Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED415A
Premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado universitario.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma para o alumnado que rematou brillantemente os seus estudos universitarios conducentes a unha titulación oficial de grao no curso académico 2019/20, nas universidades do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED415A).
2. Estes premios, ademais de ter asinada unha dotación económica, supoñen un recoñecemento de carácter oficial para o alumnado que conta co mellor expediente académico de entre as persoas solicitantes.
Dotación do premio.
1. As persoas premiadas recibirán unha dotación económica dun máximo de 3.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción. O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.
2. Só se poderá recibir un premio por persoa. Na simultaneidade de graos, no caso de que unha persoa resulte seleccionada en máis dun grao, deberá escoller en que grao desexa recibir o premio.
Alumnado universitario.
Obrigas das persoas beneficiarias.
A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:
a) Informar o órgano que concede o premio da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.
b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).
c) Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, só no caso de que a persoa interesada se opoña á consulta. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo II desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007 (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro de 2009).
d) Remitir á Secretaría Xeral de Universidades o modelo 145 do imposto sobre a renda das persoas físicas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada nas dúas semanas seguintes á publicación da orde de resolución da concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Secretaría Xeral de Universidades
Subdirección Xeral de Universidades
Servizo de Apoio e Orientación ao Alumnado Universitario
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544430/ 981545431/ 981545433
Fax: 981545422
Email: subdx.universidades@edu.xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
24/04/2021 00:00 - 24/05/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
Poderá solicitar estes premios o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:
a) Teren cursado integramente os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do Sistema universitario de Galicia.
b) Teren rematada a titulación oficial de grao no curso académico 2019/20.
c) No programa de simultaneidade de graos, ter rematado os dous graos no curso académico 2019/20.
d) Teren unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,50 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.
e) Non poderán obter un premio fin de carreira aquelas persoas que xa obtiveron un en anteriores convocatorias.
Forma de presentación de solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ao teren as persoas incluídas no ámbito subxectivo as competencias técnicas e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos necesarios para formalizaren as solicitudes.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Unha vez formalizada a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada a todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.
2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda, que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal
Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.
c) Título universitario oficial español.
d) Certificado da universidade correspondente no que deberá constar a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data do 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro). Así mesmo, deberá constar o curso no que se superou o Traballo Fin de Grao (TFG).
e) Certificado de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
f) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día do pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 13 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria dos premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2020 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (DOG nº 76 do 23 de abril de ).
-
Extracto da Orde do 13 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria dos premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2020 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (DOG nº 76 do 23 de abril de ).
-
Orde do 16 de agosto de 2021 pola que se resolve a concesión dos premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2020 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (DOG nº 165 do 27 de agosto de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Bolsas destinadas ao alumnado das universidades públicas do SUG que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios, fóra do programa "Erasmus+".
Prazo aberto: 07/06/2025 00:00 - 07/07/2025 23:59
Formación práctica de alumnos en centros asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde.
Aberto todo o ano
Axudas ao alumnado das universidades públicas para estadías noutros países co obxecto de coñecer a súa lingua durante o verán.
Prazo pechado: 04/02/2025 00:00 - 03/03/2025 23:59
Axudas complementarias do Programa comunitario de mobilidade de estudantes "Erasmus+" das universidades públicas.
Prazo pechado: 03/01/2025 00:00 - 03/02/2025 23:59