Guía de procedementos e servizos

ED504B

Actividades de formación en linguas estranxeiras.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 04/02/2025 00:00 - 03/03/2025 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Establecer as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación, dirixidas á mellora das competencias en linguas estranxeiras do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia, durante o ano 2025.

1. Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2024/25, na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2023/24.

c) Ter acadado no curso 2023/24, na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía, unha cualificación mínima de 6 no 4º curso de ensinanza secundaria obrigatoria para as prazas convocadas para o 1º curso de bacharelato e de 6 no 1º curso de bacharelato para as prazas convocadas para o 2º curso de bacharelato.

d) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.

e) Non estar incurso, nin o/a solicitante nin as persoas representantes/membros da unidade familiar, nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Estar en posesión do documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou pasaporte.

2. As axudas poderán ser solicitadas polos pais, nais ou titor/a legal, no caso do alumnado menor de idade, ou polo propio alumnado se é maior de 18 anos, sempre que conten con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa

Servizo de Innovación e Programas Educativos

San Caetano s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997426/ 881997419

Email: axudasle@edu.xunta.gal

https://www.edu.xunta.gal/axudasle

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Prazo de presentación: PECHADO

04/02/2025 00:00 - 03/03/2025 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Forma de presentación de solicitudes.

Con base no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para esta convocatoria de axudas establécese a presentación electrónica obrigatoria, por considerarse que está acreditado que as persoas solicitantes dispoñen de acceso e dos medios electrónicos necesarios, en caso contrario, as persoas que o requiran poderán solicitar asistencia para a tramitación da solicitude no seu centro educativo, conforme o disposto no artigo 11.4 desta orde.

O procedemento de solicitude iniciarase a través da aplicación «en liña» dispoñible desde a páxina web https://www.edu.xunta.gal/axudasle/, cubrindo o formulario electrónico que corresponda. Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación «en liña», o que permitirá o acceso directo á presentación da solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

A solicitude (anexo I) presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II.

b) Certificación académica das cualificacións de todas as áreas ou materias cursadas no ano académico 2023/24. No caso dos centros concertados, as certificacións correspondentes á educación secundaria obrigatoria serán asinadas polo director ou directora do centro docente co visto e prace da inspección educativa, e no caso das ensinanzas de bacharelato, a certificación asinaraa o secretario ou secretaria do centro educativo público en que se atope o expediente académico e co visto e prace do director ou directora dese centro.

c) O alumnado que cursou o ano académico 2023/24 fóra de Galicia deberá achegar a homologación da certificación orixinal onde conste a nota media do expediente do curso 2023/24 e as cualificacións numéricas de todas as materias cursadas.

d) Copia do libro ou libros de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar. No caso de non ter libro de familia, terá que presentarse documento ou documentos que acrediten o número de membros da unidade familiar. No suposto de non convivencia de ambos os proxenitores, deberase acreditar que o/a solicitante convive cos fillos e/ou fillas.

Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros da unidade familiar:

– Os pais/nais non separados legalmente nin divorciados ou, de ser o caso, o titor ou titores do alumnado.

– Os/as fillos/as menores de idade coa excepción dos emancipados. Terán a mesma consideración que os/as fillos/as, as persoas en situación de tutela ou acollemento familiar permanente ou preadoptivo legalmente constituído.

– Os/as fillos/as maiores de idade con discapacidade ou incapacitados xudicialmente, sempre que estean suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

– Os/as fillos/as solteiros/as menores de 25 anos e que convivan no domicilio familiar.

– Os proxenitores separados legalmente ou divorciados con custodia compartida forman unha unidade familiar cos fillos/as que teñan en común.

– A persoa que, por novo matrimonio, en situación de unión de feito ou en situación análoga ás anteriores con convivencia, resida no domicilio familiar coa persoa proxenitora do/da alumno/a, excepto nos casos de custodia compartida.

– Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai ou persoa de situación análoga e todos os descendentes que convivan con eles e que reúnan os requisitos anteriores.

– Non terá a consideración de membro computable a persoa proxenitora que non conviva co alumnado nos casos de separación ou divorcio, excepto no caso de custodia compartida.

Na medida en que a través deste sistema a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poida dispoñer destas informacións, non se lles exixirá ás persoas interesadas a achega individual de certificacións expedidas polas administracións correspondentes.

Para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado ou interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos. De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

No caso de alegarse:

d) Copia da xustificación de separación ou divorcio.

e) Copia da xustificación de viuvez.

f) Copia da xustificación de titoría legal.

g) Certificado de discapacidade da persoa solicitante, da nai, do pai, ou do titor ou titora, ou da persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.d) ou de irmáns/ás menores de 25 anos ou de persoas tuteladas, no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

h) Copia da documentación xustificativa das alegacións que se fagan constar como outras circunstancias familiares.

2. A documentación complementaria presentarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Non serán tidas en conta nin valoradas as circunstancias alegadas e non xustificadas documental e correctamente tal como se indica, nin as que se aleguen fóra do prazo establecido para esta convocatoria, nin as que conteñan emendas.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá requirir das persoas solicitantes en calquera momento aclaración da documentación presentada.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

a) DNI ou NIE do/da solicitante e da nai, do pai ou do titor ou titora, ou da persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.d).

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Nivel de renda (IRPF) para o ano 2023 da nai, do pai, ou do titor ou titora legal ou da persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.d), ou do/da solicitante no caso de ser maior de idade.

d) Estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal de Administración Tributaria para subvencións e axudas da nai, do pai ou do titor ou titora legal ou da persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.d), ou do/da solicitante, no caso de ser maior de idade.

e) Estar ao día no pagamento coa consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 20.3, en relación co artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, da nai, do pai, ou do titor ou titora ou da persoa de análoga relación, segundo o establecido no artigo 6.1.d), ou do/da solicitante, no caso de ser maior de idade.

f) Estar ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social da nai, do pai, ou do titor ou titora legal ou da persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.d), ou do/da solicitante, no caso de ser maior de idade.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

g) Título de familia numerosa da persoa solicitante.

h) Discapacidade da persoa solicitante, da nai, do pai, ou do titor ou titora legal, ou da persoa de análoga relación, segundo o establecido no artigo 6.1.d), ou de irmáns/ás menores de 25 anos ou de persoas tuteladas no caso de que fose expedido pola Xunta de Galicia.

i) Situación de pensionista por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez ou a equivalente de clases pasivas da persoa solicitante, da nai, do pai, ou do titor ou titora ou da persoa de análoga relación, segundo o establecido no artigo 6.1.d), a través da consulta co Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal e Maternidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 24 de xaneiro de 2025 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2025 destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 22 do 3 de febreiro de 2025).

    • Extracto da Orde do 24 de xaneiro de 2025 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2025 destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 22 do 3 de febreiro de 2025).

    • Corrección de erros. Orde do 24 de xaneiro de 2025 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2025 destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 26 do 7 de febreiro de 2025).

Outros procedementos relacionados

ED317A

Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial

Aberto todo o ano

ED317B

Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral

Aberto todo o ano

ED333B

Programa retorna talento FP.

Prazo aberto: 28/03/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59

ED434A

Homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.