Guía de procedementos e servizos

ED311E

Premios de ESO ao esforzo e á superación persoal.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 24/08/2022 00:00 - 23/09/2022 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal (código de procedemento ED311E) correspondentes ao curso 2021/22 para o alumnado que finalizase os estudos de educación secundaria obrigatoria neste curso nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

2. A finalidade destes premios é dar recoñecemento público ao esforzo e á dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Número, orzamento e características dos premios.

1. Poderanse conceder ata un máximo de 20 premios.

2. A dotación para os premios será de 20.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.30.423A.480.1 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, dos orzamentos do ano 2022, que se distribuirán entre as persoas premiadas na mesma contía, e que non poderá exceder os 1.000 € por premio.

3. O alumnado que obteña o premio percibirá a dotación económica, de cumprir o establecido no artigo 17 desta orde, e ademais recibirá un diploma acreditativo.

4. Estes premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou por calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.

Alumnado de educación secundaria obrigatoria.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo

Servizo de Avaliación do Sistema Educativo

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997383/ 881996511

Fax: 981546550

Email: premios@edu.xunta.gal

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Prazo de presentación: PECHADO

24/08/2022 00:00 - 23/09/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezará o día 24 de agosto de 2022 e rematará o día 23 de setembro de 2022.

a) Ter cursado durante o ano académico 2021/22 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

c) Merecer un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas e/ou da contorna familiar e sociocultural.

O perfil obxecto destes premios correspóndese con alumnado que procede de contornas socioculturais desfavorecidas ou de contornas familiares disfuncionais que supoñan desvantaxe manifesta cara a conseguir rematar os seus estudos ou en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal e a súa inserción social.

Solicitudes.

1. As solicitudes de participación presentaranse preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática PremiosEdu (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal), ou directamente desde a propia aplicación PremiosEdu.

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais das persoas solicitantes.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico premios@edu.xunta.gal

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas que cursasen os seus estudos en centros privados que non teñan todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE e subscriban a súa solicitude de participación mediante unha persoa representante, deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por medios electrónicos.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poden consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Expediente dos estudos de educación secundaria obrigatoria cursados pola persoa solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 29 de xuño de 2022 pola que se convocan os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2021/22 (DOG nº 131 do 11 de xullo de 2022).

    • Extracto da Orde do 29 de xuño de 2022 pola que se convocan os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2021/22 (DOG nº 131 do 11 de xullo de 2022).

    • Resolución do 3 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se designan os membros e se fai pública a composición da Comisión de Selección que valorará os méritos das persoas candidatas aos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2021/22. (DOG nº 175 do 14 de setembro de 2022).

    • Orde do 7 de decembro de 2022 pola que se publica a concesión dos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2021/22, convocados pola Orde do 29 de xuño de 2022 (DOG nº 240 do 20 de decembro de 2022).

Outros procedementos relacionados

ED317A

Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial

Aberto todo o ano

ED317B

Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral

Aberto todo o ano

ED333B

Programa retorna talento FP.

Prazo aberto: 28/03/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59

ED434A

Homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.