidas nesta convocatoria, segundo a disposición adicional primeira, no cal se desenvolven os obxectivos e funcións da biblioteca como centro de recursos que favoreza a lectura e a escritura (nos seus máis variados contidos, soportes e formatos), a autonomía na aprendizaxe, o estudo, o traballo colaborativo, a adquisición de habilidades no uso e tratamento da información, o acceso ás tecnoloxías da comunicación e da información, a adquisición das competencias clave no seu conxunto, e o achegamento dos bens culturais a toda a comunidade escolar (máximo de 45 puntos):

a) Utilización da biblioteca escolar como centro de recursos centralizado da información e participación activa no desenvolvemento do proxecto lector (ata 12 puntos).

b) Existencia de actividades para o fomento da lectura e outros programas de difusión cultural á comunidade e propostas de utilización como lugar de traballo (ata 12 puntos).

c) Existencia de fondos en diferentes soportes cunha colección equilibrada e con atención á diversidade (ata 12 puntos).

d) Apertura da biblioteca á comunidade de xeito amplo e accesible incluíndo a atención a actividades formativas (ata 9 puntos).

5. Integración do programa nas actuacións destinadas á adquisición das competencias clave do alumnado e o cumprimento dos obxectivos contidos no proxecto educativo, así como o grao de participación da biblioteca, dos seus recursos materiais e humanos, no desenvolvemento do proxecto lector de centro (ata 15 puntos).

6. Formación específica da persoa responsable da biblioteca escolar (acreditada mediante os certificados correspondentes), horario destinado á atención da biblioteca e organización do horario do profesorado integrante do equipo de apoio, máximo 9 puntos:

a) Por formación específica, concretada en cursos ou xornadas relacionadas coa xestión da biblioteca escolar e as súas funcións (máximo 3 puntos): formación entre 60 horas (duración mínima) e 80 horas, 1 punto; formación por máis de 80 horas e ata 100 horas, 2 puntos; e formación por máis de 100 horas, 3 puntos.

b) Por horario destinado á atención da biblioteca (máximo 3 puntos).

– En educación primaria: de 3 horas semanais a menos de 5 horas, 1 punto; de 5 ou máis horas semanais a menos de 9 horas, 2 puntos; de 9 ou máis horas, 3 puntos.

– En educación secundaria: de 5 horas semanais a menos de 7 horas, 1 punto; de 7 ou máis horas semanais a menos de 9 horas, 2 puntos; de 9 ou máis horas, 3 puntos.

c) Por organización do horario do profesorado integrante do equipo de apoio, máximo 3 puntos.

7. Número de membros do equipo de apoio e formación específica destes (acreditada mediante os certificados correspondentes), dispoñibilidade para realizar actividades de formación no centro e organización do horario do profesorado que posibilite a viabilidade do programa (máximo 9 puntos).

a) 1º. Por número de membros do equipo de apoio e formación específica destes (máximo 3 puntos). Por persoas: entre 2 e 4 persoas, 0,50 puntos; de 5 ou 6 persoas, 1 punto; máis de 6 persoas, 1,50 puntos. Pola suma de horas dos cursos dos membros do equipo: entre 20 e 40 horas, 0,50 puntos; máis de 40 horas e menos de 60, 1 punto; máis de 60 horas, 1,50 puntos.

b) 2º. Por dispoñibilidade para realizar actividades de formación no centro (máximo 3 puntos): non dispoñibilidade, 0 puntos; dispoñibilidade para facer grupos de traballo e/ou seminarios: entre 1 e 2 puntos; dispoñibilidade para actividades PFPP, 3 puntos.

c) Por organización do horario do profesorado que posibilite a viabilidade do programa (máximo 3 puntos).

8. Grao de implicación do equipo directivo e do profesorado do centro no seu conxunto (ata 12 puntos).

9. Atención á biblioteca escolar por parte do centro nos dous cursos anteriores en canto a orzamento, melloras, organización e actividades realizadas, especialmente as destinadas á formación do alumnado como usuario de distintas fontes informativas, así como o apoio a programas e actividades do centro (máximo de 81 puntos):

a) Existencia de intervención no espazo físico da biblioteca, así como na colección (fondos bibliográficos, recursos...) e equipamento nos dous últimos cursos con fondos propios (ata 9 puntos).

b) Utilización de sistemas estandarizados de clasificación (CDU) con rexistro e préstamo actualizado e automatizado nos dous últimos cursos (ata 12 puntos).

c) Realización de actividades de formación de usuarios e actividades de traballos coa información nos dous últimos cursos (ata 12 puntos).

d) Coordinación de proxectos de carácter interdisciplinario e realización de actividades para a competencia mediática nos dous últimos cursos (ata 12 puntos).

e) Sistematización de activades de fomento da lectura (hora de ler, mochilas, lecturas compartidas...) nos dous últimos cursos (ata 12 puntos).

f) Integración da cultura impresa e a cultura dixital desde a concepción da lectura como alfabetización múltiple nos dous últimos cursos (ata 12 puntos).

g) Publicación de diferentes recursos como boletíns informativos, recomendacións, guías de lectura... tendo en conta a atención á diversidade e a implicación das familias (ata 12 puntos).

10. Propostas de mellora nos servizos ofertados pola biblioteca e uso que deles fan os diversos sectores da comunidade escolar, así como na atención aos usuarios da biblioteca, con especial atención á diversidade (máximo de 33 puntos):

a) Oferta servizos de lectura en sala, consulta de libros e outros soportes, acceso á internet e préstamo individual e colectivo (ata 9 puntos).

b) Realización de actividades de fomento da lectura, formación de lectores e asesoramento en materia de lectura e de información (ata 9 puntos).

c) Programas específicos de apoio ao estudo con atención á diversidade (ata 6 puntos).

d) Horario de apertura da biblioteca, adaptación ás necesidades da comunidade educativa, colaboración e integración no contorno sociocultural (ata 9 puntos).

11. Avaliación da calidade dos servizos prestados pola biblioteca á comunidade educativa, así como do desenvolvemento e resultado das actividades desenvolvidas (máximo de 18 puntos):

a) Existencia de criterios para a avaliación do proxecto tendo en conta procedementos e instrumentos e indicadores de calidade (ata 12 puntos).

b) Existencia de ferramentas para a avaliación dos servizos e a súa calidade seguindo as recomendacións da Asesoría (ata 6 puntos).

1. As solicitudes (modelo do anexo I) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. A solicitude deberá estar asinada pola persoa representante do centro e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria e que son certos os datos indicados nela e na documentación achegada.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Os centros do Plambe-1 a Plambe-14 (convocatorias dos anos 2005/2018) deberán cubrir a solicitude no anexo I, indicando se desexan continuar ou non no programa, e definir, segundo o anexo VIII, as liñas prioritarias de actuación na biblioteca escolar, para o curso 2020/21. A súa continuidade no Plan de mellora dependerá, en calquera caso, da valoración positiva da memoria correspondente ao presente curso 2019/20.

2. Os centros do Plambe-15, que foron integrados neste programa na convocatoria do ano 2019, presentarán a solicitude de confirmación (anexo I), e deberán definir, así mesmo (segundo o anexo VIII), as liñas prioritarias de actuación na biblioteca escolar, para o curso 2020/21. Incluirán tamén os anexos V e VI.

3. Os centros que opten por primeira vez á súa inclusión no Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2020/21, presentarán as solicitudes, segundo o modelo de instancia que figura como anexo I da presente orde xunto coa documentación que se especifica a seguir:

a) Análise da situación da biblioteca do centro, segundo o anexo II.

b) Breve memoria de actividades levadas a cabo no período 2018/2020 dirixidas á posta en marcha ou reorganización e dinamización da biblioteca escolar como recurso de apoio aos proxectos e programas do centro, así como programas de fomento da lectura, de educación en información ou de extensión cultural, segundo o anexo III. Indicarase o número total de horas semanais destinadas á biblioteca escolar, no último curso, fixadas no horario do profesorado do equipo de biblioteca, así como da persoa responsable dela (máximo 5 páxinas, tamaño de fonte 12, a dobre espazo; pódense incluír imaxes da situación actual do centro, e outras, en páxinas á parte, co correspondente pé de foto, ademais de ligazóns á web do centro ou ao blog da biblioteca).

c) Programa de biblioteca escolar para o curso 2020/21, segundo o guión previsto no anexo IV. Abranguerá os seguintes aspectos: optimización dos espazos, organización e automatización dos fondos, actividades para o fomento da lectura e contribución ao desenvolvemento do proxecto lector de centro; actuacións en materia de formación de usuarios e de educación para a competencia informacional e mediática; contribución da biblioteca ao desenvolvemento do currículo das diferentes áreas e materias; medidas para a compensación das desigualdades sociais e dinamización cultural do centro (en materia de lectura e de extensión cultural: presentación de libros, recitais, lecturas públicas, edición de boletíns informativos, etc.). Incluirase unha análise da situación real da biblioteca e das necesidades máis urxentes en materia de fondos, equipamento, mobiliario ou outros (máximo 16 páxinas, tamaño de fonte 12, a dobre espazo).

d) Relación do profesorado responsable da biblioteca escolar e integrante do equipo de apoio, e documentación acreditativa da formación deste profesorado (en materia de bibliotecas, fomento da lectura, escritura, competencia dixital, metodoloxías activas...), mediante copia simple dos certificados correspondentes incluídos nun único pdf, así como o compromiso escrito de participar na formación específica que se oferte durante o curso 2020/21 (segundo o anexo V).

e) Certificacións da dirección do centro en que se fagan constar as datas de presentación da proposta do programa no claustro para a súa aprobación, e no consello escolar para a súa información, e para a valoración dos compromisos necesarios para a participación nesta convocatoria, segundo os anexos VI e VII.

f) Certificados acreditativos das actividades de formación do profesorado que se responsabiliza da posta en marcha do programa de biblioteca.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta e Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF do centro solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Os trámites administrativos que as persoas interesadas deben realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados de forma electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Seis meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 25 de maio de 2020 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade desta consellería para o curso 2020/21 (código de procedemento ED516A) (DOG nº 107 do 3 de xuño de 2020).

    • Orde do 24 de agosto de 2020 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade desta consellería para o curso 2020/21 (DOG nº 177 do 1 de setembro de 2020).

Outros procedementos relacionados

ED301G

Modificación da autorización de centros de ensinanzas de técnicos deportivos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301H

Extinción da autorización de centros de ensinanzas de técnicos deportivos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED515A

Solicitude de validación de módulos de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño

Aberto todo o ano

ED515B

Solicitude de exención do módulo de formación práctica en empresa, estudio ou taller (FPEET) pola correspondencia coa práctica laboral

Aberto todo o ano