Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED301M
Axudas a centros privados concertados para a contratación de profesorado de apoio e reforzo PROA+ no marco do Plan Recupera.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros con concerto en ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e/ou formación profesional básica para a contratación de profesorado de apoio e reforzo e desenvolvemento do programa PROA+ nos cursos 2022/23 e 2023/24, no marco do Plan Recupera.
Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso por parte das persoas interesadas aos formularios de inicio -na sede electrónica da Xunta de Galicia-, denomínase Axudas a centros privados concertados para a contratación de profesorado de reforzo, código de procedemento ED301M.
Centros privados concertados.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa
Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa
Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881997636
Email: xsioe@edu.xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
08/10/2022 00:00 - 07/11/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Os centros privados concertados que desexen optar a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:
1. Acreditar unha porcentaxe mínima dun 30 % de alumnado vulnerable no conxunto das etapas de educación infantil (2º ciclo), primaria e/ou secundaria obrigatoria. Enténdese por alumnado vulnerable nun sentido amplo aquel que presente algunha das circunstancias que se describen a continuación: necesidades asistenciais (alimentación, vivenda e subministración básica, etc.), escolares (clima familiar propicio, fenda dixital, material escolar, etc.), necesidades socioeducativas (actividades complementarias, extraescolares, etc.), necesidades educativas especiais, altas capacidades intelectuais, dificultades específicas de aprendizaxe, incorporación tardía ao sistema educativo, dificultades para a aprendizaxe por necesidades non cubertas. Todas elas son barreiras que condicionan as posibilidades de éxito educativo do alumnado.
2. Contar coa aprobación dun mínimo do 60 % do Claustro de Profesorado.
3. Formalizar un contrato coa persoa de apoio e reforzo de natureza laboral ou mercantil cunha duración non inferior a sete meses. No caso de persoas que desenvolvan esta función no marco de programas de formación vinculados a acordos con entidades ou organismos públicos e privados amparados polo Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participan en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, deberán acreditar a existencia do acordo en que se encadra a actuación da persoa contratada e os termos do desenvolvemento das prácticas.
4. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Para os efectos de simplificación da acreditación do cumprimento de obrigas coa consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social, a entidade beneficiaria presentará a declaración responsable prevista no artigo 11 do Regulamento da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, recollida nos anexos I e II.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na Sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A solicitude estará asinada pola persoa representante do centro educativo.
3. No caso de presentación doutras axudas para o mesmo proxecto ou actividade, a persoa solicitante indicará na declaración responsable da solicitude (anexo I) o conxunto de todas as presentadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados e a súa contía. No caso contrario, declarará non telas solicitado.
E, en todo caso, a persoa solicitante declarará non estar incursa en ningunha das circunstancias que, de conformidade co artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, impide obter a condición de beneficiaria; e, así mesmo, que asume o compromiso de manter o cumprimento deste requisito durante o período de tempo de xestión e xustificación da subvención.
Documentación complementaria.
O centro educativo interesado deberá achegar coa solicitude a seguinte documentación:
1. Certificado asinado pola persoa responsable no que se faga constar:
a) A porcentaxe de alumnado vulnerable matriculado no centro.
b) O número total de alumnado matriculado no centro.
c) A porcentaxe de alumnado escolarizado con necesidades específicas de apoio educativo matriculado no nivel para o que se solicita o reforzo educativo.
d) A porcentaxe de alumnado con áreas o materias do ámbito científico-matemático non superadas no curso anterior, matriculado no nivel para o que se solicita o reforzo educativo.
e) A porcentaxe de alumando con áreas ou materias do ámbito sociolingüístico non superadas no curso anterior, matriculado no nivel para o que se solicita o reforzo educativo.
2. Declaración responsable de ausencia de conflito de intereses (DACI) en relación coa prevención, detección e corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses que establece a normativa española e europea e os pronunciamentos que, respecto da protección dos intereses financeiros da Unión, realizasen ou poidan realizar as institucións da Unión Europea (anexo IV). A da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro).
3. Declaración responsable de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), establecida no artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, para a identificación do perceptor final de fondos (anexo IV). B da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro).
4. Declaración de compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo IV). C da Orde HPF/1030/2021).
5. Declaración responsable, no caso das empresas que resultasen beneficiarias dos préstamos ou anticipos con cargo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia en exercicios anteriores, de estar ao día no pagamento das obrigacións de reembolso de calquera outro préstamo ou anticipo concedido anteriormente con cargo aos créditos especificamente consignados para a xestión destes fondos nos orzamentos xerais do Estado.
6. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.
7. Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
A documentación complementaria deberase presentar obrigatoriamente por medios electrónicos.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos datos citados poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na Sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Iniciación
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 23 de setembro de 2022 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de profesorado de apoio e reforzo PROA+ (Plan Recupera) nos cursos 2022/23 e 2023/24, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (DOG nº 192 do 7 de outubro de 2022).
-
Extracto da Orde do 23 de setembro de 2022 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de profesorado de apoio e reforzo PROA+ (Plan Recupera) nos cursos 2022/23 e 2023/24, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (DOG nº 192 do 7 de outubro de 2022).
-
Resolución do 27 de decembro de 2022 pola que se conceden as axudas a centros privados concertados para a contratación de profesorado de apoio e reforzo PROA+ (Plan Recupera) nos cursos 2022/23 e 2023/24, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (DOG nº 5 do 9 de xaneiro de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.
Aberto todo o ano
Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.
Aberto todo o ano