Guía de procedementos e servizos

CT130A

Axudas para actuacións en materia de arquivos.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 19/02/2019 00:00 - 18/03/2019 23:59
Sobre o procedemento

O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras e convocar axudas destinadas á mellora dos arquivos de Galicia, garantindo unha custodia responsable e o acceso dos cidadáns aos documentos.

A finalidade da axuda é a realización de actividades que teñan por obxecto a descrición de fondos documentais dos arquivos galegos segundo a metodoloxía arquivística.

O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderán optar a estas axudas as universidades, os entes locais e as entidades privadas sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia, entendido como tal o establecido no artigo 109 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

As persoas beneficiarias desta axuda quedarán suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, estarán obrigadas a:

1. Destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal fosen concedidos. A Consellería de Cultura e Turismo poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución das axudas.

2. Facer constar en toda a publicidade xerada polo proxecto subvencionado que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura e Turismo, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Os beneficiarios deberán dar cumprimento as obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Cultura

Subdirección Xeral de Arquivos e Centros Museísticos

Servizo do Sistema de Arquivos

Cidade da Cultura. Monte Gaiás, s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995087 / 981957826

Fax: 881999740

Servizo do Sistema de Arquivos
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

19/02/2019 00:00 - 18/03/2019 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

1. Os proxectos presentados deberán seguir as recomendacións e normas técnicas de arquivos dispoñibles no Portal de arquivos de Galicia.

2. Os solicitantes deberán dispoñer dunha aplicación informática de xestión documental que siga as normas técnicas de arquivos para a execución do proxecto.

3. O responsable técnico do proxecto será licenciado universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior e deberá acreditar formación e experiencia profesional en materia de arquivos e patrimonio documental.

4. No caso dos entes locais, segundo o artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, será requisito para a concesión de subvencións que cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.

  • Só se admitirá unha solicitude por beneficiario, que se presentará conforme ao modelo oficial que figura como anexo I da convocatoria. A solicitude irá dirixida á Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e as entidades dela dependentes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

  • A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

  • As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

  • 1. Proxecto arquivístico que conteña:

    • a) Memoria explicativa do desenvolvemento do proxecto.

    • b) Programa de actuación, indicando expresamente:

      • Aplicación informática de xestión documental de arquivos.

      • Documentación que se describirá segundo as normas de descrición arquivística.

      • Nivel de descrición.

      • Datas extremas dos documentos que se describirán.

      • Volume da documentación, expresado en metros lineais e/ou número de caixas normalizadas.

  • 2. Orzamento desagregado do proxecto (IVE incluído).

3. Porcentaxe de financiamento do proxecto que asume a institución sobre o importe da axuda solicitada.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) DNI ou NIE da persoa representante.

  • b) Certificado de domicilio fiscal.

  • c) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

  • d) Estar ao día nos pagamentos coa Seguridade Social.

  • e) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121 do 25 de xuño de 2007).

    • Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia (DOG nº 191 do 7 de outubro de 2014).

    • Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG nº 92 do 16 de maio de 2016).

    • Corrección de erros. Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG nº 181 do 22 de setembro de 2016).

    • Orde do 28 de xaneiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 34 do 18 de febreiro de 2019).

    • Extracto da Orde do 28 de xaneiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 34 del 18 de febreiro de 2019).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

CT135A

Declaración de ben de interese cultural.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT135B

Inclusión dun ben no catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT230C

Creación de novos servizos de lectura.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT237A

Certame "Bibliotecas que inspiran".

Tramitar en liña

Prazo aberto: 03/07/2025 00:00 - 04/08/2025 23:59