Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT302A
Adhesión á marca “Fest Galicia” e realización de contratos de patrocinio con entidades privadas para festivais de música profesionais estratéxicos para o territorio xa que xeran un retrono publicitario para as marcas Fest Galicia e Xacobeo Galicia 2021.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Presidencia da Xunta de Galicia
Esta convocatoria queda sen efecto por causas sobrevidas derivadas do impacto do COVID-19 en virtude do disposto na Resolución do 8 de maio de 2020 pola que se deixan sen efecto por causas sobrevidas diferentes convocatorias de concesión de subvencións, bolsas e patrocinios (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).
O obxecto desta convocatoria, pública e aberta, é ofrecer a posibilidade de adhesión de festivais de música á marca Fest Galicia e de realizar contratos privados de patrocinio para a celebración de festivais de música consolidados que se celebren entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2020 e que xeren un retorno publicitario para as marcas Fest Galicia, Xacobeo Galicia 2021.
O ámbito territorial esténdese a toda Galicia.
A finalidade da realización da convocatoria é difundir a imaxe de Galicia vinculada á actividade desenvolvida polas entidades privadas e que, pola súa importancia e relevancia en canto a público que participe e a súa repercusión nos medios de comunicación, supoñan unha vía para dar publicidade ás marcas Fest Galicia e Xacobeo Galicia 2021.
Por tanto, o elemento fundamental do contrato de patrocinio é a repercusión mediática para as marcas.
O obxectivo principal destes festivais é promover a industria cultural galega, creando valor engadido nos festivais musicais galegos a través da adopción das medidas necesarias para posicionalos como un produto cultural e turístico capaz de atraer visitantes, proxectar Galicia como destino musical, promover os festivais galegos dentro e fóra da Comunidade, poñer en valor as industrias culturais e creativas, vertebrar o territorio desde a sustentabilidade social e ambiental e visibilizar boas prácticas que sirvan como referencia para o sector.
A convocatoria vai dirixida ás empresas privadas organizadoras de festivais de música, sempre que a produción executiva corra a cargo dunha empresa produtora
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Secretaría de Coordinación Económica e Administrativa
Área de Contratación
A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3
15896 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547499
Fax: 881997634
Email: contratacion-turismo.cpr@xunta.gal
Esta convocatoria queda sen efecto por causas sobrevidas derivadas do impacto do COVID-19 en virtude do disposto na Resolución do 8 de maio de 2020 pola que se deixan sen efecto por causas sobrevidas diferentes convocatorias de concesión de subvencións, bolsas e patrocinios (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).
Prazo de presentación: PECHADO
09/01/2020 00:00 - 05/02/2020 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será de vinte (20) días hábiles, desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
– Que se celebren entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2020, ambos os dous días incluídos.
– Que teñan realizado con anterioridade unha primeira edición.
– Que teñan un orzamento superior aos 100.000,00 € (sen IVE) na edición do ano 2019. Para estes efectos, enténdese por orzamento o orzamento subvencionable das subvencións a festivais de música da Agadic.
– Que programen un mínimo de tres artistas por día durante, cando menos, dous días consecutivos.
– Que programen un mínimo de seis artistas galegos.
– Que o 95 % da súa capacidade sexa cuberta por medio de entradas postas á venda ao público en xeral, conforme prezos medios de mercado.
– Que os promotores reúnan os requisitos de capacidade para contratar co sector público.
– Que implanten algunha medida preventiva ou coercitiva fronte a posibles impactos ambientais, como medidas contra a xeración de residuos, emisións á atmosfera, xeración de ruídos, eficiencia enerxética, utilización de produtos reciclados ou reutilizados.
– Que cumpran a normativa básica en materia de espectáculos públicos e demais lexislación aplicable.
– Que dispoñan dun plan de igualdade e sustentabilidade.
Esta convocatoria parte da base de que son os promotores do festival os que asumen a organización, por iso, solicitan a achega para apoiar a súa celebración, xa que consideran que pode ter repercusión na estratexia cultural e turística e que a achega pública mellora a rendibilidade, en concepto de imaxe e notoriedade.
No suposto de entidades que xestionen diversos festivais, deben presentar unha solicitude para cada evento concreto para o cal soliciten o patrocinio.
Serán a cargo do patrocinado a obtención das oportunas autorizacións, permisos e licenzas, así como a obtención dos dereitos derivados da propiedade intelectual xerados como consecuencia da execución dos festivais, correndo pola súa conta o aboamento de tales dereitos e respondendo fronte aos titulares pola súa utilización ilexítima.
Requisitos e acreditación da solvencia:
1) Como requisito de solvencia económica ou financeira os solicitantes deberán dispoñer dun seguro de indemnización por riscos profesionais, vixente ata a finalización do prazo de presentación de ofertas, por importe igual ou superior a 50.000,00 €.
A acreditación deste requisito efectuarase ben por medio do certificado expedido polo asegurador, no cal consten os importes e riscos asegurados e a data de vencemento do seguro, ou ben mediante un compromiso vinculante de subscrición, no caso de asinarse o patrocinio, do seguro exixido, garantindo o mantemento da cobertura do dito seguro durante toda a execución do contrato, mediante un documento de compromiso vinculante de subscrición, prórroga ou renovación do seguro, nos casos en que proceda.
2) Como requisito de solvencia técnica os solicitantes deberán dispoñer de experiencia na prestación de servizos de igual ou similar natureza que os que constitúen o obxecto do contrato.
A solvencia técnica acreditarase pola realización de, polo menos, un traballo consistente na organización de festivais musicais durante os últimos dous anos e por un importe acumulado, polo menos, igual ou superior aos 100.000,00 € (sen IVE), indicando o importe, data e destinatarios.
Presentación de solicitudes
1. Os solicitantes deben presentar a solicitude de adhesión á marca Fest Galicia e de patrocinio, segundo o modelo do anexo II, que se dirixirá á Axencia Turismo de Galicia, en que se recolle un formulario cos seguintes datos:
– Nome ou razón social da persoa solicitante.
– Nome comercial.
– Datos do representante legal do solicitante.
– Nome do festival.
– Lugar de celebración.
– Número de edicións celebradas.
– Datas de celebración.
– Nomes e/ou número de artistas programados por día.
– Compromiso de programación de artistas galegos.
– Compromiso de elaboración de plans de igualdade e sustentabilidade.
– Porcentaxe de entradas posta á venda.
– Orzamento total do festival con e sen IVE.
– Importe solicitado de patrocinio.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
1. Xunto á solicitude deberá presentarse a seguinte documentación administrativa e técnica:
1.1. Documentación administrativa: documentación relacionada coa entidade solicitante:
a) DEUC, documento europeo único de contratación que confirma que o operador económico cumpre as condicións seguintes:
– Cumpre as condicións establecidas legalmente para contratar coa Administración.
– Que non se encontra en ningunha das situacións de exclusión ou posible exclusión previstas na normativa de contratos (prohibicións de contratar).
– Que cumpre os criterios de selección pertinentes (os criterios de solvencia).
Pode accederse ao formato electrónico en https://ec.europa.eu/growth/tools-databases/espd/filter?lang=es. O formulario, dispoñible en castelán, poderá, nese sitio, cubrirse e imprimirse para enviar ao órgano de contratación xunto co resto da oferta.
Tamén pode accederse ao formulario DEUC na web da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, no punto da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, en formato .odt:
– Versión en galego:
http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/xunta-consultiva-decontratacion-administrativa/procedemento-de-contratacion.
– Versión en castelán:
http://www.conselleriadefacenda.es/es/areas-tematicas/patrimonio/xunta-consultiva-decontratacion-administrativa/procedemento-de-contratacion
Para facilitar a súa elaboración, pode consultar as instrucións para completar o formulario DEUC no anexo III.
b) Declaración complementaria ao DEUC que figura como anexo IV desta resolución.
c) Memoria que acredite as razóns técnicas ou artísticas ou os motivos polos que só poida encomendarse a un empresario determinado para xustificar a non competencia por razóns técnicas de conformidade co establecido no artigo 168.a).2 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
1.2. Documentación técnica:
Os solicitantes terán que presentar:
a) Anexo V co resumo da súa proposta técnica onde especificarán cales serían as contraprestacións das relacionadas no punto 4 destes pregos, así como calquera outra documentación complementaria á súa proposta técnica.
b) Memoria do festival en que se recollan de xeito detallado os seguintes aspectos:
– Antecedentes, traxectoria, historia.
– Perfil do público a que se dirixe.
– Obxectivos xerais e específicos que se queren acadar con este festival.
– Beneficios que reportará ás marcas.
– Entidades implicadas (indicar as entidades que avalan ou dan apoio ao desenvolvemento do festival).
O envío da solicitude por si soa sen que se acompañe a documentación administrativa e técnica antes indicada, constituirá causa de inadmisión da citada solicitude.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
– DNI/NIE da persoa solicitante.
– NIF da entidade solicitante.
– DNI/NIE da persoa representante.
– NIF da entidade representante.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo pola Área de Contratación da Axencia Turismo de Galicia dean como resultado que o solicitante ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Esta convocatoria queda sen efecto por causas sobrevidas derivadas do impacto do COVID-19 en virtude do disposto na Resolución do 8 de maio de 2020 pola que se deixan sen efecto por causas sobrevidas diferentes convocatorias de concesión de subvencións, bolsas e patrocinios (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de xustificación
- Documentación xustificativa (Anexo VI)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 8 de maio de 2020 pola que se deixan sen efecto por causas sobrevidas diferentes convocatorias de concesión de subvencións, bolsas e patrocinios (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).
-
Resolución do 18 de decembro de 2019, conxunta da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Axencia Turismo de Galicia, pola que se establecen as condicións de adhesión á marca Fest Galicia para a temporada 2020 e para a realización de contratos de patrocinio con entidades privadas para festivais de música profesionais que se celebran desde o 1 de xuño ao 30 de setembro de 2020 considerados estratéxicos para o territorio xa que xeran un retorno publicitario para as marcas Fest Galicia e Xacobeo Galicia 2021 (DOG nº 4 do 8 de xaneiro de 2020).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Depósito en réxime de comodato de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
Aberto todo o ano
Doazón de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
Aberto todo o ano
Autorización de reprodución de fondos de arquivos para publicación e/ou difusión.
Aberto todo o ano