Guía de procedementos e servizos

ED330B

Participación no fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 21/05/2019 00:00 - 21/06/2019 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto regular, no ámbito dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos e para o curso 2019/20, o procedemento ED330B relativo a:

a) A participación no fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (en diante, EP) e en 1º, 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (en diante, ESO); cursos en que, necesariamente, se manterán os libros de texto do curso 2018/19.

b) A convocatoria de axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en educación especial (en diante, EE); así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído nas disposicións adicionais primeira e segunda desta orde.

c) A convocatoria de axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.

2. O alumnado matriculado nos centros e cursos incluídos no proxecto educación dixital (E-DIXGAL) no curso 2019/20 está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, terá dereito á axuda para adquirir material escolar, así como ás establecidas nas disposicións adicionais primeira e segunda, se reúne os requisitos establecidos nesta orde.

Aquelas familias con alumnado matriculado en centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos nas modalidades de gratuidade solidaria que se relacionan a seguir:

- Fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de EP e 1º, 2º, 3º e 4º de ESO.

- Axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e EE, así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído na disposición adicional primeira da orde.

- Axudas para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.

Obrigas das persoas beneficiarias.

As persoas beneficiarias de libros procedentes do fondo solidario do centro ou de axudas para adquirir libros de texto terán as seguintes obrigas:

1. Devolver os libros de texto e o material reutilizable adquirido coas axudas para libros de texto ou recibido do fondo solidario no curso 2018/19.

Está excluído desta obriga o alumnado beneficiario de axuda para adquirir libros de texto de 1º e 2º de EP, o alumnado de EE ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo a que se refire a disposición adicional segunda, sempre que os libros ou o material adquirido non se poidan reutilizar.

A falta de devolución dos libros de texto, sexan do curso inmediato anterior ou de calquera outro, será causa de exclusión da participación no fondo solidario e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar no curso 2019/20.

2. Conservar en bo estado os libros de texto e o material reutilizable recibido do fondo solidario ou adquirido coas axudas para libros de texto no curso escolar 2019/20 e devolvelos ao rematar este, en xuño ou setembro, segundo o caso.

3. Destinar o importe do vale para libros a adquirir os libros de texto que indique o centro en que estea matriculado o alumnado.

4. Destinar o importe do vale para material a adquirir o material escolar que necesite.

5. Respectar as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Subdirección Xeral de Centros

Servizo de Apoio Económico e Axudas ao Estudo

San Caetano, s/n

15771  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

21/05/2019 00:00 - 21/06/2019 23:59

1. O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 21 de xuño de 2019 (este incluído).

2. O alumnado que unha vez transcorrido o prazo indicado, pase a estar en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia ou se incorpore a un centro docente sostido con fondos públicos procedente de fóra de Galicia ou dun centro situado en Galicia pero non sostido con fondos públicos, poderá presentar a solicitude no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte á formalización da matrícula. Non se poderán presentar solicitudes despois do 31 de marzo de 2020.

3. O alumnado que repita 4º da ESO e aquel que non obteña praza en formación profesional básica no curso 2019/20 e formalice a matrícula no curso da ESO que lle corresponda, cando non tivesen presentado solicitude de participación no fondo solidario nin de axuda para adquirir material escolar no prazo indicado, tamén poderá presentala no prazo dun (1) mes desde a formalización da matrícula.

1. Ao rematar o curso 2018/19, o alumnado beneficiario de libros de texto ou do material substitutivo dos libros cando sexa reutilizable, tanto se o recibiron do fondo solidario como se o adquiriron coa axuda para libros de texto, deberá devolvelo ao centro para a súa incorporación ao fondo solidario para o curso 2019/20.

O prazo máximo para devolvelos será o 21 de xuño 2019, agás para o alumnado de ESO que teña algunha materia pendente, que poderá quedarse co libro correspondente ata que se examine e, como máximo, ata o 6 de setembro de 2019.

2. O centro docente gravará a devolución na aplicación Fondolibros, para coñecer a 1 de xullo de 2019 o número provisional de exemplares dispoñibles e útiles de cada materia.

Os exemplares de ESO que devolva o alumnado despois dos exames de setembro, gravaranse na aplicación ata o 11 de setembro de 2019 (este incluído).

3. A aplicación Fondolibros permitirá xerar un documento de «recollida» dos libros de texto efectivamente devoltos, que terá a sinatura da persoa titular da dirección, o selo do centro e a sinatura do representante legal do alumnado, cando este último así o solicite.

  • Poderán presentar solicitudes os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.1 desta orde. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa con que conviva en acollemento familiar.

  • A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2019/20, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, en que se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2019/20. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación fondolibros será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno.

Cando o alumnado, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2019/20, deberá presentala no centro en que estivese matriculado no curso 2018/19. Este centro rexistrará a solicitude de maneira que acredite a entrada desta en prazo e enviaraa ao centro de destino en que o alumno resulte admitido, que será o encargado da súa gravación e tramitación.

En caso de presentación (por vía electrónica e/ou presencial) de máis dunha solicitude, a persoa solicitante deberá presentar ante o centro docente un escrito indicando cal desexa que se tramite.

  • As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica nos formularios normalizados dispoñibles na aplicación informática «fondolibros» (https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • Este formulario (anexo I) tamén estará dispoñible:

a) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.gal

b) Nas dependencias das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación.

c) Na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Así mesmo, a aplicación informática permitiralles aos centros docentes xerar solicitudes unha vez introducidos os datos.

  • A solicitude deberá estar asinada polo pai, nai, titor/a ou representante legal do alumnado, e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria, cumpre os requisitos exixidos nela e que son certos os datos indicados na solicitude; así mesmo, que se compromete a conservar en bo estado e a devolver ao finalizar o curso os libros de texto e o material reutilizable recibidos do fondo solidario ou adquiridos coa axuda para libros de texto.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).

b) Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables. Nos casos en que non teñan libro de familia ou este non reflicta a situación a 31 de decembro de 2017, poderán acreditar o número de membros utilizando, entre outros, algún dos seguintes medios:

1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio ou, de ser o caso, convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/a menor.

2º. Certificado ou volante de convivencia.

3º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

Nos casos especiais, en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia en que deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.

c) Certificado do grao de discapacidade do/a alumno/a ou calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.

d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

e) Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou titor ou titores carezan de DNI e NIE.

  • A documentación complementaria (que acompañe á solicitude) presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente no centro docente ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  • En todo caso, os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a situación persoal, familiar e económica a 31 de decembro de 2017, agás no caso de violencia de xénero, en que se aplicará o disposto na lexislación específica.

  • De acordo co previsto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dada a relevancia da documentación requirida no procedemento, as persoas interesadas deberán achegar os documentos orixinais ou copias cotexadas. Cando a documentación se presente no centro docente, achegaranse fotocopias e os respectivos orixinais, para que a persoa que a reciba verifique a súa autenticidade.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar.

b) DNI ou NIE da persoa representante do/a solicitante.

c) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na súa falta, o certificado tributario de imputacións no exercicio 2017 da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar, de ser o caso.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente.

d) Certificado do grao de discapacidade recoñecido pola Xunta de Galicia da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar, se é o caso.

e) Percepción de pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou de pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade (equivalente a unha discapacidade igual ou superior ao 33 %), da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar, se é o caso.

En ambos os casos, a data de referencia é o 31 de decembro de 2017.

2. No caso de que as persoas interesadas (a persoa solicitante e os membros computables da unidade familiar) se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e no de comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Publicación de actos.

De conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, publicaranse no taboleiro de anuncios do centro docente e/ou na súa páxina web: a listaxe provisional e definitiva de persoas beneficiarias de libros de texto do fondo solidario; a listaxe provisional e definitiva de solicitudes excluídas, indicando a causa de exclusión; e a relación provisional e definitiva de solicitudes de axudas para adquirir libros de texto e material escolar en que se detecten deficiencias, indicando a deficiencia detectada ou a documentación da que carezan.

  • Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

En todo caso, os trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes deberán efectuarse presencialmente no centro docente ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 4 de xuño de 2020 pola que se modifica a Orde do 3 de maio de 2019 pola que se regula a participación no Fondo Solidario de Libros de Texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2019/20 (DOG nº 112 do 10 de xuño de 2020).

    • Orde do 3 de maio de 2019 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2019/20 (DOG nº 94 do 20 de maio de 2019).

    • Extracto da Orde do 3 de maio de 2019 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2019/20 (DOG nº 94 do 20 de maio de 2019).

    • Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121 do 25 de xuño de 2007).

    • Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2009).

    • Corrección de de erros.-Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 61 do 30 de marzo de 2009).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED306A

Adxudicación de prazas de residencia nos centros residenciais docentes.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 21/06/2025 00:00 - 04/08/2025 23:59

ED308A

Adxudicación de prazas de residencia a persoas colaboradoras bolseiras en centros residenciais docentes.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 21/06/2025 00:00 - 08/08/2025 23:59

ED311A

Premios extraordinarios de bacharelato.

Prazo aberto: 16/07/2025 00:00 - 18/08/2025 23:59

ED311F

Premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais de música, danza, e de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 01/07/2025 00:00 - 31/07/2025 23:59