Guía de procedementos e servizos

CT403B

Subvencións á creación escénica.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 18/12/2024 00:00 - 17/01/2025 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Determinar as condicións de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións establecidas pola Agadic, para contribuír á promoción da creatividade escénica, no marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025.

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas, así como as sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, que teñan social ou estatutariamente como obxecto ou fin social o desenvolvemento de actividades escénicas que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e estean dadas de alta nas epígrafes 965 da sección de actividades empresariais ou as agrupacións incluídas na división 01: áreas de teatro e circo ou división 02: área de danza da sección 3 de actividades artísticas.

2. Non poderán ser beneficiarias desta convocatoria de subvencións en ningunha das súas modalidades:

a) As asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.

b) As persoas beneficiarias da modalidade 4 (subvencións á actividade escénica de carácter plurianual) da convocatoria de subvencións á creación escénica do ano 2024.

c) As persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo II desta convocatoria.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Cidade da Cultura - Monte Gaiás, s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996077/ 881996078

Fax: 881996080

Email: agadic@xunta.es

industriasculturais. xunta.gal

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Prazo de presentación: PECHADO

18/12/2024 00:00 - 17/01/2025 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Os requisitos xerais de todas as modalidades son:

a) A produción do proxecto subvencionado deberá iniciarse no exercicio 2025.

b) No suposto de coproducións, unicamente se terá en conta para valorar os criterios relativos á empresa a entidade que figure como persoa solicitante.

c) Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por unha mesma persoa solicitante nas distintas modalidades, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por persoa física, xurídica ou sociedade civil o comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia.

Para estes efectos, a persoa solicitante deberá establecer unha orde de prelación sobre os proxectos presentados, que a Comisión de Valoración terá en conta no caso de que varios proxectos se consideren subvencionables. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas persoas solicitantes. Non poderá presentarse un mesmo proxecto a distintas modalidades.

2. Ademais dos requisitos xerais, existen requisitos específicos, que se expresan a continuación:

a) Modalidade 1 (subvencións á creación de espectáculos de empresas de nova creación):

– O equipo artístico da produción debe estar integrado, como mínimo, nun 75 % por persoas nacidas a partir do ano 1990, inclusive. Para os efectos desta convocatoria, enténdese por equipo artístico: elenco, dirección, persoas responsables do deseño do espazo escénico, do deseño de luz, do deseño do espazo sonoro e do deseño do vestiario.

– Antigüidade da compañía non superior aos cinco anos. Para estes efectos, a constitución e antigüidade da compañía contabilizaranse desde a primeira data da alta no IAE na actividade de produción ou distribución de espectáculos de artes escénicas. Para estes efectos, deberán estar dadas de alta nas epígrafes 965 da sección de actividades empresariais ou as agrupacións incluídas na división 01: áreas de teatro e circo ou división 02: área de danza da sección 3 de actividades artísticas.

b) Modalidade 4 (subvencións á actividade escénica de carácter plurianual):

– Contar cunha actividade empresarial no ámbito das artes escénicas sen interrupción nos últimos 10 anos. Para estes efectos, a constitución e antigüidade da compañía contabilizaranse desde a primeira data da alta no IAE na actividade de produción ou distribución de espectáculos de artes escénicas, en concreto nas epígrafes 965 da sección de actividades empresariais ou as agrupacións incluídas na división 01: áreas de teatro e circo ou división 02: área de danza da sección 3 de actividades artísticas.

– Facturación media dos dous últimos anos de 100.000 euros, como mínimo, agás para o ámbito da danza e artes do movemento, onde a facturación media dos últimos dous anos será de 60.000 euros como mínimo.

– Os proxectos deberán conter, como mínimo, unha produción e un plan de xira de 70 funcións que recollan tanto o mercado galego como o exterior. Deste plan de xira, polo menos 15 funcións corresponderán a unha das producións do proxecto subvencionado.

– Para o ámbito da danza e artes do movemento, os proxectos deberán conter, como mínimo, unha produción e un plan de xira de 50 funcións que recollan tanto o mercado galego como o exterior. Deste plan de xira, polo menos 10 funcións corresponderán a unha das producións do proxecto subvencionado.

– As producións que formen parte do proxecto subvencionado desta modalidade poderán presentarse de forma individual ás outras modalidades desta convocatoria. Neste caso, a persoa solicitante deberá establecer, como no resto dos casos, a orde de prelación.

– Nesta modalidade subvencionaranse unicamente tres persoas solicitantes con proxectos escénicos para desenvolver durante os anos 2025 a 2027.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. Ademais da solicitude (anexo II), as persoas interesadas presentarán a seguinte documentación:

A) Documentación xeral:

1.1. Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica:

a) Certificado do acordo social de solicitude da axuda.

b) Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.

c) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.2. Se a persoa solicitante é unha sociedade civil e comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, deberá facer constar:

a) Nomeamento do representante ou apoderado legal único da agrupación (con poder bastante para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación; debe facer constar tal circunstancia tanto na solicitude como na aceptación da concesión da axuda).

b) Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se lle aplicará a cada un.

c) O compromiso de non disolución destas ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

B) Documentación específica:

1.3. Memoria do proxecto que inclúa, separadamente, o tratamento dos seguintes puntos:

a) Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos.

b) Estratexias de difusión e promoción exclusivas para o proxecto.

c) Repercusión do proxecto no fomento de públicos, estratexias compartidas con espazos escénicos, propostas ou accións de mediación cultural.

d) Accións de accesibilidade cultural do proxecto, que faciliten a integración e participación das persoas en igualdade de oportunidades: lingua de signos, audiodescrición, subtitulados, paseo escénico, materiais de comunicación, recursos humanos.

e) Viabilidade técnica e económica do proxecto proposto tendo en conta especialmente o orzamento, os recursos empresariais implicados e a adecuación do proxecto e do orzamento aos obxectivos que se perseguen.

f) Descrición, cun máximo de vinte páxinas, que recolla os recursos relativos á posta en escena do espectáculo e que inclúa o currículo curto de actores e actrices e traballo actoral e coreográfico, escenografía, vestiario ou outros aspectos plásticos, iluminación, música, así como calquera outro aspecto creativo que se considere.

1.4. Certificación acreditativa da titularidade dos dereitos de autor. Nun primeiro momento (e durante o trámite de presentación da solicitude da subvención), poderase achegar unicamente a acreditación da súa solicitude. Non obstante, a dita titularidade deberase acreditar con anterioridade ao aboamento da subvención.

1.5. Memoria da empresa (anexo III).

1.6. Memoria das actividades realizadas pola compañía (anexo IV). Non se terán en conta os espectáculos ou funcións non recollidos no anexo nin os que non veñan acompañados da documentación acreditativa.

1.7. Ficha de produción (anexo V).

1.8. Historial da directora ou director (anexo VI). Non se terá en consideración o historial non recollido no anexo nin o que non veña acompañado da documentación acreditativa.

1.9. Plan económico financeiro (anexo VII).

1.10. Compromiso de contratación (anexo VIII) coas persoas integrantes do equipo artístico relacionado na ficha de produción, con indicación da categoría profesional, duración do contrato, salario mensual, salario por actuación e axudas de custo diarias, así como da non participación en máis de tres proxectos presentados a esta convocatoria de axudas á creación escénica para 2025.

1.11. Acreditación documental da memoria das actividades realizadas pola compañía relacionadas no anexo IV e acreditación do historial do director ou directora relacionado no anexo VI.

1.12. Declaración da facturación da empresa acompañada das copias das contas anuais presentadas no Rexistro Mercantil ou a autoliquidación do IRPF (modelo 130 ou 131) dos exercicios 2022 e 2023.

1.13. Declaración da cotización á Seguridade Social acompañada dos RLC (recibos de liquidación das cotizacións) dos exercicios 2022 e 2023.

1.14. Para a modalidade 1, ademais da documentación anteriormente descrita, que lle é de aplicación, deberá remitir:

– Relación de integrantes do equipo artístico (elenco, dirección, persoas responsables do deseño do espazo escénico, deseño de luz, de espazo sonoro e de vestiario) con indicación da datas de nacemento.

1.15. Para a modalidade 4, ademais da documentación anteriormente descrita, que lle é de aplicación, deberá remitir:

– O compromiso de realización dun mínimo de 70 funcións, polo menos 15 delas correspondentes a unha das producións do proxecto presentado a esta modalidade.

– Para o ámbito da danza e artes do movemento, o compromiso de realización dun mínimo de 50 funcións, polo menos 10 delas correspondentes a unha das producións do proxecto presentado a esta modalidade.

2. As persoas solicitantes da modalidade 4, cando o proxecto estea integrado por máis dunha produción, poderán presentar os anexos V (ficha de produción), VI (historial da directora ou director), VII (plan económico financeiro) adaptados ao proxecto, respectando en todo caso as epígrafes de cada un deles.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

• DNI ou NIE da persoa representante.

• NIF da entidade solicitante.

• Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

• Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

• Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

• Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

• Consulta de concesións de subvencións e axudas.

• Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

• Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 18 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e a súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 242 do 17 de decembro de 2024).

    • Extracto da Resolución do 18 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e a súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 242 do 17 de decembro de 2024).

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT102A

Autorización de actuación arqueolóxica.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111A

Proposta de avaliación de documentos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111B

Proposta de eliminación de documentos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano